24.9.07

Presencialidade virtual

Asistín recentemente a unhas xornadas técnicas sobre a nova arquitectura tecnolóxica para a tutorización virtual síncrona que o organismo correspondente está implementando, pouco e pouco e con sólidos alicerces, na UNED, en cuxo Centro de Pontevedra son profesor titor dende 1985. Sen que tal cousa poida atribuírse a unha intelixencia superior senón a unha mera especialización profesional, non me considero ningún profano no eido das novas tecnoloxías e, polo tanto, poucas cousas xa poden neste terreo sorprenderme. E, nembargante, a plataforma que nas devanditas xornadas se nos amosou é simplemente acojonante. Non vou entrar en excesivos detalles da ferramenta docente audio visual sobre tecnoloxía I[nternet] P[trocool], AVIP, nin nas inmensas potencialidades da Pantalla Dixital Interactiva (PDI). Abonde dicir que a filosofía da presencialidade virtual –aparente paradoxo ou contradictio in terminis– xorde da ilimitada capacidade de integración de dispositivos locais e remotos para unha interacción persoal na docencia, que, sen dúbida, está prefigurando un novo escenario, que, doutra banda, acae de xeito moi elegante á filosofía do EEES, que renuncia á clase maxistral a prol do seminario interactivo. Un bo amigo e colega contoume ao respecto que o seu fillo, Erasmus na Universidade de Boloña –onde se ubica unha das máis prestixiosas Facultades de Dereito de Italia e de Europa– tiña en certas asignaturas por profesor un monitor TFT de gran tamaño ubicado na tarima profesoral da aula.
Teño reflexionado sobre a (r)evolución tecnolóxica da que vimos sendo testemuñas –e tamén protagonistas– nun artigo, de título creo suficientemente suxestivo: Do pizarrillo a Google. Comparando o outro día as abrumadoras capacidades da pizarra dixital interactiva co encerado clásico, coa súa tiza e borrador, e esa sensación tan cara a todo docente (fóra alérxicos) do po de xeso nas mans cando remata a clase, matino na bondade e maldade das mudanzas nas relacións interpersoais clásicas debidas ao rodillo tecnolóxico no que vivimos. En si propia, a tecnoloxía non é boa nin mala, pero, claro, unha cousa é a fisión atómica e outra Little Boy. Do que non cabe dúbida é de que estamos xa, no que fai á súa implantación e uso, nun camiño de non retorno. Agardemos que este conduza a bo termo e non sucumbirmos aos moitos espellismos que nos agardan.

2 comentarios:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Qué coincidencia. Un colega hoxe ensinoume como facer coa aplicación Claroline as clases a través de ordenadores. Aínda que eu dou clase nunha sala de ordenadores, hoxe mesmo funme anotar; xa lle contarei, porque estou moi ilusionado. Este amigo, veterano nas lides docentes e grandísimo profesional con moi boas notas, confesoume que nunca acadara mellores notas que no ano en que empregou esa ferramenta. Alá vou, pois.

juan l. blanco valdés dijo...

Prezado Arume: creo, en efecto, que o mellor camiño é encarar os retos da tecnoloxía con ilusión e sen prexuízos estériles. Ánimo e xa me contará! Saúdos.