30.6.15

EnREDando

O chiste e da viñeta dalgún humorista gráfico (que me desculpe, per non me lembro de quen): unha mulleruca de aldea que lle di a outra: «Xa me apuntei ao feisbuk», ao que a outra indica:«Agora tes que facer a foto do perfil». A primeira pregunta: «E ló no vale de fronte?».
 A cousa ilustra, con fina retranca do país, un fenómeno de que se fai eco a prensa destes días, a partir dun estudo sociolóxico realizado por certo grupo de investigación, que, polas mostras, semella non ter nada mellor que facer (peculiaridade, polo demais, que comparten unha infinidade de grupos de investigación).  Conforme este interesante estudo, unha porcentaxe da poboación española, situada especialmente na circunvalación das sete décadas, é vítima dalgunha forma de marxinación social por non ser usuaria das redes sociais, máis aínda se manifesta un descoñecemento, xa parcial, xa máis profundo, das habelencias e estratexias sociais da Internet.
Realmente nunca hai nada novo baixo o sol e a humanidade non fai outra cousa ca reinventarse dende hai milenios. Eu imaxino que un nobre exipcio de hai cinco mil anos, badulaque e manirroto, sen una mala mastaba na que deixar repousar os seus ósos, sería igualmente vítima da exclusión social da época: «Pero home, Kefrén —diríanlle os amigos—, non me digas que non tes nin para unha mastaba. Non, se ao mellor, nin te embalsaman…», e o pobre Kefrén andaría todo o día buscando como atemperar a súa vergonza por deixarse enterrar nunha foxa común, canda escravos, labradores e outra xentalla. Coa importancia que os exipcios daban a chegar ben momificado ao xuízo de Osiris!
Hoxe, dispor dun furancho en facebook e botar medio día poñendo fotos de cando nos bautizaron,  dunha neta nacida o venres ou do solpor en Baroña tras un día de praia é  a rutina de millóns de cidadáns cultos, refinados e de lolast. Temos creado un mundo en paralelo alleo á crítica en directo (a peor de todas as críticas), os malos momentos, a halitose, os silencios molestos e o ridículo, un mundo perfecto onde un “me gusta” en calquera chorrada é unha vitoria e máis de cincuenta  nun “selfie” unha indixestión de vaidade. A cousa ten bemoles:  alguén díxome que, cando publicou en FB a morte da súa nai, tiña 250 “me gusta”. En fin. Que alguén marche feliz para o cocho, tras comprobar o éxito dunha foto das xoubas en escabeche que papou na cea  non fai dano a ninguén. O malo é que se marcha a luz queda un sen amigos. 

No hay comentarios: