17.11.06

A biblioteca absoluta


O outro día, o meu pequeno preguntoume se rematara co ordenador porque quería xogar con el (ollo: seguimos dicindo xogar con el, cando debiamos dicir en el, porque sentimos o cacharro aínda coma unha ferramenta, cando realmente xa non é unha mera ferramenta: un ordenador é un territorio, aínda máis, un universo de proporcións incomensurables e en permanente expansión). Ben. O feito é que o neno díxome que quería xogar co ordenador. Pregunteille se ía buscar os xogos en internet. Contestoume:
-En internet, no, hombre, En Google.
Nun post anterior, eu xa (ía dicir, case inconscientemente, alertaba, pero vou dicir outra cousa:) comentaba a progresiva institucionalización de Google coma referencia da arañeira mundial. Google non é un buscador. Google é internet, e todo o que se busca en internet está en Google. O axioma pode ser: se existe, está en Google. Ninguén o podía prever hai dez anos, cando as cousas se buscaban en Yahoo, en Opentext, en Virtual Tourist, en Altavista… Nomes para a lembranza. A razón do monopolio: a capacidade, a rapidez, a máxima eficiencia e depuración. É o que a xente quere e espera. Rapidez e ausencia de esforzo pero máxima fiabilidade (a filosofía que hai baixo este último argumento está no alicerce da nosa civilización e estimula milleiros de riscos, millóns de perigos).
Recibín hai días, como moitos editores, bibliotecarios, libreiros, documentalistas de todo o mundo, unha carta de Jens Redmer, responsable de Google Books para Europa, Oriente Medio e África, presentando Búsqueda de libros de Google —que xa está dispoñible en castelán, inglés, alemán, francés, italiano, holandés e portugués e axiña en xaponés, chino e coreano (por certo, supoño que o resto das linguas do mundo apenas importan)— nun folleto de 21 páxinas, ao que lle supoño unha tiraxe absolutamente astronómica. Un folleto, polo demais, magnificamente deseñado, editado e producido, no que se explican polo miúdo os obxectivos, estrutura, funcionamento e límites legais do portal. Outro día falamos do detalle de Búsqueda de libros de Google.
Hoxe apenas quero reter unha idea e propoñer unha reflexión. A carta de Redmer comeza cunha constatación que estremece; estremece porque, 1) como pode calcularse algo así?, e 2) é o anuncio implícito dun proxecto de dimensións imprevisibles:

Sólo el diez por ciento de la información del mundo está disponible en línea y tan sólo una pequeña parte de ella corresponde a nuestra amplia y valiosa tradición literaria.

Deixo á intelixencia de quen me lea tirar as conclusións que entenda oportunas desta constatación. Eu, pola miña parte, déixome seducir por algúns interrogantes. Como será o futuro? Que capacidade de incorporación da realidade terá Google en vinte, corenta anos? Está chamado a converterse nunha sorte de nova linguaxe que, ao igual ca a linguaxe de verdade, represente a outredade do mundo, traduza ao territorio dun monitor todo o que está aí fora? No folleto (cap. 1. Objetivos) dise:

La digitalización de libros va a facilitar el acceso al conocimiento, La idea es que, con el tiempo, sea posible acceder a una lista de cada uno de los libros en los que se menciona a Marie Curie o que un estudiante de la India pueda ver con sus propios ojos los textos antiguos expuestos en los museos egipcios, todo ello con tan sólo teclear un par de palabras clave en el ordenador.

O dito: inmediatez e ausencia de esforzo pero máxima fiabilidade; o coñecemento a golpe dunha tecla.
A tendencia ao absoluto e a súa busca son inherentes á condición intelectual do home. San Isidoro compendiou o coñecemento da súa época nas Etymologiae. Feijoo legounos —nun alarde da desemesura propia dos ilustrados— un Theatro Crítico Universal. Borges coqueteaba coa idea dunha biblioteca absoluta, que o contivera todo. Estamos en camiño.
Dúbidas, temores: coñecemento ou información? Pode chamarse coñecemento ao que se adquire sen esforzo? (o esforzo deixa un pouso inevitable, a súa ausencia unha pegada epidérmica). En que medida influirá -en qué medida nos inflúe xa- a dispoñibilidade completa e completamente asequible de tal cantidade de información?

No hay comentarios: