Lembrado
sexa cos meus máis fondos respectos para os sentimentos relixiosos de cada quen,
Jaume Perich cría que a Igrexa serve
para resolver unha serie de problemas que non existirían se non existira a
Igrexa. O pensamento do xenial humorista, ao xeito da pescada que morde na cola,
resulta aplicable a unha manchea de actividades da vida. Por exemplo, aos procedementos de avaliación, moi de moda na universidade española de hoxe,
orientados a demostrar que a calidade, poñamos por caso, dunha titulación en filoloxía hebraica
pódese acreditar non de seu senón en virtude do rigor e a sistematicidade dos
procedementos que a fan posible. Ao final, cando un equipo humano se ve
sometido á presión dun sistema certificado comeza a proer a incómoda, e por
demais teimuda, sensación de que, en realidade, se traballa máis para cumprir
cos preceptos dunha dinámica formal ata a extenuación que para garantir a
eficiencia do produto, a calidade do cal poderíase ponderar, tal vez, sen tanta
complicación. Pero, en tempos en que semella lexítimo formular en qué termos a
filosofía de Sócrates resulta rendible ou tecnoloxicamente transferible, parece
tamén non existir inconveniente algún en certificar a calidade dunha prestación universitaria calquera igual ca a dun refresco ou dun queixo do Cebreiro.
Creo que a obsesión pola calidade, pandémica na universidade española
contemporánea, é moi mala para a calidade, sobre todo cando tanta esixencia
asenta nunha autognose invariablemente negativa. Levando a auga ao meu terreo
déixeme, prezado lector, dicirlle algo. En todos os países que, científica e
academicamente, xogan na primeira división, as editoriais universitarias son
garantía de prestixio, rigor e calidade. Lembremos, apenas, que un libro,
digamos, de «certa»
trascendencia (A galaxia Gutenberg,
de Marshall MacLuhan) foi orixinalmente publicado por unha university press, a de Toronto, en 1962. En España, onde é paradgimático que
o ladrón pense que todos son da súa condición, ocorre exactamente o contrario:
para as axencias de avaliación e acreditación as editoriais universitarias son
modelos de amiguismo e ausencia de control e as editoriais académicas privadas
(nas que, de costume, se paga por publicar) son dechados de transparencia,
seriedade e profesionalidade.
Nos catro últimos anos, dous libros publicados polas prensas universitarias de Compostela foron editados en inglés por dúas grandes editoriais académicas multinacionais, Wiley e Springer. Pero, segundo para que, en España ata a evidencia pode ser sospeitosa.
Nos catro últimos anos, dous libros publicados polas prensas universitarias de Compostela foron editados en inglés por dúas grandes editoriais académicas multinacionais, Wiley e Springer. Pero, segundo para que, en España ata a evidencia pode ser sospeitosa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario