29.10.07

olibrodetodaavida.com

A maior parte das veces, cando entro a dar un bico de boas noites ao maior dos meus pequenos, trece anos, atopoo lendo (a cursiva é miña). Un día é un volume dunha colección de rapaces futbolistas que o trae tolo; outras veces é un Tintín ou Astérix (ah, os clásicos!); outro día, algún dos álbumes gráficos de Star Wars, unha versión adaptada do Quijote, por esixencias escolares, ... libros (a cursiva é miña). Books. Ou b.o.o.k.s.
O meu pequeno é un neno do seu tempo: ten ese manexo asombrosamente intuitivo de todo tipo de e-trebello: móbiles, mp4’s, dvd’s, cámaras dixitais, e todo tipo de novo programa e aplicación do seu ordenador son pan comido para el. Naturalmente que dedica tempo ao contacto cos seus colegas a través do messenger. Pero, chegado o momento, non é quen de resistirse ao pracer incomparable de pechar o sistema e desconectar con case todo, agás co universo que agochan as páxinas dun libro, no delicioso contexto da quentura e Gemütlichkeit do leito (disto os alemáns saben moito) na fin do día. Un clásico.
Ademais de facer bo este atinadísimo slogan ministerial (cousa rara) Se ti les, eles len, o exemplo do pequeno Roberto, sérveme para escoitar ao corazón máis ca a cabeza e introducir o tipo de elementos que van facer pervivir a lectura sobre o papel dese extraordinario artefacto que é o libro impreso, practicamente inalterable dende o seu nacemento, pois —ao estilo doutros produtos da marabillosa inventiva humana, como por exemplo a roda — naceu perfecto. Así, mentres as novelas de Pérez Reverte ou Lorenzo Silva sigan conciliándose coa sombrilla, un bo repousacabezas e unha tarde de praia, ou o último best-seller co cumprimento de certas funcións fisiolóxicas (ah! os clásicos!), a pervivencia do libro (non hai que engadirlle adxectivos: o libro, o que sempre foi un libro: os adxectivos necesitaranse para os outros produtos) ten un horizonte moi longo.
Agora, máis dende que Google fixo o anuncio da súa mastodóntica biblioteca, anda o galiñeiro moi alterado con novidades como os repositorios dixitais, conceptos cos que enchen a boca dirixentes culturais e académicos dor de ajora. Que dúbida cabe da maior difusión que tales contidos atoparían en Internet? De momento, con todo, percibo que case todo o mundo prefire a difusión discreta, máis metódica e lenta, pero segura por tanxible, que ofrece o produto impreso ca a distribución babilónica, confusa e pouco controlable da Internet. Eu mesmo, desmoralizado con datos como o número de blogs que hai no mundo, estou coqueteando —líbreme deus de superfluas vaidades— coa idea de facer un libro cunha boa chea de reflexións desta bitácora, convencido de chegar así a moitos máis lectores ca aos asiduos deste local (a quen, polo demais, agradezo fondamente a súa inmerecida fidelidade), e persuadido de que os méritos daquelas non deben ser moito menores ca os de moita obra insigne que por aí anda editada. Alá veremos.
Ao que vou é que a realidade parece dar trazas do camiño xustamente contrario ao que moita xente reputa por inevitable: a progresiva dixitalización de toda letra impresa. Aí está o exemplo da fantástica blog Trama y Texturas que tras varios anos en formato internético, deu o salto en 2007 ao formato impreso en forma de soberbia (e interesantísima) revista, á que, por suposto, aboneime de contado. E non falamos precisamente de profanos, senón da mellor revista especializada no eido da edición que se teña feito en España.
O outro día, un entusiasta do rollo este dos repositorios dixitais, transmitíame o seu convencemento afirmando:
-Ademais, o mellor de todo é que todo está en .pdf, de xeito que o podes imprimir comodamente, encadernalo en canutillo e ler logo onde che pete.
Unha pescada que morde o rabo. Para tal viaxe tanta alforxa?

27.10.07

A F.E.N. de hoxe

No bacharelato dos anos sesenta e primeiros setenta os nenos e rapaces tiñamos clases de Formación del Espíritu Nacional, F.E.N. As nenas e rapazas de Formación del Hogar. As nosas as impartían membros da Frente de Juventudes. As das nenas da Sección Femenina. Nós xogabamos ao fútbol e elas facían labores del hogar.
O profesor de FEN era delgado, seco, de permanente mala ostia, fumaba coma un carreteiro, distinguía cunha especie de afecto aos nenos da vila e tíñalles xenreira manifesta aos da aldea. Cando preguntaba a un neno que de ónde era, e o neno dicía Da Estrada e logo lle preguntaba a rúa e o neno, no canto da rúa, dicía o nome dunha aldea, o profesor de FEN rebotábase e dábase ao demo e dicía, cunha amargura desproporcionada: Hijo, si soy de Mourente, no soy de Pontevedra.
Porque o profesor de FEN era de Mourente. E alcólico. No fondo era un miña xoia, ao que, por estraña razón, lle morrían os fillos ao chegaren a unha certa idade. Moito me lembro aínda dun que lle chegou a bastante maior, pero logo morreu, que lle chamaban Luisito, coma ao pai. O profesor de FEN ía nos desfiles oficiais e procesións relixiosas do pueblo, canda as autoridades, coa camisa azul e o uniforme branco de Falanxe, compoñendo a imaxe dun fascismo subdesenvolvido e miserento, un lonxano remedo de totalitarismo itálico pero de personaxes solitarios, pequeneiros, infelices, dados á dipsomanía, os terrores nocturnos e as úlceras de duodeno.
As clases de FEN xiraban sempre arredor do mesmo rollo: José Antonio, Onésimo Redondo, Ramiro Ledesma, o discurso de la comedia, o mal que andaba todo na España roja, o Glorioso Movimiento Nacional que foi salvación, o fuero de los españoles, a morte de Matías Montero, as leyes orgánicas, as efemérides do mes de outubro, as efemérides do mes de maio. O profesor de FEN empregaba arreo unha palabra que a min me soaba a algo brando e maleable: postulados.
Nos dous anos posteriores á morte de Franco, o profesor de FEN foi esmorecendo, aillado, acurralado pola ruína progresiva dun réxime que o sustentara —non só no económico mais aínda no persoal— durante toda a vida. Mentar nas aulas a Onésimo Redondo cando as rúas de España eran un clamor a prol da amnistía xeral tiña narices, claro. Rematando o COU —xuño de 1977—, e coa euforia derivada da impunidade de sabermos a un tris de largar do Instituto para sempre, ofendimos a inviolabilidade dos armarios profesorais, onde se gardaban os extractos persoais dos alumnos e botámonos a ver que poñía o de FEN: da maioría de nós, poñía ojo, alumno rojo.
Agora non hai FEN. Hai Educación para la Ciudadanía. É consubstancial ao exercicio do poder político a tentación irresistible de dirixir, controlar, moldear conciencias. Non me retruquen tonterías, por favor. Falo de essentia, non de accidentia. Pódese ensinar a respectar un gai ou un inmigrante como se ensina a lei de Ohm ou os principios da termodinámica? Vivimos moi desorientados porque nos dirixen persoas moi desorientadas. Iso é o que creo

25.10.07

Fendas

Hoxe pola rede rula todo tipo de pijadas e curiosidades varias. Teño xa por norma, por exemplo, non abrir o aluvión de .ppt que chegan ás miñas caixas de e-correo, normalmente relacionadas —nunha sorte de especialización que non chego a entender— co entorno laboral, o sexo e as relacións-percepcións mutuas homes-mulleres. Indúcenme a pensar o desocupada que debe andar a peña e non son quen de ceibarme da intuición de que os individuos/as que prestan atención (normalmente en horas de traballo) á confección-envío-recepción-reenvío deste tipo de chorradas de power point non son xente de moita substancia. Sen ánimo de ofender a ninguén.
Unha chuminada internética destas, que deveu documento arquicoñecido por maxia dos MMS e e-mails, foi en orixe un rexistro sonoro magnético (supoño que realizado cunha cassette de man). Trátase das declaracións, creo que realizadas nas portas dos xulgados de Santiago, de dúas testemuñas —unha muller e o seu home— do caso de homicidio, pola volta do concello de Val do Dubra, dun jicho cun obvio trastorno mental, quen, tras ameazar reiteradamente a un veciño e destrozarlle unha moto cunha machada, é morto por este dun trancazo na cabeza. Paréceme bastante evidente que os elementos cómicos da gravación (o castrapo dos depoñentes e o seu intento de falar fino, a súa fonética vulgar —gheada, rotacismo, paragoxe—… na forma, e o fondo de atavismo primitivo das relacións humanas que, sen o quereren, describen), pasarían totalmente inadvertidos a un cidadán rural galego, pois ese é o seu medio habitual de desenvolvemento, e en nada do que a nós (clase media urbana e ilustrada) nos fai risa descubriría el elementos que movesen a tal. Non deixa de resultarme inquietante pensar que o mesmo que fai escachar aos meus amigos sería indescifrable no seu potencial hilarante a cidadáns cos que compartimos espazo físico e de convivencia social. E isto remite claro está á fenda sociocultural, profunda e en moitos respectos bastante irreconciliable, da nosa sociedade galega. Eu, íncola de chalet adosado en corazón de fermosa zona rural —id est, habitante dun ghetto inverso, ¿ou non?— vivo a moi pouca distancia física de seres humanos dos que sinto me separa unha gran distancia social, cultural e, por ende, cronolóxica. Por veces pregúntome se o tipo que me trae a leña ten sentimentos parecidos aos que eu experimento cando oio, coma neste momento, o piano sublime de Keith Jarrett e enxergo unha lua estremecedoramente chea dourar no solpor a terra en penumbra da Amaía.

23.10.07

Visita obrigada


Papás e mamás de todo o mundo: non o perdades!
Consola saber que aínda existe sentidiño.

22.10.07

Sen pena nin gloria

Por un conxunto de razóns complexas de sistematizar, pois son diferentes en cada caso, o príncipe Hamlet, Macbeth, Ricardo Corazón de León, Roland (o da Chanson) ou Till Eulenspiegel teñen para o público contemporáneo máis ou menos culto unha relación íntima e inequívoca, ata o simbolismo, con certas nacións (ai! xa empezamos): Dinamarca, Escocia, Inglaterra, Francia, Alemaña… E o Cid? Si, si, o Cid Campeador, Ruy Díaz, natural da aldea burgalesa de Vivar e de estatua ecuestre en Burgos, cabaleiro nun garañón exepcionalmente dotado. ¡Recio me lo levantais! Hai anos dicíase que o Cid, como don Qujiote, non é burgalés nin este manchego: son… españois. Pero hoxe... con el hecho diferencial hemos topado. Xa a temos montada. Hala, ás manis do PP, eu, don Quijote, o Cid e máis a bandeira roja y gualda.
Así é que o único aniversario posible do grande poema épico das letras hispanas (o setecentos cumpreanos do Poema del Cid que en 1307 asina un tal Per Abbat, único texto que ten legado á posteridade a voz rexa e sonora dos xoglares dos inmensos campos de Castela) pasou, e pasará inadvertido, como o que é para estes tempos: unha celebración politicamente incorrecta ata a médula.
Eu teño, herdo da biblioteca do avó, unha edición moi querida do venerable monumento: a de Ramón Menéndez Pidal en «Clásicos Castellanos» de Ediciones de La Lectura (logo Espasa-Calpe), Madrid, 1913. Desemboquei na edición pidaliana con algunhas calas previas, e, estimo, necesarias: a adaptación da colección «Historias» de Bruguera (qué servizo cultural o de Bruguera!!) da novela, moi pouco coñecida, de Joseph Lacier (agasallo que me fixeron con cinco anos todo o máis), e, por suposto, a película de Anthony Mann cun Cid guaperas e cachimán e unha Jimena neumática (Charlton Heston e Sofia Loren, al respective) recordos atesourados en recunchos especiais das memorias de nenez.
Lembro pasaxes enteiras do poema, tinguidas dun engaiolante arrecendo medieval; aínda hoxe gusto de picar acó e aló nas páxinas do volume, de basto papel pencado de manchas de humidade, salferidas de notas manuscritas ―lingüísticas, literarias, eruditas― de man dun estudante de filoloxía de apenas vinte anos. Sen dúbida, un factor fundamental da miña formación. Un capítulo do extraordinario estudo filolóxico de don Ramón chámase «Valor nacional del poema». Arrenéjote!
Nota toponomástica: como será que Cid é un apelido tan vencellado a Ourense? Será que don Ruy tiña moza en Allariz?

19.10.07

De profundis

Que mundo de tolos. Organizamos foros internacionais contra o racismo e pagamos verdadeiras fortunas polo pedigree dun puto chucho para presumir diante dos amigos e humillar ao piernas que só ten un palleiro (mestizos chámanlle agora).
Vou no coche, oíndo a radio. Venres, tarde. Unha voz falsamente entusiasta, de locutor claramente local que confunde invitación con berrido, propón nos espazos de silencio que deixa unha machacona sintonía dance:
¿Te gustan las motos? ... ¿Te alucinan sus curvas, su potencia, su rugido? ... ¿Te gustan las chicas que las montan? Entonces tienes una cita el sábado en discoteca XXX, en XXX! ... Las mejores y más potentes motos del mundo rugiendo para ti con las gogós más explosivas!! Fiesta del motor en discoteca XXX, en XXX. ... Una fiesta para que calientes tus motores y los pongas al límite!
Agora engádanlle, en tempo real, invidiuos/as de quince a, digamos, trinta anos; música a un volume que non permite a comunicación verbal; alcol e, probablemente, drogas de deseño e/ou cocaína, e un automóbil ou moto á porta.
Que mundo de tolos. Non hai carné por puntos nin control de ningún tipo que poida loitar contra unha hiperestimulación tan indiscriminada (e legal) dos sentidos máis primarios.
Prefiro non imaxinar os titulares dos xornais o luns.
Máis sobre o particular.

18.10.07

Literatura. Edición. Show-Bussiness

É posible, e non diría eu que non probable, que o orixinal de Boris Izaguirre que chegou á final do Premio Planeta fose, a xuízo dos sesudos membros do tribunal, merecente de tal prez. Non podo imaxinar as sensacións de Juan José Millás e Fernando Savater sabéndose á mesma altura literaria de tal personaxe, de quen, debo recoñecer, ignoraba o cultivo das letras. Acaso algún piadoso lector destas páxinas me desengane.
Lembro que, mutatis mutandis, con ocasión de certo tribunal literario no que eu participei, feito o primeiro e segundo expurgos, ficaban un orixinal, tal vez non demasiado brillante na historia e execución, pero de oficio autoral evidente, e outro que desenvolvía unha historia histriónica, feita a anacos, con mostras obvias de improvisación, pero de autor frivolón, moi à la mode por razóns diversas. Eu, para resumir, contra o acendido criterio doutro membro do tribunal, defendín a literatura como oficio; oficio no que, como en todas as artes, o talento busca o indispensable complemento do esforzo, a adicación e o traballo. Ao dicir de don Pablo Picasso: A min as musas cóllenme sempre traballando.
Visto a ollos dun curioso impertinente, e nun estrato de reflexión máis amplo ca o da apreciación meramente literaria, isto de Boris e o Planeta encaixa para min cunha constatación lamentable á que se ten referido xente de máis vitola que quen subscribe: a entrada da actividade editorial na industria do entertainment e, polas trazas, ata do show bussiness. Así nos vai.
Nota: non descarto que alguén me chame antigüalla e reaccionario. Ben; hai que estar aberto a todos os fanatismos. Por certo, haberá que ler Villa Diamante. Se se deixa.

17.10.07

Exhumando xenreira

Coma o Cid Campeador (de quen, por certo, haberá que falar axiña, pois anda de aniversario), Francisco Franco Bahamonde gaña batallas despois de morto. De certo que, alá na frialdade escura e innominada do seu nicho, debe estar encantado vendo renacer a lombos do peñazo da memoria histórica as dúas Españas que el tanto e con tanto empeño contribuíu a manter ben separadiñas. Non é que a súa sombra sexa longa; estana alongando quen a) ou viven obsesionados co pasado ou b) están tirando bo partido (político, electoral, persoal, económico...) del. Persoalmente, pasei páxina hai ben tempo.

15.10.07

Antoloxías, antoloxistas

No eido da creación crítica e científico-técnica considero que existe alguén máis traidor aínda que o tradutor (traduttore, traditore). É certo e indiscutible que aínda o tradutor máis esmerado, documentado, sensible e rigoroso é un involuntario, e por veces atormentado, traidor a unha expresión concibida nunha lingua concreta, e dun xeito estraña pero palmariamente osmótico, unida por vencellos indisolubles a ela. Este é un argumento complexo e que nas súas últimas instancias conduce á soada hipótese de Sapir-Whorf en virtude da cal, por dicilo de xeito contundente, a lingua determina o pensamento. Teorica e metodoloxicamente discutible, certos aspectos estéticos da idea non deixan de resultar cativadores. E difícil imaxinar as delirantes soflamas de Hitler nun idioma diferente ao alemán.
En fin, coma decote, estoume indo polas ramas. Falaba da traizón intrínseca a toda tradución e afirmaba que aínda existe alguén máis traidor. Trátase do antoloxista. O antoloxista, o escolmador, violenta un sistema natural, un terreo amplo, inzado de matices, no cal o que consideramos imperfecto enfatiza o fermoso e viceversa, e o reduce a unha maqueta ou, aínda, a unha mostra de laboratorio co obxectivo de proporcionar unha idea xeral. Nada máis traizoeiro ca as xeneralizacións. E todo isto a partir de criterios naturalmente asistemáticos, cos que será difícil que unha soa persoa coincida ao pleno, e para a selección dos cales é moi difícil ceibarse da sedución do que se considera mellor, máis representativo, paradigmático, exemplificador, canónico… todos eles adxectivos que a duras penas, e fóra casos contadísimos, aboian nas traizoeiras areas movedizas da valoración persoal e intransferible.
A Biblioteca Galega 120, por exemplo, publicada con éxito hai uns anos por La Voz de Galicia, apostou por escolmar en 120 títulos o que o antoloxista (bo amigo, factor importante da cultura e bibliofilia do país e responsable de todas as operacións editoriais especiais do xornal herculino) considerou honestamente mellor, máis representativo, paradigmático, exemplificador, canónico… das nosas letras. Fóra, como antes dicía, os dez, acaso quince títulos, nos que coincidiría unha altísima porcentaxe do público culto (ben que sempre hai xente rara para todo), boa parte do resto da escolma é o produto de criterios xa non digo asistemáticos senón mesmo inconfesables pero que, por veces, cheiran a inevitables «débedas». Non incorrerei no evidente mal gusto de dar títulos nin autores, pero postos a botar en falta, teño saudades de ver entre O galo de Amado Carballo e De catro a catro de Manuel Antonio, o poemario dun grande, grandísimo amigo de ambos, que escribiu páxinas encendidas sobre a súa poesía e chorou acedas bágoas na prematura morte dos dous. Refírome a Orballo da media noite de Roberto Blanco Torres, obra ao dicir de moitos absolutamente orixinal no seu tempo. Aínda lembro o artigo do noso antoloxista en La Voz cando a Academia concedeu o galardón ao meu parente. Noutros tempos, sería cousa de irmos nomeando padriños e preparando as armas… Logo, as cousas sempre van ao rego. Pero, en fin, todo non pode ser.
(Desculpas pola longura do pos. Un nome alternativo para este blog ben podía ser El rollo que no cesa).

13.10.07

O betalibro

Vía a miña amiga Independiente accedo á extraordinaria monografía de Joaquín Rodríguez, de quen falaba o outro día, director do Máster en Edición da Universidade de Salamanca- Grupo Santillana, titulada Edición 2.0. Los futuros del libro. El betalibro, na súa versión .pdf on-line (maio 2007), con licenza de Creative Commons, da interesante editorial Melusina de Barcelona. Aquí se anuncia a próxima edición en papel, en versión revisada y aumentada. Un tratado crítico, completísimo e rigoroso, indispensabble para coñecer as claves da complexa actualidade e confuso, pero sempre suxestivo, futuro do libro, a edición e a lectura.
Grazas Independiente por compartir o teu saber!

11.10.07

Hispanidade


Digo eu unha cousa: os nacionalistas vascos, galegos e cataláns, ¿traballan o 12 de outubro?

10.10.07

Inmanencia

Por dúas vías diferentes -a docencia e a edición- chego a un pensamento reconfortante: hai en todo proceso de cambio, por moi revolucionario que este sexa, un elemento troncal, transversal, inmanente. A primeira destas vías foi unha conversa estimulante e rica de matices cun profesor compostelán de Dereito e compañeiro de angueiras titoriais na UNED en Pontevedra. O outro camiño foi a lectura do artigo, documentado e contundente, «Edición 2.0» de autoría de Joaquín Rodríguez ―director do Máster en Edición Universidad de Salamanca-Grupo Santillana― publicado en Trama y Texturas (vol. 2 , maio de 2007, pp. 41-47).
Na conversa convíñamos o meu colega e eu en que por moitas novas tecnoloxías (por certo algunha vez haberá que pensar en deixar de chamarse novas, pois de novas teñen xa ben pouco), por moitas novas tecnoloxías, digo, aulas virtuais e pizarras dixitais interactivas, que estean sinalando, modelando, ou aínda determinando o rumbo do ensino e a actividade docente (aínda non hai moito falábase nestas páxinas destas tecnoloxías), a interfaz profesor-alumno (id est, ser humano-ser humano), que interactúan (id est, falan-escoitan-reflexionan-respostan) ten un estatuto de vixencia asegurado, quero crer que por moitos anos. Non hai internet, pizarra dixital nin videoconferencia que substitúan a calidez e cercanía das palabras dun profesor. E o digo tras 22 cursos como profesor-titor da maior universidade española (a UNED).
No artigo, Joaquín Fernández alude a un argumento ao que eu mesmo me teño referido. Di: No sé quién fue el genio capaz de transformar las señales analógicas en digitales pero sí que Tim Berners-Lee realizó una labor equiparable a la que Gutenberg realizara cinco siglos antes: poner al alcance de una comunidad los medios para acceder de manera sencilla a la información. A artillería tecnolóxica constituída por ciclópeos repositorios de contidos textuais, a bulimia digital (di Rodríguez) de mastodónticas bibliotecas on-line, corporacións internacionais de protección de dereitos de edición dixital, directorios abertos de acceso científico… (todo o que Rodríguez denomina Edición 2.0, en analoxía con Web 2.0), pode sumirnos a editores e lectores, sobre todo aos que vimos da pizarra, o pizarrín e a Encicliopedia Álvarez nun marasmo de dúbidas e confusión. E, sen embargo, todo se reduce, de novo, a unha interfaz inmanente: alguén que crea texto-alguén que edita texto-alguén que le texto.
Non desconfío das novas tecnoloxías nin son pesimista respecto delas. Ben en troques: cada día intensifico máis o seu uso e admiro, en consecuencia, as súas ilimitadas capacidades. Pero creo, polo mesmo, que cada vez vai ser máis conveniente e aínda necesario apelar a todo aquilo do que é capaz a natureza humana e nunca farán os bits. Entre Gutenberg y Berners-Lee haberá un espazo no que acharse cómodo, digo eu.

9.10.07

Márquetin oculto?















Cartel colgado profusamente nas paredes da Facultat de ¡¡Filologia!! da Universitat de Barcelona. Será o redactor do texto de Baños de Molgas? de Escairón? da Estrada?
By the way, lembro con tristura, cando en segundo de carreira me chantaron o primeiro (e creo que único) suspenso da carreira (en Latín). O día que fun recoller o veredicto de setembro, á vella Facultade de Filoloxía en Mazarelos, o conserxe cubrira as papeletas cun folio no que podía lerse con fermosa letra de pendolista: Ensamenes de septiembre.
Imaxe tomada vía Invasió subtil.


8.10.07

Don Sigmundo en perspectiva

Tense afirmado que na historia recente da humanidade houbo tres cambios de paradigma no pensamento científico, de tal calado que marcaron unha inflexión a partir da cal o modelo ou estrutura de valores da ciencia mudou de xeito irreversible e afectaron multilateralmente e de carambola non só aos seus eidos específicos senón todo o conxunto da ciencia e aínda do pensamento humano. Estes tres cambios foron os debidos a Copérnico ―revolución copernicana é unha expresión que callou na linguaxe coloquial―, Darwin e Freud. A posición subxectiva do insignificante planeta que habitamos no contexto dun universo inconmensurable; a orixe evolutiva non só do home ―o que negaba o home mesmo coma resultado dun acto perfecto de creación― senón de todas as especies nunha loita feroz pola vida, e a sistematización científica dos mecanismos do subconsciente que rexen entre bambalinas, pero de xeito determinante (os soños, os medos, a angustia, o sexo….) a nosa percepción e xestión do mundo consciente foron no seu momento propostas dunha extrema violencia respecto das crenzas ata o momento admitidas e houberon de socavar os solidísimos alicerces de prexuízos e ideas preconcibidas de base maiormente relixiosa e defendidos ata o fanatismo.

Estes días reviso, na súa etapa final, e despois dun longo pero proveitoso labor, as probas de maqueta da magnífica tradución ao galego que Fefa Noia realizou das Vorlesungen zur Einführung in die Psychoanalyse (Conferencias de Introdución á Psicanálise) de don Sigmund Freud, e que fará o volume 10 da nosa colección Clásicos do Pensamento Universal . As conferencias ou clases, pronunciadas realmente entre 1915 e 1917 para un público tanto de especialistas canto de profanos, pasaron á historia editorial e do pensamento científico como Introdución á psicanálise.
O labor de revisión editorial do texto e o permanente cambio de impresións cos tradutores da colección (algo realmente estimulante e agradable), permíteme reflexións -admito que por veces bastante epidérmicas- sobre moitos aspectos externos e de contexto da obra en si. No caso de Freud, e poñendo por diante tanto que non son especialista en psicanálise nin aínda moi versado en psiquitaría elemental (nobody is perfect) canto que, polo que sei, moitos aspectos da obra do doutor vienés foron superados, non podo deixar de valorar a súa enorme valentía científica. Que obra tan sincera, vibrante, chea de respecto á dignidade humana e, ao tempo, que descarnada, brutal e vitriólica debeu parecer no seu momento! No contexto daquela Europa fin de siècle, do malditismo e a bohemia, o art déco e o modernismo, da primeira aceleración tecnolóxica e a preguerra, Freud sería coma a guinda do pastel, aquel elemento que faltaba para facer afirmar á oligarquía ben pensante: Complexo de Edipo? Chegou, sen dúbida, a fin dos tempos.

7.10.07

O xenocidio das follas

Terei que consultar ese anuario tan popular en EE UU de estatísticas absurdas para ver se teñen computado a estación do ano que máis aparece nos títulos de obras literarias de todo o mundo. Aposto polo outono. Non hai poesía coma a do outono. Non hai luz, recollemento, labor, arrecendo a lume de rastrollo coma os do outono. No outono hai algo que esmorece, pero non dorosa nin triste senón docemente, ao xeito da mazá que está en sazón ou do viño novo que foi acio rotundo e brillante hai tan pouco.
Lembranza da fogaxe, saudades de suor e sal do mar, un ir paseniño cara ao rigor do frío. Tal vez era outono cando naceu o mundo.

5.10.07

Odio

Non sei cal será o futuro deste país noso nin quero proxectar de xeito esaxerado a sombra da II República e o que veu despois sobre o presente. Pero, nun clima social e polñitico permanentemente enrarecido, e con independencia doutro tipo de consideracións, que exista unha instancia, como a monarquía, independente da cor política do executivo do momento paréceme unha garantía cando menos valorable. E digo con independencia doutro tipo de consideracións, porque a partir de aquí cada quen pode valorar a nosa monarquía como lle pete (e hai, claro, moita herba que cortar). Persoalmente, a figura de Xoán Carlos éme bastante grata (foi rei cando eu tiña quince anos) e podo afirmar que a súa desaparición non me vai deixar indiferente.
En calquera caso, iso de andar queimando efixies é moi feo; queimar calquera cousa é feo: o lume, que non admite réplica, é amigo de toda sorte de fanáticos, mala xente, amargados, orates e abusóns. Os inquisidores queimaban corpos; os nazis libros; os integristas islámicos bandeiras. Pero resúltame complicado incluír nese grupo a un mozo catalán de vintetantos anos, nacido e criado en liberdade, fillo da opulencia, a quen nunca faltou nada. Non entendo ben a orixe e mecanismos do odio. Será porque o descoñezo.

3.10.07

R.I.P.

Que vivimos sometidos á tecnoloxía é dicir tanto como que a lúa sae pola noite. Pero nisto, coma en todo na vida, hai graos, matices, luces e sombras. O sometemento dos celulares, por exemplo, chega a límites insospeitados. Eu, por exemplo, non sei o número do móbil do meu fillo, pois para iso está a SIM que o recupera, simplemente, polo seu nome. Pero é que hai xente (dou fe e Vde. seguramente tamén) que non sabe nin o número da muller, ou, mesmo, o seu propio. Así é , entre parénteses, que a imaxinación desparrámase á hora de bautizar a canto bendito número atesoura as tripas do cacharro: Ana móvil, anachica, anachollo, manolo cuntis, manolo primo, ofi hermano, lelo fijo, noli casa, noli jr., jose pequeño, jose grande, gelucho lalín, juan pincha, conchi banco, almu bar, son cadeas textuais perfectamente identificables como entradas dun móbil. Un recoñece o móbil ―cando menos é o que me pasa a min― como unha ferramenta utilísima, e probablemente imprescindible, pero nada máis. A min cascoume o celular non hai moito e, á parte o peñazo que supón recuperar máis de douscentos números (intelixente que é un, os tiña almacenados no teléfono e non na SIM: acepto insultos), non pasa nada.
Ora, o ordenador é outra cousa. Hoxe, tras miles de horas de voo, o disco duro do meu ordenador do traballo dixo basta; irmán, ata aquí chegamos. Ben. Por moito que poida recuperar a información (veremos) dos seus escuros intestinos e mutalos a outra máquina, teño a sensación de que nada será como antes, de que me morreu un amigo, un cómplice, alguén con quen teño compartido moito, un ente que, coma min, traballaba segundo o humor que tivera; que pasaba crises de identidade, con días máis simpático e accesible e outros murcho e intratable; que era depositario de segredos, palabras, números e pensamentos; que, coma o ser humano que de cotío lle daba vida, soportaba a síndrome do luns quitando as legañas e poñendo como podía as pilas. Nunha ósmose obvia, o meu ordenador tiña algo de funcionario e ata que o jefe tomaba café semellaba non responder ao xeito.
Que crueis, orgullosos e ingratos somos coas máquinas! No canto de lle retirar unha etiqueta de inventario e condenalo a un miserable exilio de trasto inservible, polas horas compartidas, o magnífico traballo feito e a súa compañía leal, no día do seu falecemento debera dedicarlle ao finado do meu ordenador un tecnosepelio digno e pronunciar unhas palabras na súa honra no momento en que o seu corazón de silicio deixou de latir para fundirse por sempre nas tebras do esquecemento: foches un amigo, traballaches ben, nunca, ata hoxe, me fallaches. Repousa en paz.

2.10.07

El cine de la Bugallo al carallo

IMAGEN & COMUNICACIÓN en Galicia, Asturias y León é o nome dunha revista semiprofesional do eido da comunicación, o audiovisual, a imaxe e o publicismo, penso que de periodicidade mensual, que edita Noroeste de Imagen y Comunicación, S.L. con sede en Pontedeume. Dou estes datos porque sendo unha publicación profesional é posible que non sexa de difusión moi popular. No seu último número, 92, de setembro do ano en que andamos, o director Uxío Fernández asina o editorial que leva por título o que reproduce este pos. Sen máis ánimo que sometelas a xuízo e consideración, ou sequera solaz , dos asiduos deste local, entresaco estas liñas:
Con la nueva Xunta de Touriño también llegó, chupando rueda, la Xunta bis de Antón Losada, así como la ocasión de emplearse unos cuantos aprovechados con carné, que no se comían un rosco en el audiovisual y ahora lo dirigen, además de algunos listos que han sabido vender su etiqueta de especialistas en el sector, y a cobrar...
Cuando el bosque audiovisual gallego empezaba a tener buena madera han llegado cuadrillas de temporeros a incendiarlo. De la política del inigualable Jesús Pérez Várela, que tuneó al Apóstol con sus verbenas peregrinas, como antes Albor había tuneado aquella Xunta light con sus merendiñas, pasamos a Anxela Bugallo, conselleira de la sonrisa encriptada. que nos trajo al cine su melancolía y su sensual despiste nacional-popular. Teníamos un audiovisual con valores y con actividad, que sólo necesitaba más ayudas, nada más, como las han tenido otros sectores hasta consolidarse. Necesitábamos un apoyo autonómico convencido, ágil y valiente, y dejar que el propio sector navegase, que ya lo quisieran en cualquier otra parte de España, pero la Bugallo mandó el cine al carallo, y donde se gestaba una consolidación hemos pasado a una refundación, convirtiendo el audiovisual gallego en una especie de Galescola de lactantes [...] No sale bien el plano corto del audiovisual gallego y no sé si porque Antón Losada tenía sonrisa de malo o porque nuestra Gioconda marxista-leninista anda en pelotas cinematográficas y no la [sic] coge el frío.

Como está o patio!

Doctor Ibarretxe

Sobre o meu pos anterior: disque lle chaman doctor Ibarretxe pola obsesión que ten en pasar consulta.

1.10.07

Trágala!

Sobre a proposta de referendo do peñazo de Ibarretxe só se me ocorre aquilo que Perich aplicaba á Igrexa (con permiso, don Jaume): o nacionalismo serve para solucionar un conxunto de problemas que non existirían se non existise o nacionalismo. Todas estas demandas ―a reforma estatutaria doméstica, as propostas soberanistas catalanas e o referendo vasco― respostan a un clamor social crecente e xa indisimulable. Só hai que saír á rúa, viaxar a Bilbao ou Barcelona para pulsar con qué fervor, impaciencia e ansiedade arrebatadas agardan as masas populares destas latitudes a solución de tan candentes cuestións. De por parte, vivo acojonantemente reconciliado coa idea de que o bubble gum, a canción do Cola-Cao, as novelas de Martín Vigil, as botas Gorila cunha pelotiña verde de regalo, los Hermanos Malasombra e o sostén de Esperanza Roy son elementos que me definen de xeito inevitable como (perdón) español. Da Estrada, para máis datos.

29.9.07

Química e edición

En moitas ocasións teño comprobado que un dos elementos garantes dun bo labor de edición é saber escoitar. Crérmonos na posesión da verdade, ferrármonos nunha posición inflexible a prol do que consideramos indiscutible pode ser o xermolo dun acedo arrepentimento cando as cousas xa non teñen remedio. É nese momento, o libro xa editado e a tiraxe no almacén, cando un pensa: ostia, pois tiña razón fulano sobre que a marxe de lombo era escasa, e eu convencido de que ía dabondo, ou, mira que mengano teimou en que o vermello ía cagar a cuberta e eu pensando que non. Daí, infiro que todo editor esmerado e experimentado é fundamentalmente un tipo tolerante e permeable ás opinións e puntos de vista alleos. Sospeito que acaso isto sexa aplicable a todo proceso non automatizado onde interveñen moitas persoas, sendo o editor, como normalmente é, o centro desa constelación.
Vén isto a conto porque o outro día recibín o .pdf co deseño dunha cuberta que, verdadeiramente, non había por onde collelo. Ou eu non me expliquei sobre o que realmente quería ou o deseñador non entendeu en absoluto o que lle transmitín. Case ía a tirala ao reciclaxe sen lla mostrar á miña compañeira, coa que decido todas estas cuestións, cando lembrei unha anécdota que me fixo recapacitar e, ao punto, aviseina, non fose que a ela lle gustase e tivéramos un punto de partida. Vimos, polo tanto, a cuberta e, de consún, decidimos que, en efecto, aquilo era un puro disparate.
A anécdota de referencia contouma un coñecido intelectual do país e refírese aos seus anos mozos, na España da posguerra. O vello profesor de química do Instituto onde estudaba preguntoulle a un seu compañeiro polo ácido sulfídrico, e o interpelado dixo o que un apuntador amigo lle puido ir soplando: que era sulfato de hidróxeno, un gas composto de dous átomos de hidróxeno e un de xofre, e que ―problemas de recepción acústica da mensaxe que o apuntador transmitía― cheiraba ben. De contado, o vello mestre fixo traer a un conserxe unha probeta cun fondo minúsculo de ácido sulfídrico e lla espetou nas napias ao pobre rapaz, ordenándolle ¡Huela! Este, ao cabo, os ollos enroxecidos e lacrimosos, contendo a náusea pero decidido a manter o tipo, acertou a sorrir exclamando:
-¡Y a mí que me huele bien!

28.9.07

In the ghetto

Sobre english, inglis e demais. Non o perda, please! A risa é unha terapia pistonuda para case todo.
From Manolo Diéguez. Obrigado, Manolo.

27.9.07

Pulvum eris...

Unha cousa moi interesante do traballo de edición ―traballo que ten unha morea de cousas interesantes― é o de facultar o coñecemento de xentes das máis dispares pelaxes, tanto persoais, canto formativas, por idade e traxectoria biográfica, de adicación profesional, etc., xentes cuxo contacto, por veces ―e malia ser as máis delas efémero e conxuntural―, resulta especialmente arriquecedor. Estes últimos meses, nos que, por boa malaventura (valla o paradoxo), houben de asistir a catros enterros, un deles moi doroso pola curtísima idade do defuntiño, matinaba eu nun concepto que, nun xantar profesional e tras a presentación dun libro, foi perfilado por unha investigadora en temas de antropoloxía cultural adscrita á Universidade do País Vasco, filla de galego, de Corrubedo, e vasca, e o nome da cal prefiro, por discreción, non desvelar. Un concepto que pola súa contundencia e cohesión semántica paréceme perfectamente acaído á circunstancia quer tráxica, quer dorosa, pero sempre triste da desaparición dun ser querido: a drenaxe social. Lembraba esta amiga que a pegada máis fonda e indeleble de cando de meniña viña nos veráns a Galicia, e mesmo outras tempadas no inverno, eran os enterros: a capacidade colectiva de exteriorizar a dor, mesmo esaxerándoa, se orienta a un efecto paliativo, de drenaxe, no que compartir o sufrimento, cedendo parte del a quen chora con un, supón reducir o seu efecto persoal facéndoo colectivo. E así (cousa que vivín recentemente co falecemento dun tío especialmente querido), o defunto, coma unha sorte de cid campeador, gaña, tras a súa morte, a batalla da indiferencia e aínda do esquecemento, ao concitar, ao lume da súa lembranza e das cousas boas da vida, aos seus parientes e amigos, quen, ao tempo de chorar a súa perda, se reafirman na alegría do encontro, a familia e a amizade.

26.9.07

Smile, please!



Wow! Practice your english and smile.

From El sitiado de Madrid.

É ou non é a percepción do obvio un signo de intelixencia? Teño a sensación de que fulanos como o da viñeta menudean de carallo.

24.9.07

Presencialidade virtual

Asistín recentemente a unhas xornadas técnicas sobre a nova arquitectura tecnolóxica para a tutorización virtual síncrona que o organismo correspondente está implementando, pouco e pouco e con sólidos alicerces, na UNED, en cuxo Centro de Pontevedra son profesor titor dende 1985. Sen que tal cousa poida atribuírse a unha intelixencia superior senón a unha mera especialización profesional, non me considero ningún profano no eido das novas tecnoloxías e, polo tanto, poucas cousas xa poden neste terreo sorprenderme. E, nembargante, a plataforma que nas devanditas xornadas se nos amosou é simplemente acojonante. Non vou entrar en excesivos detalles da ferramenta docente audio visual sobre tecnoloxía I[nternet] P[trocool], AVIP, nin nas inmensas potencialidades da Pantalla Dixital Interactiva (PDI). Abonde dicir que a filosofía da presencialidade virtual –aparente paradoxo ou contradictio in terminis– xorde da ilimitada capacidade de integración de dispositivos locais e remotos para unha interacción persoal na docencia, que, sen dúbida, está prefigurando un novo escenario, que, doutra banda, acae de xeito moi elegante á filosofía do EEES, que renuncia á clase maxistral a prol do seminario interactivo. Un bo amigo e colega contoume ao respecto que o seu fillo, Erasmus na Universidade de Boloña –onde se ubica unha das máis prestixiosas Facultades de Dereito de Italia e de Europa– tiña en certas asignaturas por profesor un monitor TFT de gran tamaño ubicado na tarima profesoral da aula.
Teño reflexionado sobre a (r)evolución tecnolóxica da que vimos sendo testemuñas –e tamén protagonistas– nun artigo, de título creo suficientemente suxestivo: Do pizarrillo a Google. Comparando o outro día as abrumadoras capacidades da pizarra dixital interactiva co encerado clásico, coa súa tiza e borrador, e esa sensación tan cara a todo docente (fóra alérxicos) do po de xeso nas mans cando remata a clase, matino na bondade e maldade das mudanzas nas relacións interpersoais clásicas debidas ao rodillo tecnolóxico no que vivimos. En si propia, a tecnoloxía non é boa nin mala, pero, claro, unha cousa é a fisión atómica e outra Little Boy. Do que non cabe dúbida é de que estamos xa, no que fai á súa implantación e uso, nun camiño de non retorno. Agardemos que este conduza a bo termo e non sucumbirmos aos moitos espellismos que nos agardan.

23.9.07

Porqué

A imperiosa necesidade de síntese fai expremer as ideas ata as deixarmos practicamente no esqueleto, o que, en termos de cervexa, sería o "extracto seco primitivo". Cando, en pouquísimas palabras, debo responder nun cuestionario o porqué deste blog, isto é o que queda, no fundamental: surge por el convencimiento de que el ejercicio de la opinión y la libre emisión del pensamiento es una magnífica gimnasia para el fortalecimiento de la convivencia social. Respecto da vertente editorial, máis profesional, destas páxinas, velaí o alicerce: la eclosión y actual hipertrofia de la Galaxia Gutenberg, de la mano de una revolución tecnológica sin precedentes desde la Biblia de 42 líneas, hace necesaria, aún diría perentoria, la reflexión y el intercambio de ideas y experiencias: la blogosfera constituye, para ello, un espacio de excepcional capacidad e inmediatez.
Na busca obsesiva de concisión e precisión cando me expreso, sáenme unhas cousas un pouco tremendas e lapidarias, e non sei, mesmo, se algo pretensiosas. Son riscos inevitables, creo.

Nota al pie











Jugosa imaginación; gratificante idea. Vía Erratas inminentes, otro magnífico blog de libros y edición.

21.9.07

20.9.07

Libri in omnibus

Aplaudo con toda enerxía a iniciativa do Concello de Ferrol ―de quen, supoño, hai que agardar grandes cousas― de sortear libros entre os usuarios do transporte colectivo para fomentar o aforro enerxético ao tempo que se promociona a lectura. Unir defensa do medio ambiente e mellora persoal por medio do amor ás letras é unha idea fermosa, sobria, elegante. Hai que agardar agora que Fortuna, sempre tan veleidosa, toque aos máis necesitados, de xeito que, por tal conduto, poidan certos cidadáns ver finalmente entrar un libro nas súas casas. As visitas, estrañadas, interrogarán ao afortunado:
-Coño! Mercaches un libro!
-Non, ho! Tocoume no Castromil.

18.9.07

Idiomas

Unha enquisa di que, polo visto, os españois somos dos máis negados da UE para a aprendizaxe e o uso de segundas linguas. Podo dar fe de que, en efecto, botei sete anos do antigo bacharelato empezando, curso a curso, a aprender francés e partindo do mesmo punto, a base duns cursos en filminas (da marca Sonimage) nas que unha nena border line que atendía por Puchi era protagonista dunhas aventuras estrañísimas e en extremo ridículas. A falta de conexión dos corenta rillotes rururbanos (máis rur ca urbanos) que compoñían as aulas do meu bacharelato coas peripecias de Puchi explica acaso por que a pobre profesora de francés de xeito sistemático remataba as clases chorando. En fin, vallan estas liñas de homenaxe de gratitude polo intento, señorita Bravo.
Tal vez un moi deficiente ensino das linguas, polo tanto, estea na base deste déficit comparativo cos nosos veciños europeos. Podo dar fe, en troques, de que non hai mestre como a necesidade. A un fulano dunha aldea próxima á miña vila coñecín eu en Hannover, home mouro, rexo e pequenote, cos estudos máis elementais, que levaba un taxi nesa cidade da Baixa Saxonia e falaba alemán coma un nativo. Como, con todo, tiña un sotaque estraño, cando lle preguntaban el, aproveitando a súa fisionomía, dicía que era turco: así non teño que andar dando explicacións, razoaba o bo do home. Ser, era de Toedo, concello da Estrada.
Isto dos idiomas lémbrame un conto ben gracioso. É o do guiri, con pinta de guiri rematado, que, de peregrino polo Camiño de Santiago, e non atopando unha fermosa igrexa rural románica que quere visitar, pregunta a dous labradores, pai e fillo que labouran nunha leira. O diálogo desenvólvese así:
-Excuse me, I’m looking for the local church.
-Perdone pero non lle entendo o que me quere dicir.
-OK! Le chemin pour l’eglise, de l’église?
-Oi que carallo! Que non lle entendo. Non fala español ou jallejo?
-The way to the church, the local church?
-Que non lle entendo, ho!
-La via per la chiesa, la chiesa, l’église
-Nada, hom, que non sei que me quere decir.
O guiri, desesperado, desiste.
-Ok, I’m sorry. Many thanks. Good afternoon!
O rapaz asente coa cabeza, mentres ve alonxarse o tipo e coméntalle ao pai:
-Por eso, papá, que bo é saber idiomas na vida!
E o pai agarrando outra vez o legón retruca:
-Si, ho! Mira pa que carallo lle serviron a este!

17.9.07

Cromofobia

As vueltas de tuerca son un valioso recurso dos guións cinematográficos. Lembran Los otros de Amenábar, onde os vivos resulta que son os mortos, ou o cego Jorge de Burgos en El nombre de la rosa de Jean-Jacques Annaud, que era o que máis controlaba no mosteiro? Na magnífica película Chromofobia (2006) da realizadora británica Martha Fiennes, o personaxe a quen se lle supoñen os máis nefandos vicios é ao cabo o único limpo nunha trama de hipocresía, superficialidade, mentira e baldeiro vital, torpemente disfrazados no poder que outorgan o diñeiro e a posición social. Da man da directora, irmá de Joseph e Ralph Fiennes (inesquecible o último no papel de Amon Goeth, comandante do Verninchtungslager de Płaszow en La lista de Schindler), un extraordinario elenco (o propio Ralph Fiennes, a super-atractiva Kristin Scott Thomas ―como non lembrar El hombre que susurraba a los caballos―, Ben Chaplin, o clásico Ian Holm) pon en escena un tranche de vie dun fato de personaxes da alta sociedade londinense que sucumben de xeito vergonzante á podredume da súa propia existencia. Unha película sincera, do mellor que teño visto nos últimos tempos.
Dúas notas na marxe:
1) Penélope Cruz fai de prostituta, por suposto, hispanoamericana. Dende aquel lexendario Mel Ferrer a Pe pasando por Banderas, non hai maneira de que un español-hispano triunfe en Hollywood se non é facendo de español-hispano. E logo vén Charlton Heston a protagonizar a don Ruy Díaz de Vivar, el Cid! En fin.
2) É un mal do que non parece haber maneira de desfacerse, que as distribuidoras se empeñen en adaptar os títulos ao mercado español, como se aquí fóramos parvos. O metafórico e suxestivo título, Cromofobia (o medo á cor da vida real, lonxe da impostura na que sobreviven os personaxes), foi substituído por Alta sociedad. Unha ramplonería que na China de Mao sería causa de pena de morte.
No meu pueblo había un tipo conformista e fundamentalmente feliz, a quen calquera cousa lle acomodaba, que corría polo alcume de Gustoume, pois a todo respostaba de tal xeito. Pois ben, o dito: Chromofobia de Martha Fiennes. A min gustoume.

16.9.07

Ao fío dunha foto

Esta foto, que recupero dunha postal enviada hai tempo dende Alemaña por un grande amigo, fíxome reflexionar, un pouco frivolamente, sobre as relacións de dominio entre homes e mulleres. Unha feminista diríame que non son temas para reflexionar frivolamente, e non llo discutiría. Pero creo que é a propia tensión que socialmente producen certos temas a que tolera, ou debera facelo, un tratamento máis ou menos persoal e alonxado de maximalismos, sentadas, claro está, certas constatacións biolóxicas e sociais indiscutibles. En fin, para non me meter en camisa de once varas, déixenme dicir, apenas, que a imaxe lémbrame a min mesmo en máis dun caso, o que tal vez lle aconteza a máis dun cabaleiro que visite estas páxinas. Creo que, nunha dirección de dous sentidos home-muller/muller-home, o complemento necesario do amor é a dignidade. Ceder esta por aquel é orixe de moitos, moitísimos males e malentendidos. Porque, pode desaparecer o amor e vestirse de amizade, de finxida amizade, de indiferenza, lonxanía, saudade... Pero que queda cando desaparece a dignidade?

13.9.07

O Tibet e Cataluña


O Dalai Lama compara o Tibet con Cataluña.
Mira ti que che foi aparecer o Yeti onde menos se esperaba!

11.9.07

Ommmmmm

Seica o Dalai Lama predicou, nunha conferencia pronunciada no Palau Sant Jordi de Barcelona, unha a xeito de fraternidade universal alicerzada no convencemento de que, se o XX foi o século das grandes guerras internacionais, o XXI leva trazas de ser o do entendemento e a concordia ecuménica a base dun necesario e progresivo desarmamento e dunha aceptación do outro, do diferente, á súa vez sustentada na práctica dos contrarios: combater o odio co amor, o medo coa dignidade, a intolerancia coa comprensión… partindo dunha sinxela constatación: o noso peor inimigo reside en nós mesmos. Ben. Un programa marabilloso, de perspectivas futuras lisas e brillantes coma unha folla de papel satinado. Goethe dicía que a teoría é gris pero a realidade verde.
Iso de trasplantar unha respectabilísima tradición milenaria de ascetismo e desprendemento a outra de opulencia e consumismo desenfrenado é algo moi hortera e propio da decadencia de occidente e da súa capacidade de fagocitose do que lle poñan por diante. Polo que sei, a xente saía encantada de oír á súa Santidade prodigar as loas á harmonía universal. Algúns pedíronlle autógrafos e facerse fotos con el. La ostia.
By the way: un dos meus mellores amigos, Manuel na pía, asiduo deste local e natural da freguesía estradense de San Bréixome (ou San Verísimo) de Lamas era orixe dun chiste que lle faciamos nos vellos tempos. Preguntabamos: en que se parece o Tibet a Manolo? En que no Tíbet está o Dalai Lama e Manolo é de alá de Lamas.

9.9.07

Sangue

En apenas dez páxinas de diferencia no xornal, un domingo dun verán que se resiste a ser outono, leo que un rapaz de Arousa morreu dunha puñalada no ventre nunha pelexa nunha noite de marcha e que no Barbanza menudean os finde as carreiras ilegais de coches nas que, segundo manifestan confidencialmente os participantes, o único que importa é correr máis ca o outro e que o teu coche teña o aspecto máis deportivo, o tuning máis agresivo e a mellor instalación de son. Non se pensa nin na morte propia nin nas que poden provocar. O rapaz de Arousa tiña dezaoito anos. Os muchachos das carreiras apenas vinte.
Banalizar a morte é algo obviamente arriscado. E fundamentalmente estúpido. A boa noticia é que no noso contexto inmediato a taxa de mortos en actos de violencia é moi baixa. A mala é que é altísima en mortos en accidentes de circulación. Pero, sexa como for, é algo banal na súa propia absurdidade, e para o que non existe a sublimidade da inxustiza nin o consuelo da dignidade ―que algo deben axudar cando un perde un meniño de dezaoito anos― morrer dun furado na tripa ás sete da mañá porque un descerebrado ten mal beber ou nun automóbil a 180 km/h para embriagarse de testosterona e, cun pouco de sorte, asegurarse un polvo.
Malia o esforzo que teño que facer para lembralo, creo que unha vez tamén tiven dezaoito anos. Que estamos facendo mal?

