17.8.09

Modernos invasores

O ser humano non fai outra cousa que repetir modelos de actividade de atávica antigüidade, só que os modifica consonte os tempos, as modas, os costumes, as ideas. Non creo exista latinajo máis certo que aquel nihil novum sub sole, que dixo ou escribiu non sei quen. Aí teñen os veraneantes. Unha nota léxica, previa, se mo permiten: non hai outonantes, nin invernantes, nin primaverantes. Sen embargo, hai veraneantes, porque existe un evidente culto ao verán (con perversións deste culto, como a tanorexia) que non son máis que formas renovadas do culto a Ra, ou Atón, ou Manitú, ou a Luz fronte ás tebras e a caloriña fronte ao frío.
Os veraneantes son coma os mouros de Tarik, os alanos ou os orcos de Isengard: son invasores, e, como todo invasor, o impulso que move ao veraneante é a depredación, o instinto atávico da rapina, da apropiación da maior parte de botín na menor cantidade de tempo. O veraneante, ao que se distingue claramente do nativo polo seu característico uniforme e a expresión beatífica de quen vive reconciliado co universo por un período de tres semanas, sabe que o seu paso polo territorio invadido é efémero e, coa ansia do avarento, depreda todo o que se lle pon por diante: postais; guías de todo tipo; souvenirs de pelaxe diversa; vai ás necoras; escarva na area buscando chirlas; esquilma as silveiras collendo moras; fai colas eternas con estoicismo admirable esperando un exiguo platiño con catro mexillóns e un codelo de pan; extenúa as existencias do súper da pequena vila mariñeira; ataviado cun neopreno e un acento estepeño inequívoco busca pulpos cun trueiro do todo a cien; o veraneante é insaciable: ocupa o espazo en prazas, espállase en terrazas de bar, difúndese coma unha infección en verbenas, praias, calas, festas, paseos fluviais e marítimos, romarías, cotillóns, guateques, lunchs, regatas, cuchipandas, paparotas estivais e exaltacións gastronómicas de toda laia.
O veraneante, coma o invasor, retorna sempre ao punto de orixe coa insoportable levedade de saber que puido depredar aínda un pouco máis, de que o tempo se lle fixo escaso, do moito que lle quedou por ver, mirar, oír, mercar, apañar, pillar. O veraneante que retorna, no fondo -por que non dicilo-, é un tipo triste e un chisco patético.

9 comentarios:

Marco Piña dijo...

Acertadisimo post sobre la pirateria habitual veraniega, aunque al final y nos duela "todos somos veraneantes" de alguna forma amigo Juan :-)

Otro post acertado sería un analisis en profundidad sobre la indumentaria veraniega, algunos es que pierden toda su dignidad dejandose llevar por la moda impuesta.Recuerdo un artículo de Reverte al respecto que creo puedes encontrar en una de las ediciones de Patente de Corso.

Aunque quizas un Foto-post al respecto sería más adecuado.

Un abrazo de este "veraneante de la meseta" ya de vuelta a sus labores.

Saludos.

juan l. blanco valdés dijo...

Me alegra que te haya gustado, Marco. Tomo nota de la referencia de Pérez Reverte. Sobre el "torpe aliño indumentario" que la peña se coloca en verano, en efecto, habería moito que dicir. Es una magnífica sugerencia para otro post. Saludos para todos.

M. Diéguez dijo...

Dúas notas do meu veraneo en terras da Arousa. Unha: pintada en Vilaxoán: "Nom queremos ser a praia de Madrid. AMI". Dúas: a moi galega resposta dunha asistenta local a unha dentista luguesa con chalé na zona que non para de queixarse do mal que tratan os vilanoveses aos veraneantes: "E lojo, se non che justa Vilanova, pa que vés pa aquí?"
Unha aperta a toda a familia, Guan.

