7.6.15

What's up, doc?



Cun bolígrafo pódese escribir o máis fermoso poema ou causar un mal irremediable. Un monitor TFT é algo máis ca un marabilloso enxeño técnico pois nel poden ter lugar accións nobres ou verificarse as máis viles ignominias, que, nun e noutro caso, baten de xeito contundente na nosa conciencia ou sensibilidade.
A tecnoloxía, de seu, non é boa nin mala: estou certo de que os primeiros sabios que determinaron as condicións da fusión e a da fisión nuclear non podían nin imaxinar que un día de agosto (pronto fará setenta anos xustos) un artefacto con 64 kg de uranio ía causar nunha cidade xaponesa unha destrución e unha dor inconcibibles. 
Somos os actores dun mundo dominado pola tecnoloxía, nunha escalada sen precedentes que converteu unha porción de chintófanos en elementos xa non necesarios senón vitais para a nosa vida cotiá e as nosas relacións sociais. Lembro, xa cun aquel de saudade, os tempos en que resistirse ao teléfono celular tiña algo de actitude quixotesca, como de melenudo romántico que desbota os convencionalismos familiares dunha novia burguesa e ben pensante. Hoxe, non dispor dun smartphone é acumular méritos abondos para ingresar por vía directa na orde dos frikis. O espectáculo, na actualidade frecuente ata o aburrimento, sería indescifrable hai vinte anos:  un conxunto de seres humanos (nun restaurante, nun vagón de metro, na sala de espera dun ambulatorio, nos bancos duna alameda…) entregados con visible fruición á contemplación dun pequeño aparello, do que terman normalmente coa man esquerda, mentres cos dedos da destra efectúan curiosos movementos cabalísticos sobre a superficie, tersa e cristalina, do cachivache, todo, ademais, acompañado dunha execución xestual propia dun diálogo con cousa viva: sorrisos, acenos de preocupación, de asombro…, que semellan non causar pudor algún no executante.   
A pregunta non é se poderiamos vivir sen ordenador, nin se poderíamos vivir sen Internet, nin se poderiamos vivir sen móbil: a pregunta é se poderiamos vivir sin WhatsApp. Mesmo na caótica fervenza tecnolóxica na que decorren os nosos días, existen puntos de inflexión determinantes, que definen un antes e un despois e WhatsApp é un destes puntos. WhatsApp é a conexión síncrona sen fin, sen límite de tempo, sen límite de espazo, e iso entrana un inimaxinable potencial fascinante e aterrador, de consecuencias imprevisibles. Digo, e manteño, que a tecnoloxía é neutra e as súas categorías éticas dependen  do seu uso. WhatsApp é a liberdade, o ceo, WhatsApp é a escravitude, o inferno. 


No hay comentarios: