En apenas dez páxinas de diferencia no xornal, un domingo dun verán que se resiste a ser outono, leo que un rapaz de Arousa morreu dunha puñalada no ventre nunha pelexa nunha noite de marcha e que no Barbanza menudean os finde as carreiras ilegais de coches nas que, segundo manifestan confidencialmente os participantes, o único que importa é correr máis ca o outro e que o teu coche teña o aspecto máis deportivo, o tuning máis agresivo e a mellor instalación de son. Non se pensa nin na morte propia nin nas que poden provocar. O rapaz de Arousa tiña dezaoito anos. Os muchachos das carreiras apenas vinte.
Banalizar a morte é algo obviamente arriscado. E fundamentalmente estúpido. A boa noticia é que no noso contexto inmediato a taxa de mortos en actos de violencia é moi baixa. A mala é que é altísima en mortos en accidentes de circulación. Pero, sexa como for, é algo banal na súa propia absurdidade, e para o que non existe a sublimidade da inxustiza nin o consuelo da dignidade ―que algo deben axudar cando un perde un meniño de dezaoito anos― morrer dun furado na tripa ás sete da mañá porque un descerebrado ten mal beber ou nun automóbil a 180 km/h para embriagarse de testosterona e, cun pouco de sorte, asegurarse un polvo.
Malia o esforzo que teño que facer para lembralo, creo que unha vez tamén tiven dezaoito anos. Que estamos facendo mal?
2 comentarios:
Legamos mal. Quen agora ten esa idade son fillos dunha xeración que, ao meu parecer, excedeuse ao acoutar as marxes da liberdade, que acabou por confundirse coa irresponsabilidade.
Non sei se é iso, pero concordo en que algo non está a funcionar.
Anónimo/a:
Sempre teño a sospeita de se non estaremos sucumbindo á sedución de que "cualquiera tiempo pasado fue mejor". Entendo e asumo que "all the times they are changing" (que é o que levan facendo os tempos sempre), pero pregúntome se non hai cambios nesta evolución intrinsecamente malos. Creo, en efecto, con vostede que legamos mal. Na borracheira de liberdade (a transición: primeira fase da nosa historia recente) e de acceso desmedido ao consumo (segunda fase: aquilo de termos descuberto o pracer da ducha diaria) ficou, ten ficado, vén ficando un lastre que desdebuxa as lindes do respecto, a boa tradición, o politicamente correcto, as marxes da liberdade, a intelixencia nas relacións, o entendemento e asunción do "outro" e do "distinto" a nós... tantas cousas.
Como Abraracurcix, intento que non decaia o meu beizo superior. Pero, por veces, custa. Obrigado, con sinceridade, á súa visita e agudo comentario.
Publicar un comentario