3.6.10

Análises

Alguén, máis benevolente ca obxectivo, transmitiume os seus parabéns pola miña análise do post anterior. Análise? Vade retro!! Eu non fago análises. Análises as fan os pacientes de colesterolemia, os alumnos de gramática da secundaria, os maiores de cincuenta por aquilo do PSA, e sobre todo, a innúmera lexión dos así chamados analistas que a diario asoman aos xornais para bombardear as conciencias do sufrido contribuínte a prol dunha ou outra posición política, cal heresiarcas medievais que enviaban cartas aos seus acólitos para non desesperaren ante o medo ao lume purificador. Non. Eu non fago, nin quero nin, de certo, sei facer análises. Para este tipo de diseccións do plan de emprego do Goberno, do caso Gürtel, do decreto do galego ou da última machada inmobiliaria de Gondomar hai que aprofundar en detalles en extremo aburridos, ler moitos xornais, cotillear a cotío e andar en corrillos de díxome díxome, exercicios todos eles dos que, xa por tendencia involuntaria, xa por elemental profilaxe, me manteño prudentemente afastado.
Estes fragmentos meus son, creo eu, calquera cousa menos análises. Facer análises, ou cando menos facer análises solventes, implica ser serio, rigoroso, dispor de moita documentación e construír, perfilar e ligar moi finamente argumentacións complexas, e a min ser serio, rigoroso e estar magnificamente documentado son cousas que me inspiran unha preguiza insalvable.
Eu, digamos que coloco a realidade perante o meu persoal espello, cóncavo ou convexo conforme teña o día, e o que ofrecen estes posts é o resultado de tan asistemático reflexo, pero nunca movidos pola máis mínima intención de convencer ao lector, que é o que, basicamente, busca o analista. Que fica moito no tinteiro? Que os argumentos resultan incompletos? Que con tal ausencia de compromiso coa obxectividade calquera escribe? Pois é verdade, pero, que se lle vai facer! Aquí, como na pensión de La colmena, hai pouco de comer, pero, cando menos, comemos todos do mesmo. Do que hai.

2.6.10

Os malos da película

Seguindo tradicións clásicas, os filósofos e teólogos medievais diferenciaban, en toda magnitude racional, as essentiae dos accidentes. Aquelas son fixas, inmanentes; estes mutables, resultado dunha determinada conxunción de circunstancias. É o consolo que nos queda. Para min, a fermosa paisaxe da Amaía, coa que, cal beneficiosísimo bálsamo, agasallo á miña maltreita psique sempre que podo a base de gratos paseos é unha doce e reparadora essentia. Se, en troques, penso no vai e vén ao que me somete un goberno que, como a veleidosa donna operística, muta di accento e di pensiero dun día para o outro, penétrame a angustia derivada de ser vítima dun accidens, que máis ca un accidente é un ostiazo de moitos pares de estralos. Será o meu miserable 5% de desconto no soldo de funcionario a palinxenesia que precisa un país con milleiros de coches oficiais, 8000 concellos, lexións de asesores, decenas de gobernos autónomos, universidades, parlamentos, conselleiros, directores xerais, subdirectores, secretarios xerais técnicos, viaxes e francachelas millonarias? Isto é a estructura do país, e, de verdade, eu non teño grandes esperanzas en que, no statu quo de 2010, toda esta insensatez teña remedio.
Que fermosa é a Amaía en primavera! Rebenta de luz, verde e cor de rosas.

27.5.10

Enérgeia

Wilhelm von Humboldt, que foi un sabio alemán decimonónico que -en tanto sabio, alemán e decimonónico- o mesmo valía para un rompido ca para un descosido, cría fondamente na capacidade creativa do ser humano. Estableceu unha estética da creatividade (que, nesa ausencia de solución de continuidade das ideas, chegou á perversión nacionalsocialista vía, como non, Nietzsche) e aplicouna á linguaxe usando dos conceptos gregos de érgon, é dicir, produto, resultado, e enérgeia -de feito, resultado da prefixación en érgon-, ou sexa o proceso que conduce a ese produto ou resultado. Resulta, así, que toda actividade humana -e nomeadamente a linguaxe, sen dúbida o noso máis complexo sistema racional- son enérgeia e érgon, proceso creativo e resultado final.
Eu, como editor, sonlles máis de enérgeia ca de érgon. Non é que, no momento de recepcionar o produto, cando me pasan aviso do almacén de que chegaron as caixas coa tiraxe dunha nova edición, non se me poña a bulir un formigueiro no ventre, pois recibir o libro, obxecto de tantos desvelos durante semanas, meses ou, mesmo, anos, ten o seu aquel de emoción e descuberta. El virá ben? Tírase o primeiro exemplar da caixa, mírao un de esguello, coma se queimase, agardando ver a gralla fatal, a errata traizoeira cando menos se espera. Todo parece normal. O editor contento, o autor contento. Un ser que agora é autónomo; un momento, si, o do seu natalicio, emocionante.
Pero nada hai comparable ao proceso en si. Creo que foi a Cela a quen lle lin nunha entrevista que para el non habia momento máis deprimente que o de poñerlle o punto e final a unha novela, pois o que de veras lle apaixonaba como escritor era a creación. A min como editor pásame o propio. O que me pon é crear. Intercambiar puntos de vista, opinións e propostas co autor, o creativo, o maquetista ou o deseñador sobre a caixa, as tipografias, a disposición das epígrafes, a distribución das ilustracións e os brancos, decidir formatos, volumes, cores, determinar o papel co impresor, parir a cuberta... creo que é o que fai do labor editorial unha aventura excitante e retadora. Porque debe vostede saber que, malia a súa aparente indiferenza, a morea de follas DIN A4 impresas ou o .pdf dixital, dos que partimos para editar o que un día será un libro, teñen alma e misterio, un arcano oculto que, escuro como a voz das pantasmas pero intelixible para quen saiba percibilo, susurran o libro que lles gustaría ser. E a misión do editor é escoitar e poñer forma a este susurro.

As uvas na galaxia

Na casa de Marcos xa non hai ninguén, parece mentira. Unha casa que era a a de todos, unha casa que non sabía de portas, pestillos nin pechaduras. Toda luz, toda vidros e fiestras dende onde se miraba o ancho mundo, a mar inmensa, unha solaina aberta ao ceo infindo.
Si se calla el cantor calla la vida
porque la vida misma es todo un canto.
Si se calla el cantor muere de espanto
la esperanza, la luz y la alegría.

Por ti, Marcos, e as túas doces, tenras e douradas uvas. Nesta casa sempre haberá unha alcoba agardándote.

25.5.10

Terapeuta

A necesidade de balizar o texto -isto é, a separación das palabras e o uso dos signos de puntuación- naceu e se desenvolveu consonte a lectura deixou de ser unha actividade que necesariamente tiña que ser exercida en alta voz, pois só a declamación acústica (e non a lección mental) era quen de interpretar un texto que carecía de espazos entre as palabras e de signos de puntuación hoxe tan imprescindibles como as comas ou os puntos.
Toda mudanza tecnolóxica implica, polo tanto, períodos de convivencia entre o vello costume e a práctica innovadora. Seica atribúen ao erudito santo de Hipona o testemuño da estrañeza que, na baixa latinidade, producía contemplar alguén que lía silenciosamente, concentrado no volumen do que termaba nas mans, case como cousa de inspiración diabólica.
Tamén, na gran epopea medieval de Eco, Abbone, o abade do cenobio onde se a trama ten lugar, fai na mesa -como mostra consciente do seu nobre berce- elegante e correcto uso do garfo, en tempos en que se xantaba, tal facemos na actualidade co pan, collendo o alimento coas mans. Hoxe, a lectura silenciosa e o garfo son prácticas centenarias e parte de rutinas que parece mentira algunha vez non existisen.
Algo así acontece, creo, coas tecnoloxías actuais. Alguén moi cercano sorprendeume a min mesmo o outro día co seguinte comentario:
-Carallo que lle colleches gusto ao e-book! Hai semanas que non te vexo cun libro na man!
O curioso (e, no fondo, paradoxal) do comentario é que, ben en troques, levo, en efecto, tres semanas cun libro na man. Ou, máis ben, cun soporte de centos de libros. Pero, ao cabo, léndoos -como é natural- de un en un.
Chegará, acaso, o día en que o libro impreso sexa para a humanidade unha borrosa lembranza e un obxecto de veneración museística, como o son hoxe os belísimos manuscritos miniados medievais? Quen sabe. No entanto, percibo manifestacións que, por baixo da sua brincadeira natureza, acenan cara a unha xeración que ten xa, sen volta atrás, a hipertecnoloxía como alicerce do seu desenvolvemento persoal.
O meu fillo Roberto, de quince anos, contoume o outro día o que el calificou como un chiste:
-Que é un terapeuta? Mil vintecatro gigapeutas.
Un chiste? Pura socioloxía. Xa saben, os nativos dixitais.

19.5.10

Évidement!

Nun artigo que publicamos en certa revista de humanidades, o autor comezaba afirmando que a proposta que, de seguido, ia expoñer, non lle parecía arriscada; en realidade dicía (ad pedem litterae): Me non somella desgoberno dos miolos afirmar que... Imaxine o resto.
Non sei que pensará vostede, pero eu, que boto a vida lendo, revisando, contrastando, corrrixindo. comprobando e unificando sesudas argumentacións científico-técnicas, aprecio cada vez máis o minimalismo expresivo, a sensatez sintáctica, a cordura estilística, a fluidez discursiva (e conste que non me gabo de que estes fragmentos adoezan de ningunha de tales virtudes). Xa saben, aquilo tan socorrido de pensar de xeito complexo e falar (ou escribir) de xeito simple, e non ao revés.
Creo que temos satanizado o valor do obvio, desas verdades coma puños que agochamos por non parecermos excesivamente superficiais ou pouco profundos e sublimamos por obra e graza de complexas perífrases e atroces virguerías que, alén de voltar críptico e noxento o discurso, aburren e esnaquizan o entendemento. E o obvio, como a bris dunha mañán de primavera, é refrescante, saudable, ordena o caos e pon de novo o seu simple nome a cousas que pensabamos tiñan un nome moito máis complicado. O rexeitamento da evidencia, como base do pensamento, é algo, creo, anexado inevitablemente ao hiperdesenvolvemento tecnolóxico e o grave infarto informativo no que vivimos. O home do campo vive absolutamente reconciliado coa evidencia e aprende dela.
Unha vez, de excursión no idílico Courel, despois de varias voltas, viravoltas e reviravoltas tentando topar a casa rural á que iamos destinados, absolutamente extraviados nunha mesta urdime de "camiños rurais" que o vulgo chama pistas (por suposto sen ningunha indicación), arrisquei a preguntar a un vello que, á beira da estrada, custodiaba unhas cabras. Eu buscaba Paderne. Ao pouco, decateime que o petrucio, servicial e bondadoso, se dispoñía a tomar o seu tempo e, moi ao seu sabor, servirme unha desas explicacións orientativas do país, tan enxebres coma endiañadamente inintelixibles. Despois de varias indicacións precisas (unha planada na que aparcan os coches; un camín que se mete así para esta man -e dobraba a man dereita cara á esquerda-; unha ponte que hai, que esa non a tein que coller; unha subida moi subida...) o meu informante rematou a súa detalladísima folla de ruta cunha guinda simplemente sublime.
-E, ao chegaren a Paderne, xa hai un cartel que pon... (detívose un microsegundo, intuíndo que ía dicir unha tontería pero a cousa xa non tiña remedio)... que pon... Paderne.
Tentado estiven de baixar do coche, tirarlle a pucha da cachola e bicarlle as canas.

16.5.10

Quesomosdeondevimosaondeimos

Non hai nada máis fuxidío, pero ao tempo máis implacable, ca o tempo. Un amigo deste furancho dicíame nun post pasado que o gran mestre de case todo, o tempo, pon cada cousa no seu lugar. E, así, do milleiro de blogs que daquela existían, el prevía a segura morte, por vía de abandono, da maior parte deles. Outros, aseguraba o meu crítico, manteríanse.
Non sei ata que punto se ten cumprido o vaticinio. Certo é que unha infinidade de locais máis ou menos frívolos, circunstanciais, oportunistas, excesivamente persoais ou abertamente estúpidos e intrascendentes botaron o peche, ou, mesmo, tiveron unha existencia, amén de anónima, estritamente xerminal. Pero, en troques, unha soa ollada ao blogomillo testemuña o nivel de supervivencia non só de milleiros de locais senón, nalgúns casos, de como certas bitácoras (de todos coñecidas) se teñen ido conformando como espazos moi frecuentados, en franca competencia cos mass media tradicionais.
De por parte, este local segue tendo a mesma existencia catacumbática que o día que naceu, quitado un fateixo, tan excelso como exiguo, de amigas e amigos que me honran coas súas visitas e comentarios, o que, de certo, está detras da miña sistemática negativa ao abandono. Porque, por outra banda, Fragmentos da Galaxia é calquera cousa menos unha peneira da actualidade, o cal a converte, creo eu, nunha blog bastante heterodoxa e estraña, sobre cuxo potencial atractivo eu mesmo me teño inqurido moitas veces. A min a actualidade abúrreme moitísimo. Para o cumprido comentario da decisión de Zapatero (que, por certo, me afecta nun 5%); do vindeiro campión de liga; das últimas travesuras de Garzón ou o importante descubrimento crítico de que a Novoneyra lle amolaban os zapatos de rejilla están, ademais dos medios de comunicación (coñece Vde. un exercicio maior de aburrimento ca ler o xornal?), unha boa parte dos meus colegas bloggers. A min e a este local fícanos o difícil compromiso de parir con certa frecuencia paparruchas de varia lectura e asunto para un selectísimo grupo de amigos que, curiosisimamente, nalgún caso mesmo as len ata o final. Unglaublich!

11.5.10

Sancta sanctorum

A biblioteca do avó está aloxada no soto da miña casa. Alí, no meu sancta sanctorum particular, amoréanse milleiros de libros de provecta idade, obxectos de escritorio, cadros, títulos académicos, cartaces repletos de vellos papeis, todo o que foron reunindo de xeito asistemático membros diversos de dúas xeracións da miña tribo. Alí, nese espazo de vinte metros cadrados conflúen afáns, vivencias, ilusións, entusiasmos, esforzos e esperanzas de moitas persoas. Alí, co indispensable concurso da música (Sakamoto Volllenweider, Satie, Nyman, Glass... son asiduos dese ámbito), nunha sorte de túnel do tempo, convoco aos meus deuses lares e penates e escoito a súa voz e percibo o seu tacto sobre cada un dos libros; as súas procuras deste ou aqueloutro volume nos andeis; o dourado das escribanías e o suave abrir e pechar dos bades de gutapercha; o fluír viscoso da tinta escura nos tinteiros e o o rozamento ríspido do talco que protexe as plumillas; o riso de papá e o seu galego roufeño cando, con indisimulada delectación, aloumiñaba o meu cativo imaxinario de neno con historias sublimes e cheas de luz, como os segredos da gran biblioteca de seu pai, e outras, mestas de dor e escuridade, como o asasinato de Roberto en outubro de 1936
Non dubido do carácter museístico, conscientemente melancólico e estatuario deste espazo. Non pretendín evitalo, ben en troques, creo que o incentivei coa escolma coidadosa dos obxectos que harmonizaban con tal natureza e o rexeitamento daqueloutros que a quebraban.
Moitas veces, cando abandono, tras horas de comuñón coa grata saudade da estirpe, o meu querido recanto de desconexión, sinto un calafrío que me lembra que, alén as súas paredes, respira o mundo. Pero é unha magnífica terapia para evitar certas tentacións. Para evitar, por exemplo, coller o meu lector de e-book e tiralo ao corbe do lixo. El, o pobriño, tamén ten recantos, andeis, e libros, milleiros de libros. Pero é outra cousa.

8.5.10

Iconoclastia

Como en tiempo de Nerón, el pagano Constantino y sus secuaces, en nombre de Dios, de Jesucristo y de su religión, aquellos monstruos de fanatismo hacían tragar a sus víctimas líquidos inflamables y luego les prendín fuego por la boca, haciéndoles perecer en medio de torturas atroces con las entrañas abrasadas.
De xeito tan explícito e truculento relata un vello mamotreto decimonónico que posúo a finura con que trataban os iconoclastas nos séculos lonxanos da Idade Media a aqueles que non compartían o seu noxo polas imaxes. Hoxe, en tempos nos que, por regra xeral, gastamos máis deferencia con quen pensan distinto a nós, iconoclasta, en virtude dese fenómeno léxico tan rendible que coñecemos como metáfora, aplícase a quen rexeita a autoridade de mestres, normas e modelos. Sen chegar eu a tanto, si creo que ser un chisco iconoclasta é extraordinariamente positivo pois axuda a relativizar a importancia que atribuímos ás cousas que facemos, co cal se establece unha fluída canle de drenaxe para presións, estreses, angueiras e agobios variados. Eu río moito para os meus adentros da trascencencia e seriedade que a xente pode chegar a conceder a actividades que, no fondo, non teñen ningunha.
O outro día, alguén me describía con desproporcionado entusiasmo unha videoconferencia coa viúva de Borges, María Kodama en certo congreso (tan absolutamente inútil como todos os congresos). Sendo a relatora persoa da miña gran confianza, cando, ao que rematou, eu, inmune ao seu entusiasmo, repliquei que a min con quen me encantaría manter unha videoconferencia é con Elsa Pataky, chamoume iconoclasta. Hai que ver.

7.5.10

Candidatos

Certa pintada -reinvidicativa da liberdade de dous mozos, excesivamente patriotas, que obra nas paredes dun edificio próximo á miña residencia- debeu ficar gravada a lume, por razóns que me resultan ignotas, na psique do meu pequeno Juanpe, que vén de cumprir os doce.
Ignorante o neno de quen é o galardoado este ano nas Letras Galegas, manifesteille sen disimulo a miña indignación. Quixen aguilloar a memoria do cativo:
-A ver se che soa: Uxío... (e ascendín o ton, nesa prosodia caracteristicamente escolar que estimula a que o alumno continúe o que o profesor inicia).
O neno respostoume, con semblante grave:
-Uxío e Xiana.
El non farían candidatos ás Letras do 2045, por exemplo?
Nice weekend!
(Máis sobre pintadas).

3.5.10

Un pensamento fuxidío

Unha das cousas que máis me gusta de manter un blog (non me prestaría máis, tal vez, manter unha querida, como manda a tradición?) é que un somete os seus pareceres, opinións, ideas non ao criterio dos amigos, que, por tal condición, edulcoran moitas veces un parecer contrario cos azucres do afecto, senón á picota permanente de xentes que acceden ao local dun descoñecido, ou case, e que non teñen o máis mínimo empacho en poñer ao propietario a feder, o cal, no meu caso, lonxe de molestarme, me resulta especialmente estimulante. Gustos e afeccións -musicais, literarios, plásticos...-, xuízos e argumentos -políticos, culturais, sociolóxicos, históricos...- que eu daba por sentados (porque un, amais de túzaro, é un chisco vaidoso), resulta que postos ao universal coñecemento, por obra e arte da cibertecnoloxía, son sometidos a sospeita ou dúbida cando non abertamente deostados, ofendidos e vilipendiados, dentro, claro é, das lindes prístinas que sinalan a boa educación e a cortesía. Penso, en concreto, nun par de irmáns que por aí andan, que son peores que aqueles Malasombra, que eran malos de verdad.
Non sabe Vde. o agradecido que estou a cada trasacordo, a cada xuízo encontrado, a cada opinión contraria de todos os que se teñen verquido nesta humilde tasca! Que grande escola de coñecemento é a dúbida! Que grande fonte de tolerancia é a crítica!

2.5.10

Tres cosas tiene la vida

Eu, de pequeno, cando ía coa miña familia á praia -a Rianxo, as Sinas ou a Illa de Arousa (o descubrimento da gran costa do norte veu despois, coa adolescencia)- pensaba que os mariñeiros eran dunha raza distinta, a pervivencia dunha caste de fenicios, mouros e axitanados, usuarios dunha fala na que os eses eran como o siseo dunha serpe.
É así que as condicións en que se desenvolve o traballo das persoas modifica non só a súa conduta e condición psicosocial senón aínda o seu aspecto físico. No caso dos mariñeiros, o contacto permanente coa salgadura da auga e a crueza da intemperie e o sol os volve pretos e lles endurece a pel. Lembro eu a un señor Toja, vello mariñeiro de Laxe, home de talla avantaxada, gran filósofo e charlista, coñecedor de todos os cabos, furnas, cons e praias dende Fisterra ata as Sisargas, que tiña a pel dura e atezada, como o coiro dunha silla antiga.
No caso dos homes modernos e urbanos, que temos esquecido absolutamente os ritmos que marca a infinita sabedoría de Nai Natura, todas as consecuencias das nosas condicións laborais son malas: dor de lombo, hipertensión, estrés, cefaleas, atrofias musculares, depresión, ansiedade, mala ostia... Todo o cal se atenúa considerablemente en canto un asume que o traballo non é máis ca unha forma de levar o pan a casa, e non unha tarefa mesiánica, imposta polos deuses como os labores de Hércules, imprescindible para a boa marcha da sociedade. Certo é que a sentenza ninguén é imprescindible é característica dos mediocres e inútiles (que, sendo perfectamente prescindibles -eles si- menudean, non obstante, de xeito especialmente notable nos últimos tempos), pero entre desenvolver, con rigor e certa dose de paixón, un traballo de calidade e pensar que o que facemos ten unha íntima relación co futuro da civilización occidental hai termos medios, e aí, nos termos medios -como pasa case sempre- resulta atoparse a verdadeira sabedoría. Digo isto último porque a unversidade é un territorio no que os tipos e tipas persuadidos de estaren desenvolvendo un labor de consecuencias comparables ao descubrimento da estrutura do ADN ou o principio da termodinámica son abundantísimos. Xa saben, o xenio incomprendido, como Ignatius Reilly.
Unha suxestión erudita: compense vostede as afiadas arestas do seu traballo (que non dubido que sexa importantísimo, conste) con tres cousas (creo que o pensamento é de don Arturo Schopenhauer): un/ha cónxuxe compracente; un pequeno xardín e unha gran biblioteca. Xa me contará.
Nota de xenética textual: cando empecei este post, eu quería falar doutra cousa; en concreto, da permanente desorde en que se desenvolve o meu traballo como editor. Pero, xa ve, funme enrrollando e, emulando a don Jorge, cego e arxentino, tirando por senderos que se bifurcan, cheguei ao final sen falar do que quería. Ben, para un domingo pola mañán, non está mal: remato un post e, como millo vello en hórreo, fico coa idea doutro. Abur.

28.4.10

Os sete magníficos (reitores)

Por riba (ou por baixo) de lexítimas predileccións e gustos persoais, que, coa que está caendo, haxa sete candidatos/as a reitor/a na minerva compostelá non deixa de ser significativo. Significativo de non sei que, pero significativo. Algunhas propostas de por que que haxa sete candidatos a reitor na minerva compostelá non deixa de ser significativo poderían ser:
-existe unha insalvable (insalvable?) fenda entre o que C.P. Snow, nun texto, hoxe clásico, pronunciado en 1959 como discurso na Universidade de Cambridge, titulou the two cultures , é dicir, as ciencias 'sociais' e 'humanas' fronte ás ciencias 'duras' (naturais, experimentais, técnicas...). Hoxe, cando tanto se bota man dunha artillaría terminoloxica que inclúe transferencia de tecnoloxía, posta en valor, impacto internacional, excelencia, mencións de calidade, ata o punto de mesturarse alarmantemente as lindes da universidade (fundamentalmente, unha institución de a) docencia e b) investigación, por esta orde) e a empresa (fundamentalmente, unha entidade que persegue ánimo de lucro, a base de atribuír unha certa plusvalía ao prezo de custo de calquera produto), un profesor que ensina os verbos polirrizos gregos, as fontes medievais de Lutero, as aplicacións xurídicas da Lex Irnitana ou a evolución sociopolítica contemporánea de Bulgaria, pregúntase, con moita razón, o valor que as súas ensinanzas teñen en termos de transferencia de tecnoloxía ou impacto internacional, o que xera a certa sospeita de pertenza a unha sorte de universidade de segunda división. Por baixo dalgunha destas candidaturas, latexa, secreta, arteiramente, esta fenda. Por baixo doutras, simplemente non latexa nada.
-a enorme división de puntos de vista, proxectos e políticas que reflicte a existencia destes Sete Magníficos é un trasunto de ata que punto a universidade española vive hoxe desmembrada en reinos de taifas, esmiuzada en compatimentos estancos, nos que a ignorancia do veciño chega a ser alarmante. Disto dou fe dende o priviliexiado observatorio que é un servizo como a editorial, por onde, debido ao seu carácter transversal, pasa toda a universidade. É posible que poida existir tal variedade de opcións? Non resulta un pouco ridículo? Non é, máis ben, o reflexo dunha especie de esquizofrenia multilaateral e colectiva a onde nos vai levando, pouco e pouco pero irreparablemente, insistirmos sempre nas diferenzas no canto de teimar no que todos temos de común?
-por último, e como brevísimo corolario, de todo o anterior, o gusto da peña por pisar (nalgúns casos, seguir pisando) moqueta, estar todo o día en El Correo Gallego e subir e baixar do coche oficial é un fenómeno, neste paisiño noso, digno de estudo e dunha perspicacia maior ca a do propietario desta humilde tabernucha.
Nota: conste que, pola carencia devandita, non quixen facer unha sesuda análise de política universitaria, senón, como moito, atizar o debate (en termos técnicos, tocar a paletilla, ou, como dicía meu pai, dioloteñanagloria, meter ferrete).
Outra nota: o Consello da Cultura Galega publicou recentemente, en excelentes tradución e edición, o discurso de Snow (As dúas culturas, 2009), unha lectura que lle recomendo vivisimamente, sobre todo se é vostede candidato/a a reitor/a.

26.4.10

Kinski

Eu son máis un gran relector ca un gran lector. Iso de andar á que caia, buscando morbosamente nas librarías e tragando novidade tras novidade (patoloxía editorial, por certo, moi común) é para min un pouco como andar querendo facer amigos todos os días, no canto de disfrutar dos que un xa ten, e afondar na riqueza de matices que, cando bos, os amigos ofrecen á percepción repousada, tal o viño de reserva, tras o paso dos anos. E, como cos amigos, cos libros pasa o mesmo: o catálogo dos bos, dos verdadeiros, daqueles de fidelidade comprobada, é máis ben cativo.
Volvín hai pouco a Dracula. O meu amor polo tema, noutras calas literarias máis ou menos coetáneas a Stoker, foi xa indisimulado nas páxinas deste furancho. E, ao fío da lectura do grandísimo roman que dá forma definitiva e sistemática á figura do infeliz monstro chuchón, revisitei, tras moitos anos dende que a vin o filme por vez primeira, o Dracula de Coppola. Lembro unha discusión de hai anos con certo admirador do estilo cinematográfico americano fronte ao europeo. Ao cabo, a conversa, iniciada por derroteiros que agora non son quen de lembrar con exactitude, deu nunha argumentación comparativa entre a peli de Coppola e Nosferatu de Wener Herzog, remake, como ben sabido é, de Nosferatu, eine Symphonie des Grauens (F. W. Murnau, 1922). Se ao meu contrincante dialéctico supurábablle en cada argumento a súa adhesión á superprodución copoliana -na miña opinión abigarrada, excesivamente literal e apegada ao relato orixinal pero mostra, iso si, dun financiamento que non se parou en barras-, a min en cada embate xurdíame unha xermanofilia evidente, que enfatizaba o minimalismo expresionista da cinta de Herzog (herdo directo do orixinal de Murnau), a súa atmosfera profundamente poética, aínda acrecentada cunha banda sonora exepcional do estraño grupo, moi pouco coñecico, Popol Vuh, pero, antetodo, a miña querencia case maniática por dous actores: Klaus Kinski e Bruno Ganz (a beleza etérea a case intanxible de Isabelle Adjani dá para outro post).
Nosferatu é, sen dúbida, unha das dez pelis que debera vostede ver antes de morrer (se non o fixo xa) e que, desde logo, eu levaría a unha illa deserta (de haber cinematógrafo, claro, en tal paraxe). Kinski simplemente se sale. De feito, e contra as previsións, o éxito da cinta sorprendeu a director e actores. Hoxe, creo, é un filme de culto, un monumento do culto vampírico.
Kinski, mala ostia, dado a todo xénero de excesos, de negra fama que o precedía alí onde ía, resúltame extraordinariamente atractivo, e creo que o régisseur Herzog o conducía, como ninguén, a papeis onde o actor brillou a altura incomparable. Lope de Aguirre, "a cólera de Dios" e Fitzcarraldo son outros tantos personaxes tocados da aureola do malditismo, o infortunio, aviolencia ou a extravagancia que Herzog transmutou en Kinski, con inesquecibles resultados. Verdi en fonógrafo no medio do Amazonas son, para o dono deste local (un pouco rariño, concedo) do tipo de combinacións audiovisuais que, en efecto, é difícil esquecer, e ás que, como aos vellos amigos e os viños nobres, hai que retornar de cando en vez.

25.4.10

O solitude


As lindes entre ser unha persoa culta e un peidorro non están nada claras. Se eu digo que, para a mitigación das monumentais resacas dominicais da miña mocidade (que eran lóxica consecuencia de todo xénero de nocturnais excesos sabatinos), o que para outros eran as ostras frescas ou a auga de Sousas para min era a audición da canción para solista O Solitude! de Henry Purcell, corro o serio risco de encaixar para vostede na segunda das dúas categorías coas que comezaba estas liñas. Correrei, con todo, o risco fiando de que, se é vostede, amigo lector ou amiga lectora, novo por estes pagos, no anonimato purgarei a miña vaidade, e, se é vostede asiduo deste local, ben saberá interpretar, no caldo da miña tantas veces probada humildade, que o que digo non lle debera soar a pedantería:
O solitude, my sweetest choice!
Places devoted to the night,
Remote from tumult and from noise,
How ye my restless thoughts delight!
Cantas veces, e en que deplorables estados, teño escoitado, como un tépedo bálsamo de harmonía sonora, as fermosísimas palabras da poesía de Katherine Philips, que Purcell musicou! Fica xa tan pouco espazo para a soidade, temos ata tal punto sacralizado a vida social, as redes sociais, a cultura social, a socialización de todo (o coñecemento, a tecnoloxía, a ciencia...), que enviamos a soidade ao recanto das máis lamentables desgrazas : Está tan só! Vive soa, a pobriña!, dicimos con compaixón. E a soidade é tan necesaria como o aire que respiramos.
Ao cabo, tras unha erosión social de min mesmo durante tantos anos, supoño que algo debe ficar entre os multiples anacos dos papeis que desempeño: pai, amigo, fillo, marido, editor, escritor, profesor...
Momentos como este, mentres filosofo (o itálico é meu) e escribo sobre a soidade, mentres escoito (unha vez máis e non a última) os sublimes compases de Purcell, mentres contemplo a extremaunción do día nas sombras do val, serven, precisamente, para buscarme e non perderme de todo.

23.4.10

Día do Libro

Vía cartolina de 280 g e un esmerado labor de tesoura, o meu caro colega Aurelio Barreiro agásallame en día tan sinalado cun extraordinariamente versátil reader de e-book. A súa asombrosa intercambialidade (pode acoller calquera tipo de texto, dentro, naturalmente, das dimensións do cadro de lectura); un peso de apenas 1o g e un grosor de 1 mm (que literalmente vasoiran os límites do máis lixeiro dispositivo ata a data); a teconoloxía p-ink (printed ink) e t-paper (true paper) e unhas capacidades de harmónica convivencia co soporte impreso (os eventuais desaxustes entre o dispositivo lector e o texto de debaixo pódense solventar con toda comodidade e inmediatez cun pouco tesafilm), converten o novo reader no agasallo ideal desta data. Xa non é preciso ter que recorrer á, sempre incerta e dolorosa, elección entre libro impreso e e-book! Só cun chisco de imaxinación pola súa parte, disfrutará vostede das marabillosas potencialidades de ambas as tecnoloxías nun novo e definitivo soporte para a lectura!
Nota: Os primeiros 100 dispositivos levan como agasallo unha esmerada edición fascimilar de Sucedió en Wichita de M. Lafuente Estefanía. Apure, coño, que queda sen el!

19.4.10

Proposta para unha nova materia universitaria: Principios morais da tecnoloxía.

O meu sempre inquedo amigo Pedro Rey Sanchiz, director da Oficina Web da USC, remíteme un documento audiovisual que, alén do pasmo que a tecnoloxía pode seguir provocando (malia xa non asombrarnos de nada), indúceme a unha reflexión que vai para alén das lindes mesmas da tecnoloxía e o seu desenvolvemento. En cinco anos pasamos dun robot que dixitalizaba 600 páxinas impresas por hora a un robot, o IEEE Spectrum, ideado e construído na Universidade de Tokyo, dotado dun "chip de supervisión", inifinitamente máis preciso ca o ollo humano e que é quen de, capturando 500 "frames" por segundo a unha resolución 1280 x 1024, dixitalizar ¡¡15000 páxinas por hora!!
Eu pregúntome sobre os límites morais (morais?) da tecnoloxía. Existen tales límites? Ten a tecnoloxía unha moral? Un dispositivo de menos de 200 g que acubilla nas súas tripas 2500 libros non é, de seu, un canto ao exceso, un artiluxio moralmente insultante? Unha pantalla de plasma dependurada da parede que sintoniza 150 canles de televisión non é un pouco como comer nas bodas? Quero dicir que todos os grandes avances tecnolóxicos da humanidade satisfaceron determinadas necesidades plenamente xustificadas no seu momento, e aínda máis xustificadas polos desenvolvementos posteriores que propiciaron. A xeración e conservación do lume, a roda, a lámpada incandescente, a máquina de vapor, a lente de aumento, a imprenta de tipos móbiles, o tubo catódico, o fotomátón ou a pluma estilográfica foron, xa máis trascendentes xa mais humildes, sublimes trouvailles coas que a humanidade foi escribindo as páxinas do seu devir histórico como especie, na procura do seu maior benestar. Pero percibo límites; debe existir un punto a partir do cal a evolución tecnolóxica deixa de ter unha base humana para ser substituída por outra, meramente, tecnolóxica; é dicir, a tecnoloxía evolúe porque si, porque é posible, sen preguntarnos se é necesario. Explota vostede todas as posibilidades do seu teléfono celular? Que é que fai co DVD da peli do fin de semana: ver a peli ou explorar toda a artillaría de extras e versións en estonio ou búlgaro? De verdade que aprecia a diferenza entre o Bluray e o DVD?
Para que pode servir un robot que dixitaliza 15000 páxinas por hora? En efecto, tal vez Google estea na lista dos primeiros clientes, e consiga dixitalizar todo o patrimonio escrito da humanidade nun ano no canto de en dez ou quince. Un grande avance para a humanidade.
O malo dos humanos é que somos febles, choramos por nada, esquecemos as cousas máis elementais, poñémonos enfermos, enfadámonos uns cos outros, envellecemos e as analíticas cada vez nos asustan máis. A ilimitada perfección, esta sorte de hasta el infinito y más allá ao que nos ten afeitos a sociedade hiperconsumistatecnolóxica que habitamos, entrana o risco obvio de obrigarnos a esvaír cada vez máis a nosa deficiente construción, como seres falibles e finitos, na aséptica e implacable perfección das máquinas, que, cada vez en maior número, invaden o noso espazo vital.
Algún día quereremos parecernos a elas. Ou será que algún día elas queiran parecerse a nós?

16.4.10

Inquisitio haereticae pravitatis

Eu non son historiador, pero intúo que, na historia da humanidade, poucas conquistas ideolóxicas se desenvolveron cunha agresividade comparable á que despregou o cristianismo para, dunha seita residual de Galilea, rematar por impoñerse en todo o antigo Imperio, esnaquizando, a sangue e lume, séculos de culto baseado na inexorable lóxica dos elementos naturais, o seu equlibrio e a súa harmónica interrelación (é dicir, a mitoloxía). A última peli de Amenábar, Ágora, sen me ter entusiasmado, incide, creo con intelixencia, nestes primeiros tempos, nos que a seita xudea, facendo gala da máis inflexible intolerancia (eles transmitían a única verdade revelada), pretendía pasar páxina a crenzas, dende entón chamadas despectivamente politeístas, de fondísima raizame, tan fonda que todo o que a historia da Igrexa en diante tildou coa maior xenreira e impiedade de culto satánico, bruxaría e idolatría, non era máis ca a pervivencia tenaz dun sistema que divinizaba as forzas telúricas na Nai de todo, a natureza.
A editora Alvarellos vén de tirar do prelo, en coedición co Consorcio de Santiago (Apuntes históricos sobre Santiago. Obra dispersa y olvidada, 1868-1903) un interesante fateixo de vellos e ignorados papeis xornalísticos daquel gran erudito que foi don Antonio López Ferreiro, figura que, na súa honestidade intelectual e orondez clerical de chiculate vespertino, sempre me resultou especialmente simpática. Nun artigo aparecido en 1868 en El Eco de la Verdad, "El Monte-Sacro de Galicia", en referencia á transferencia do carácter sagrado do Pico dende o paganismo ao incipiente cristianismo dos tempos do bispo Sisnando, di o bo crego: los pregoneros del Evangelio debieron desde luego dirigir sus cuidados a destruir a aquel centro de superstición e idolatría y purgarlo de las torpezas que en él se hacían. Los sacerdotes del monte debieron sentir desde luego grande alarma con la venida de aquellos advenedizos que, con la mayor fuerza y energía, les echaban en cara su ignorancia y necedad, la torpeza de su culto, lo erróneo de su doctrina y la vileza de sus maneras.
Curiosamente, lembrei este revelador treito interpretativo dos modos en que historicamente se debeu ir impoñendo o cristianismo, dende unha lectura que nada ten que ver cos deliciosos textos decimomónicos de don Antonio, unha lectura que, dende outro punto de vista, me leva á consideración de que os prexuízos sempre son malos. O libro -unha edición de batalla (colección Best-Seller de de Bols¡llo), adquirida por 8 euros na área de lecer dunha autoestrada de Euskadi, onde se exhibía a carón de botellas de pacharán, guías Repsol e esponxas antivaho- é En el tiempo de las hogueras (The Burning Times, na edición orixinal, 2001), de Jeanne Kalogridis, a maxistral, amenísima e magnificamente documentada recreación dun tempo escuro en que o potro e a agonía das bruxas no lume querían silenciar, entre outras moitas cousas, unha vetusta comuñón cos elementos do universo.
Fin do post: todo no seu sitio; unha argumentación discutible pero penso que bastante razoable; unha edición de Alvarellos moi agradable e un best-seller que, contra o prexuízo, me está resultando un libro inesquecible, deses que se comezan con desgana e se rematan con saudade, xa saben.
Máis sobre o asunto.
E máis, por se está Vde. de humor.

13.4.10

DRM social

Como ben se sabe, non hai mellor maneira de estimular algo ca prohibilo. Lembren, se non, a Lei Seca.
Imaxine Vde. por un momento que entra nunha libraría, elixe un libro para mercar e, tras abonar os 20 ou 25 euros que custe, o libreiro espétalle:
-Por certo, seguindo instrucións moi precisas do editor, non pode vostede emprestar este libro a ninguén máis de dez veces.
Os criterios alta e absurdamente restritivos que impón o protocoplo DRM Digital Rights Management (ou Digital Restrictions Management, para outros) na súa versión máis radical (limitar o número de cesións dun e-book unha vez descargado, ou mesmo impedir a súa lectura nunha plataforma diferente á da propia descarga), lonxe de supoñer unha maior ou mellor protección aos dereitos de propiedade intelectual, estimularon a hackers e corsarios de toda laia ao deseño de sofisticados, e por suposto fraudulentos, mecanismos de desencriptación de tan restritivos protocolos. Ou é que o dereito de propiedade mercantil do editor e intelectual do autor se ven máis salvagardados canto menos se poida difundir lexitimamente o libro? Pois estariamos bos! Claro que se empresto un libro a un amigo, probablemente impida vender un exemplar máis. Pero, ao mellor, non, mire usté por donde: Oe, gustoume tanto o libro que me deixaches que o vou mercar. Ademais xa sei que regalarlle a Fulano, porque estou certo de que lle vai encantar.
Mentres teimemos en facer da Internet un mundo distinto ao real, imos cascados. No proxecto que estes días estou madurando para o que serán os primeiros títulos da "e-brary" (ebraría será un neoloxismo aceptable?) da Universidade de Santiago ten moito que dicir o denominado DRM social, que hoxe convido aos lectores interesados a coñecer.
Unha conclusión (e unha reflexión): un editor (de libros, música, cine...) non pode considerar que sistematicamente todo ciberusuario dos seus servizos é un delincuente potencial. Por aí veñen, creo, moitas das peores ansiedades e incertidumes que actualmente aflixen ao mundo dixital.

8.4.10

Matiné

Será a preguiza a que fai que mundo me pareza a primeira hora da mañá un bulto oneroso, que anoxa e aburre? Tras a violenta ruptura do sono, nunca sentíchedes o desexo irreprimible de dicir que lle dean bertorella ao mundo, ao traballo, a ese tráfago rutineiro de présas e urxencias que tan importante parece a tododiós? Alguén me explicou a teoría do tobo: como mamíferos que somos -por moi superiores que sexamos, mamíferos ao cabo- o noso tobo, a nosa madriguera é a cama. Alí é onde nos sentimos protexidos e alonxados de ansiedades e preocupacións, De feito, é moi bonito que en galego cama e tobo dos animais sexan sinónimos, e así se di a cama do raposo ou a cama do lobo.
A min o canto dos melros na mañanciña, lonxe de me parecer poético, paréceme un insoportable anuncio da luz, da nova xeira de adrenalina que, como unha fera agazapada, agarda por nós. Eu, se por min fora, dáballes ao carallo dos merlos unha boa ración de cartuchos do 12. Nesa hora, tan pouco amable, a vida semella un fardo gris que ninguén quere. Non me estraña que houbera un programa de radio que se chamaba Jack el Despertador.
Unha vez escribín un poema intentando transmitir algunha das confusas sensacións dunha mañán na que hai que facer unha viaxe. Chámase Matiné. Velaí vai, por se a alguén lle gusta:

Están tras la ventana el mundo
y la numeración obstinada de los días.
Está el café en la mesa y la epidermis fresca de las cosas,
alzando la vista y tanteando la calidad del aire,
como recién nacida, como en el silencio
recogida. Está el azúcar
en el azucarero y las moscas que la rondan
en la actitud que se espera
de quien sólo es abandono.

Están aun las sábanas calientes,
y aun dispersas las migas de la cena
testigos de una advertencia acaso decisiva.
Late un dolor sordo y antiguo
desparramado en el mantel,
inventándose anónimos agravios
para invadir impune los límites del alba.

Está el desayuno y los minutos del reloj
apremiando los pasos hoy definitivos:
la maleta y el adiós en la guantera,
el mapa preparado del país de ningún sitio,
el abrigo y la expresión extraña,
la puta esperanza de que algo cambie ya cansada.