4.10.15

Sangue que foi semente

No expediente número de orden 187, legajo 8 do arquivo do goberno militar do Ferrol consta o alzamento de varios cadáveres, verificado polo médico forense D. Ildefonso Santalices Pérez, atopados preto da raia de Portugal, termo municipal de Entrimo. A descrición dun dos corpos di: «Hábito externo: Se trata del cadáver de un hombre cuya edad oscila entre los 40 y los 44 años, de complexión robusta y talla regular. Presenta en la parte media del arco superciliar del lado iziquierdo una herida de arma de fuego corta, con orificio de salida en parte media del occipital; y otras dos del mismo carácter y forma en la zona subauricular del lado derecho».
O cadáver do político, poeta e xornalista Roberto Blanco Torres, irmán de meu avó, foi atopado canda dous corpos máis (Rizal Villamarín Iglesias, de 28 anos, escribiente, e o de Eulogio Vázquez, de 43, ebanista) no punto coñecido como Corga da Videira, no km. 67 da estrada Ourense-Portugal. Polo informe forense dedúcese que foron tiroteados contra as 4 da madrugada do día 2 de outubro. De 1936, por suposto.
A comezos de outubro de 2010, algúns familiares de Roberto acudimos, convocados polo equipo de Santi Macías, daquela vicepresidente da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, ao cemiterio de San Fiz de Galez, fermosa freguesía do Enrtrimo, onde supostamente foron soterrados os corpos dos tres infelices. Tras unha calorosa tarde de intensas emocións, as escavacións do grupo de Santi foron infrutuosas. Con certeza, na seguridade de que ninguén os ia reclamar nunca, os restos foron retirados para aloxar cadáveres moito máis recentes, que si apareceron. 
Contra a noitiña do pasado sábado día 3 de outubro, na denominada Horta do Cura, fronteira da reitoral de Santa María dos Baños de Cuntis, de onde Roberto (como toda a miña familia paterna) era natural, e organizada polo Concello da vila, houbo unha ofrenda floral no busto de Roberto, que ocupa no fermoso xardín lugar senlleiro. Setenta e nove anos despois de que o escritor dera o derradeiro alento, ao conxuro dos poemas declamados por Baia Fernández de la Torre na serenidade dunha noite de outono, o espírito do poeta voltou para encher os corazóns de ledicia e, unha vez máis, evidenciar que o seu sangue foi semente. Un mozo gaiteiro interpretou primeiro o Himno do Antigo Reino de Galicia para rematar co Fogar de Breogán, que todos entoamos con emoción. Un acto breve, elegante, sinxelo, no que me acompañaban dous Robertos máis: o meu irmán e o meu fillo. O chamado da tribo, xa sabedes, que é moi fondo. 

No hay comentarios: