19.11.06
Unha de cal. Outra de area
Unha de cal: acerca do maltrato a profesores e o acoso de nenos e mozos sobre os seus compañeiros.
Reviso a historia dos meus anos escolares no Instituto Nacional de Enseñanza Media, onde estudei: vila da Estrada, capital dun concello eminentemente rural (52 parroquias), anos 1972-77. Vexo represión; flecos da miseria; curiosidade insana e morbosa no canto de información honesta; ignorancia e algúns comportamentos brutais (nunca cos profesores). O chaponcete -Pitagorín era o alcume común a todo especime desta natureza-, o gordo -Zampabollos, Abundancia, Embutido... son sobrenomes que lembro-, aquel que correndo meneaba o cu coma unha muller..., en fin, nada do outro mundo. Algún comentario ferinte, o uso dos alcumes, unha tangana moi de cando en vez. Eramos o produto dunha sociedade cutre, sen liberdades civís e permanente atemorizada por unha xerarquía cuartelera.
Pero nada era sistemático nin organizado. Agora eu teño a sensación de que todo é moi televisivo (ignoro o alcance do efecto imitación que os medios producen nestes asuntos, pero intúo que as modas informativas que levan a salientar de xeito bastante reiterado certos asuntos periodicamente non debe ser moi bo).
Como a nosa é dende hai vai para trinta anos unha sociedade con liberdades civís, sen miseria nin ignorancia, e con todas as posibilidades e medios de información veraz e honesta, supoño que a causa dese tipo de comportamentos hai que buscala noutros fenómenos. Dúas ideas (unha delas, a primeira, non é orixinal):
-moitos nenos escoitan por primeira vez a palabra NON no colexio.
-o colexio FORMA; a familia EDUCA.
(Nota no pé: que foi da familia?).
Outra de area: á poesía pásalle coma aos chistes: se hai que explicalos perden a graza.
Ben. ¿Isto, non é un argumento para xustificar que en poesía -coma en xeral na arte- todo vale? Non o sei. É unha pregunta.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario