5.6.06

Imprescindible Woody


Supoño que tras iso que chamamos cumio, punto culminante ou, tamén, obra mestra (aquel jefe de obra valle-inclaniano, memorable e esperpéntico galicismo), ao referírmonos a determinada produción dun autor, anda esa tendencia tan humana ao reducionismo das etiquetas (que, en certos individuos proclives ao entusiasmo, pode chegar a ser un chisco esaxerada). Así, semella indiscutible que A Rapaza da pérola é a obra mestra de Vermeer ou, non sei, o Ulysses a de Joyce. Hai nestas canonizacións moito de convencional e moitísimo de subxectivo, pero non cabe dúbida de que contribúen a concentrar esforzos da memoria, sempre dispersos, nun único punto especialmente representativo dun total e, consecuentemente, a ordenar o mundo. Digamos que resulta produtivo, en fin, asumir eses picos de calidade na continuidade (ás veces enorme) da obra dun autor. A emerxencia destes puntos culminantes é, por veces, pintoresca e contradí, mesmo, os desexos e aínda intencións do autor. Robert Graves sentíase especialmente molesto (e polo visto reaccionaba incluso con certa violencia cando se mencionaba o asunto) co feito de que a súa narrativa -especialmente a súa saga sobre o emperador Claudio: Eu, Claudio e Claudio o Deus- fose moito máis coñecida (grazas, como non, á caixa tonta) cá súa obra poética, da que el gustaba moito máis.
Existen, en calquera caso, xenios de tal calibre que dificilmente se prestan a tales distincións. Sinalar, en efecto, a obra mestra de Johann Sebastian Bach, Beethoven, Velázquez ou Stanley Kubrick é evidentemente comprometido, aínda que -de novo por mor de canons arbitrarios- a Tocata e fuga en re menor, a Novena Sinfonía, As Meninas ou 2001: unha odisea do espazo gozan dunha fama e popularidade especiais.
No mesmo caso, atópase, dende o meu punto de vista, Woody Allen. Seleccionar, cando menos para min, a súa obra mestra resulta moi difícil. Gusto moito do Allen máis surrealista e desternillante: non lembro ter rido máis a cachón nun cine ca con Toma o diñeiro e corre, A última noite de Boris Grushenko ou Bananas. Aquel guiño bergmaniano (unha das obsesións do cineasta) de Interiores, as marabillosas Annie Hall, A Rosa Púrpura do Cairo, por poñer só algúns exemplos, pertencen xa a historia do cine con maiúsculas. Pois ben, a súa última película, Match Point, podería ser para min (consciente do risco de todo o subxectivo) a obra mestra de Woody Allen (ok: unha obra mestra de Woody Allen) e significa ese punto no que un profesional é quen de dar, coma quen cose, a quintaesencia dunha traxectoria rica e prolongada. Match Point recupera a esencia do gran, do grandísimo cine nunha dirección que o ten todo: sabedoría na escolla dos actores e mestría na súa adaptación aos personaxes (fantástica e engaiolante Scarlett Johansson. a nova musa de Allen: non me estraña...); contención expresiva e suma elegancia no desenvolvemento da historia; áxiles diálogos co trasfondo dun fascinante Londres; un guión excepcional cun desenlace absolutamente maxistral; exquisita urdime entre a música operística e a trama, polo demais, completamente verosímil; no fondo, pero moi no fondo (de xeito que un pode ficar coa historia externa, por certo, entretidísima), as permanentes obsesións de Allen: os límites do amor e o interese, a verdade e a mentira, o poder omnímodo do sexo e a paixón, a realidade e a apariencia, o ser humano situado no límite, o monstro que todos levamos dentro...
Entre tanto lixo, un film que reconcilia co mellor da sétima arte. Sensacional, imprescindible Woody.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

I really enjoyed looking at your site, I found it very helpful indeed, keep up the good work.
»

Anónimo dijo...

What a great site, how do you build such a cool site, its excellent.
»