25.8.07

Ingmar

Ingmar. Nome fondamente eufónico, andróxino, cheo de nórdico encanto.
Bergman ten para min tres momentos.
Un. Na casa da miña avoa, comezos dos setenta, o meu irmán pelexando cunha vella televisión Telefunken ―naturalmente en branco e negro― de antenas daquelas de corno que se ubicaban no cimo do aparello. O monitor, teimudo na súa negativa a funcionar, inasequible a todo intento de mellora, amosa un inextricable envurullo de raias horizontais, verticais, en diagonal, chuvia estática, e desfigurados esbozos de figuras, no canto das tan desexadas imaxes de El manantial de la doncella. Meu irmán trufa un exuberante rosario de maldicións contra a calidade da emisión, o aparello receptor, o estado xeral das telecomunicacións e o réxime político responsable cunha gabanza encomiástica do cine europeo, produto da liberdade de expresión, e nomeadamente do valor simbólico e claramente metafórico das obras de Bergman, susceptibles sempre dunha lectura máis ou menos acaída á miserenta situación de postración sociopolítica hispana. Eu, entre o televisor canalla que non quere, e non quere e ao carallo, e os argumentos do meu irmán ―se el o di así será― non sei a que carta ficar. Ao cabo, quedamos sen película.
Dous. Tres ou catro anos despois. Cine da Estrada, do que xa teño publicado certas evocacións. Milito na Xuventú Comunista de Galicia. Debía ler a Martha Harnecker, Freud e Maiakovski, malia non entender maldita a jota. Había que oír a Quilapayún, Víctor Jara, Mercedes Sosa, Brel, Zeca, a nova cançó e Sisa. Había que ver cousas como Secretos dun matrimonio. Creo lembrar case tres horas de diálogos entre os case únicos protagonistas do filme, Liv Ullmann e Erland Josephson. Malia o máis que probable aburrimento supino, saiamos do cine marabillados, extasiados, ou máis ben convencidos de que había que saír do cine marabillados e extasiados dunha estética que, na súa sublimidade expresiva, enfatizaba un patético contraste con Esperanza Roy en sostén, Tony Leblanc como Pepe el Astronauta ou Lina Morgan en la Tonta del bote.
Tres. Teño unha querencia especial para El séptimo sello, que vin por vez primeira cun meu curmán, a quen lle debo, ademais, o amor xerminal aos Beatles. Marabilloso Max von Sydow (actor inmenso, lírico, inesquecible, por certo, en Pelle el Conquistador). Non se bota un xadrez coa morte todos os días. Un clásico. Revisitei o filme hai pouco: a expresión é dun ton de sobriedade peculiarmente hiperbórea que resiste moi ben, ao meu xuízo, o paso do tempo. O guión podería ser de William Shakespeare. De volver a rodarse hoxe en día, tería que ser en branco e negro.
Bergman é un símbolo do noso tempo, un tempo no que o cine era moito, moitísimo máis ca un produto de consumo. Alá vai. Repouse en paz.

5 comentarios:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Non sei se leu esta fermosa evocación de Woody Allen, pero puiden emocionarme antonte na viaxe de volta: http://www.repubblica.it/2007/08/sezioni/persone/woody-allen/woody-allen/woody-allen.html
Unha aperta.

Anónimo dijo...

Bos dias, xa che teño localizado.

Deus, ¡que nivel cultural!. Non se se estare á altura.

Agora voume a ver a Alonso.

Xa che enviar algun tema máis "tecnologico" de referencia ao teu campo.

Saúdos.

PD: pedazo de tradutor a galego atopei

http://sli.uvigo.es/tradutor/

Marco

juan l. blanco valdés dijo...

Marco: que alegría verte por este recuncho! E practicando un magnífico galego. Agardo impaciente polos túas visitas e comentarios. As miñas saudades para Pati, as nenas e o calamidá do pequeno. E unha forte aperta para ti.

juan l. blanco valdés dijo...

Arume:

Lerei con gusto a evocación de Woody Allen, posuidor dunha curiosa e obsesiva querencia cara a Bergman e a súa obra. Apertas.

Anónimo dijo...

Saúdos, de novo por estes lares poñendo a chaquetiña da normalidade.Tamén a min colleume fora o de Bergman e puiden aprecialo de novo a traves dos ollos e as verbas de Woody Allen.Magnífico artigo, Woody coma sempre, un xenio. Bicos.