15.10.07

Antoloxías, antoloxistas

No eido da creación crítica e científico-técnica considero que existe alguén máis traidor aínda que o tradutor (traduttore, traditore). É certo e indiscutible que aínda o tradutor máis esmerado, documentado, sensible e rigoroso é un involuntario, e por veces atormentado, traidor a unha expresión concibida nunha lingua concreta, e dun xeito estraña pero palmariamente osmótico, unida por vencellos indisolubles a ela. Este é un argumento complexo e que nas súas últimas instancias conduce á soada hipótese de Sapir-Whorf en virtude da cal, por dicilo de xeito contundente, a lingua determina o pensamento. Teorica e metodoloxicamente discutible, certos aspectos estéticos da idea non deixan de resultar cativadores. E difícil imaxinar as delirantes soflamas de Hitler nun idioma diferente ao alemán.
En fin, coma decote, estoume indo polas ramas. Falaba da traizón intrínseca a toda tradución e afirmaba que aínda existe alguén máis traidor. Trátase do antoloxista. O antoloxista, o escolmador, violenta un sistema natural, un terreo amplo, inzado de matices, no cal o que consideramos imperfecto enfatiza o fermoso e viceversa, e o reduce a unha maqueta ou, aínda, a unha mostra de laboratorio co obxectivo de proporcionar unha idea xeral. Nada máis traizoeiro ca as xeneralizacións. E todo isto a partir de criterios naturalmente asistemáticos, cos que será difícil que unha soa persoa coincida ao pleno, e para a selección dos cales é moi difícil ceibarse da sedución do que se considera mellor, máis representativo, paradigmático, exemplificador, canónico… todos eles adxectivos que a duras penas, e fóra casos contadísimos, aboian nas traizoeiras areas movedizas da valoración persoal e intransferible.
A Biblioteca Galega 120, por exemplo, publicada con éxito hai uns anos por La Voz de Galicia, apostou por escolmar en 120 títulos o que o antoloxista (bo amigo, factor importante da cultura e bibliofilia do país e responsable de todas as operacións editoriais especiais do xornal herculino) considerou honestamente mellor, máis representativo, paradigmático, exemplificador, canónico… das nosas letras. Fóra, como antes dicía, os dez, acaso quince títulos, nos que coincidiría unha altísima porcentaxe do público culto (ben que sempre hai xente rara para todo), boa parte do resto da escolma é o produto de criterios xa non digo asistemáticos senón mesmo inconfesables pero que, por veces, cheiran a inevitables «débedas». Non incorrerei no evidente mal gusto de dar títulos nin autores, pero postos a botar en falta, teño saudades de ver entre O galo de Amado Carballo e De catro a catro de Manuel Antonio, o poemario dun grande, grandísimo amigo de ambos, que escribiu páxinas encendidas sobre a súa poesía e chorou acedas bágoas na prematura morte dos dous. Refírome a Orballo da media noite de Roberto Blanco Torres, obra ao dicir de moitos absolutamente orixinal no seu tempo. Aínda lembro o artigo do noso antoloxista en La Voz cando a Academia concedeu o galardón ao meu parente. Noutros tempos, sería cousa de irmos nomeando padriños e preparando as armas… Logo, as cousas sempre van ao rego. Pero, en fin, todo non pode ser.
(Desculpas pola longura do pos. Un nome alternativo para este blog ben podía ser El rollo que no cesa).

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Aquí estou por vez primeira neste blog; vaia raio máis afiado e orixinal tes. Noraboa.

Anónimo dijo...

Carafio, tira con bala, e non de fogueo precisamente.

Un saúdo.

juan l. blanco valdés dijo...

Non é a miña intención particularizar sobre a Biblioteca 120 (entre cuxos títulos, por certo, teño atopado moitos momentos de solaz) canto na natureza mesma do proceso antoloxizador, os riscos do cal, claro, acentúanse cando se antolixa obra de tanto autor vivo, pertencente ao "sistema literario galego". Pero disto, vostedes saben tanto coma min. Ou non?