6.9.07

Spero k os gust. Xau

Que aos tenistas se lles hipertrofia o brazo dereito é tan certo como que, no caso contrario, aos tíos o abdome se nos infla misteriosamente de tanto estar sentados, malia que sempre pensemos que non debía ser tanto para o que comemos. A imaxe dun ser humano de cabeza inmensa, membros atrofiados e corpo minúsculo, na mesma medida, corresponde hiperbolicamente ao individuo dunha civilización onde o desenvolvemento cranial vai consonte un sobreuso (non exactamente un bo uso) do cerebro e unha rutina sedentaria imposta, entre outras cousas pero nomeadamente, polo permanente contacto coas máquinas de comunicar. Que a interfaz de entendemento coas máquinas está determinando cada vez máis a interfaz de entendemento interpersoal, é dicir o xeito de comunicármonos os seres humanos mediante a linguaxe, é algo doadamente constatable: k os kiero a tos, wapisimos, k sois mumumu wapitones i os exo de - . K bn nos lo psamos n la pisci. I L you é o fragmento dunha mensaxe interceptada polo servizo de intelixencia (é dicir, eu) no messenger do meu fillo de trece anos (agardo que non lea este blog e descubra a miña traizón, pero é pouco probable pois parécelle moi aburrido).
Vale, tal vez sexa un caso extremo, pero non cabe dúbida de que se trata do caldo de cultivo lingüístico no que se moven (moi a gusto, polas trazas) os teenagers de hoxe. A prensa aireou hai un tempo o caso dunha profesora de inglés, moi nova, de ensino secundario (ergo, flamante licenciada en Filoloxía inglesa) que, na tradución que fixo para os seus alumnos dunha canción dos Beatles, deslizou involuntariamente un montón de erros ortográficos derivados deste tipo de usos cada vez máis frecuentes, nos que a norma lingüística se deita no leito de Procusto do automatismo, a inmediatez e, a fin de contas, a efemeridade das máquinas. Ao mellor, do mesmo xeito que é posible que o botellón agoche unha nova forma de cultura, estamos asistindo á emerxencia dunha nova norma lingüística baseada na doce tiranía ―na que tan comodamente vivimos― de móbiles, blackberrys, pdas e portátiles inarámicos. As linguas son así, plásticas, caprichosas e cambiantes, e unha expresión como os exo de – pode chegar a ser en relación a os echo de menos algo así como freixo en relación a fraxinum, pois o galego non é máis ca un grao extremo de corrupción e destrozo da súa lingua de orixe. Mesmo aquel esperanto, do que Périch dixo que era unha lingua universal porque ninguén a coñecía no universo, é posible que teña un novo xermolo nos emoticons que valen o mesmo para un rapaz chino ca para un tipo de Tomelloso, provincia de Ciudad Real. ;)

4.9.07

Pintadas

É antiquísima a tendencia a utilizar brancas e apetitosamente limpas paredes para deixar público testemuño de ideas, cabreos, pareceres, enxeñosos xogos de palabras, e, en momentos de ausencia de liberdade política, opinións, convocatorias e protestas doutro xeito vedadas. O que en román paladino chamamos pintadas, e, dun xeito máis técnico, graffiti. A arqueoloxía lingüística refire, por exemplo, que tal era a grafomanía dos habitantes de Pompeia (sepultada polo Vesubio no ano 79 no que foi unha, ao tempo, felicísima calamidade, valla o paradoxo), que se teñen computado nas paredes da cidade máis de 5000 destes graffiti. A tal punto que alguén, sen dúbida compadecido dunha pobre parede, engadiu unha pintada máis para escribir:
Admiror, paries, te non cecidisse ruinis
qui tot scriptorum taedia sustineas
(Pásmame, parede, ti que termas do aburrimento
de tanto escritor, non teñas caído en ruínas
).
Xente da miña quinta, que coñecera a Compostela dos anos oitenta, lembrará a aquel «Franco del Carro», clochard de orixe, polo visto, catalá e que a saber como foi dar cos seus ósos por estes pagos. Home, de certo, outrora cultivado, e afectado dunha sublime loucura, deixaba por media cidade, en farolas, paredes, papeleiras, portas…, en grosa letra de rotulador marker textos metafísico-cósmico-apocalíptico-verborreicos, de léxico desmesurado e sintaxe delirante, case sempre con mencións á misteriosa identidade dun personaxe alcumado «Franco del Carro» que ao cabo se transmutou con el mesmo para a imaxinería popular. Foi mágoa non ter antoloxizado estes textos, pois eran do mellor!
Aquilo do ácrata que por baixo dunha pintada que rezaba Vota no retrucou Non é vota no. É butano, ou aqueloutro que razoou No queremos o medio ambiente, querémolo enteiro son xa clásicos no xénero. Dúas pintadas que vin cando o desastre do Prestige eran moi chuscas: Isto rebenta! e Prestige: a quem se lhe conte! Moi recentemente, na parede da Facultade de Ciencias da Educación do campus universitario compostelán, alguén constatou unha verdade ecuménica (hoxe esquecida): Pensar non doe!
Un subxénero da pintada é a inscrición de porta-de-báter-de-bar, afección, creo eu, característica e exclusivamente masculina (nos poucos WC femininos que, por auténtico apremio, teño visitado, as portas estaban inmaculadas). Deixando de lado o carácter procaz, escatolóxico ou abertamente pornográfico da maioría destes textos―que se concilia ben coa liberación dos fluídos corporais―, gardo no recordo algúns francamente antolóxicos. Nun bar (chamábase, por certo, Wunder Bar) de Berlín vin o que segue:
To be or not to be. W. Shakespeare.
To be to do. K. Marx.
Shoo bee doo. F. Sinatra
Outra, nun pub de Santiago: Rompiste mi corazón cuando te fuiste y yo romperé tu cara cuando vuelvas.
E, en fin, xa non recordo onde, un cachondo rebaixaba o ton contundente do mandato nietzscheano, que algún pedante gravou antes:
¡Vivid en peligro! (Nietzsche)
¡Corta esos pelos! (Mi madre)
Pintadas. Unha arte milenaria.

30.8.07

Sinopse dunha panorámica

O coordinador de certo programa de posgrao co que andamos a voltas pídeme o que, na miña opinión, sería o guión inicial para un módulo do mesmo titulado Panorama mundial da edición. Penso: recio me lo levantáis, e tamén: a bo sitio viñeches, pero, como se trata de colaborar no que se poida, e escudado naquilo de que se non che gusta tira con el, alá vamos. Tras a consulta dalgúns textos imprescindibles para ordenar ideas (A edición sin editores de André Schiffrin, 2000; o monográfico Editar en tiempos de gigantes de Archipiélago, núm. 51, 2002, e Editar la vida de Michael Korda, 2005) e dunha reflexión previa e bastantes borradores e inspiracións, isto é o que saiu, o que dalgún xeito debe constituír unha sorte de decálogo persoal e necesariamente sinóptico dos topics relativos aos predecentes, actualidade e prospectivas da edición.
1) Panorama socio-histórico do mundo occidental na segunda metade do século XX. Da eclosión á hipetrofia da galaxia Gutenberg.
2) Cultura e/ou negocio: edición artesanal e produción en masa. A pervivencia da pequena libraría no tempo das áreas comerciais.
3) Erasmo e Dan Brown: edición de fondo e literatura de mostrador. A cultura do best-seller.
4) No leito de Procusto: a entrada da edición na industria do entertainment.
5) Edición e lectura: indixestión editorial e indixencia lectora. A lectura e os seus competidores.
6) Do offset á autoedición. Postscript. A estandarización dos procesos técnicos.
7) As novas formas de interacción cos soportes da información e a cultura: a revolución dixital. Presente e futuro do libro impreso.
8) Libros, e-books, a biblioteca absoluta: Internet e Google.
9) A edición sen editores: o modelo industrial da edición na era da globalización e os grandes grupos editoriais.
10) A reacción necesaria: o retorno ao modelo cultural. Experiencias e exemplos. Perspectivas de futuro.
Admítense, claro é, suxestións e pareceres. Saúde.

25.8.07

Ingmar

Ingmar. Nome fondamente eufónico, andróxino, cheo de nórdico encanto.
Bergman ten para min tres momentos.
Un. Na casa da miña avoa, comezos dos setenta, o meu irmán pelexando cunha vella televisión Telefunken ―naturalmente en branco e negro― de antenas daquelas de corno que se ubicaban no cimo do aparello. O monitor, teimudo na súa negativa a funcionar, inasequible a todo intento de mellora, amosa un inextricable envurullo de raias horizontais, verticais, en diagonal, chuvia estática, e desfigurados esbozos de figuras, no canto das tan desexadas imaxes de El manantial de la doncella. Meu irmán trufa un exuberante rosario de maldicións contra a calidade da emisión, o aparello receptor, o estado xeral das telecomunicacións e o réxime político responsable cunha gabanza encomiástica do cine europeo, produto da liberdade de expresión, e nomeadamente do valor simbólico e claramente metafórico das obras de Bergman, susceptibles sempre dunha lectura máis ou menos acaída á miserenta situación de postración sociopolítica hispana. Eu, entre o televisor canalla que non quere, e non quere e ao carallo, e os argumentos do meu irmán ―se el o di así será― non sei a que carta ficar. Ao cabo, quedamos sen película.
Dous. Tres ou catro anos despois. Cine da Estrada, do que xa teño publicado certas evocacións. Milito na Xuventú Comunista de Galicia. Debía ler a Martha Harnecker, Freud e Maiakovski, malia non entender maldita a jota. Había que oír a Quilapayún, Víctor Jara, Mercedes Sosa, Brel, Zeca, a nova cançó e Sisa. Había que ver cousas como Secretos dun matrimonio. Creo lembrar case tres horas de diálogos entre os case únicos protagonistas do filme, Liv Ullmann e Erland Josephson. Malia o máis que probable aburrimento supino, saiamos do cine marabillados, extasiados, ou máis ben convencidos de que había que saír do cine marabillados e extasiados dunha estética que, na súa sublimidade expresiva, enfatizaba un patético contraste con Esperanza Roy en sostén, Tony Leblanc como Pepe el Astronauta ou Lina Morgan en la Tonta del bote.
Tres. Teño unha querencia especial para El séptimo sello, que vin por vez primeira cun meu curmán, a quen lle debo, ademais, o amor xerminal aos Beatles. Marabilloso Max von Sydow (actor inmenso, lírico, inesquecible, por certo, en Pelle el Conquistador). Non se bota un xadrez coa morte todos os días. Un clásico. Revisitei o filme hai pouco: a expresión é dun ton de sobriedade peculiarmente hiperbórea que resiste moi ben, ao meu xuízo, o paso do tempo. O guión podería ser de William Shakespeare. De volver a rodarse hoxe en día, tería que ser en branco e negro.
Bergman é un símbolo do noso tempo, un tempo no que o cine era moito, moitísimo máis ca un produto de consumo. Alá vai. Repouse en paz.

19.8.07

Piernas fuertes!

Da rocambolesca historia do cidadán de Malí de 27 anos Tony Brascons, atopado preto do pico Veleta, no Mulhacén, a 3 200 m de altitude en camiseta, vaqueiros e chanclas ―historia tras a que de certo ocúltase unha peripecia tráxica e nada orixinal de despousimento e desesperada busca dunha vida mellor―, recollo o fundamento dunha ficción irónica, tal vez non de todo certa, pero acaso aproximada ao que vostede mesmo garda no acervo da súa experiencia. É a imaxe dun grupo de "expertos montañeiros" dunha cidade calquera, poñamos na vida real un odontólogo, unha profesora titular de dereito mercantil, un informático e a administrativa dunha empresa e os rapaces, case adolescentes, das dúas parellas, provistos todos eles do equipo de última xeración (botas de gore-tex, sticks de trekking-media montaña, chubasqueiros de verán, gafas de sol con protección especial anti UVA, gorros lixeiros, luvas especiais, mochilas ergonómicas, cantimploras, alimentación hipercalórica polo que poida pasar, bebidas isotónicas… e demais atrezzo), equipo adquirido a conciencia, e contra a entrega dun pastón, en Decathlon, Coronel Tapioca e tendas especializadas El Corte Inglés. Están a 3 200 m, nin máis nin menos a pouco menos de 200 da cota máis alta da península Ibérica, sentindo o lexítimo orgullo do obxectivo conseguido tras o esforzo, a perfecta comuñón ―¡tan esquecida por mor da vida moderna!― coa natureza. Seguramente leven as cámaras dixitais a rebentar de instantáneas da modesta, pero meritoria proeza. Custou pero pagou a pena. Algo para contar aos amigos, non cabe dúbida.
E nisto ven aparecer a un mozo de color, en jeans, camiseta e chanclas, que, como manifestación do seu perfecto estado físico e da súa limitación idiomática, repite de moi bo humor ¡Piernas fuertes, piernas fuertes! E pensar que Hitler cría que eran inferiores!
Nunha aldea cercana ao meu pueblo había un gicho que ría moito dos pescadores de cidade provistos de botas ata a cintura e cañas parabólicas de localización ictiolóxica axial. El, cun pouco de tanza enrolada nun cacho de madeira e cebo vivo, enchía o corbe de troitas.

10.8.07

Sonata de estío

Curiosa e un pouco surrealista esa homenaxe a Andrés Dobarro, con manifesto e todo. Xa vin nos xornais o troquel dun curioso neoloxismo: dobarrismo. Aquí o que importa é a lingua, valor absoluto en si propio. O demais é puro lastre. Calquera día empaquetan a don Andrés como ferviente militante antifranquista e descubriremos en que muller tan xeitosa a que eu atopei ou en o tren que me leva pola beira do Miño subliminais mensaxes doadamente interpretables en clave de resistencia política. No seu valor social, Dobarro é algo así como Jaime Morey en reducto galiciano. Pero, claro, a ollos de 2007 representa un sublime illote de pertinaz defensa da lingua nun océano de antigaleguismo. De aí o seu valor simbólico que o fai tan trascendente. Quen non o vexa é que non ten ollos na cara. En fin, así andamos.
Polo demais, aluvións de mortos nas estradas, colas interminables nos accesos ás praias, a espeleóloga belga rescatada, a desaparición de Maddy cada vez máis escura, o espectáculo navarro, a paciencia dos bareceloneses ao límite e a ministra de Fomento con casco facendo o ridi, e o país rebentando en festas nunha semana na que por pura rutina estacional repunta a imprescindible ventura veraniega, que prepara xa o síndrome posvacacional. Un estío máis.
No que a min fai, por mor do importunísimo proceso infeccioso intestinal dun meu pequeno, levo case unha semana no hospital, vivindo o verán desde a barreira, cunha sensación de alleamento e lonxanía que pouco se concilia coa euforia que se lle supón a estes sweet summer days.
Saúdos cordiais para quen teña a feliz ocurrencia de se asomar a estas páxinas.

30.7.07

Para ler no chinchorro

Dicía o outro día que un editor é un fulano que atende simultaneamente doce asuntos. Esta mañá non foron doce, senón vintecatro. Segundo se achega agosto, as campás da desconexión tocan a rebato, e todo son présas e agobios para deixar cantos máis asuntos pechados e non incrementar a temida síndrome posvacacional con líos pendentes, que xa bastante feo é setembro (no laboral, porque no demais é un mes precioso, cunha luz máxica e unha serenidade, tal vez, que non ten o verán rigoroso, un chisco chabacano e hortera). Isto en edición, e nunha universidade de case 2000 profesores e investigadores, pode ser terrible.
En fin, que como complemento ou axuda á merecida desconexión da rutina laboral, e sendo este un recuncho de perseverante amor librorum, nada mellor que un par de recomendacións de (re)lectura que creo particularmente acaídas ao tempo estival para quen queira seguilas. Ninguha delas é unha novidade. Este non é un blog de novidades, máis ben todo o contrario. Se xa as leu, acaso sexa bo momento para volver sobre elas, e, se non, a que espera? Os clásicos, de infinita plasticidade, nunca decepcionan.
a) La piel fría de Albert Sánchez Piñol, orixinalmente publicada en catalán. Unha novela estraña, sorprendente, engaiolante, ben escrita e construída, de regusto salobre, para ser lida en cercanía do mar, con elementos, entre outros, do Robinson de Defoe, de Verne, de Jack London e as abominacións de Lovecraft. Algún día, cedo ou tarde, alguén fará unha película (supoño que mala, como sempre pasa con estas cousas) co guión.
b) Diccionario de símbolos y mitos del nazismo, de Rosa Sala Rose. Ademais de gozar do exquisito esmero editorial co que El Acantilado publica os seus libros, é unha obra documentadísima, erudita sen caer no supefluo, áxil e de lectura moi amena. Libro imprescindible para a cartografía do horror, un horror que Europa coñeceu non como resultado dunha conxura diabólica de sádicos visionarios, insensatos e apocalípticos senón como produto natural dun plan sistemático, razoado e calculado con rexos e ben traballados alicerces e contrafortes culturais, antropolóxicos, mitolóxicos, xurídicos e mesmo relixiosos.
Que aproveite, se é o caso, e xa me contarán. Saúdos con arrecendos de mar, herba seca e aire limpo de montaña.

27.7.07

Morrer na estrada

Onte pola tarde regresando de Portomarín pola N-640 topeime cun accidente brutal en Monterroso no que un coche ficou absolutamente irrecoñecible. Hoxe vexo na prensa que o condutor morreu. A sangría que nos últimos días rexistran as estradas galegas (o 10% dos mortos en accidentes en España son paisanos nosos: de novo nos primeiros postos do ranquin en cousas negativas) acenan nomeadamente —entre outras moitas cousas— cara á complexa estrutura poboacional dun país tan trillado e vivido como o noso, cun subdesenvolvemento secular aínda na retina e de acceso ultraacelerado á modernidade e o consumo. Entre Lalín e o desvío da 640 cara a Portomarín a estrada percorre unha aldea ou vila tras outra. Centos de cruces, zonas peonís sen beirarrúas, instalacións comerciais ou industriais pegadas ao vial... Este é un país construído á beira das estradas. Noutro lugar teño reflexionado sobre o particular: a estrada, fronte á aldea, representa a modernidade, a comunicación, a vida: fixo unha casa boísima, ao ladiño mesmo da carretera; o día que saquen a carreteira morre o pueblo son expresións -seguramente as terá oída vostede- que alicerzan esta aberración urbanística bautizada rururbano, con peaxes tan tremendas como un montón de mortos que poderían evitarse. Monterroso, como tantas outras, é unha vila lonxitudinal, montada ao longo da estrada que a cruza. Olla un aos lados e non hai nada: un trampantollo tras o que aparece de novo a aldea que seguiría sendo de non cruzala a vía nacional.
Como en tantas cousas, teño a sensación de vivir nun país en permanente estado de non retorno. Quen pode poñer remedio a algo que xa non ten remedio? Que facemos? Voar o país e construílo de novo?