14.10.15

Épater le bourgeois

Tanto para os seus complexos comportamentos colectivos e ritos amorosos como para manifestar as xerarquías dentro do grupo, os animais (non racionais, refírome…) usan, xa do seu aspecto externo, xa dunha linguaxe xestual específica, xa dun inventario concreto de sons, xa dunha combinación de todos estes recursos. Virando para o terreo humano, deduzo que os convencionalismos en virtude dos cales, no proceder social de todos os días, moita información necesaria para as interrelacións cos demais pode extraerse directamente do noso indumento, deben ter unha base natural.
Digo eu que non se trata de pavonearse coa fachenda dun galo señorito senón do convencemento de que unha parte do atractivo que teimamos en outorgarnos a nós mesmos véndonos ben compostos e cumpridos diante do espello, debe irradiarse cara ao exterior. Nun país de pobretóns e pailáns onde ata hai nada o desaliño era norma, en canto un poñía unha gravata a estúpida pregunta era: E ló, vas de boda? Eu confeso que se poño gravata é porque me vexo ben e santas pascuas, coquetón que un é. Polo demais, postos a buscar simbolismos sobre esta inocente tira de tea, tan deostada de mareas, candidaturas populares e outras catacumbas, propoño a Vde. que vaia á ventá única de google, escriba  ‘Lenin’ e logo clique sobre imaxes.
A ideoloxía (e aló cada quen coa súa mentres respecte a dos demais) non está reñida con iso tan humano de gustarnos entre nós e resultarnos mutuamente agradables. Por outra parte, aquilo de épater le bourgeois estaba ben para poetas esfameados e anarquistas de gardarroupa nunha época de visillos de cretona, casinos municipais, pítimas de absenta e sofás infestados de cascudas. Hoxe, nunha sociedade moderna e artificiosa, que ten elevado a categorías celestiais a moda, o deseño ou a gastronomía, pretender que unha camisa a cadros arremangada, unha barba de tres días ou unhas playeras gastadas destilen rebeldía ou transgresión é, simplemente, facer o ridi, pois, por moito que un se empeñe en traducir a súa ideoloxía na súa roupa, o que os demais ven é un fulano que máis lle valera gastar cincuenta euros en Zara e ter un chisco máis de respecto. Poñamos agora que o tal fulano ou fulana representan, en virtude de universal sufraxio, ao pobo que lles deu o voto (e viste mellor ca eles) e entón a falta de respecto acada xa o nivel do puro insulto. Porque hai algo consubstancial a todo mesías que viste unha túnica para distinguirse dos demais: nun momento dado, as nubes lle estorban ver o ceo. E así lles vai. 

4.10.15

Sangue que foi semente

No expediente número de orden 187, legajo 8 do arquivo do goberno militar do Ferrol consta o alzamento de varios cadáveres, verificado polo médico forense D. Ildefonso Santalices Pérez, atopados preto da raia de Portugal, termo municipal de Entrimo. A descrición dun dos corpos di: «Hábito externo: Se trata del cadáver de un hombre cuya edad oscila entre los 40 y los 44 años, de complexión robusta y talla regular. Presenta en la parte media del arco superciliar del lado iziquierdo una herida de arma de fuego corta, con orificio de salida en parte media del occipital; y otras dos del mismo carácter y forma en la zona subauricular del lado derecho».
O cadáver do político, poeta e xornalista Roberto Blanco Torres, irmán de meu avó, foi atopado canda dous corpos máis (Rizal Villamarín Iglesias, de 28 anos, escribiente, e o de Eulogio Vázquez, de 43, ebanista) no punto coñecido como Corga da Videira, no km. 67 da estrada Ourense-Portugal. Polo informe forense dedúcese que foron tiroteados contra as 4 da madrugada do día 2 de outubro. De 1936, por suposto.
A comezos de outubro de 2010, algúns familiares de Roberto acudimos, convocados polo equipo de Santi Macías, daquela vicepresidente da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, ao cemiterio de San Fiz de Galez, fermosa freguesía do Enrtrimo, onde supostamente foron soterrados os corpos dos tres infelices. Tras unha calorosa tarde de intensas emocións, as escavacións do grupo de Santi foron infrutuosas. Con certeza, na seguridade de que ninguén os ia reclamar nunca, os restos foron retirados para aloxar cadáveres moito máis recentes, que si apareceron. 
Contra a noitiña do pasado sábado día 3 de outubro, na denominada Horta do Cura, fronteira da reitoral de Santa María dos Baños de Cuntis, de onde Roberto (como toda a miña familia paterna) era natural, e organizada polo Concello da vila, houbo unha ofrenda floral no busto de Roberto, que ocupa no fermoso xardín lugar senlleiro. Setenta e nove anos despois de que o escritor dera o derradeiro alento, ao conxuro dos poemas declamados por Baia Fernández de la Torre na serenidade dunha noite de outono, o espírito do poeta voltou para encher os corazóns de ledicia e, unha vez máis, evidenciar que o seu sangue foi semente. Un mozo gaiteiro interpretou primeiro o Himno do Antigo Reino de Galicia para rematar co Fogar de Breogán, que todos entoamos con emoción. Un acto breve, elegante, sinxelo, no que me acompañaban dous Robertos máis: o meu irmán e o meu fillo. O chamado da tribo, xa sabedes, que é moi fondo. 

25.9.15

De aniversario

Hoxe, esta bitácora cumpre exactamente dez anos. 982 entradas, 2350 comentarios e case 70000 páxinas vistas. Hoxe, como aquel 25 de setembro de 2005, renovo este exercicio de solipsismo que é manter un blog, enfronto a páxina baleira e transmito para non sei quen (como non o sabía hai dez anos) os meus pensamentos, as miñas reflexións, as dúbidas, algunhas (poucas) certezas, os pros e os contras da existencia e os seus avatares. Como o náufrago desesperado, lanzo con cada post unha mensaxe pechada nunha botella, esperanzado de que a humidade non a murche antes de chegar a mans dalguén que a lea e sabia que, acaso coma el, segue existindo xente que non perdeu a esperanza. Nin as ganas de comunicar. Nin o vicio de pensar. 
Confeso que tentado estiven en moitas ocasións de renunciar e reconciliarme co máis ben escaso éxito destas páxinas. Aquel mariñeiro de Baroja, o capitán Andía, tras colaborar durante un tempo co periódico da súa vila natal, Lúzaro, comprobou, cando deixou de facelo, que ninguén lle preguntou polos seus artigos, cousa que feriu considerablemente, claro, o seu amor propio. Algo así penso que pasaría con estes Fragmentos da Galaxia. Quen os botaría de menos? Teño unha resposta: eu. E non é pouco. 

17.9.15

Corazóns partidos

Perante a tenacidade dos datos, afirman os sociólogos que en Occidente, dos últimos cincuenta para acó anos ninguén cre xa no matrimonio e que todo o mundo casa, no fondo, cunha mentalidade divorcista. O humorista José Mota clávao nun sketch que amosa a un fulano fardado de novio no altar, quen, tras a consabida pregunta do cura acerca de se quere a mengana por esposa, di: «Si, quiero», e tras un anaco, «y, si eso, luego ya yo… , pues, ya lo vamos viendo».
Resulta que no primeiro trimestre de 2015 houbo en España 34.883 nulidades, separacións ou divorcios, é dicir, agárrase, 387 parellas desfeitas por día. Atribuír este crecemento imparable á crise é tentador, claro, pois (deixando de lado que non hai mal actual que non se apoña á crise) é boa verdade que cando os cartos non entran pola porta, o amor sae pola fiestra. Pero eu, que non paro de darlle á cabeciña, intúo motivos máis fondos, que relaciono con fenómenos contraditorios. Casar non é, ao cabo, máis ca un rito de paso, como o primeiro afeitado, en orixe orientado a unha das misións máis transcendentes, cal é a perpetuación da especie. Ora ben, como vivimos nunha sociedade de gilipollas, casar converteuse na quintaesencia dunha felicidade en tetrabrik,  unha especie de película de serie b titulada o dìa máis feliz da miña vida, que, consonte a convención, debe dar comezo na voda, un botellón de luxo ao que se accede previo ingreso na conta corrente dos contraentes dun pastón, que, por regra xeral, nos trinca as vacacións ou o arranxo do garaxe.  A falsidade que se agocha en todas as memeces que hoxe se estilan para o caso (pancarta informativa do evento colgada nunha ponte da estrada cunha mensaxe de vulgaridade insuperable; vídeo musical dos novios; karaoke; disco móbil; «confesionario»…) ten o seu paradoxal correlato en que, en sete de cada dez casos, cando a parella se separa é probable que aínda estean pagando o crédito da lúa de mel en Budapest, que vén moito.
O propio dunha sociedade analxésica, na que o esforzo, o compromiso e a honesta resistencia fronte á adversidade sofren desterro é que se tire a toalla á primeira de cambio. A fin de contas, atopar espazos comúns de entendemento, unha vez se esvae a paixón de cando aínda non hai costumes, é un labor de certo sacrificio, iso tan complexo, difícil e humildemente sublime, que chamamos convivencia. Tampouco é para tanto. O matrimonio é como as mascotas: moi lindas mentres non se descobre que fan caca e pis. 

