14.11.06

Pedefear. Cayuco. Hacker. Pañajo


Un lingüísta —non lembro cal, non se pode ser perfecto— afirmou que o dicionario é unha obra sen esperanza. Quería significar cunha declaración, en apariencia tan tristeira e pesimista, que pretender recoller nun tesaurus pechado a inmensa, incomensurable riqueza de matices, usos, abusos, perversións, deformacións, extensións, reducións, invasións, metáforas, metonimias, xogos de palabras, idiolectismos, polisemias, sinonimias e outros moitos fenómenos que rexen a lingua no seu uso cotián é como querer poñer valados ao aire. Un dos meus pequenos chama, dende sempre, pañajo ao cascanoces ou tontón a unha almofada da que, como a manta daquel amigo de Charlie Brown, precisa para durmir. Supoño que tontón é unha simple deformación fonética infantil de colchón, sobre a base dunha obvia identidade funcional. A etimoloxía de pañajo (=cascanoces) é para min un enigma… É o de menos, pois no meu «grupolecto» ten un significado claro e inequívoco malia ser un vocablo absolutamente críptico fóra del. A pragmática é unha corrente que dentro da lingüística se ocupa, como o seu nome indica, de especificar e describir esta sorte de mecanismos reais, sen preguntar pola súa sistematicidade ou corrección.
Nunha visita cuns amigos a un zoolóxico no restaurante do cal servían carne de animais exóticos, lembro ao camareiro confirmando o pedido antes de trasladalo á cociña:
-A ver, entonces serían dos canguros, tres bisontes y un avestruz, ¿no es eso?
Hai apenas uns días, o responsable dunha edición díxome que estaban pedefeando os documentos. Mecanismos pragmáticos.
A pragmática é, pois, a lingüística da fala, fronte á gramática que é a lingüística da norma. E a norma, que vai incorporando os usos que a fala consagra tácita e colectivamente, é de seu menos dinámica e máis conservadora. Os novos tempos, porén, a hiperaceleración tecnolóxica do noso mundo e o feito de vivirmos nunha aldea global está levando a mudar tamén os usos lexicográficos da Real Academia Española, institución que para o común dos mortais segue a evocar a solemnidade e requintamento case funerarios dun vello casino decimonónico, escuro, sepulcral e cheo de sabios valetudinarios apoltronados en cadeiras da época do fundador don Carlos III. E non. O proceso de modernización da Academia, e a aceptación, ao cabo, de que a lingua non é un tesouro zarrapechado nun baúl senón unha ferramenta viva, dinámica e indomesticable —manifestada na fala, a performance chomskyana— exprésanse coa incorporación ao seu novo Diccionario esencial de la lengua española, presentado onte en Madrid, de formas léxicas como internet, mulá, cayuco, cooperante, pósit, rap, zódiac ou chat , siglas como ABS ou expresións como droga de diseño, tarifa plana, ou gol de oro.
Supoño que os lexicógrafos da Real Academia Galega van ter que ir pensando neste complexo asunto da neoloxía cotiá, aínda máis complexo nunha lingua, coma o galego, que ten sobre a influencia do inglés, que toda lingua de cultura sofre, a presión do castelán, a combinación das cales podería conducir en último extremo —non sei ata que punto non o está facendo xa— a unha aceptación meramente automática, e polo tanto acrítica, de neoloxismos xa consagrados nesas linguas. É moi interesante e meritorio, neste senso, o libro Novas palabras galegas editado -magnificamente editado- pola Universidade de Vigo e elaborado dentro do Proxecto Neo do Observatorio de Neoloxía Léxica da universidade olívica [isto de universidade olívica paréceme unha cursilada, pero é por non repetir de Vigo].
Creo que nestes mesteres cómpre manterse nun prudente termo medio: é de papanatas apelar a un purismo absurdo que negue a maior —a lingua non é un tesouro: é unha ferramenta— pero tamén é mágoa ver como esa ferramenta, polas présas, a ignorancia, a incultura, ou o puro snobismo, se oxida, se luxa e se rompe. Porque, aínda como ferramenta, é ben bonita.

No hay comentarios: