8.6.06

Bipartidismo. Maniqueísmo.


Hai uns días, nun post no que falaba do ano da memoria, referíame ao perigoso de andar remexendo nas feridas do pasado –no canto de ollar dunha vez cara ao futuro, cheo de desafíos– sobre todo nun clima político tan enrarecido como é, xa de xeito permanente, o español. Isto o escribía antes da escalada deste clima nos últimos días: a iracunda intervención do líder da oposición Mariano Rajoy no Congreso rompendo as relacións do seu partido co PSOE e as insensatas declaracións de Ángel Acebes de que Zapatero e ETA comparten proxecto. Cada vez máis, nesta sufrida pel de toro, o que en termos de técnica política é bipartidismo —habitual, de feito, en todas as democracias occidentais: republicanos e demócratas, liberais e conservadores..., pero á española aderezado coa persistente e, ao cabo, decisiva intervención dos nacionalismos— tradúcese en termos sociais nun maniqueísmo intolerante que, historia, mestra reverendísima, ben sabemos a onde conduce. ¿Teremos que seguir recoñecendo perante un neófito que españolito que vienes al mundo te guarde Dios: una de las dos Españas ha de helarte el corazón?
Estou, neste senso, plenamente de acordo co artigo PSOE y PP, duelo a garrotazos (La Voz de Galicia, 7 de xuño de 2006), no que o analista político Roberto L. Blanco Valdés advirte sobre os riscos da ruptura dun entendemento de base entre goberno e oposición. É magoa que a nosa clase política —obsesionada con enquisas, intencións de voto, barómetros e demais— teime en desbotar os enormes esforzos de convivencia que facemos os cidadáns, e vimos facendo dende hai trinta anos, no día a día dun país tan complicadiño coma o noso.

No hay comentarios: