6.7.15

A cousa vai ben

Os psicólogos saben ben que cando alguén se enfronta á elaboración dunha enquisa de satisfacción (do que sexa: a calidade dunha pizza; a organización dunha viaxe a Cancún ou o aproveitamento dun curso de puntilla de Camariñas), a actitude de partida é sistematicamente negativa: a masa riquísima pero a mozzarella un chisco pasada; os nove días precedentes na Riviera Maia moi ben, pero a cea de despedida unha cutrada; o ambiente bo, pero a palilleira que ensinaba unha borde e unha ordinaria. É un fenómeno digno de estudo que de  certo os psicólogos, dignos profesionais que  andan remexendo arreo nas incomprensibles fonduras abisais da psique (e mire Vde. que me quedou ben isto de “as incomprensibles fonduras abisais da psique”), poden explicar con detalle e que se relaciona, creo, coa conciencia basal de que a perfección non existe na actividade humana.
De por parte, penso que cumprimentar unha enquisa de satisfacción ten moito que ver con sentarse semanalmente a escribir unha columna para a prensa. Ao igual que o usuario de Carglass vai poñer o til máis nos defectos ca nas virtudes do servizo recibido, tamén o analista circunspecto ou o mero afeccionado (como é o caso deste crocodilo), tras analizar o aburrido inventario semanal de acontecementos, pregúntase: de que ou quen vou falar mal esta semana?, pois resulta claro que para falar ben de algo ou alguén nin paga a pena nin ligar o ordenador.  Collla vostede dez xornais, e dentro de cada un escolme dous artigos de opinión: comprobará doadamente que as vinte columnas conságranse invariablemente  a crítica, xa máis benevolente e tépeda, xa máis feroz e despiadada, do que un erudito de toda a vida chamaría a sátira mordaz dos vicios do noso tempo. Aínda a pasada finde, lía eu o artigo dun coñecido novelista nun dominical no que se peguntaba onde estarán os intelectuais españois, argumentando que, dende logo, non nas tertulias televisivas, pois a ruindade e o decepcionante maniqueísmo destas manifesta que o xenio e o estilo nin están nin se lles espera.
Contra o tsunami crónico de carraxe e pesimismo, estou percibindo unha recente experiencia, en canto membro do tribunal de certo premio literario, como un baño de auga fresca, unha catarse que me reconcilia co mellor do país: estilo, ironía, rigor na escrita, coñecemento narrativo, brillantes metáforas, historias urbanas cheas de orixinal modernidade que demostran, para alén de toda dúbida, que algo bo teremos como colectividade para producir tanto xenio. 

No hay comentarios: