29.9.07

Química e edición

En moitas ocasións teño comprobado que un dos elementos garantes dun bo labor de edición é saber escoitar. Crérmonos na posesión da verdade, ferrármonos nunha posición inflexible a prol do que consideramos indiscutible pode ser o xermolo dun acedo arrepentimento cando as cousas xa non teñen remedio. É nese momento, o libro xa editado e a tiraxe no almacén, cando un pensa: ostia, pois tiña razón fulano sobre que a marxe de lombo era escasa, e eu convencido de que ía dabondo, ou, mira que mengano teimou en que o vermello ía cagar a cuberta e eu pensando que non. Daí, infiro que todo editor esmerado e experimentado é fundamentalmente un tipo tolerante e permeable ás opinións e puntos de vista alleos. Sospeito que acaso isto sexa aplicable a todo proceso non automatizado onde interveñen moitas persoas, sendo o editor, como normalmente é, o centro desa constelación.
Vén isto a conto porque o outro día recibín o .pdf co deseño dunha cuberta que, verdadeiramente, non había por onde collelo. Ou eu non me expliquei sobre o que realmente quería ou o deseñador non entendeu en absoluto o que lle transmitín. Case ía a tirala ao reciclaxe sen lla mostrar á miña compañeira, coa que decido todas estas cuestións, cando lembrei unha anécdota que me fixo recapacitar e, ao punto, aviseina, non fose que a ela lle gustase e tivéramos un punto de partida. Vimos, polo tanto, a cuberta e, de consún, decidimos que, en efecto, aquilo era un puro disparate.
A anécdota de referencia contouma un coñecido intelectual do país e refírese aos seus anos mozos, na España da posguerra. O vello profesor de química do Instituto onde estudaba preguntoulle a un seu compañeiro polo ácido sulfídrico, e o interpelado dixo o que un apuntador amigo lle puido ir soplando: que era sulfato de hidróxeno, un gas composto de dous átomos de hidróxeno e un de xofre, e que ―problemas de recepción acústica da mensaxe que o apuntador transmitía― cheiraba ben. De contado, o vello mestre fixo traer a un conserxe unha probeta cun fondo minúsculo de ácido sulfídrico e lla espetou nas napias ao pobre rapaz, ordenándolle ¡Huela! Este, ao cabo, os ollos enroxecidos e lacrimosos, contendo a náusea pero decidido a manter o tipo, acertou a sorrir exclamando:
-¡Y a mí que me huele bien!

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Non hai como ser permeables, cando se pode, pero cando o asunto do que se trata é un máis dos do día a día laboral da persoa en cuestión, ás veces custa recuar.
Nin tanto nin tan calvo.
Ten vostede razón cando di que ás veces pónsenos díante do nariz a proba evidente de que eramos nós os errados, pero creo que a experiencia é un grao e as marxes de erro,cando de humanos se trata,deben considerarse. Todos nos equivocamos, uns máis que outros, a virtude está en ser capaz de recoñecelo e, se se está a tempo, rectificar, que é de sabios.
Apertas!

juan l. blanco valdés dijo...

Ten Vde. moita, moita razón. Evidentemente, iso de sermos permeables levado ao seu extremo pode equivaler a non termos criterio e ser uns pasteleiros, e tampouco se trata diso. Touché.
Saúdos cordiais.

Anónimo dijo...

Hai xa 25 anos publiquei un libro sobre unha novela dun importante escritor do XIX. A institución editora permitiume deseñar eu a cuberta. Fíxeno coa axuda dun amigo entendido nestas cousas a partir dunha foto do escritor que eu tirara da pantalla de TV onde se representara unha versión da novela en cuestión. A foto (analóxica, pois non había dixital daquela) saíu cunha franxa diagonal que velaba en parte a cara do personaxe. A min pareceume moi apropiada a mensaxe que ese detalle transmitía, pois, efectivamente, non se trataba no meu estudo de desvelar todo o inmenso universo de tan gran novelista senón dunha aproximación, intensa pero moi parcial. Saíu o libro con esa cuberta e cando llo regalei a un amigo a quen eu tiña e teño por unha autoridade (á parte da profunda amizade que nos unía e une) levei unha das decepcións máis grandes da miña experiencia publicista, pois, nada máis ver a cuberta do libro, díxome:"isto máis que un efecto parece un defecto". Quedei laminado como nos Pulgarcitos. Bo é que posteriormente descubrín que en materia de estética e de semiótica da imaxe pouco podía ensinarme. Segue sendo un bo amigo e unha autoridade en moitas cousas, pero en cuestión de arte é unha nulidade.

juan l. blanco valdés dijo...

A súa anécdota, amigo Negriño, lémbrame outras situacións, frecuentes e moi similares á que Vde. conta. No contexto dunha expresión artística e de deseño de lindes, digamos, borrosas, fica, en efecto, sempre a posibilidade de atribuír evidentes defectos a efectos conscientes do deseñador. Fóra que, coma o seu digno amigo, existen persoas co gusto perdidiño, lembro que
a) de gustibus non disputandum.
b) deseñas ou traballas? (evidente malicia, que en absoluto comparto).
Ora, unha cousa que é unha cuberta poida ou non gustar, e outra, ben diferente e á que -creo eu- se chega só con anos de exercicio profesional, é que unha cuberta amose un evidente e serio traballo de deseño (que, insisto, pode ou non gustar) ou, falando en román paladino, sexa unha carallada.
Obrigado á súa reveladora e linda historia.