27.11.06
Non gustar a ninguén
Coincidirán comigo en que entre todo o abano de posibles temas españois contemporáneos que se teñen levado ao cine, á literatura, ás artes plásticas… o que máis cheira é posiblemente a Guerra Civil. Nada hai tan manido e con menos posibilidades de suscitar tratamentos orixinais. Pois ben, leo estes días unha orixinal, e rara, historia da contenda: Una historia de la Guerra Civil que no va a gustar a nadie de Juan Eslava Galán, autor que xa nos sorprendera con outros títulos de estilo tan peculiar coma, ao meu modo de ver, necesario neste país onde, por regra xeral, se pensa de xeito simple e se fala de maneira complexa (cando o que hai que facer é exactamente o contrario).
A historia de Eslava é orixinal, e rara, por sumamente amena e por facer gala dunha prosa iconoclasta en absoluto contraria a unha excelente documentación, tanto escrita como de orixe testemuñal directa. Pero, sobre todo, a obra (de aí o título) é consciente, traballada, teimudamente imparcial, o que, no contexto da España actual, equivale a dicir politicamente incorrecta. Como é ben sabido, quen non se sitúa hoxe na elíptica do pensamento oficial (o que toque), entra de contado na órbita do partido contrario. Avaliar a vida dun país en termos da dinámica —pobre dinámica— dos seus partidos (PSOE, PP e a seita nacionalista ou feito diferencial que toque en cada territorio) é ben empobrecedor, e síntoma —cada vez estou máis convencido— da baixa, baixísima calidade do pensamento e da reflexión, porque en España, en liñas xerais, lendo e oíndo o que se le e oe, é preciso concluír que se pensa mal, se reflexiona mal.
Eu ríome, en calquera caso, destes sectarismos, entre outras cousas porque vivo alonxado do século (bos amigos e harmonía familiar, un pequeno xardín e unha gran biblioteca son as claves dunha existencia aceptable) e non debo nada a ningún avatar político.
En fin. Do libro de Eslava, inzado de historias, intrahistorias e historietas, destaco hoxe o testemuño de Francisco Partaloa, fiscal do Tribunal Supremo de Madrid e amigo de Queipo de Llano, que viviu a represión en zona republicana e logo na nacional. Lembra (p. 75):
Tuve la oportunidad de ser testigo de la represión en ambas zonas. En la nacionalista, era planificada, metódica, fría. Como no se fiaban de la gente, las autoridades imponían su voluntad por medio del terror. Para ello, cometieron atrocidades. En la zona del Frente Popular también se cometieron atrocidades. En eso, ambas zonas se parecían, pero la diferencia reside en que en la zona republicana los crímenes los perpetró la gente apasionada, no las autoridades. Éstas siempre trataron de impedirlos. La ayuda que me prestaron para que escapara no es más que un caso entre muchos. No fue así en la zona nacionalista.
Unha reflexión altamente recomendable e unha conclusión altamente ilustrativa, neste ano da memoria (memoria, por suposto, politicamente correcta, ou o que é o mesmo unilateral e maniquea, é dicir, no fondo fortemente perigosa). A sana pedagoxía coa que o tallante mandamento paterno remataba as liortas entre irmáns era: pedídevos perdón e que non volva a suceder. Neste paisiño noso, onde somos máis listos ca ninguén, remexemos ad nauseam na ferida, etiquetamos ideoloxicamente a lembranza, recuperamos a Historia a base de pretender amoradazala e berramos aos catro ventos que Franco nunca foi doutor honoris causa pola universidade entón acobardada e despreciable dun país entón acobardado e despreciable. Pero, ao mellor aquela universidade, este país nunca existiron. Veremos qué se vai decindindo.
Mirando a Rusia de Putin, pregúntome qué conseguiu Stalin borrando dos libros oficiais de historia o nome Romanov.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario