9.11.06

Literatura


Nota previa: aínda que ao principio pareza que non, conste que a novela da que vou falar estame gustando.

Resulta, como ben saben os teóricos da literatura, moi complexo determinar qué e través de qué procesos o tempo vai modelando como canons literarios das distintas épocas. Feita esta prevención, non creo que Juan José Millás vaia pasar á historia da gran literatura española, desa que tendemos a definir como literatura con maiúsculas (para entendérmonos, creo que, por exemplo, Antonio Muñoz Molina si o vai facer). Ben; aceptemos a subxectividade destas valoracións e non nos pelexemos. O que quero dicir é que, do meu punto de vista, moitos escritores de hoxe practican unha literatura de consumoconsumo e literatura, como promoción e lectura, son termos antitéticos—, eses "libros de mostrador" que, coma as películas do videoclube, os corenta principais ou a moda de Zara, se renovan sen que lle dea tempo a un de saber da súa existencia. Esta é unha das consecuencias da americanización da cultura europa, que provocou, entre outros efectos, a entrada da edición na industria do entertainment, o que converteu, precisamente, a literatura nun produto de consumo. Así é que hai cincuenta anos os autores escribían o que lles petaba, por completo ceibes da presión do que o público agardaba deles, pois o público eran catro gatos, a literatura un negocio moi pouco rendible, a cultura mediática non existía e un escritor tiña tanto glamour social —fóra o círculo de tertulianos e críticos— coma un guardia de asalto. Hoxe non. Hoxe a maior parte dos escritores escriben tiranizados polo gusto do público, ou, cando menos, moi pendentes do que este, que é un público de masas, agarda deles. O escritor que goza da mel do fama acomódase á erótica da popularidade e o que coquetea cun futuro de éxito agarda con ansia a chegada dos loureiros. Creo que, parcialmente, esta é a razón que explica o tipo de literatura da que falo. Millás, ou Pérez Reverte, son —insisto, na miña opinión— representantes paradigmáticos desta tendencia. O tempo, que non eu, os colocará no seu lugar.
A última novela de Millas, Laura e Julio, da que estou disfrutando, ollo, presenta as características desta narrativa facilona, que, como as tisanas de melisa, favorece a dixestión do que se le. A estratexia é secuenciar —non discuto que con mestría e bo estilo— situacións descritas con técnica case cinematográfica e escasísima introspección que presente atrancos á asequibilidade da lectura. Conséguese así unha narrativa modulada mercé a situacións, sentimentos, sensacións e percepcións moi actuais e comúns a narrador e lector. Creo que o éxito desta estratexia narrativa, moi de hoxe, estriba no afeitos que estamos á linguaxe da acción constante do cine, especialmente do cine americano (que cabida teñen no mundo de hoxe Passolini, Godard, Herzog, Bergman?). Nunca coma hoxe houbo (e isto terían que matizalo moito os especialistas en literatura comparada e teoría dos polisistemas) unha tan permanente dinámica de mutua nutrición entre cine e literatura de super-éxito: O señor dos aneis, O código da Vinci, Alatriste...
A trama da novela é tamén de rabiosa actualidade e encaixa nesa complicidade autor-lector da que falo: un matrimonio sen fillos que un bo día descubren que a súa relación non lles proporciona nada e que, en realidade, non son a suma de dúas individualidades senón simplemente dúas individualidades, entre as que o paso do tempo, a convivencia e a rutina, non estimulou a máis mínima ósmose (clave, creo eu, da solidez dunha relación de parella). A súa separación é o comezo dunha nova existencia para Julio que terá que reformularse moitas cousas.
É tarde. O que antecede son impresións dun lector curioso, nada máis. Eu non son crítico literario (arrenégote!). Deica mañá.

2 comentarios:

Unknown dijo...

A verdade é que os libros máis vendidos hoxe non se lembrarán dentro de uns cinco anos, xa que os máis vendidos de 2001 non se lembran no 2006. Pero a miña anguria non vén disto directamente, senón do feito de que a literatura que prolifera coma cogumelos é de masa, intrascendente, vacua e, polo tanto, FÁCIL.
Non estou de acordo en falar da morte da literatura, pero hai quen xa o di, e non calquera.
Saúdos.

juan l. blanco valdés dijo...

Pol:
Ata hoxe non vin o teu comentario.
O da "morte da literatura" lémbrame outra morte: a da edición, entendida coma un oficio de índole fundamentalmente cultural (véxase, "La edición sin editores" de André Schiffrin, Destino, 2000, libro que debera ser obrigatorio na universidade). Todo está relacionado e apunta cara á mesma diana: rendibilidade, capital, diñeiro ante todo.
Ollo! A novela de Millás (onte remateina), dentro da liña que comentamos, gustoume (ten un desenlace elegante propio dun escritor con caste e oficio). Saúdos.