7.9.09

Habelas hainas

Sendo todo o norte peninsular pródigo en meigas, sabias, güijas ou sorguiñas, son sen dúbida as bruxas de Zugarramurdi -concello navarro da bisbarra de Batzán- as que levan a palma da máis estensa sona. Débese esta, sen dúbida, a dous factores importantes, que demostran que non hai nada máis maleable ca a transmisión do escrito. O día seguinte aos Reis Magos de 1611, o impresor Juan de Mongastón, da mui nobre vila de Logroño, daba ás prensas a relación pormenorizada do Auto de Fe celebrado en la ciudad de Logroño en los días 6 y 7 de noviembre de 1610, "para que todos en general puedan tener noticia de las grandes maldades que se cometen en la demoníaca secta de los bruxos y les sirva de advertencia para el cuidado que todo cristiano ha de velar sobre su casa y familia". No auto foron procesados por bruxería e adoración a Satanás ata un centenar de mulleres e homes, maiormente procedentes do devandito termo navarro, nas sentenzas dos cales os inquisidores, contra a crueldade que o vulgo lles atribúe, gastaron bastante clemencia, pois só seis foron levados a queimar como relapsos (é dicir, relaxados -entregados- ao brazo secular). Tan curiosísima e estensa relación durmiu o sono dos xustos por douscentos anos, ata que, en xaneiro de 1811, sendo rei das Españas aquel irmán do corso a quen chamaban Pepe Botella e cumpríndose o segundo centenario da editio princeps do Auto, a inesgotable erudición de don Leandro Fernández de Moratín desempoou o mamotreto e o reimprimiu, dando lugar a un pequeno best-seller da época, reimpreso unha porción de veces tendo chegado fragmentos do cal mesmo a transmitirse oralmente incorporándose a romances de cego. O truculento do asunto está, claro, na base dese éxito: o irresistible atractivo cara áos recantos máis negros da nosa condición humana e unha prosa sonora, chea de afalagos antigos, característica da época clásica do idioma español, fixeron o resto.
Pero sigamos vendo como o texto se malea e avancemos setenta ou oitenta anos, ata os tempos de Baroja e a xeración do 98. Non me cabe dúbida de que o meu querido don Pío coñecía de sobras o Auto de Logroño. É máis, por un acúmulo de coincidencias e indicios, teño a sospeita -e tal vez alguén me lembre que quero arranxar zapatos sen ser zapateiro-, de que puido ser a base dun conto, ou noveliña curta, na que o aquelarre de Zugarramurdi é marco espazo-temporal e pulo a unha deliciosa fabulación romántica, de amor que triúnfa entre dous rapaces novos, La Dama de Urtubi, que leo en preciosa edición popular en oitavo de "La Novela Mundial", Rivadeneyra, 1927, magnificamente ornada con debuxos, de actualísimo estilo, de Máximo Ramos.
Falando don Pío da orixe desta bruxería vasco-navarra das sorguiñas, atopo na súa extraordinaria intelixencia e indisimulado anticlericalismo unha suxestiva interpretación antropocultural do machismo. Non me resisto a copiar un fragmento:

Como en todas las zonas selváticas de Europa no dominadas por la ideología del semitismo, en el país vasco existía un culto en donde la mujer era sacerdo­tisa: la Sorguiña. En las religiones africanas nacidas en el desierto, el hombre es el único oficiante, el pro­feta, el salvador, el mesías, el mahdi. La mujer está relegada al harén, la mujer es un vaso de impurezas, la mujer es un peligro; en cambio, on las regiones de las selvas europeas, la mujer triunfa, es médica, ago­rera, iluminada; se sienta sobre el sagrado trípode, habla en nombre de la divinidad y se exalta hasta la profecía. En los cultos semíticos, la mujer aparece siempre proscrita de los altares, siempre pasiva e inferior al hombre; en cambio, en las religiones primitivas de los europeos, aun en aquellas más pobres y menos pompo­sas, aparece la mujer grande y triunfadora. En la vida resplandeciente de los griegos, es sacerdotisa y sibila; en la vida obscura y humilde de los vascos, es sorguiña. La hostilidad del semita por la mujer se advierte en los primeros cristianos: para los evangelistas, María tiene una importancia secundaria; en el suplicio de Cristo no se indica su presencia en las relaciones de San Mateo, de San Lucas ni de San Marcos; ninguno de ellos habla de sus dolores de madre, ni cita la fecha de su muerte. Estos primeros cristianos de raza judía no tuvieron, no pudieron tener el culto a la Virgen: fue necesario que el cristianismo tomara carácter europeo, se injertara en una raza politeísta que había adorado a Venus, a Ceres y Minerva, para que glorificase a la madre de Dios.

Preciosa e elegantísima esexese! Non sei se mandar referencia deste interesante texto á Sra. Ministra do ramo, Dª. Bibiana Aído, para a súa mellor ilustración. Pero ao mellor pasa de tanta erudición e non lle interesa e levo un disgusto.

1.9.09

Unha excursión romántica

Romanticismo é unha desas palabras multiuso que o mesmo vale para un rompido ca para un descosido. Nunca me explicarei por que unha novela dedicada á vida dos pijos do cogollito madrileño cando Su Excelencia el Generalísimo andaba nos estertores se chama Romanticismo. Unha fin de semana en París é, por definición, romántica, o mesmo ca consagrar arrumacos e manitas ao obxecto das nosas paixóns nunha góndola veneciana. Unha inglesa romántica era Glenda Jackson nunha inesquecible peli de Losey. Pero romántico tamén é o dilema de Drácula, a maldición do cal só podería salvar o amor de Mina Harker, ou a loucura daquel poeta que, transido de dor, recitaba os seus acendidos sonetos, baixo a luz metálica da lúa, na tumba da amada prematuramente falecida. Hai comedias románticas, que nos esponxan de satisfacción e mortes románticas e terribles, que inspiran arrepío e compaixón, como o suicidio de Fígaro, sumido na negrura do desamor.
Digamos, pois, que hai un romanticismo doce, agradable, paixonal, luminoso e outro negro, mesto de melancolía, unha sorte de implacable designio do destino.
Unha excursión romántica a un lugar romántico, nestes dous sentidos, é o Cemiterio dos Ingleses, a carón da praia do Trece, en plena Costa da Morte. Unha excursión que recomendo vivisimamente a quen non coñeza tal paraxe. Alí nun edículo de pedra, a ceo aberto e fronte a un océano salvaxe e de insondable violencia, están soterrados os 172 corpos dos gardamariñas británicos que en novembro de 1890 naufragaron, co seu capitán, fronte á Punta do Boi no buque escola The Serpent. Toda a historia está aureolada dun veo de dor, dignidade, heroísmo, e fatalidade que se concilia moi ben co romanticismo do sitio e a sublimidade da inscrición lapidaria do túmulo, realizada en 1990 co gallo do centenario do fatal acontecemento: The Serpent, 1890-1990.
Ao Cemiterio dos Ingleses pode chegarse dende Cabo Vilán, por unha pista de terra que sae á man dereita pouco antes de chegar ao faro, ou ben -moito máis recomendable- dende Camelle (moi pouco antes de chegar a Camelle, á esquerda en dirección a Arou e logo xa está indicado "Cementerio inglés"). O itinerario (que pode facerse andando, en bici ou coche) bordea permanentemente o acantilado nunha paisaxe de incrible beleza. Como para presumir, con toda xustiza, de país.
Disque cando un buque de guerra británico cruza diante das coordenadas do punto onde afundiu The Serpent, lanza unha salva en memoria dos compañeiros devorados pola mar traidora. Son cousas románticas que fan que a pel se lle poña a un como de galiña.

26.8.09

Floresta estival

De costume, os plans que nos facemos para as lecturas de verán son como os propósitos de aninovo. Estes -deixar de fumar, ir dunha puta vez ao ximnasio, camiñar todos os días dúas horitas, comer máis verde, deixar de escoitar a Jiménez Losantos... - fican en meros propósitos. Aqueles en puras intencións. Un suma ao atrezzo da praia -bolsa folgada, toalla, cremas, móbil, autodefinidos do todo a cien, camisetiña por se refresca, chanclas ou crocs- o libro que decidimos ler este agosto e, curiosamente, de tanto transportín o bo do libro remata enrugado, deformado do contacto coa humidade, cheo de area e cos recantos das cubertas revirichados... pero virxe de lectura. Por máis que teimamos nesta, a eventual concentración que a trama esixe concíliase mal co entretemento que o sol, a mar e a euforia do tempo libre estimulan. Intentámolo pero, convencidos aos dez minutos de que non nos enteramos de nada, volta o libro á bolsa de praia. Ao día seguinte, o maltreito volume acompañará de novo o resto do pack playero e, de novo, con idéntico resultado.
Eu, cos anos, fun volvéndome máis e máis económico e restritivo nas miñas equipaxes (lembrando o consello do protagonista daquela marabillosa película O turista accidental: en cuestión de equipaxes inevitablemente máis é sempre menos), e máis realista nos meus proxectos de lectura para as ferias estivais. Por iso, creo que un modelo de libro ideal para tan agradable continxencia anual é o das seleccións, escolmas ou, por usar dun fermoso termo antigo, florestas de varia lectura. En efecto, contra o monolitismo emocional e a fidelidade que un novelón esixe do lector, a variedade de asuntos, rexistros, tempos, tramas, estilos e técnicas dunha escolma parece acaer mellor á inevitable, digamos, frivolidade derivada do lecer e a necesaria desconexión dos rigores intelectuais a que normalmente vivimos sometidos. Descubro na collectanea Relatos y poemas para niños extremadamente inteligentes de todas las edades (Anagrama, 2003), escolmada por Harold Bloom (edición orixinal Stories and Poems for Extremely Intelligent Children of All Ages, New York: Scribner, 2001) esa variedade da que falo. Dividida nas catro estacións, ás que o escolmista atribúe, en razón da súa natureza, cada un dos relatos ou poemas escollidos, o libro é unha intelixente e sensible singradura pola literatura anglosaxona -con moi escasas excepcións: Esopo, Maupassant, Gogol- que aporta con insistencia notable nos autores do XVIII, XIX e primeiros anos do XX, algúns deles de especial predilección de quen subscribe: Peacock, Longfellow, Shelley, Melville, Stevenson, Hardy, Conan Doyle, Twain, Hawthorne, Chesterton... Catro recomendacións especialmente especiais: "Los tres desconocidos", de Thomas Hardy; "Día de difuntos", de Edith Wharton; "El extraordinario caso de los ojos de Davidson", de H. G. Wells, e, por riba destes, "El diablo de la botella", do meu queridísimo Stevenson. Magnífica, igualmente, a introdución do editor.
Eu creo que este tipo de libros funcionan como as recomendacións do chef nos restaurantes: alguén elixe por ti, porque o certo é que, en punto a lecturas, asumir riscos e decidir a min inspíranme unha preguiza cada vez máis insalvable, esa mesma preguiza -e vostede vaime entender- de quen bota vintecinco minutos mirando con cara de parvo para a morea de pelis do videoclube e ao final leva unha merda.

17.8.09

Modernos invasores

O ser humano non fai outra cousa que repetir modelos de actividade de atávica antigüidade, só que os modifica consonte os tempos, as modas, os costumes, as ideas. Non creo exista latinajo máis certo que aquel nihil novum sub sole, que dixo ou escribiu non sei quen. Aí teñen os veraneantes. Unha nota léxica, previa, se mo permiten: non hai outonantes, nin invernantes, nin primaverantes. Sen embargo, hai veraneantes, porque existe un evidente culto ao verán (con perversións deste culto, como a tanorexia) que non son máis que formas renovadas do culto a Ra, ou Atón, ou Manitú, ou a Luz fronte ás tebras e a caloriña fronte ao frío.
Os veraneantes son coma os mouros de Tarik, os alanos ou os orcos de Isengard: son invasores, e, como todo invasor, o impulso que move ao veraneante é a depredación, o instinto atávico da rapina, da apropiación da maior parte de botín na menor cantidade de tempo. O veraneante, ao que se distingue claramente do nativo polo seu característico uniforme e a expresión beatífica de quen vive reconciliado co universo por un período de tres semanas, sabe que o seu paso polo territorio invadido é efémero e, coa ansia do avarento, depreda todo o que se lle pon por diante: postais; guías de todo tipo; souvenirs de pelaxe diversa; vai ás necoras; escarva na area buscando chirlas; esquilma as silveiras collendo moras; fai colas eternas con estoicismo admirable esperando un exiguo platiño con catro mexillóns e un codelo de pan; extenúa as existencias do súper da pequena vila mariñeira; ataviado cun neopreno e un acento estepeño inequívoco busca pulpos cun trueiro do todo a cien; o veraneante é insaciable: ocupa o espazo en prazas, espállase en terrazas de bar, difúndese coma unha infección en verbenas, praias, calas, festas, paseos fluviais e marítimos, romarías, cotillóns, guateques, lunchs, regatas, cuchipandas, paparotas estivais e exaltacións gastronómicas de toda laia.
O veraneante, coma o invasor, retorna sempre ao punto de orixe coa insoportable levedade de saber que puido depredar aínda un pouco máis, de que o tempo se lle fixo escaso, do moito que lle quedou por ver, mirar, oír, mercar, apañar, pillar. O veraneante que retorna, no fondo -por que non dicilo-, é un tipo triste e un chisco patético.

7.8.09

O tricornio e a pipa

Cando eu era neno, mediando a década prodixiosa, a Benemérita era un corpo policial que reflectía con toda fidelidade o país no que se vivía. Sen ánimo de ofender, a deserción do arado e o afastamento da miseria eran, daquela, estímulo común para o ingreso no corpo. Un ínfimo nivel cultural resultaba indispensable á ditadura para o proceso de alienación e sometemento absoluto que imprimía nos membros do instituto armado. Pero, fronte á policía armada, o carácter vilego ou rural da Garda Civil estaba na base dunha natureza popular que, sobre todo por razóns políticas, provocaba que xentes coñecidas da vila ou da aldea de toda a vida puidesen, a ollos do benemérito corpo, situarse mesmo na marxe da lei, debendo soportar a suspicacia e desconfianza dos seus veciños. O anecdotario acerca dos membros da Garda Civil era, nos anos do franquismo, un clásico e case sempre daba fe desa fonda imbricación do corpo na vida cotiá das vilas. A "casa cuartel" coa lenda Todo por la patria sobre o amarelo da bandeira patria son elementos do imaxinario de varias xeracións. Dun sarxento que fora xefe da Garda Civil local, contábase que, nunha barra americana, lle mexaron no tricornio e, cando se bautizou con aquel champán, botou man da regulamentaria, cego de ira, e por pouco non provoca unha masacre. Alcolismo, ignorancia, brutalidade (con trazos de verdadeiro sadismo), un machismo sen paliativo... tales eran as prendas con que Juan Pueblo ornaba a Benemérita.
Hoxe, os mozos que asasinou la ETA o outro día, eran membros dun corpo civilizado no mellor e máis etimolóxico dos sentidos. A silueta siniestra do tricornio mudouse por un ariño na orella ou a melena dunha guapa muller.
Cando eu era neno, ETA era un grupo terrorista que reflectía con toda fidelidade o país no que se vivía. Hoxe non. Hoxe, ETA, que defende o mesmo que defendía cando asasinou a Melitón Manzanas 1968, é un rollo malo, unha historia noxenta que aburre, un grupo de integristas retrógrados, obsoletos e máis pasados de moda ca as antenas de corno dos televisores. Quen no seu siso, con vinte anos, no canto de follar, fumar petas e ir á praia, pode andar despanzurrando mozos na flor da idade pola liberación de Euskalerría? O malo de non evoluír é que, co paso dos anos, van perdéndose os argumentos, de xeito que o único que se pode defender destes -con independencia do seu acomodo ou non ao momento e circunstancia- é o seu fundamento (id est, fundamentalismo, ou, vulgaris sermo, hijoputez).

30.7.09

Estridencias


Falaba eu de voces no último post. Teimando no asunto, podo dar fe de que oír a Esperanza Aguirre cantando cumpleaños feliz é unha das experiencias máis traumáticas dos meus últimos anos. A cousa leva camiño de converterse nun deses elementos recorrentes e obsesivos dos pesadelos. Aínda estou estremecido.

27.7.09

A voz de Galicia

Unha boa amiga, de nación aragonesa pero galeguísima de adopción, opina que a voz dos galegos (por unha vez, non galegos e galegas, senón galegos,varóns e a moita honra) é a máis modulada e fermosa dos países hispánicos. Opinión certamente sorprendente, que mesmo pode soar a boutade, pero que ela defende con ardor e todo convencemento, achegando incluso o nome do galego coa voz máis sonora, baril e aínda sensual, nome que, por lóxicas razóns, non vou eu desvelar aquí. Con todo o discutible, eventualmente esaxerado e matizable que sexa o parecer da miña boa amiga, o seu fundamento faime reflexionar sobre o enorme poder que a nosa voz exerce, como un complemento fulcral da nosa personalidade. Hai quen se fixa nas mans, hai quen nos beizos, hai quen no... pero a ninguén lle pasa desapercibida a voz das persoas con quen nos relacionamos. Eu mesmo teño imaxinado a voz de moitos amigos deste local, de quen, fóra o nome (real ou de plume) e o teor das súas opinións, nada sei. Por iso, e como aditamento importante, cando tiven oportunidade incluín un enlace á miña propia voz, da que -descúlpeseme a inmodestia- teño recibido máis dun piropo. Tonterías a frivolidades á parte, nun oficio coma o meu, no que se raja sen pausa, e onde, de costume, de cada dez conversas telefónicas, en cinco casos non hai un coñecemento persoal do interlocutor, son plenamente consciente do valor da voz e a dialéctica oral e podo dicir, sen restricións, que a maior porcentaxe de éxito dunha xestión telefónica depende do convencemento e rigor que a nosa voz e a nosa dialéctica sexan quen de transmitir. Cantas veces non nos ten desilusionado coñecer a unha persoa de quen tiñamos unha idea preconcibida a través da súa voz! E cantas outras pensamos o pouco que acompaña a voz a unha persoa de físico agraciado! E cantas máis comprobamos o encantado que está de oírse un tipo ou tipa que o maior favor que podía facer ao mundo era calar!

23.7.09

20.07.69

Espertar sobresaltado é unha das experiencias máis antipáticas polas que pode pasar un ser humano. Saír violentamente expulsado da placidez da inconsciencia e recuperar sen transición nin alternativa o control do aburrido mundo real representa un trauma, pequeno e que axiña pasa pero odioso no momento en que se vive.
Na noite do 20 de xullo de 1969, este menda, na altura meniño de nove anos, durmía a cachón na exigua litera da ala dereita do primeiro barracón á esquerda -segundo se mira dende a entrada principal- do campamento da Organización Juvenil Española (OJE) "Paco Leis" sito na praia das Sinas (Vilanova de Arosa). Os campamentos da OJE eran a solución da España dos sesenta para moitas familias que non tiñan outros medios de mandar de veraneo aos fillos. En troques, buscábase, torpemente, gañar a estes para a causa daquel fascismo, pobre e subdesenvolvido como o viño COES, que a historia chamou franquismo. O caso é que contra as dúas da mañán, os barracóns de todo o campamento anegáronse cos ecos de voces destemperadas que berraban ¡¡Fuego, fuego, que arde el campamento, fuera, fuera de las camas, al mástil, todos al mástil, fuego!! Nin que dicir ten que toda a cativallada do campamento, présa do máis desagradable sobresalto, saltamos a escape das camas, e cada quen como puido, fardouse do que tiña a man e saímos para o campo de grava miúda, no centro do cal estaba o mástil, coas tres bandeiras nacionalcatólicas (a nacional, a de Falange e a do Requeté) arriadas por ser de noite. Contra o fatal prognóstico dos berros que tan desabridamente nos largaran da cama, todos nos estrañamos de non ver lapas nin cheirar a fume. Axiña, un grupo de mandos, con aquela fachenda e etílica chulería propia dos mequetrefes que miden a súa hombría con meniños inocentes, anunciaron que non había lume, pero que era o único xeito de nos botar da cama porque a noite o merecía. Leváronnos a todos ao enorme comedor onde había unha diminuta televisión en branco e negro. E alí, sentados nos bancos e loitando contra o sono, entrevimos confusamente no pequeno receptor de antenas de corno unhas imaxes borrosas e oímos unhas voces metálicas nun estraño idioma, que a maioría non eramos quen de interpretar. Logo, antes do que parecía o momento culminante, se nos revelou o segredo: o home ía pisar a lúa por vez primeira na historia.
De volta para o barracón, respirando o ar agre e salgado do fondo da ría de Arosa, unha suave noite de xullo, un cativo de nove anos ergueu a vista, entornando moito as pálpebras, e mirou para o disco prateado intentando descubrir desesperadamente a nave dos americanos ou algún astronauta pegando ingrávidos saltos, como os que pegaban Tintín e os irmáns Hernández e Fernández en Aterrizaje en la luna.

20.7.09

O asunto

Un asunto. Velaí a cuestión. Un asunto. Todo escritor busca un asunto. O poeta, un asunto o suficientemente lírico e inspirador para que fermosear as palabras sexa algo máis ca un exercicio van de mera técnica, pois a técnica sen musa é como a laranxa sen zume. O novelista, un asunto sobre o que montar unha boa trama, pois, se a trama é a xeito de bastidor onde tecer a historia, o asunto é o alento que move todo. Que é un novelista sen asunto? Pois é un profesor sen alumnos, un conferenciante sen auditorio, un funcionario sen periódico, un futbolista sen seareiros, un pijo sen lacoste. Xa quixera eu atopar un bo asunto para unha novela, pois non crean que, malia os meus anos, desboto dar a campanada un ano destes, descolgándome cun novelón deses que arden tres nun candil! Técnica narrativa, penso que entre o moito que levo lido e o moito que levo escrito, non me ha faltar: trúfase un diálogo por aquí; métese algo de acción por alá; unha panorámica; un punto de vista axeitado, sen abusar da omnisciencia que é cousa que abafa; unha analepse ou flash-back que distraia da aridez eventual da narración; unha administración prudente, no seu caso, da polifonía, da anagnórese... pan comido. Pero o asunto... Ai, o asunto! De que escribir, esa é a cuestión. Se non teño nin asunto para un post desta indefensa bitácora (e converto a falta de asunto no asunto do post), que direi dunha novela! De ónde sacará tanto bendito novelista asuntos para as súas novelas! Porque deixen que a min me custa, demonio! Busco e rebusco; poño en valor -que é como hoxe se di- os meus recordos, relembrando ata os tipos máis atrabiliarios que teño atopado, os pasos máis pouco comúns e aínda bizarros da miña existencia, e nada, non atopo nada que mereza ser novelado. Será que son moi esixente e que outros, con moito menos, gañan un premio e aínda dous? Será que, ao presente, en van pretendemos saír do illó de mediocridade no que nos movemos e xa non hai, como antes se dicía, vidas de novela? Chi lo sà!
Por certo, acéptanse ideas e suxestións. Se a cousa pita e fago millóns en anticipos e royaltis internacionais, prometo irmos a paches.

13.7.09

De tempestate

Vimos de publicar un excelente e amenísimo libro sobre o xeito en que nos ven os franceses aos galegos durante case dez séculos de convivencias. Estas visións poden adquir acenos sorprendentes. Unha amiga contábame que o que máis che chamaba a atención a un seu amigo francés, coñecido de moitos anos de trato, era que os españois sempre semellaba termos problemas e desencontros coas chaves: que se as chaves da casa as levo eu e despois ti quedas sen elas; que se chas deixei a ti, estou seguro e como demo é que agora me dis que non as tes... e por aí. Ora, teño para min que unha das cousas nas que os estranxeiros que nos tratan máis deben coincidir é na nosa obsesiva e nacional teima co tempo. Alertábame no particular un vello camarada de nación tedesca, de Heidelberg -fermosa e romántica cidade, por certo- hai ben anos. Non hai galego, por paciente e de bo conformar que sexa, que non se queixe do tempo. Botamos a vida mirando o ceo, tentando infrutuosamente penetrar nos caprichosos arcanos da meteoroloxía, aínda que, como en tantas cousas, o misterio e a ilusión do que virá pérdense ante a fría e aséptica exactitude da técnica. Agora, trocamos expresións cheas de engado e indefinición (non sei se non quererá chover) por outras, se máis contundentes, non por iso exentas de espírito enxebre (dá chuvia para mañán; dá bo ata o xoves: eu sempre me pregunto quen será o suxeito innominado dese : Meteogalicia? a G? o xornal? Deus? un remexido de todos eles?).
En van agardamos verán tras verán que o bendito anticiclón (o mellor que teñen os Azores, sen dúbida) estea quietiño entre xullo e agosto, cando menos. Pero éche como esperar a Godot. Botámoslle a culpa ao cambio climático e cremos lembrar que antes os veráns eran máis estables e as estacións eran como tiñan que ser. Pamemas e farrapos de gaita. Nun interesante artigo que o meu bo amigo Juan Andrés Fernández Castro, curioso e infatigable investigador, publica no volume 5 (2002) da miscelánea de cultura e historia da Estrada sobre a mortalidade de 1769 na freguesía estradense de Ouzande, veciña da vila, faise referencia, por documentos da época, ás condicións climáticas que condicionaron a extensión da variola, tifus, disenterías, enterites, difteria e tuberculose que atacaron sen misericordia aquela indefensa e infeliz poboación: ocho meses ha que en este país no se ha visto el sol, pudriéndose los frutos en la tierra (...) las continuas lluvias del verano de 1768 arruinaron la casi totalidad del sembradío de trigo y centeno (...) la continuada intemperie de las estaciones en el ano pasado de 1768 arruinaron la mitad de la cosecha y produjeron en la atmósfera densos y perniciosos vapores...
Hoxe, contra o destino dos infelices servos da gleba daqueles escuros tempos, os peores efectos que pode ter a adversa meteoroloxía estival é arruinarnos as ferias. Iso que levamos gañado.

8.7.09

Nobody is perfect... Are you sure?

A descomunalidade verbal ou, en termos técnicos, o desparrame dialéctico é algo, supoño, inherente á nosa condición latina (pois, na verdade, o elemento céltico -quitada a afección balompédica tan cara ao bo amigo Brétemas- debe ser no noso sangue algo residual). Á nosa condición latina e a unha nomeada tendencia a trocar humildade por ostentación, realismo por delirio. Lembro a certo ex-inquilino de Monte Pío que comparou a nosa nunca ben ponderada Cidade da Cultura coa Tate Gallery londinense. Xa falei eu disto, traendo a colación aqueles Beatles de Cádiz, que eran unha banda de mataos.
Falar de xeito complexo e pensar de forma simple é algo que hoxe se estila, especialmente nos responsables de botar a andar calquera novidade. Na documentación entregada polo equipo docente de certo curso que estes días realizo, encamiñado a fin máis ben modesto e relativamente intrascendente, atopo un inventario de esixencias autenticamente fastuoso. Tras uns apuntamentos acerca das habelencias informáticas do cursista, o documento indica (ad pedem litterae):
Tan importantes (sic) o más que estos conocimientos será poseer una relación de destrezas y actitudes generales de especial interés en momentos de cambio tales como:
-Poseer curiosidad por conocer y experimentar nuevas cosas

-Ser creativo y original

-Apreciar el trabajo en equipo (y disfrutar con ello)

-Poseer una comunicación fluida en entornos virtuales

-Valorar el orden y la estructura

-Ser paciente y perseverante con los problemas

-Valorar las ventajas que ofrece la informática

-Desenvolverse con soltura en espacios informáticos

-Estar abierto a los cambios

-Ser capaz de adquirir compromisos y responsabilidades

-Ser capaz de cumplir con las responsabilidades adquiridas

Casi ná. Eu mesmo, sen ir máis lonxe.

5.7.09

Doktor Faust

A natural tendencia humana ao absoluto -tan cara, literariamente, a Borges- atopa unha manifestación insuperable nas placas metálicas que a NASA instala nas naves de exploración estelar por se acaso se dá a continxencia de que as atope algún ente de vida intelixente. A representación icónica dun ser humano masculino e outro feminino, unha man aberta, algúns caracteres alfanuméricos constitúen a mensaxe desa sofisticada e hipertecnolóxica botella galáctica, que resumen a nosa condición biolóxica.
Imaxinen que, no canto dunha placa de información sintética, os sabios da axencia espacial, persuadidos do enorme nivel intelectual dos extraterrestres receptores, decidisen que ían aloxar dentro da nave un libro, como mensaxe testemuñal e máis complexa da vida humana, das súas preguntas e buscas esenciais, das súas máis importantes dúbidas, grandezas e insuficiencias. Ocórrenseme algúns magníficos candidatos: Hamlet, Robinson Crusoe ou Ensaio sobre a cegueira poderían, desde logo, representarnos con todo merecemento. Pero, por riba de todos os que, cando menos a min, se me puideran ocorrer, estaría, sen dúbida, Fausto de Goethe.
Nunha conversa do poeta en 1830 co seu amigo e logo albacea literario, Johann Peter Eckermann, o autor afirma: Fausto é un tema inconmensurable e vans serán os esforzos do enxeño para o penetrar de todo. Fausto é un monumento á condición humana. Goethe dirixiu todo o seu estro -un sólido estro reforzado por unha cultura ilimitada- á contradición eterna e universal do home: a morte, como finalización da vida, dualidade que é a nai de todas: o ben e o mal, a busca obsesiva do coñecemento, os estragos do tempo. O poeta desenvolve unha saga definitiva na que implicou a filosofía, a teoloxía, a historia, a mitoloxía, a cultura clásica, e aínda, a maxia e a alquimia. Fausto non é lectura doada; é máis, é un texto difícil, árido e moitas veces incompleto se non se conta cunha edición convenientemente anotada, pero, en todo caso, apaixonante e sublime. Subxectivamente, Fausto representa un universo literario dunha riqueza que, simplemente, acomplexa. Nunca sucumbiu vostede á sedución de preguntarse en que época da historia lle gustaría ter vivido? Todas teñen o seu atractivo, supoño, pero a Ilustración ten moito de Arcadia do saber, unha época na que, como colosos, se erguían espíritos que portaban fachos sempre acesos e que aínda despois de tanto tempo nos alumean cunha luz que cega.

1.7.09

Heroe /vs/ metrosexual

Nunca disimulei a miña admiración fervorosa pola obra de Tolkien no seu conxunto, e moi especialmente pola triloxía d'O Señor dos aneis, obra da que, co meu fillo maior -a quen, supoño, de xeito case xenético transmitín o gusto- profeso sermos eruditos. Da primeira parte, sempre gustei dun xeito especial do treito, dos máis épicos de toda a saga, en que o fillo maior do senescal de Gondor, Boromir, falece asaeteado polos temibles uruk-hai, metade homes, metade orcos, en Amon Hen, defendendo ata a morte os medianos curmáns de Frodo. Na peli de Jackson (pasará, sen dúbida algunha, aos postos cimeiros da historia do cine), xa no estertor final, Boromir (inmenso Sean Bean) -ata aquel momento orgulloso e suspicaz con Trancos, o futuro rei Aragorn-, colle o brazo deste e, cun fío de voz, lle confesa:
-Siempre creí en ti... mi señor... mi capitán -e, coa voz, quebrada, nun esforzo final-... mi rey.
Nunca -creo lembrar- unha escena emocionoume tanto no cine: confeso, sen absurdos pudores, que os ollos se me encheron de bágoas conmovido pola nobreza e sentido profundamente épico da escena. Hoxe non hai unha épica, e os heroes son de vitola ben distinta.
A tal respecto, a anciá nai dunha miña amiga consolaba a solteiría desta esta asegurándolle, con ese dativo ético o de interés tan enxebre:
-Mira, hija mía, déjate, que estás muy bien soltera. Hoy los hombres te están muy estropeados.
Dende logo, a distancia que separa o heroe medieval dun cantar de xesta ou edda nórdico e un varón metrosexual do século XXI é un auténtico abismo, e fai boa a opinión da señora suprascrita. Con motivo de certo libro, referíame eu hai un tempo á guerra como práctica na que alicerzaba a estrutura da sociedade ata as primeiras luces do Renacemento, cando menos. Tamén nun magnífico libro, que atopo no sancta sanctorum bibliográfico do avó, atopo un capítulo especificamente dedicado ás características do heroe. Este libro, de eufónico e suxestivo título, é Ideales de la Edad Media. Vida de los héroes, por el Dr. Valdemar Vedel, profesor de la Universidad de Copenhague. Con 8 láminas. Traducido del alemán por Manuel Sánchez Sarto, Licenciado en Derecho y Filosofía y Letras, Editorial Labor, S. A., Barcelona-Buenos Aires, 1925.
É magoa que as dimensións desexables dun post non me permitan copiar todo o capítulo dedicado ao heroe, que logo se me acusa (con moita razón) de prolixo. Non resisto, porén, reproducir algún treito, co que, se non se me entende mal, querería reivindicar un certo senso de virilidade (ou é que non se reivindica a feminidade?):

Todo en el aspecto del héroe revela virilidad y recuerda la vida guerrera. Manos ásperas, llenas de cicatrices, manchadas de sangre sientan mejor a un hombre que aquellas que son delicadas y blancas, porque fueron siempre enguantadas. El color de la tez no debe ser pálido y suave sino de un rojo violento. La anchura de las cejas, así como la distancia entre los ojos, se tiene muy en cuenta, especialmente por las mujeres. Gran importancia concédese también al cabello. Su abundancia es siempre un signo patente de fortaleza y el cabello largo que cae hasta los hombros es el símbolo del hombre libre en oposición al esclavo, esquilado como un perro. En el hombre el vigor físico se hace objeto del mayor aprecio. En su forma primitiva, el héroe es el hombre salvaje, forzudo. Las leyendas y fábulas de todos los países divinizan esta cualidad que le permite salir triunfante de toda clase de pruebas y lo hace incansable perseguidor de mujeres, burlándose de sus enemigos por no dejar a estas satisfechas. El héroe irlandés Cuchulain mataba, de niño, toros salvajes y, de joven , seducía a todas las mujeres del Ulster, hasta que, finalmente, los maridos, para procurarse la paz doméstica, decidieron reunirse y buscarle una esposa.

Magnífica, e moi flemática, solución, por Xúpiter.
Juventus mundi!
Iso eran homes e non o de agora: en efecto, te estamos muy estropeados.

28.6.09

Ex toto corde

Veño de recibir, supoño que como todos os contribuíntes -algúns, mesmo, asiduos destas páxinas-, o libro homenaxe a Marcos Valcárcel: Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos. O primeiro que teño de dicir é que este non é libro en agraz e que me gustaría que non existise. Un libro homenaxe a Marcos -inevitable como o outono tras o verán- debería tributárselle cando fose un ancián sabio e venerable, non agora. Agora Marcos é sabio e venerable -debeu nacer sabio e venerable- pero non é un ancián. É un home na flor da vida a quen os amigos tributan un agasallo prematuro en forma de libro -que outra forma podería ter?- transidos todos eles do desexo de que tal libro, e a circunstancia que o motiva, non existise. Nada hai que engadir. Quen coñece a fin de todos os camiños?
O segundo que teño que dicir é que concordo especialmente co parecer dos editores cando, na presentación, destacan que Marcos non é da tribo dos que recorren permanentemente á mantra estéril das perifrasis modais de obriga (hai que, había que, tiñan que), tribo abundantísima por estes pagos e especialmente representativa no circuíto da cultura patria. Marcos non badúa nin se pon para a foto: Marcos traballa, leva facéndoo toda a vida, e, como toda persoa de talla, ignora que é a vaidade.
O libro en canto obxecto e produto editorial merece todos os meus parabéns. Se acaso, un, que é moi amigo do minimalismo e a discreción, botaría en falta terlle concedido menos protagonismo ao libro en si. Quero dicir que o abigarramento tipográfico e a implícita proclama de obsesiva innovación editorial e de deseño de que o libro fai gala amingua, ao meu modo de ver, o protagonismo dos textos en canto contidos. En fin, son críticas menores dun cascarrabias.
Verbo das contribucións e os seus autores supoño que podemos falar dun livre témoin. Estamos diante dun volume que reúne -o meu excluído, claro- todos os nomes que en 2009 representan algo na cultura de Galicia. Vendo, no conxunto, a miña humilde achega, percibo, con todo, unha sensación particular, e naturalmente subxectiva, de alleamento. Pero este é outro cantar. O afecto fai parte, ao cabo, das cousas nobres, esas que nos elevan por riba das diferenzas.
Parabéns sinceros para todos os que fixeron posible este fermosísimo testemuño de amizade.

26.6.09

Momentos de gloria

A peaxe que é inevitable pagarmos pola globalización da aldea na que habitamos e a estandarización das nosas vidas e rutinas cotiás é o anonimato. A ninguén lle gusta ser por completo anónimo. Hai, mesmo, a quen o anonimato lle resulta insoportable. Aí teñen a Andrés Pajares que é capaz das cousas máis raras por seguir alimentando o cuxé. Porque todo o mundo, xa máis nutrido, xa máis escuálido, ten o seu ego, e busca os seus momentos de gloria. Esta busca pode revestir as máis peregrinas formas. Pulsaba eu o outro día, con asombro, a ansiedade, carraxe e mesmo angustia da oínte dun programa vespertino de Radio Voz -que comanda unha muller coa voz fría e aséptica das dominatrices sm e das tradutoras simultáneas- ao que a xente chama pedindo cancións para llas adicar aos amigos e parentes. Esta oínte sentíase atroz e desproporcionadamente ofendida pois a súa petición, segundo ela, non fora atendida no día e hora acordados. Oír o seu nome pola radio constituía, sen dúbida, o seu momento de gloria e alguén -o malfado, o destino, ese fillo de puta- o impediu.
Disque de toda reunión o noventa por cento é lixo. As reunións das comunidades de veciños e as de P.O.D. de establecementos docentes son un laboratorio onde se pode con toda fidelidade experimentar ese aserto. Tamén son territorios onde moitos buscan o seu momento de gloria, que, polas razóns que sexa, teñen vedado doutro xeito. Falan e badúan, aburren e resultan repunantes emitindo opinións absurdas, afirmando obviedades coa expresión triunfal de quen cre estar emitindo un principio universal, encantados de coñecerse e, sobre todo, de oírse. Momentos de gloria.
Eu, unha mañá escura de inverno, indo en coche de cara ao traballo, e como queira que aquela escuridade me trouxo á cabeza a agonía de Goethe, preguntei á miña acompañante se coñecía as famosas palabras que o gran literato alemán pronunciou no póstrer hálito. Para compensar a rudeza dos primeiros compases dunha nova xornada laboral, buscaba eu tamén o meu momento de gloria, esa impagable sensación de sabérmonos capaces de estremecer alguén premendo na tecla da máis sublime sensibilidade. A miña acompañante, entre bocexos, dixo:
-Siento dejar este mundo sin probar pipas Facundo.
É xusto aí cando un pensa que, por veces, a vida é un fardo gris que ninguén quere.

23.6.09

...a sardiña molla o pan

Xa glosei noutra ocasión a nobre e antiquísima arte dos graffiti. Nunha pintada antolóxica con que alguén tivo a ben gravar as paredes da Facultade de Psicoloxía compostelá explicítase unha consigna sospeitosamente paradoxal coa materia que se profesa ensinar en tal establecemento: Pensar non doe! Moi en troques, creo eu que pensar si doe, ou, cando menos produce, o uso abusivo das facultades intelectivas, un cansazo mental que, como o corpo con gripe, pide á nosa maltreita psique repouso, afastamento, consomés suaviños e tisanas psicolóxicas. Como xa reflectía o post anterior, unha extraordinaria actividade intelectual, derivada de esixencias profesionais excepcionais, teñen postrado as miñas, de seu exiguas, capacidades ao punto de convertelas nun mal engendro, en el que apenas hay aliento vital ni un átomo de inteligencia, tal e como crónicas e mamotretos debuxan a figura daquel malfadado monarca Carlos II, o rey pasmao da sabia voz popular, que tan ben retratou Torrente.
Acumulo, nestes días, unha gran débeda de pensamento e imaxinación con estas páxinas, que non sei se serei quen de abonar. De por parte, non perdo a esperanza.
Pero deixémonos de lerias e gocemos do fiandón neste serán de solsticio que pouco e pouco camiña cara á noite. Lumes e fumes, trangallada, viño a varrer, cachelas ou lumeiros, maxia e atávica excitación, sardiñas e chourizos criollos. Meu pai, en paz estea, con enorme ledicia facía as tardiñas de tal día coma hoxe a auga de San Xoán; nunha jofaina mesturaba herbas e flores de olor, para nos lavarmos na mañá do 24. Dicía el que era por purificarnos. Sería.

19.6.09

Out for work

Prezado blog:
Ultimamente téñoche un chisco abandonado por andar nos tráfagos que nos impoñen os moitos compromisos. Xa sabes o que dicía aquel picarón de Voltaire (e vasme perdoar la pédanterie de falarche en gabacho, que eu sei que ti es un blog moi aberto e internacional e non precisas de enquisas lingüísticas): à force de s'occuper des choses urgentes, on oublie les choses essentielles. Ti, querido blog, como os bos amigos e as amantes tórridas, para min es esencial, nunca urxente.

14.6.09

Unha ficción

As connivencias de música e pensamento poden ser extraordinariamente suxestivas. Non sei se produtivas tamén (teño para min que si), pero, dende logo, suxestivas. Mentres escoito Timewind, do estratosférico e wagneriano líder de Tangerine Dream Klaus Schulze -obra que é para min máis un totem ca un mero vinilo-, lembro algo que un amigo me dixo hai uns días. Viu -ao mellor vostede tamén- un documental no que se formulaba a ficción -de corte francamente saramaguiana- de que unha hecatombe liquidaba a humanidade sobre a face do planeta. Así de simple. Dun día para o outro.
A fantasmagoría melódica de Schulze acáelle que nin anel ao dedo á idea, poética por desprovista de todo consolo, dun planeta baldeiro. As cidades, as fábricas, os zoolóxicos, os parques, os vales e montañas, as urbanizacións e aldeas, os barrios, os bancos das alamedas, as estradas e rúas, as universidades e escolas, os paseos e avenidas... Ruínas, unha inifinita soidade e ilimitada devastación.
Polo visto, tense calculado cantos meses durarían funcionando soas as centrais eléctricas ata o fallo total, que induciría sinerxias ignotas; canto tempo transcorriría ata que as estradas e autoestradas fosen devoradas polo mato. As ratas, que de costume son consideradas especie invencible pola súa impresionante capacidade de adaptación á adversidade, perecerían en brevísimo prazo, a punto tal dependen do lixo e os desperdicios humanos. Só os cans de fociño máis afiado (loxicamente mellor adaptados á caza, a súa actividade xerminal) sobrevivirían; en todo tipo de instalacións humanas abandonadas (fábricas, edificios) crearíanse novos ecosistemas con formas ata o momento descoñecidas de simbioses entre especies animais e vexetais.
Ollo pola fiestra. Mentres o inquietante monotono de Schulze, entre ventos e furias, vai rematando, o val da Amaía amósase vizoso, esplendente, fermosísimo neste solpor estival. Vaise atenuando a luz e nacen fías de brétema. As calvas do verdor de bosques e fragas están cheas de casiñas nas que habitan as penas e glorias, as miserias e as grandezas, as risas e os choros dos homes. Hai momentos de infinita levedade -falsa, perigosa- en que un sinte unha especie de amor global, de universal sentimento de afecto pola nosa propia condición.
El non será unha maldición pensar?

11.6.09

Gnothi seauton

Non é moi aplicable a este blog aquilo de quen moito fala, moito erra, pois, non se tratan nel de costume magnitudes obxectivas senón aspectos variados da vida e os libros nos que normalmente andan trufadas opinións, puntos de vista e visións subxectivas do seu autor. Quero dicir que, fronte a un dato, dunha opinión pode dicirse que é discutible, pouco atinada ou oportuna, pero non que é errada ou falsa, o que si se pode dicir do dato. A un blog si pode aplicarse unha variante do proverbio: quen moito fala, moito arrisca. E eu, que falo moito e meto o nariz alí onde non me chaman, sufro por veces os riscos, danos, sensabores e aínda disgustos que derivan do malentendemento e do trasacordo. Porque sucede que os textos son, para o seu autor, coma os fillos para os pais: un quixera que fosen como a el lle gustaría pero logo adquiren un a xeito de autonomía e vida propia e, onde menos se agarda, salen por peteneras e son interpretados do xeito exactamente contrario a como se desexaba. En fin, como dicimos en edición cando metemos a pata e algo sae mal: se non traballase, non tería cometido o fallo. As cousas malas (e, por ventura, as boas tamén) pasan, precisamente, cando se traballa e se fan cousas.
Tras un deses trasacordos aos que me refiro, un visitante desta casa, alentado, non me cabe dúbida, polo máis encomiable espírito de construtiva crítica, diríxeme en privado algunhas suxestións para a mellora deste local, sobre as que, por resultarme algunha delas sorprendente, quixera reflexionar brevemente. Suxíreme,en concreto, 1. Facer textos moito máis breves, 2. Ser menos anecdótico. 3. Evitar ser o gracioso da reunión e 4. Evitar querer agradar a todos.
Sobre o primeiro apuntamento, que podo dicir? Hai posts máis breves e outros máis longos. Se, por sistema, aceptara ser breve, estaría aceptando implicitamente que aos posts longos lles sobra a maior parte, e, modestamente, non o creo. Falo do que teño que falar nas dimensións que entendo xustas e procuro en liñas xerais fiar o discurso para que se siga con certa amenidade. Imaxinan vostedes que un novelista se propoña ser sistematicamente breve? Haberá novelas que lle saian de 150 páxinas e outras de 300. Pois a min pásame o mesmo.
As recomendacións segunda, terceira e cuarta atinxen directamente á natureza deste blog e á chispeante, inimitable e desparramada personalidade do seu autor. Dicir, na miña defensa, que en ningún momento quero ser o gracioso da reunión nin agradar a todos, pode soar a desculpa inútil. Está en todo o seu dereito o meu crítico a pensalo, claro. Pero, xa que sae o tema, déixenme dicir (e coincido nisto con el) que sendo, na miña opinión, moi boa parte dos blogs insoportablemente sesudos, soporíferos ou monotemáticos, anecdóticos, e por tanto baldeiros, ou abertamente verborreicos, eu intento dende estas páxinas ser todo o contrario (chist! dixen o intento): frivolón cando me peta, irónico, anecdótico (tomando a anécdota, sempre, como ilustración dunha idea ou argumento), sesudo en ocasións, adicto a certos temas (pero non vicioso deles), misceláneo, iconoclasta (dentro do respecto), pero -en contra ese espirito pasteleiro que o meu amigo me atribúe- crítico, mesmo acerbamente crítico, e defensor de posicións arriscadas cando a miña conciencia mo dita en moitos temas.
A fin e ao cabo, como calquera produto do intelecto, un blog é en boa medida o reflexo da alma do seu creador. E, coma esta, o reflexo pode ser brillante ou pálido, transparente ou opaco, estival ou de inverno, verde ou gris...

9.6.09

Pampín ou que facer coa relixión

Hai declaracións que un escoita ao chou e permanecen para sempre. A un meu amigo, en certa ocasión, sentinlle dicir que a el non lle preocupa a relixión da xente, senón o que a xente fai con ela. Eu, nun momento dado da miña existencia, non souben que facer coa miña relixión e, coma quen abandonda ―non sen certa mágoa e dor de corazón― un obxecto que, malia inservible, leva acompañándonos moito tempo, deixeime de batifundios místicos e colguei os exiguos hábitos cristiáns que ata entón vestira. Supoño que entrei en relixión, coma tanta xente, pola vía nacional-catolica da misa de doce, as clases do instituto impartidas polo cura, a catequese e a primeira comuñón. Lembro, de cativo, algo así coma arrautos de beatitude cando saía do confesionario coa alma limpa despois de envorcar ante o crego o lixo da conciencia. Como pecador confeso, era un dun nominalismo atroz: á pregunta regulamentaria do sacerdote, qué pecaditos tienes, eu largaba un inventario literal de venablos: digo coño, carajo, mamón, merdento, gilipollas, vete a la mierda, vete a rascar el culo, vai á merda
Logo, na tontolescencia, viñeron, por vía dun cura rojo ―hoxe grande amigo― as misas de xuventude: moito Kumbayá, señor, Kumbayá; Venceremos nós e De que color es la piel de Dios, perante a crítica feroz da boa sociedade da vila que vía en nós un perigoso grupo de levantiscos. Aínda a lombos daquel prodixioso exercicio de mixtificación hortera que foi Jesuschrist Superstar e a melodía monocorde de My Sweet Lord de George Harrison (en paz estea), subiume a temperatura extática e andaba todo o día cun Novo Testamento de tapas verdes que me costara dez pesetas no peto traseiro do jean, botando man del a cada tanto para atopar conforto na áspera singradura da vida. Pura filfa. A vida aos dezasete anos era para min calquera cousa menos unha áspera singradura.
Con todo, antes do abandono definitivo, houbo un repunte. En sexto de bacharelato, o primeiro día de clase de relixión entrou un home novo, moi novo, de voz afrautada, delgadiño e pouca cousa el, de pelo curto, gafas de pasta e o traxe gris de paisano característico dos sacerdotes progres. Falaba galego, un galego fermoso e sonoro, repousado e ben construído. E non falou do pobo de Israel, nin do mes da flores nin dos exercicios espirituais, nin do horrible pecado que é o vicio solitario: falou da urdime (sempre lembrarei esa palabra na súa boca) que é o home, do complexísimo conxunto de factores, circunstancias, relacións e situacións que conforman a humana existencia. E falou dun libro que eu lembraba ter na casa, da biblioteca do vello galeguista que era meu pai, Mito e realidade da terra nai. E mencionou a Sartre, Heidegger e Camus e non rebatiu falar de Marx cando alguén o provocou. Aquel home, de trato suave, que sabía escoitar, que incitaba de xeito impercetiblemente irresistible ao diálogo e a serea reflexión, chamábase Xosé Manuel Rodríguez Pampín, Pampín para os amigos. Comigo estivo a piques de conseguilo, de levarme á súa banda do Tíber, pero ao cabo púidome o lado escuro da forza. Ou talvez troquei, como tantos, un repertorio ideolóxico (o cristianismo) por outro (o comunismo). Fun moi amigo de Pampín e, ao que partín para a facultade, propinoume unha aperta chea de agarimo e sincera lealdade.
No volume XI dos Cadernos Ramón Piñeiro, que publica un interesante epistolario deste, inclúese unha carta de Pampín a Piñeiro escrita en 1975 (por ese ano debeu marchar ao Instituto da Estrada) cun título que me fixo sorrir e lembrar a enorme humanidade, simpatía e dozura de Pampín: Carta a don Ramón Piñeiro falándolle do humor e outros asuntos que nos aqueixan, tal como pode facelo un teólogo de oficio. Pola breve semblanza biográfica que o volume inclúe entérome de que faleceu moi novo, en 1997 aos 56 anos; maxia dos libros que, coma mensaxes en pomba, traénnos novas de xentes distantes. Agardo esperanzado que Pampín comparta a benaventuranza de estar en compaña do Deus no que tan honesta e afectuosamente creu.

7.6.09

Pincelada

Tarde de xuño. Chove e brúa o vento. O camiño é longo, longas as horas e os pasares, longa a lonxanía que nunca se aproxima. Soa a intervalos, lúgubre, a campá da parroquia convocando os vivos a velaren alguén que parte. E hai no tanxer triste do bronce, nas ondas que levan paseniño e lonxe o agoiro, algo intemporal, de terra veneranda, insondable como a pedra ríspida da igrexa, o regusto de todo o silandeiro, como a cerna dos carballos e o rumor da aldea.

6.6.09

Vini, vidi: vinci?

Publicado hai uns días en Infolibro.org:
El director general de la División de Librerías del Grupo Planeta, Jesús Badenes, se mostró ayer convencido de que el libro electrónico estará ya implantado en España "dentro de veinte años" y, aunque no desplazará al de papel, sí será "mayoritario" en algunas líneas editoriales. "El libro electrónico está aquí para quedarse", afirmó Badenes en la segunda de las jornadas dedicadas al libro digital, que tuvo lugar en la Feria del Libro de Madrid y en el que la mayoría de los participantes coincidieron en reclamar "un esfuerzo coordinado" ante el reto que supone la edición digital. Por otro lado, Guillermo Altares, director del suplemento literario "Babelia" del diario "El País", calificó de "esfuerzo absurdo el tratar de impedir" que el e-book no esté presente en la Feria del Libro de Madrid.
En efecto, negarlle a butaca ao e-book na Feira do Libro de Madrid é querer poñerlle valados ao vento. Claro que chegou para quedarse. Pero o que aínda non sei é en que termos. Tal e como evolúen hoxe este xénero de innovacións, dende o nacemento comercial dos dispositivos con tecnoloxía e-paper e e-ink, Kindle, iLiad, Papyre ou Sony Reader tiveron tempo abondo para seren acollidos socialmente cunha unanimidade e entusiasmo moito meirandes do que as súas cifras de venda parecen reflectir nos países cultos. Penso que a clave está en iso tan socorrido que di o executivo de Planeta de que o e-book será maioritario en “algunas líneas editoriales”. Coño, que tío listo! Iso xa o sabemos. Os retos do futuro do libro están na especificación de cales serán esas liñas editoriais.
Deixémonos de bromas: o que sostén hoxe o gordo da industria editorial mundial é a narrativa. Por que, nesta altura, Los hombres que amaban a las mujeres, por exemplo, (extraordinaria novela á que, por certo, non son quen de lle botar o dende hai máis dun mes)­ non é un éxito en e-book cando leva millóns de exemplares impresos vendidos en todo o mundo? Fetichismo? Inercia? Tecnofobia? Tecnofilia? Non será que o libro impreso é un invento caralludo que non é necesario cambiar, e que, pola mesma razón, está chamado a convivir por séculos coas tecnoloxías da comunicación máis sofisticadas?
(Máis sobre o asunto).

1.6.09

O cabalo, a rata e o ornitorrinco


Un amigo anónimo desta casa, un pouco cascarrabias e quejica pero boa xente e agradable, afirmou en certo debate xerado por un post meu un argumento que non quito da cabeza, pois ten un pouso de razón, que, cando menos eu, non podo rebater: os blogs son un negocio para corentóns. De momento, déixenme retroceder vintecinco anos, e logo volvemos sobre tan contundente aserto.
Os xogos característicos da adolescencia teñen todos eles unha dobre compoñente: o espertar sexual e a propia imaxe. Quen non ten xogado á cerilla e respostado á pregunta decisiva quien te gusta cando se apagaba o misto, para non chamuscar a punta do matapiollos? Outro pasatempo de larutos había, do que fun eu vítima nunha ocasión, que consistía en facer espirais cun boli ou lápis sobre un papel ininterrompidamente e durante un tempo prolongado, cos conseguintes comentarios de estrañeza, impaciencia e fastío ante tan estúpida actividade. A escuso, o/a bromista ía tomando nota de todo e logo, cando remataba a cousa, declaraba que tales comentarios eran os que acostumaba un a facer no acto sexual: joder que coñazo; esto no se acaba más; ya me estoy mareando con tanta curva; puedo parar de una puta vez?; esto que sentido tiene?, e tal. Outro chascarrillo había no que se preguntaba que animal lle gustaría ser a un; que animal lle dá noxo e que animal lle parece o máis estraño do mundo. Poñamos un cabalo, unha rata e un ornitorrinco. A cousa tiña unha correspondencia chocalleira co noso lugar no mundo e era, no fondo, unha advertencia sobre a necesidade de graduar a nosa vaidade: un cabalo ―forte, nobre, fermoso― era como un se ve a si propio; unha rata como nos ven os demais e un ornitorrinco como somos en realidade.
Xa de corentóns (mesmo de corentóns pasados como este menda), e xa que os blogs son un negocio para maduros melancólicos entre os que nomeadamente a educación da prole é labor preeminente, traio de novo a colación o noso mapa do mundo, na altura das nosas vidas na que andamos, e a sempre suxestiva cuestión de cómo nos vemos e como nos ven. Eu creo ser o mellor pai do mundo: coherente; firme pero nunca autoritario; tolerante e comprensivo pero severo cando é preciso; ecuánime, equilibrado e sensato, características todas elas que me compelen de xeito docemente inevitable a crer que meus fillos ven en min un modelo a seguir. Pero, o vaidade!, e se non fose así? No limiar a Ética para o meu fillo, conta Fernando Savater unha anécdota que moi ben pode ser ―eu así o vexo― aviso a mareantes: un neno de cinco anos di ao pai: Papi, canto gustaría de ir contigo e mamá a dar unha volta polo mar nunha barca. O pai, co corazón feito biscoito, dille: Claro, filliño, cando poidamos o faremos. E ―repón o neno― cando esteamos dentro, ben dentro do mar, tirareivos a ti e a mamá para que afoguedes. O pai, dorido: Pero fillo!! E o neno: É que os pais dades moita lata!

30.5.09

Mazarelos e Siruela

Entre estas calores saharianas, unha curiosidade compostelá: sabía vostede que a porta de Mazarelos é a única que queda en pé da antiga muralla que arrodeaba a ‘améndoa’ santiaguesa? Sabía vostede que por alí, subindo do Castrón Douro e o Patio das Madres mercedarias entraba na cidade, polo camiño de Ourense, o viño do Ribeiro? Sabía vostede que o pequeno bar-restaurante que colinda intramuros coa Porta se chama Viño precisamente por esa razón? Quen, da vella garda filolóxica de Mazarelos, non lembra a Victoriano Novio Manteiga, orondo, sabio e repousado propietario do establecemento nos anos oitenta; a súa muller Dorinda, pequena, espelida, cordial, e a muchacha Julia, delgada, miope, en permanente movemento? Alí, na paradigmática terraza do Viño, un estival mediodía de hai ben anos, vin eu un tipo sentarse nunha mesa e pedir -cousa rara que, naquela altura, na vida vira- un kas limón con cervexa. Era un tipo da miña idade, máis ou menos, co pelo prematuramente níveo, que lía El País mentres bebía da clara. Recoñecín a Jacobo Fitzjames Stuart y Martínez de Irujo, conde de Siruela e Grande de España, a quen por aquel entón xa precedían as brétemas un pouco míticas da súa exquisita editorial Siruela.
O fillo dun amigo meu, cando de pequeniño lle preguntaban qué quería ser de maior, respostaba invariablemente convencido: rico. Sabendo o que sei hoxe, se mo tiveran preguntado a mín diría: Jacobo Ftizjames Stuart y Martínez de Irujo, conde de Siruela e Grande de España, e non tanto pola artillaría heráldica canto pola teima editorial.
O excelente suplemento "Culturas" de La Voz de Galicia de hoxe sábado publica, na última, unha interesante entrevista con Jacobo Siruela. Jacobo Siruela representa para todo editor vocacional e amante dos libros o modelo ideal: un editor rico, de entrada despreocupado de repunantes servidumes financeiras (no edito para ganar dinero, pero tampoco para perderlo); de base fondamente culta e sensible cara ao mundo cultural e intelectual (claro, mentres na miña época hippie eu fumaba petas, poñía cul nos ollos e escoitaba a Camel cunha pandilla de farsantes coma min, Jacobo pasaba las tardes con Paul Bowles o invitaba a Jorge Luis Borges a dar una conferencia o hablaba con Cioran), e que entende a actividade editorial dende un radical amor ao libro: Para mí editar es una felicidad. Sobre todo lo hago por el placer hacia el libro.
Cando lin, na entrevista, que Siruela é vampirólogo, sorrín, pensando que, co amor aos libros, a afección vampírica debe ser o único que teño en común co editor artistócrata. Lembrei (e había moito tempo que non o lembraba) que, devoto como eu son de toda especie de truculencia, o primeiro libro que merquei de Siruela foi unha siniestra biografía dun siniestro personaxe: a monstruosa condesa sáfico-sádico-antropófaga Erszébet Báthory, de nación maxiar, ao cabo condenada por bruxa, asasina e herexe contumaz. Ademais do fascinio anexo a historia tan demente e escura, do libro evoco con nidieza o recoñecemento dun labor editorial esmerado ata nos últimos e máis banais detalles. Aquí, pensei naquel momento, hai escola e oficio, cerna e madeira de editor. O tipo de cousas que o van facendo a un.

27.5.09

Jabi, o cerdalí

O marco natural: terras da Barcala nicrariense. O prota: un cruzamento entre porca e xabarín. A este xénero de bicho chámanlle popularmente cerdalí (fantástico acrónimo de cerdo e jabalí; o equivalente galego podía ser porcarín, de porco e xabarín). Este cerdalí en cuestión chámase Jabi (enxebrísima mestura apocopada e gheísta de Gabriel, advocación natalicia do porcarín). Aliméntano cun biberón ad hoc feito cunha litrona de cocacola á que lle enchufaron unha tetina. O cerdalí é albino. E os seus donos quereno coma ser fora un cristiano.
Miña terra galega (póñalle a música de Sweet home Alabama, porfa). Tres glosas:
a) se Deus non ri non é home de humor.
b) non pode existir outro país así.
c) e Babe protaginozou unha peli? Sería porque é americano... Jabi si que tiña méritos para ser unha estrela do celuloide.
(Fonte e foto: El Correo Gallego).

26.5.09

600


Chama a atención ata que punto nos tempos que corren chegou a sacralizarse todo o que é novo. No contexto dun hipercapitalismo que ten disparado a sociedade a niveis de inmoral opulencia, o estímulo ao consumo recorre, de maneira obsesiva, ás calidades do que é novo, como paradigma do que é bo, prestixia e paga a pena adquirir, fronte ao usado, coñecido, pouco orixinal, como signo inequívoco de patética obsolescencia. Esta tendencia non é só unha estratexia comercial pois enchoupa ata os recantos máis insospeitados. Nun memorándum profesional que redactei hai anos, lembro un argumento que empreguei en contra de certa resolución en materia de avaliación da calidade na edición das universidades españolas; dicía literalmente: a devandita resolución identifica de maneira sistemática e unilateral calidade da investigación con orixinalidade agraviando de tal xeito a dignidade, rigor e madurez intelectual de moitos traballos (traducións, adaptacións, libros divulgativos, manuais…) condenados á insignificancia.
Eu, por veces (non sempre, pero por veces) teño claras as miñas escollas: Los hombres que no amaban a las mujeres de Stieg Larsson leva vai para un mes na mesa de noite, agardando pasar da páxina 20 a onde cheguei ―todo hai que dicilo― con certo esforzo. De momento, estou gozando coma un indio cunha inxenua edición ―de encantadora pretensiosidade e doméstico luxo, saída das prensas dun sospeitoso 'Círculo de Amigos de la Historia'― de La flecha negra de Mr. Stevenson. Ai, os clásicos! Que nunca nos falten os clásicos!
P.S. Por certo, este post é o número 600 desta casa. Gana me dá de cantar aquilo de Adelante, hombre del 600, la blogosfera nacional es tuyaaa...

24.5.09

TDT Prayer

Un amigo fiel destas páxinas, el mesmo propietario dun máis ca interesante local, faime chegar o folleto publicitario de certo establecemento no que se inclúe un sintonizador de TDT de sorprendente denominación comercial: o TDT Prayer, é dicir o tedetepredicador, ou, aínda mellor, o telepredicador dixital terrestre. Ao fío das cábalas sobre as potencialidades de tan curioso aparello para a salvación das nosas almas, manifesta o meu amigo non querer ferir sentimentos nin susceptibilidades relixiosas ao publicar un comentario ao respecto no seu blog. Non vexo por que debera ser así. Ben en troques, creo que é un exercicio de elemental ecuanimidade que a bitácora dun agnóstico, como quen subscribe, recolla os últimos avances en materia de ciberrelixión. Resultando, ademais, que a publicidade do establecemento en cuestión se fai en perfecto e normativo galego (tan radicalmente enxebre que se rotatiza o l de player) xórdeme unha dúbida razoable, que é, ao mesmo tempo, unha ilusión: será que ao prender o TDT Prayer e sintonizalo como Dios manda (nunca mellor dito), o cacharro conecta directamente co padre Isorna?

22.5.09

The captain of her heart


Dicía o extinto Antonio Vega que pola noite baixaba ao Penta a escoitar canciones que consiguen que te pueda amar. Quen non lembra cancións así?
Nos oitenta fíxenme un home e, nese transo cimarrón dos vinte aos trinta, pasáronme boa parte das cousas máis excitantes, estrañas, algunhas horribles, ridículas, heroicas, estúpidas e marabillosas do lapso que é a vida. Esta é unha pequena homenaxe á decada prodixiosa. Con ela van os meus desexos de boa finde.

Nihil novum

Non me gusta repetirme pero cando nada cambia o vello argumento segue tendo vixencia.
Mañá de primavera. Compostela amence tras un novo botellón. O de sempre. Dígolles unha cousa: algo sei de ser pai. E cando nunha famila non se exerce a autoridade que é inherente a toda organización social, a cousa vai mal. E se iso pasa nunha familia, imaxinen nun país. A cousa -e todos o sabemos- é moi simple: dous e dous son catro. Pero neste país de pandereta, onde todo se discute, onde tododiós entende de todo, onde os límites están segundo quen, onde e cando, dous e dous son... o que vostede queira.

19.5.09

De lecturas varias, do campo e da cidade


De don José Martínez Ruiz, posuidor dun seudónimo bastante cursi, Azorín, que, máis ca un escritor de nota, a min sempre me evocou un can de raza pequena ou o afectuoso mote familiar dun adulto cun retraso mental,­ teño eu un libro delicioso, tanto polo obxecto en si canto polo seu contido. Lecturas españolas chámase o tal libro. Os escritores do 98, por certo, teñen moitos libros co adxectivo español nos seus títulos ­-penso agora a vuelapluma en Andanzas y visiones españolas do digno e valente don Miguel­- pois amaban moito España, a súa casa común á que vían postrada tal unha fera, outrora poderosa e impresionante, e hogano ferida, humillada e como en funesta anunciación do seu tráxico destino. No formal, a miña edición das Lecturas españolas é un fermoso -e talvez raro- volume en oitavo, tapa dura e elegantísima tipografía sabon sobre papel de excelente tacto. Atopo a explicación de tanta calidade no pé editorial do libro: Thomas Nelson and Sons, Ltd., Editores, e, a seguir, 189, rue Saint-Jacques, Paris y en Edimburgo, Londres, Nueva York. Engade valor ao libriño -non discutirei que un chisco fetichista- o feito de que a miña edición ostente na portada o exquisito selo, de clásico busto feminino e inequívoco regusto jugendstil, da Librería-Papelería J. Buceta, Policarpo Sanz, 56, Vigo, establecemento onde acaso o avó, ou quizais Roberto Blanco Torres -que viviu e casou en Vigo-, adquiriron o volume.
O contido das Lecturas, como ben permite intuír o título, conságrase á baloira crítica de autores diversos, de diversas épocas e gustos, e de musas e intencións tamén diversas, pero transidos todos eles por ese sentimento de españolidade que tan caro, e necesario, resultaba aos autores do 98. A punto tal que, sen estridencias, se reúnen no volume universos, reais e literarios, tan distintos como os de Larra e Guevara, Baroja e Saavedra Fajardo, Gracián e Mesonero Romanos, Hartzenbusch e Galdós: Un lazo espiritual -di o autor- une todos los trabajos de este volumen. La coherencia estriba en una curiosidad por lo que constituye el ambiente español -paisajes, letras, arte, hombres, ciudades, interiores...- y en una preocupación por un porvenir de bienestar y justicia para España.
Dá o curioso volume de Azorín nova de autores tan ignotos como don José Mor de Fuentes -home de máis vitola nos dramáticos acontecementos do 2 de maio de 1808 e subseguintes que a que o seu descoñcemento contemporáneo fai supoñer-, de quen se publica en 1836 unha case subversiva autobiografía de delicioso título: Bosquejillo de la vida y escritos de D. José Mor de Fuentes, delineado por él mismo, Barcelona, Antonio Bergnes, librero. Pero -maxia dos libros e a infinitude de ideas e consolos que acubillan- atopo especial deleite na glosa azoriniana de Antonio de Guevara e o seu arquifamoso Menosprecio de corte e alabança de aldea (1539), pois, enamorado como estou da xeórxica beleza da Amaía na que habito e subxugado polo feitizo da súa paisaxe, outorgo dimensión moi íntima a palabras que, escritas vai para seis séculos, seguen expresando con diafanidade as beizóns dunha vida natural, anterior, en todo caso, á voráxine e falsía das cidades: Vida sanísima es la de la aldea: allí no aportan bubas, no se apega sarna, no saben que cosa es cáncer, nunca oyen decir perlesía, no tiene parientes la gota, no hay cofrades de riñones, ni tiene casa allí la hijada, ni a nadie se escalienta el hígado, ni a ninguno toman desmayos. La mañana en la aldea es más temprana, la tarde más perezosa, la noche más quieta, la tierra menos húmeda, el agua más limpia, el aire más libre. Multitud de molestias que existen en la corte no las hay en la aldea.
Pero, como todo pro ten o seu contra, e non era ecuanimidade o que faltaba ao glosador, contrapón Azorín ao entusiasmo virxiliano do bo eclesiástico renacentista a irónica reserva de La Bruyère, quen, no capítulo V dos seus Caractères escribe (a versión galega é miña): Diríxome cara a un vilariño e xa estou case nun outeiro dende onde o albisco. O vilariño está situado non lonxe; un regatiño lambe os seus muros para perderse logo nunhas leiras. A atmosfera é tan diáfana que podo contar as torres e campanarios da vila. Entusiásmome e exclamo: Que pracer vivir baixo un ceo tan fermoso e en lugar tan deleitoso! Aos dous días de estar nel, xa me parezo a todos os que alí viven: estou desexando marchar!
Hai cousas, como esta antiquísima diatriba entre o gusto polo frenético ritmo urbano e a pracidez rural, de curiosa inmutabilidade. Lembran aquel clásico marabilloso de Disney dos ratiños de campo e cidade? Supoño que, xa por unhas razóns, xa por outras, todos somos dalgunha clase de ratiños (ou ratiñas).

17.5.09

Soraya& Ramón

Supoño que, segundo quen e por moi diferentes razóns, hoxe se falará moito de Soraya e de Ramón Piñeiro, estraña parella onde as haxa. De Soraya, á parte de que é unha real moza, que o verán pasado que ceaba eu en Vimianzo unha estraordinaria pescada, ela cantaba na verbena próxima e que onte fixo o ridi ―miña pobre― en Moscova, non podo dicir moito. De don Ramón teño ―ademais de toda a colección do vello Grial que el co-fundou e dous libros de páxinas amarelas da biblioteca paterna: La saudade, en colaboración, Galaxia MCMLIII e A Lingoaxe e as lingoas, Discurso lido o día 25 de novembro de 1967 na súa recepción pública na RAG, 1967― unha lembranza concreta: había unha conferencia de certo catedrático de Filoloxía románica na facultade nos meus primeiros anos de estudos. A aula, a máis grande da pequena facultade de Mazarelos de entón, de pupitres incómodos, apenas daba capacidade para o xentío que se xuntou. Entre o público eu recoñecín a Piñeiro. Estaba sentado nun extremo da ringleira de pupitres, só, con aquelas súas gafas de pasta grosa e cristais tan graduados que lle deformaban os ollos. Estrañoume ver, sabendo eu o que sabía da dimensión do personaxe, que ninguén parecía facerlle caso. Ao que rematou a conferencia vin que marchaba só, sen saudar a ninguén. Pode que coincidira non coñecer el aos circunstantes, pero me estraña. Deume a impresión dun home triste e reconcentrado en si mesmo. Ao mellor para entón -comezos dos oitenta- xa estaba enfermo. Creo que Piñeiro foi un home bo. Contraditorio, como toda a súa xeración e a mesma época que lle coubo vivir, pero bo, no fundamental, que é o que conta.
Polo demais, sinto que o Día das Letras Galegas, como Eurovisión, comezan e rematan en si mesmos. Á parte da inercia e unha aburrida rutina anual, de festivo, pero finxido, entusiasmo que xa non funciona, só queda a franca incapacidade de mobilizar a ninguén, que non sexan os académicos, os radicais e militantes da lingua, os escolares de primaria e secundaria e algúns políticos, na medida en que lles conveña. E, ademais, tamén como en Eurovisión, cada vez é máis difícil atopar candidatos de éxito.

14.5.09

Quo vadis?

A outra noite, e non tendo cousa de máis interese que facer, matei algo de tempo vendo o debate sobre o estado da nación. Interviña súa señoría Joan Ridao, quen, con contundente retórica e sólida arquitectura dialéctica, por certo, lle dirixiu unha filípica ao presidente Zapatero, que, en esencia, viña a concluír que sacudirse as pulgas coa crise xa non lle funcionaba ao Goberno e que o verdadeiro problema deste, e nomeadamente do seu premier, era a ausencia dun modelo de país, o que conducía a unha práctica política ad hoc, permanentemente errática, baseada no salto de mata e a improvisación e con horizontes dunha semana. Deixando de lado razóns e contrarrazóns e que nin Esquerra Republicana nin o señor Ridao son santos da miña especial devoción, o argumento fíxome reflexionar (de entrada, que un debate sobre o estado da nación sirva para facer reflexionar a un cidadán xa é algo). Barrunto se a acusación de Ridao non será un mal endémico que rematou por enchoupar todas as esferas da nosa vida pública. De por parte, nunca vin tanta desorientación, desánimo e mesmo desconfianza na errabunda universidade española. A inminencia de Bolonia, un modelo que a ninguén parece contentar (lea o prólogo, por favor) pero que, cal en leito de Procusto, todo o mundo vai ter que aceptar, por unha banda, e, por outra, os devaneos, torpezas e ocorrencias de autoridades académicas máis preocupadas pola política e a rendibilización do coñecemento en termos do máis zafio capitalismo ca polo servizo á súa institución, teñen, creo, postrado á universidade. A imaxe metafórica que me vén á cabeza é a daqueles reos de herexía a quen, na Idade Media, condenaban ao terrible suplicio de ser atados con cordas polas extermidades a catro bestas de tiro, a cada unha das cales se excitaba a turrar nunha dirección diferente. Ao final, acabaremos por esnaquizala.