F. Míguez dijo...

Dí a miña parenta (cada vez menos) que por qué non me poño de pantalón corto e chanclas no verán. «Porque eu non son coma eles», respóndolle.
Pode sonar arrogante, pero o certo e que non acabo de entender iso de chegar a un sitio onde eres forasteiro e aparcar en triple fila, falar a berros e lucir unha pinta que cada vez pasa máis desapercibida porque todo se pega.
Eu fago distinción entre «viaxeiros», aqueles que saen da casa para ver mundo e ver se se lles pega algo, por aprendizaxe ou por ósmose, e os «turistas», que son peña básicamente necia, que nin aprende nin o pretende (aínda que o aparenten retratando monumentos), e que admite coas súas actitudes que o lugar onde viven o resto do ano non é un bo sitio para vivir.

juan l. blanco valdés dijo...

Home,Manoliño, eu creo que os AMI poden ficar tranquilos, porque por moitas Sinas que lle botes ao asunto, vénche un ajosto destes de vinte días seguidos chovendo e morreu o conto para algúns anos. ¿As praias de Madrid? Pois dende o norte de Girona ata o último recanto de Gipuzkoa, hai onde elixir. O malo destes AMI é que non fai máis ca mirarse o embigo. E o teñen ben feo, por certo.
Amigo Míguez: coincido basicamente con vostede. En todo hai clases, intencións e formas. E hainas máis limpas, nobres e máis espurias, necias. Sexa como for, boas ferias a todos!!

Anónimo dijo...

Aos turistas pásanos como aos pijos: ou non queremos selo, ou non nos damos recoñecido como tales, ou sempre atopamos a un máis pijo ca nós.
Calquera tipo que se despraza a outro sitio distinto da súa residencia habitual para pasar as vacacións, é, sen dúbida, un turista. Pregúntelle aos nativos (ou se vostede mesmo é nativo, faga a proba: non vai fallar nin o primeiro). Tratar de disimular a condición dun nesas circunstancias pode resultar do máis patético.
Por ser máis ou menos elegante, máis ou menos culto, máis ou menos educado, máis ou menos acaudalado non se é máis ou menos turista. Esas son características que nos acompañan durante todo o ano de dios e non teñen que ver coa condición de turista.

Anónimo dijo...

Outra cuestión que subxace no post e nos comentarios é a do turista madrileño.
Esta subespecie de turista (non todos son madrileños nin son todos os madrileños, pero por algo serán recoñecidos así) chama moito a atención por unha cuestión puramente biolóxica. O madrileño vive todo o ano nunhas circunstancias que chamaremos "ritmo de gran urbe". Pedirlle que chegue a Cedeira para pasar 15 días e cambie ese ritmo da noite á mañá, é pedir un imposible. Así, o choque cos nativos é inevitable.
En realidade sería como pedirlle a un de Cedeira que vaia a Madrid unha fin de semana e que pille o "ritmo de gran urbe" nunha tarde.
Igual que calquera madrileño recoñecería a un paleto cedeirés a 100 metros e se queima con ese tipo que dubida en cada cruce e semáforo, calquera cedeirés recoñece a un paleto madrileño de inmediato e se queima con eses tipos que arrasan a súa vila a "ritmo de gran urbe".

paideleo dijo...

Quen me dera veranear máis...

juan l. blanco valdés dijo...

Sobre a subespecie "madrileño" (veraneans capitalinus), un apuntamento ao natural. Unha miña parente, de aspecto normalmente puído e indumento moi coidado, paseando, do brazo da nai, nativa da vila, pola lonxa desta, foi interpelada por unha vendedora "free lance" de peixe: cando lle solicitou unha cantidade descomunal por unha merluza de regular tamaño, a nai da interpelada fixo ver á "pescantina" (palabra, por certo, cursi onde as haxa) a súa condición de nativa da vila, ao que a mariñeira -rebaixando substantivamente a tarifa merlucil- replicou:
-Arre carallo, che, eu pensei que eras unha madrileña...
Aí, aí, paidelelo, quen nos dera outro ajosto, meu...