31.8.15

Calidade na universidade

Lembrado sexa cos meus máis fondos respectos para os sentimentos relixiosos de cada quen, Jaume Perich cría que  a Igrexa serve para resolver unha serie de problemas que non existirían se non existira a Igrexa. O pensamento do xenial humorista, ao xeito da pescada que morde na cola, resulta aplicable a unha manchea de actividades da vida. Por exemplo, aos procedementos de avaliación, moi de moda na universidade española de hoxe, orientados a demostrar que a calidade dunha titulación en filoloxía hebraica pódese mensurar e aínda avaliar en virtude do rigor e a sistematicidade dos procedementos que a fan posible. Ao final, cando un equipo humano se ve sometido á presión dun sistema certificado (e falo por experiencia) comeza a proer a incómoda, e por demais teimuda, sensación de que, en realidade, se traballa máis para cumprir cos preceptos dunha dinámica formal ata a extenuación que para garantir a eficiencia do produto, a calidade do cal poderíase ponderar, tal vez, sen tanta complicación. Pero, en tempos en que semella lexítimo formular en qué termos a filosofía de Sócrates resulta rendible ou tecnoloxicamente transferible, parece tamén non existir inconveniente algún en certificar a calidade dunha prestación universitaria igual ca a dun refresco de cola ou dun queixo do Cebreiro.  
Creo, non obstante, que a obsesión pola calidade, pandémica na universidade española contemporánea, é moi mala para a calidade, sobre todo cando tanta esixencia asenta nunha autognose invariablemente negativa. Levando a auga ao meu terreo déixeme, prezado lector, dicirlle algo. En todos os países que, científica e academicamente, xogan na primeira división, as editoriais universitarias son garantía de prestixio, rigor e calidade. Lembremos, apenas, que un libro, digamos, de «certa» trascendencia (A galaxia Gutenberg, de Marshall MacLuhan) foi orixinalmente publicado por unha university press, a deToronto. En España, onde é paradgimático que o ladrón pense que todos son da súa condición, ocorre exactamente o contrario: para as axencias de avaliación e acreditación as editoriais universitarias son modelos de amiguismo e ausencia de control e as editoriais académicas privadas (nas que, de costume, se paga por publicar) son dechados de transparencia, seriedade e profesionalidade.
Nos catro últimos anos, dous libros publicados polas prensas universitarias de Compostela foron editados en inglés por dúas grandes editoriais académicas multinacionais, Wiley e Springer. Pero, en España, nin a evidencia é neutral.

26.8.15

Días de furia

Unha amiga miña dedica o último domingo de agosto previo ao primeiro día laboral (cito literalmente) a deprimirme a gusto, procurando, con tal actitude, unha benéfica profilaxe das angueiras e suores que se agochan, amenazantes, no curso a piques de comezar. Non sei vostede pero eu, do catálogo de clixés estomagantes con que nos castiga periodicamente a publicidade, sinto un noxo especialmente intenso polo de volta ao cole. Xa mediando agosto, dende eses mamotretos de oito por tres metros estratexicamente colocados nas beiras das estradas, un poder oculto pero omnipotente, comeza a amargarnos as ferias co memento seguro da súa fin e o reinicio de rutinas aburridas e extenuantes. E faino con ese optimismo finxido dos hipócritas e os axentes de seguros, como se a puñetera volta ao cole fose o punto de partida dunha existencia idílica na que os cadernos cadriculados, os forros plásticos e os libros de texto semellan o pasaporte para unha illa paradisíaca do Pacífico. Perante o spot publicitario dunha margarina na que unha familia almorza ás sete da mañán dun día laboral coa mesma enerxía e ledicia de quen papa unhas nécoras con albariño nas vacacións, vaise xerando unha agresividade indisimulada contra un modelo de vida que, co tributo permanente da angustia e o estrés, zuga o mellor de nós e, aínda por riba, nos esixe unha actitude invariablemente positiva, como se a felicidade fose unha obriga e facer o gilipollas disfrazado de hippy nun clube náutico a quintaesencia dun estilo moderno e glamuroso.
Agosto é como un antroido louco e orxiástico antes das carnestolendas de setembro: vaia troula, vaia praia, verbena, combo dominicano con los ritmos tropicales, sardiñas, empanada, viño a rabiar, bailar, comer e beber ata rebentar, un programa estival do que só foxen os frikis e os amargados, que de todo hai.
Eu rindo homenaxe de admiración á sinceridade de William Foster, protagonista de Un día de furia, peli de Joel Schumacher que reflicte, coa mestría interpretativa de Michael Douglas, a náusea dun fulano farto de chorradas, que, un bo día, responde coa irreprimible violencia dun bate de béisbol a normas que el non inventou pero que se ve obrigado a cumprir. Cada vez que enxergo as ominosas sombras do outono e o peñazo dunha realidade imposta a golpe de titulares, tertulias, debates e consultas soberanistas lembro o bate de béisbol de Foster. E iso que son un tipo tranquilo e tolerante.

28.7.15

O respecto á tradición




Nun país no que, por tradición, a un corpo militar se lle chama garda civil; no que, por tradición, se matan touros, tras os escarnecer, na denominada “festa nacional”; no que, por tradición, un fato de borrachos corren pola mañanaciña, noutra festa popular, diante doutros touros para alimentar así o xornal do día con interesantes novas de dentes rompidos, costelas fracturadas e cellas purulentas; no que, por tradición, persoas que casan na igrexa, bautizan os nenos na igrexa, celebran a primeira comuñón dos nenos na igrexa, xamais se interrogaron sinceramente sobre os seus propios sentimentos relixiosos;  neste país, paradigma da coherencia, o «respecto á tradición» semella un mantra, de durísimo material, contra o que se estrelan vontades, argumentos e razóns. 
Tradicións hainas boas e malas. É bo, por exemplo, comer o polbo na Santa Minia de Brión pero malo degolar galos dependurados dunha corda nun estourido de testosterona. A tradición, que tanto engaiolou os románticos ao punto de inventaren o folklore, alicerza sempre nos ingredientes máis emocionais, e, polo tanto, subxectivos da nosa pobre cerna humana. Por iso, e na medida en que historicamente foron callando os logros da sociedade civil fronte ao peso, por veces onerosísimo, da tradición, foise establecendo tamén un difícil equilibrio entre  valores universalmente compartidos e outros suxeitos a crenzas, dignas de todo respecto, pero que, ao cabo, proceden dun credo ou confesión persoal. Un difícil equilibrio, digo, e tamén una permeación contraditoria: qué do seu valor netamente relixioso ten hoxe o Nadal, esa impúdica orxía anual de consumo? Quen, por moi laico que sexa, deixa de cear cos seus en Noiteboa? Fan todos os peregrinos por auténtica convición católica o camiño de Santiago? Encontro interior, camiño espiritual, viaxe anímico… son expresións que, dende unha concepción en orixe vencellada a un certo credo, evidencian esa permeación inevitable nun mundo no que, tras tanto sangue e sufrimento, chegamos a un acordo razoable: non compartir a túa crenza, e polo tanto as túas tradicións, non me fai nin mellor nin peor ca ti, faime, simplemente, distinto. 
Ninguén entendería que un servidor do pobo, pois para tal efecto polo pobo foi elixido, faltase a eses valores civís universalmente compartidos que fixeron da nosa unha sociedade aberta e libre. En troques, declinar a súa presenza, como autoridade civil, en ritos derivados de crenzas particulares que non son as súas alcánzaseme unha actitude, cando menos, coherente. E a coherencia é, como os billetes de 500, algo moi raro de ver por estes pagos.

20.7.15

Déficits crónicos

A xente que nos dedicamos, dende os máis variados eidos de actividade, á nobilísima arte de editar libros (a arte de escribilos e, sen dúbida, aínda máis nobre e de certo máis difícil), temos un problema (pura deformación profesional) que nos fai bastante infelices: precisamos facer as cousas ben, pois un libro,  como un automóbil ou un pasapuré, precisa ser perfecto para cumprir co seu obxecto. Se ao coche lle falla o elevalunas, ou o pasapuré se quebra  ao primeiro embate cunhas cenorias, é o mesmo que se o libro ten un erro gordo na portada: un deixa de confiar nas súas bondades, barruntando que outro día fallará o arranque ou se descubrirá outra gralla garrafal na páxina 14.
Por isto digo que, no trato profesional diario, quen aspire en España á maior calidade no que fai lévao máis claro ca un filete de croca no tobo dun lince ibérico. Non sei vostede pero eu teño a sensación de que socialmente impera a sensación indiscriminada de que dá exactamente igual como se fagan as cousas, pois, xa ben, xa mal, o resultado vai ser o mesmo, máis que nada porque, un día con outro, pode chegarse á deprimente conclusión de que os destinatarios da obra ben feita non teñen a capacidade, nin a educación, nin a formación nin sequera a sensibilidade de apreciar as súas bondades e, nun bucle retroalimentado, quen lexitimamente aspira no seu traballo á obra ben feita, ao cabo baixa a garda e acubíllase nun principio profesional tan habitual como perigoso: vale ben así. Persoalmente, e malia a preocupación obsesiva por planos estratéxicos, emprendemento, innovación e demais cacharraría terminolóxica, creo que vivimos un momento moi baixo en algo que unha sociedade nunca debe deixar de mimar: a calidade nas relacións humanas, que, na contorna laboral, adoita ser a garantía en boa medida da calidade no traballo. A cortesía, as galas dunha boa educación (que nunca deben confundirse coas dunha educación elitista), o respecto crítico á opinión allea, a tolerancia intelixente co erro e o estímulo do traballo en equipo son (direi sistematicamente?) substituídos pola zafiedade, a ordinariez, a intolerancia, a intransixencia sádica co autor do erro, o culto á ousadía e o afán de protagonismo. Nunha típica reunión ibérica de traballo, non leva razón quen mellor argumenta senón quen máis berra e unha disensión ou trasacordo sempre acaba sendo a loita entre dous machos alfa encantados de coñecerse.
Hai pouco, na carpa dunha voda, vin un cartel de tres metros por dous no que había unha delicada mensaxe nupcial dedicada polos seus amigos á noiva: Mosa, se mexas fas unha posa, cun precioso debuxo alusivo. Unha anécdota? Non, un síntoma. 

16.7.15

Versión orixinal punto es

Un amigo xornalista referiume, nun agradable xantar, a seguinte anécdota. En tempos nos que non exisitía Google (e é mester advertir que si: houbo un tempo en que non existía Google), traballaba como bolseiro para certo rotativo arxentino un rapaz, ao que, por casualidade, unha fin de semana tocoulle cubrir a nova dun pequeno sismo no extremo sur do país. Dubitativo acerca da correcta ortografía no dialecto nativo da localidade onde fora situado o epicentro, lembrou que a súa nai vivira algúns anos por aqueles pagos, nos que Cristo perdera o flequillo, e chamouna para asegurarse se o bendito topónimo indíxena era con h ou sen ela. Pero tampouco a nai soubo dicirlle. Ao cabo, o tipo arriscouse, púxolle a h ao nome da aldea e así saiu no xornal. Ao día seguinte, recibiu unha chamada da nai que, moi contenta, lle dixo que, tamén mira que casualidade, o topónimo ese polo que lle preguntara era con h, que acababa de velo no periódico.
Con esta anécdota, austral como Yupanqui ou a Cruz do Sur, quería o meu amigo ilustrarme acerca do poder  canonizador dos medios de comunicación, que, de feito, non é máis ca a versión tecnolóxica e coetánea dos mentideros, prazas maiores e corrillos tradicionais: cando o sucedido comentábase no comezo da rúa, a Felipe lle roubaran douscentos pesos e, cando a cousa chegaba ao final, a Felipe lle asasinaran a nai, violáranlle a unha irmá, matáranlle a un loro moi coñecido que tiña, que o trouxera de Cuba, e, ademais, lle roubaran mil pesos.
Que e a realidade? Hai linguas no mundo nas que non existe un equivalente conceptual do substantivo verdade, pois, de certo, non hai concepto máis mentireiro: tres persoas ollan a fachada dunha casa e a súa verdade ao respecto será probablemente uniforme nos elementos esenciais (blanca, dous andares e baixo cuberta, con tellado a dúas augas) pero notablemente diferente nos accidentais e, xa non digamos, cando entren a valoracións estéticas sobre a súa beleza, funcionalidade, harmonía… Se a isto engadimos que un dos relatores é o arquitecto, o outro curmán do construtor e o terceiro está pelexado co arquitecto, imaxinen a ensalada. Porque iso é unha noticia: unha ensalada, si, pero que que un pide sen cebola, outro con atún e aquel con moito vinagre.
A web esa do concello de Madrid, bautizada, no colmo da oportunidade Versión orixinal, é, con seguridade, a maior pajaritada da que tiven noticia nos últimos trescentos anos. E mira que, en tanto tempo, xa che vin cousas raras.  

13.7.15

Calidade e universidade

Lembrado sexa cos meus máis fondos respectos para os sentimentos relixiosos de cada quen, Jaume Perich cría que  a Igrexa serve para resolver unha serie de problemas que non existirían se non existira a Igrexa. O pensamento do xenial humorista, ao xeito da pescada que morde na cola, resulta aplicable a unha manchea de actividades da vida. Por exemplo, aos procedementos de avaliación, moi de moda na universidade española de hoxe, orientados a demostrar que a calidade, poñamos por caso, dunha titulación en filoloxía hebraica pódese acreditar non de seu senón en virtude do rigor e a sistematicidade dos procedementos que a fan posible. Ao final, cando un equipo humano se ve sometido á presión dun sistema certificado comeza a proer a incómoda, e por demais teimuda, sensación de que, en realidade, se traballa máis para cumprir cos preceptos dunha dinámica formal ata a extenuación que para garantir a eficiencia do produto, a calidade do cal poderíase ponderar, tal vez, sen tanta complicación. Pero, en tempos en que semella lexítimo formular en qué termos a filosofía de Sócrates resulta rendible ou tecnoloxicamente transferible, parece tamén non existir inconveniente algún en certificar a calidade dunha prestación universitaria calquera igual ca a dun refresco ou dun queixo do Cebreiro.  
Creo que a obsesión pola calidade, pandémica na universidade española contemporánea, é moi mala para a calidade, sobre todo cando tanta esixencia asenta nunha autognose invariablemente negativa. Levando a auga ao meu terreo déixeme, prezado lector, dicirlle algo. En todos os países que, científica e academicamente, xogan na primeira división, as editoriais universitarias son garantía de prestixio, rigor e calidade. Lembremos, apenas, que un libro, digamos, de «certa» trascendencia (A galaxia Gutenberg, de Marshall MacLuhan) foi orixinalmente publicado por unha university press, a de Toronto, en 1962. En España, onde é paradgimático que o ladrón pense que todos son da súa condición, ocorre exactamente o contrario: para as axencias de avaliación e acreditación as editoriais universitarias son modelos de amiguismo e ausencia de control e as editoriais académicas privadas (nas que, de costume, se paga por publicar) son dechados de transparencia, seriedade e profesionalidade.
Nos catro últimos anos, dous libros publicados polas prensas universitarias de Compostela foron editados en inglés por dúas grandes editoriais académicas multinacionais, Wiley e Springer. Pero, segundo para que, en España ata a evidencia pode ser sospeitosa.

6.7.15

A cousa vai ben

Os psicólogos saben ben que cando alguén se enfronta á elaboración dunha enquisa de satisfacción (do que sexa: a calidade dunha pizza; a organización dunha viaxe a Cancún ou o aproveitamento dun curso de puntilla de Camariñas), a actitude de partida é sistematicamente negativa: a masa riquísima pero a mozzarella un chisco pasada; os nove días precedentes na Riviera Maia moi ben, pero a cea de despedida unha cutrada; o ambiente bo, pero a palilleira que ensinaba unha borde e unha ordinaria. É un fenómeno digno de estudo que de  certo os psicólogos, dignos profesionais que  andan remexendo arreo nas incomprensibles fonduras abisais da psique (e mire Vde. que me quedou ben isto de “as incomprensibles fonduras abisais da psique”), poden explicar con detalle e que se relaciona, creo, coa conciencia basal de que a perfección non existe na actividade humana.
De por parte, penso que cumprimentar unha enquisa de satisfacción ten moito que ver con sentarse semanalmente a escribir unha columna para a prensa. Ao igual que o usuario de Carglass vai poñer o til máis nos defectos ca nas virtudes do servizo recibido, tamén o analista circunspecto ou o mero afeccionado (como é o caso deste crocodilo), tras analizar o aburrido inventario semanal de acontecementos, pregúntase: de que ou quen vou falar mal esta semana?, pois resulta claro que para falar ben de algo ou alguén nin paga a pena nin ligar o ordenador.  Collla vostede dez xornais, e dentro de cada un escolme dous artigos de opinión: comprobará doadamente que as vinte columnas conságranse invariablemente  a crítica, xa máis benevolente e tépeda, xa máis feroz e despiadada, do que un erudito de toda a vida chamaría a sátira mordaz dos vicios do noso tempo. Aínda a pasada finde, lía eu o artigo dun coñecido novelista nun dominical no que se peguntaba onde estarán os intelectuais españois, argumentando que, dende logo, non nas tertulias televisivas, pois a ruindade e o decepcionante maniqueísmo destas manifesta que o xenio e o estilo nin están nin se lles espera.
Contra o tsunami crónico de carraxe e pesimismo, estou percibindo unha recente experiencia, en canto membro do tribunal de certo premio literario, como un baño de auga fresca, unha catarse que me reconcilia co mellor do país: estilo, ironía, rigor na escrita, coñecemento narrativo, brillantes metáforas, historias urbanas cheas de orixinal modernidade que demostran, para alén de toda dúbida, que algo bo teremos como colectividade para producir tanto xenio. 

30.6.15

EnREDando

O chiste e da viñeta dalgún humorista gráfico (que me desculpe, per non me lembro de quen): unha mulleruca de aldea que lle di a outra: «Xa me apuntei ao feisbuk», ao que a outra indica:«Agora tes que facer a foto do perfil». A primeira pregunta: «E ló no vale de fronte?».
 A cousa ilustra, con fina retranca do país, un fenómeno de que se fai eco a prensa destes días, a partir dun estudo sociolóxico realizado por certo grupo de investigación, que, polas mostras, semella non ter nada mellor que facer (peculiaridade, polo demais, que comparten unha infinidade de grupos de investigación).  Conforme este interesante estudo, unha porcentaxe da poboación española, situada especialmente na circunvalación das sete décadas, é vítima dalgunha forma de marxinación social por non ser usuaria das redes sociais, máis aínda se manifesta un descoñecemento, xa parcial, xa máis profundo, das habelencias e estratexias sociais da Internet.
Realmente nunca hai nada novo baixo o sol e a humanidade non fai outra cousa ca reinventarse dende hai milenios. Eu imaxino que un nobre exipcio de hai cinco mil anos, badulaque e manirroto, sen una mala mastaba na que deixar repousar os seus ósos, sería igualmente vítima da exclusión social da época: «Pero home, Kefrén —diríanlle os amigos—, non me digas que non tes nin para unha mastaba. Non, se ao mellor, nin te embalsaman…», e o pobre Kefrén andaría todo o día buscando como atemperar a súa vergonza por deixarse enterrar nunha foxa común, canda escravos, labradores e outra xentalla. Coa importancia que os exipcios daban a chegar ben momificado ao xuízo de Osiris!
Hoxe, dispor dun furancho en facebook e botar medio día poñendo fotos de cando nos bautizaron,  dunha neta nacida o venres ou do solpor en Baroña tras un día de praia é  a rutina de millóns de cidadáns cultos, refinados e de lolast. Temos creado un mundo en paralelo alleo á crítica en directo (a peor de todas as críticas), os malos momentos, a halitose, os silencios molestos e o ridículo, un mundo perfecto onde un “me gusta” en calquera chorrada é unha vitoria e máis de cincuenta  nun “selfie” unha indixestión de vaidade. A cousa ten bemoles:  alguén díxome que, cando publicou en FB a morte da súa nai, tiña 250 “me gusta”. En fin. Que alguén marche feliz para o cocho, tras comprobar o éxito dunha foto das xoubas en escabeche que papou na cea  non fai dano a ninguén. O malo é que se marcha a luz queda un sen amigos. 

15.6.15

O maquinucho



Sabe vostede o que é unha metonimia? E unha sinécdoque? Acouge, ho, que non se trata de sinistras patoloxías do aparello dixestivo, malia compartirmos galenos e filólogos un léxico de base helena que, na verdade, por veces non sabe un se se refire a graves enfermidades ou a caprichos da retórica: epanadiplosis, pleonasmo ou diaporesis son vocábulos que, na consulta dun médico circunspecto poñerían pavor, e, non obstante, son inofensivos tropos. Ao que ía, que eu prendo nunha silva e logo líome. Para que vostede me entenda, a sinécdoque e a metonomia son figuras do estilo, de lindes pouco definidas, grazas ás cales Londres vale ‘o goberno inglés’ en expresións como Londres nega toda participación no conflito ou ler a Cunqueiro, ‘ler as obras de Cunqueiro’.
Este erudito introito á columna de hoxe, á parte de evidenciar os claros beneficios sociais que reporta o coñecemento filolóxico, dá foco ao fenómeno que paso a comentarlle. É o caso que un amigo meu, con consoladora sinxeleza en tempos tan complicadiños, e usando de sinécdoque (malia el non o saber), denomina maquinucho ao ordenador pero tamén á rede Internet ou, indistintamente, ao omnipotente san Google. Di o meu amigo: Hoxe queres saber quen é alguén ou mesmo como é, se loiro, baixo, chepudo ou gasta bigote, guapo ou feo, metes  o nome no maquinucho e listo: fotos de agora e de hai anos, documentos, datos, teléfono, enderezo… todo está no maquinucho e todos estamos no maquinucho, non hai quen escape.
A verdade é que o meu involuntariamente retórico amigo o clava: todos estamos no maquinucho e, queirámolo ou non, deixamos (en pasado e presente) un ronsel de datos e metadatos de nós mesmos nos abismos dixitais do ciberocéano insondable. A pretensión de borrar a pegada dixital, que acada de certo unha importante ahesión social,  ten, ao meu modo de ver, o mesmo futuro que unha banana na gaiola dun macaco. E isto é así porque, malia tal vez non decatármonos, Internet é un trasunto perfecto do mundo real e, ao igual que non resulta posible borrar de todo o noso paso polo mundo real (pois, unha vez desaparecidos, por calquera indicio, detalle, comentario indiscreto, palabra inconsciente ou casualidade impredicible, voltaremos á palestra), resulta imposible facernos desaparecer do escenario onde hoxe se desenvolve unha boísima parte do drama ou comedia cotiá que constitúe a nosa existencia: o maquinucho.