É antiquísima a tendencia a utilizar brancas e apetitosamente limpas paredes para deixar público testemuño de ideas, cabreos, pareceres, enxeñosos xogos de palabras, e, en momentos de ausencia de liberdade política, opinións, convocatorias e protestas doutro xeito vedadas. O que en román paladino chamamos pintadas, e, dun xeito máis técnico, graffiti. A arqueoloxía lingüística refire, por exemplo, que tal era a grafomanía dos habitantes de Pompeia (sepultada polo Vesubio no ano 79 no que foi unha, ao tempo, felicísima calamidade, valla o paradoxo), que se teñen computado nas paredes da cidade máis de 5000 destes graffiti. A tal punto que alguén, sen dúbida compadecido dunha pobre parede, engadiu unha pintada máis para escribir:
Admiror, paries, te non cecidisse ruinis
qui tot scriptorum taedia sustineas
(Pásmame, parede, ti que termas do aburrimento
de tanto escritor, non teñas caído en ruínas).
Xente da miña quinta, que coñecera a Compostela dos anos oitenta, lembrará a aquel «Franco del Carro», clochard de orixe, polo visto, catalá e que a saber como foi dar cos seus ósos por estes pagos. Home, de certo, outrora cultivado, e afectado dunha sublime loucura, deixaba por media cidade, en farolas, paredes, papeleiras, portas…, en grosa letra de rotulador marker textos metafísico-cósmico-apocalíptico-verborreicos, de léxico desmesurado e sintaxe delirante, case sempre con mencións á misteriosa identidade dun personaxe alcumado «Franco del Carro» que ao cabo se transmutou con el mesmo para a imaxinería popular. Foi mágoa non ter antoloxizado estes textos, pois eran do mellor!
Aquilo do ácrata que por baixo dunha pintada que rezaba Vota no retrucou Non é vota no. É butano, ou aqueloutro que razoou No queremos o medio ambiente, querémolo enteiro son xa clásicos no xénero. Dúas pintadas que vin cando o desastre do Prestige eran moi chuscas: Isto rebenta! e Prestige: a quem se lhe conte! Moi recentemente, na parede da Facultade de Ciencias da Educación do campus universitario compostelán, alguén constatou unha verdade ecuménica (hoxe esquecida): Pensar non doe!
Un subxénero da pintada é a inscrición de porta-de-báter-de-bar, afección, creo eu, característica e exclusivamente masculina (nos poucos WC femininos que, por auténtico apremio, teño visitado, as portas estaban inmaculadas). Deixando de lado o carácter procaz, escatolóxico ou abertamente pornográfico da maioría destes textos―que se concilia ben coa liberación dos fluídos corporais―, gardo no recordo algúns francamente antolóxicos. Nun bar (chamábase, por certo, Wunder Bar) de Berlín vin o que segue:
To be or not to be. W. Shakespeare.
To be to do. K. Marx.
Shoo bee doo. F. Sinatra
Outra, nun pub de Santiago: Rompiste mi corazón cuando te fuiste y yo romperé tu cara cuando vuelvas.
E, en fin, xa non recordo onde, un cachondo rebaixaba o ton contundente do mandato nietzscheano, que algún pedante gravou antes:
¡Vivid en peligro! (Nietzsche)
¡Corta esos pelos! (Mi madre)
Pintadas. Unha arte milenaria.
6 comentarios:
Será polo apremio co que vostede fixo uso dos WC femininos que non reparou na cantidade de pintadas -ben é certo que sempre con trazo máis feble- que sosteñen as súas portas: desde as lindezas que se dedican aquelas que compiten polos favores dalgún galán que ha pagar menos a pena, ata as que piden consello por ver se dan atopado a súa verdadeira identidade sexual. Se tivese a curiosidade de botar un ollo a ese curioso repertorio, recoméndolle que dea unha volta polos excusados da Facultade de Filoloxía da USC, onde, por exemplo, unha moza confusa deixaba escrito: "Me gusta una amiga. Seré lesbiana?". Miña pobre, a bo sitio foi dar, pois a súa anguriada pregunta fixo voar imaxinación e tinta en forma de delirantes -algúns insultantes tamén- comentarios que seguro non a sacaron de dúbidas.
Jajaja... Estoy de acuerdo con la anónima comentarista... Los servicios de chicas no son tan inmaculados como los pintas,hay mucho material para un estudio socio-antropológico completo.
Por cierto, siguiendo el tema de las pintadas en Santiago; Recuerdo que leí hace unos años, en un librito delicioso, una frase que se me quedó grabada. Se trata de "Memorias do diaño" de Fermín Bouza Álvarez, que habla de un modo bastante surrealista de la vida de unos estudiantes en el Santiago de los años 60. Uno de ellos va siempre con tizas de colores en el bolsillo para hacer sus pintadas. Cuando le preguntan por qué tizas y no pintura él responde algo así como "A pedra de Santiago non pode pintarse con outra cosa, Camarada... ¡Que escarallamos la historia!". ¡Eso es tener conciencia cívica! ;-D
Estou de acordo coas miñas(?) predecesoras nos coments , o váter ao que debeu ir vostede sería do trinque porque as bastadas que se len seguro que as lembraría.
Falando de Santigo, estaba tentando lembrar unha pintada maravillosa que estivo na praza da Quintana, no muro do convento (mágoa de pedra!!)naqueles anos nos que estudiei.Era inxeniosa e poética, pero non me lembro ( o tempo non perdoa).¿Alguén a recorda?
E por engadir algo novo: nun bar de New york podíase ler debaixo da cisterna: "Mikel, the gun!!".Unha pintada para cinéfilos e fans do Padrino.Un bico.
Anónima, Independiente, Lula:
Ok, recoñezo a miña (por outra banda comprensible) ignorancia acerca das prácticas grafomaníacas bateriles por man feminina, o cal creo vén demostrar que cando se trata do que se trata, no fondo, homes e mulleres (ou aínda mellor tíos e tías, que non é o mesmo) non somos tan diferentes como se nos quere facer crer. Terei que dedicar tempo a un estudo máis pormenorizado encol de tan suxestivo tema.
Moi boa a resposta do respectuoso gravador de paredes amante da historia!
Non son quen, Lula, de lembrar a pintada da Quintana. Amnesia dos anos! Acaso algún outro tertuliano/a poida lembrala.
Saúdos cordiais.
Querido Juan L., son visitante frecuente dos "fragmentos", gustóume moito a glosa das pintadas.
Seguiremos véndonos no que queda da "galaxia" e, se pode ser, na Estrada.
Deica logo.
manuel pereira valcárcel
Amigo Manuel Pereira,
Grazas pola(s) visita(s) e comentario. Sería un pracer voltar a atoparte (ao mellor, na presentación do vindeiro volume da revista da Estrada). Saúdos, tamén, para a túa muller. Unha aperta.
Publicar un comentario