Sabe vostede
o que é unha metonimia? E unha sinécdoque? Acouge, ho, que non se trata de sinistras
patoloxías do aparello dixestivo, malia compartirmos galenos e filólogos un
léxico de base helena que, na verdade, por veces non sabe un se se refire a
graves enfermidades ou a caprichos da retórica: epanadiplosis, pleonasmo
ou diaporesis son vocábulos que, na
consulta dun médico circunspecto poñerían pavor, e, non obstante, son
inofensivos tropos. Ao que ía, que eu prendo nunha silva e logo líome. Para que
vostede me entenda, a sinécdoque e a metonomia son figuras do estilo, de lindes
pouco definidas, grazas ás cales Londres
vale ‘o goberno inglés’ en expresións como Londres
nega toda participación no conflito ou ler
a Cunqueiro, ‘ler as obras de Cunqueiro’.
Este erudito
introito á columna de hoxe, á parte de evidenciar os claros beneficios sociais
que reporta o coñecemento filolóxico, dá foco ao fenómeno que paso a
comentarlle. É o caso que un amigo meu, con consoladora sinxeleza en tempos tan
complicadiños, e usando de sinécdoque (malia el non o saber), denomina maquinucho ao ordenador pero tamén á rede Internet ou, indistintamente, ao omnipotente san Google. Di
o meu amigo: Hoxe queres saber quen é
alguén ou mesmo como é, se loiro, baixo, chepudo ou gasta bigote, guapo ou feo, metes o nome no
maquinucho e listo: fotos de agora e de hai anos, documentos, datos, teléfono,
enderezo… todo está no maquinucho e todos estamos no maquinucho, non hai quen
escape.
A verdade é
que o meu involuntariamente retórico amigo o clava: todos estamos no maquinucho
e, queirámolo ou non, deixamos (en pasado e presente) un ronsel de datos e
metadatos de nós mesmos nos abismos dixitais do ciberocéano insondable. A
pretensión de borrar a pegada dixital, que acada de certo unha importante
ahesión social, ten, ao meu modo de ver,
o mesmo futuro que unha banana na gaiola dun macaco. E isto é así porque, malia
tal vez non decatármonos, Internet é un trasunto perfecto do mundo real e, ao
igual que non resulta posible borrar de todo o noso paso polo mundo real (pois,
unha vez desaparecidos, por calquera indicio, detalle, comentario indiscreto,
palabra inconsciente ou casualidade impredicible, voltaremos á palestra),
resulta imposible facernos desaparecer do escenario onde hoxe se desenvolve
unha boísima parte do drama ou comedia cotiá que constitúe a nosa existencia: o
maquinucho.
No hay comentarios:
Publicar un comentario