Seica o Dalai Lama predicou, nunha conferencia pronunciada no Palau Sant Jordi de Barcelona, unha a xeito de fraternidade universal alicerzada no convencemento de que, se o XX foi o século das grandes guerras internacionais, o XXI leva trazas de ser o do entendemento e a concordia ecuménica a base dun necesario e progresivo desarmamento e dunha aceptación do outro, do diferente, á súa vez sustentada na práctica dos contrarios: combater o odio co amor, o medo coa dignidade, a intolerancia coa comprensión… partindo dunha sinxela constatación: o noso peor inimigo reside en nós mesmos. Ben. Un programa marabilloso, de perspectivas futuras lisas e brillantes coma unha folla de papel satinado. Goethe dicía que a teoría é gris pero a realidade verde.
Iso de trasplantar unha respectabilísima tradición milenaria de ascetismo e desprendemento a outra de opulencia e consumismo desenfrenado é algo moi hortera e propio da decadencia de occidente e da súa capacidade de fagocitose do que lle poñan por diante. Polo que sei, a xente saía encantada de oír á súa Santidade prodigar as loas á harmonía universal. Algúns pedíronlle autógrafos e facerse fotos con el. La ostia.
By the way: un dos meus mellores amigos, Manuel na pía, asiduo deste local e natural da freguesía estradense de San Bréixome (ou San Verísimo) de Lamas era orixe dun chiste que lle faciamos nos vellos tempos. Preguntabamos: en que se parece o Tibet a Manolo? En que no Tíbet está o Dalai Lama e Manolo é de alá de Lamas.
4 comentarios:
Graciñas, Xoán, por lembrar a brincadeira. A min tamén me veu á cabeza o conto cando vin onte ao noso amigo pola tele. O que máis me sorprende a min deste home e que se conserva que nindiós. Mira que pasaron anos e eu sigo véndoo coa mesma cariña de rosa. Será que lle sentan ben os aires da serra e a paz espiritual. En fin, unha aperta para ti e un saúdo para os visitantes da túa bitácora, que é coma un regaliño diario.
Tes boa razón, querido Manolo, sobre o estado físico do Lama. Anda coma un trinquete. Non hai máis que ver cómo curan os xamóns do Courel, para imaxinar como deben conservar os aires tibetanos, de cinco mil m parriba. Unha aperta e grazas sinceras polo agarimo.
Si, si, moita foto e moito autógrafo e todos encantados de telo visto e oido, quizáis non escoitado, pero que queda de todo iso. Eu quixera crer que o século XXI é o da concordia e o do entendemento, pero non leva moitas trazas diso.
Concordo tamén é que o tipo se conserva de P. M.
Qué queda de todo iso? Un elemento máis de consumo, algo que facer unha mañá ou unha boa excusa para ir ao Palau Sant Jordi. Como se prodigue máis, acabará asinando exemplares dun libro sobre o ying-yang e a harmonía universal en El Corte Inglés. O século XXI será coma todos, haberá cal e haberá area. Saúdos.
Publicar un comentario