4.4.08

Recados e polinomios

Que a intelixencia é selectiva é unha verdade histórica, con magnífico e fiel reflexo nunha sentenza que hoxe —en ás do bo humor primaveral que estimula a bonanza climatolóxica— regalo a todos os curiosos visitantes destas páxinas: Un pode ser moi listo para os polinomios e moi tonto para os recados (e á inversa, claro).
A estas alturas da existencia, teño para min —laboralmente arrodeado, como estou, de xentes ben listas para os polinomios— que, por regra xeral, proporciona mellores resultados na vida ser máis listo para os recados, aínda que, como resulta evidente, o ideal está en equilibrar a listeza nos dous eidos.
Arrimando el ascua a mi sardina, a experiencia editorial diaria nunha universidade invoca de xeito permanente a pregunta de cómo auténticos virgueros dos polinomios poden facer tan mal os recados. E non falo de deformación profesional nin altos coñecementos técnicos. Imaxinen a un autor a quen se lle pide unha semblanza bio-bibliográfica, destas típicas para as lapelas dun libro con publicacións, liñas de investigación e tal, e envía un folio e medio, contando onde fixo o bacharelato e dando a relación completas das teses que leva dirixidas. Ou outro que envía para a súa maquetación nunha revista o artigo ¡¡en .pdf!! Non saben que mal trago que se pasa ao intentar disimular unha evidencia abochornante cando se lle comunica ao autor en cuestión a imposibilidade de manipular un formato de só lectura, e o autor retruca Ah, claro! Nunha ocasión pedín unha foto a unha autora para a primeira lapela do seu libro. Colleu unha foto de carnet, pegouna a un folio A4 e ¡escaneou todo o folio! Imaxinen a resolución da imaxe.
As cousas que un autor pode enviar cando se lle fai a suxerencia de que propoña unha imaxe para a cuberta do seu libro resultan, en ocasións, absolutamente inverosímiles, e un a duras penas mantén o tipo para disfrazar con elegantes razoamentos técnicos o que son propostas absolutamente disparatadas. A este respecto, por certo, é algo significativo do traballo en edición universitaria que, en aras non só da cortesía senón por estarmos afeitos a un rexistro lingüístico capaz para a expresión de conceptos especialmente elevados e sutís, usamos de elegantes e sofisticados circunloquios para cousas que se poden dicir de xeito, digamos, máis contundente. Un bo amigo, profesor desta casa, home directo máis avezado a probetas, bichos e microscopios ca a sutilezas de humanista, deume a medida nunha ocasión en que, nunha reunión, me refería eu ás escasas calidades de certo orixinal:
-Eu opino que, con outra redacción, o texto podería ser de lectura máis fluída, tendendo tal vez a evitar sufrimentos innecesarios ao lector. A bibliografía podería completarse con achegas recentes que non aparecen, o epigrafado, no seu estado actual, resulta confuso e, por outra parte,…
O meu home cortoume en seco:
-Ti o que queres dicir é que o orixinal é unha merda, non?
Non puiden máis ca asentir.

1.4.08

Libro ou vela?

Xa que existen latinajos para case todo (e mire vostede que son socorridos!), creo eu que, ao estilo terminolóxico desa tendencia tan notable da arte de todo tempo ―que chegou ao seu colmo no rococó― do horror vacui, deberiamos intitular horror litterae á aversión ao texto e a lectura. Ao igual ca a fobia ao baldeiro, o horror litterae está socialmente presente tamén―xa máis, xa menos― en toda época e circunstancia, e debido ás causas máis diversas mais de cotío relacionadas na historia de Occidente co altísimo perigo derivado do coñecemento. As almas posuídas polo Maligno, buscando contentar aos seus intolerantes xuíces, declamaban na Europa do XVI e o XVII contra os libros e a imprenta; ao pobre don Alonso Quijano os seus, persuadidos de residir o extravío do fidalgo nos malditos libros, requísanlle todo canto mamotreto atopan para os consagrar a unha purificadora pira; a xerarquía católica era odiada por don Jorgito el Inglés, entre outras cousas pola inveretada xenreira papista a toda especie de ilustración, na que Roma enxergaba con claridade a fin do seu dominio de tebras e medos sobre unha poboación analfabeta.
Co devir dos séculos, hoxe o horror litterae non está estimulado polo Poder, con p maiúsculo ―sexa cal sexa e inflúa onde inflúa―, pois as formas de dominio revisten formas moito máis sutiles e imperceptibles e están directamente relacionadas con soportes comunicativos moito máis globais e totalizadores ca a letra impresa.
En tempos de produción editorial en masa maniféstase o paradoxo do que, con acerto, sen ten denominado indixestión editorial e indixencia lectora. Hai días, na lectura (da que por certo estou disfrutando abondo) de El Inquisidor de Catherine Jinks, emocioneime sinceramente cun exquisito parágrafo de amore librorum (que, sen o poder evitar, contrapuxen mentalmente nun lapso fugaz á cifra, absurda e desmesurada, de 70 000 títulos editados en España en 2006):

Soy dominico. He dormido estrechando las Confesiones de san Agustín contra mi pecho. He llorado al ver desintegrarse las páginas entre mis manos, bajo la cruel condena de la polilla que roe los libros.

Concíliase mal esta sobreprodución con feitos palmarios que sobrancean en cada enquisa sobre hábitos de lectura. Por exemplo que entre os adolescentes estudantes de ESO, a lectura, de entre as actividades de lecer, aparece sistematicamente en penúltimo lugar de preferencia, superada só por non facer nada. Teño para min que o feito de ser este tramo de ensino obrigatorio provoca en moitos estudantes, que se ven obrigados a uns estudos que nada lles importan, unha identificación 'libro'-'libro de texto' que conduce a unha bibliofobia da que dan innúmeros testemuños os sufridos profesores de tal caterva, entre os cales conto non poucos amigos.
O horror litterae, como moitas enfermidades, pode ser de detección precoz. Gardo ao respecto unha ilustrativa anécdota. Os pais dunha boa amiga ―el xa falecido, Pepe, home moi apreciado por min― tiñan en certa vila, «porta da Costa da Morte», un saneado negocio de bodas, bautizos y comuniones, metonimia moi propia do país que significa, claro é, de venda de roupa para tales galas. Con ocasión de estar Pepe vendendo un traxe "de almirante" para a primeira comuñón a certo rillote dunha aldea próxima -pequecho, gordo, mouro- que coa súa nai estaba, e xa feitas as probas, cadradas as tallas e fardado o neno, Pepe interrogou a este sobre o adminículo que na ceremonia prefería, ademais do consabido cordoncillo, portar na man, dándolle a opción de libro ou vela.
O rapaz, túzaro e sen erguer a vista do chan, preguntou que se o libro tiña letras, respostando positivamente Pepe e facendo aceno de lle ensinar as páxinas do misalito que alí tiña de mostra.
O neno non o pensou e, agora si, levantando a vista con decisión espetoulle á nai:
-¡¡Vela!!

30.3.08

Deberes?

Como pai e como cidadán percibo que temos chegado a unha perigosa desproporción entre o que, por regra xeral, os nosos fillos ―é dicir, os mozos de hoxe― consideran os seus dereitos e os seus deberes. A combinación do estado do benestar e unha monstruosa oferta de consumo cun programa socioeducativo no que as lindes entre liberdade e ausencia de límites aparecen escurecidas conduciu, na miña opinión, a unha baixísima tolerancia da mocidade actual á palabra non.
No meu caso, unha lixeira crise de convivencia familiar hai poucos días levou á redacción escrita dun decálogo de deberes dos pais e dos fillos, que -ao estilo da felizmente esquecida super nani- preside o lugar acostumado de reunión fogareña. A confección dun documento de compromisos tan elemental indica, na súa propia obviedade, o retorno á máis rudimentaria necesidade de facer valer obrigas básicas. No tránsito do grupo familiar á sociedade civil ―o grave déficit da cal creo eu que é un dos problemas fundamentais de España―, ao día seguinte da redacción destes mandamentos familiares contemplo o desolador aspecto da alameda dunha cidade tras un botellón. Simplemente, cren que é a nosa obriga -a obriga inapelable do concello, do estado, do goberno, ou vaia vostede a saber de quén- recollerlles a merda. A nosa obriga. O seu dereito. A ver quen lles di que non.

26.3.08

Deconstruíndo mitos

Spielberg, primeiro, e Peter Jackson, despois, van levar ao cine a Tintín. Polo visto, as entregas seleccionadas por Spielberg para a adaptación do primeiro filme van ser O segredo do Unicornio e a súa continuación O tesouro de Rackham o Roxo. O actor elixido é Thomas Sangster, un adolescente británico de 18 anos que, curiosamente, aparenta bastante menos.
Supoño que, con estes datos e coñecidas as credenciais dos dous directores, a expectativa pode ser grande. Sobre ambos relizadores a penas un par de apuntamentos persoais. De A lista de Schindler opino que, de cara á mellora global da nosa especie, todo ser humano debera vela cando menos unha vez ao ano. Sobre Jackson, direi que lin O señor dos aneis por vez primeira aos vinte anos, por volta de 1980, cando Tolkien era un nome de culto popularmente descoñecido. Acariñei por moitos anos no meu maxín o moldeado físico de cada un dos personaxes da Terra Media, moi en especial, claro, o de Frodo Bolsón. Cando vin no cine por primeira vez a Elijah Wood caracterizado como Frodo —sentado baixo un freixo e sorrindo a Gandalf— pensei: carallo, conseguiuno, o cabrón de Jackson conseguiuno: é Frodo, nin máis nin menos, exactamente como o levo imaxinando todos estes anos.
A maxia do cine posta ao servizo da xenialidade dun director (e dun porrón de millóns de dólares, pero, ollo, isto só non chega) pode producir obras de arte, en absoluta consoancia, no caso das adaptacións, coa excelencia da obra escrita orixinal.
Pero o caso de Tintín é ben diferente. Hai unha base de pastiche inevitable cando se pretende dar cobertura humana real a quen ata o momento tivo cobertura humana convencional. É imposible atopar a alguén de carne e óso que teña un nariz coma o de Astérix ou un bandullo coma o de Obélix, e daí as estúpidas adaptacións cinematográficas dos últimos tempos, simplemente ofensivas para Goscinny, Uderzo e a infinita lexión de devotos dos indómitos galos. As aventuras de Tintín son imposibles e están acomodadas a un pacto tácito no que o lector está disposto a desculpar a absoluta imposibilidade de que as cousas que pasan nelas poidan pasar no mundo real. Tintín non fai caca nin pis; é de idade indefinible; ten unha boa sorte inverosímil; unha capacidade ilimitada de ter a man o que lle fai falta; fala todos os idiomas do mundo; non ten noiva nin se lle intúe sexualidade algunha (como non sexa con Milú ás agachadas…), e é un enigma -sendo xornalista como é- o medio para o que traballa, pois eu —non sei vostede— non lle vin dar pao á auga nin mandar unha crónica a xornal ningún en todas as súas aventuras. Ninguén, por outra parte, entre os centos de millóns de seres humanos de varias xeracións, tivo que imaxinar a Tintín, pois constitúe unha imaxe visual característica,un icono indiscutible do século XX: o puto jerselillo azul e por baixo as lapelas da camisa branca conforman un atuendo que fai supoñer, na súa inmutabilidade, que ou ben no seu gardarroupa o rapaz ten unha auténtica lexión de jerselillos azuis e camisas brancas ou ben que non muda a roupa xamais; os bombachos e a gabardina beige; o mechón indeformable a base —intúo— da aplicación sistemática de fijador extraforte…
Para min Tintín estará sempre asociado á merenda cotiá dun meniño de oito, nove, dez anos… na Biblioteca Pública dunha pequena vila na España dos sesenta. Anóxame un pouco que a obsesión dos taquillazos e a ausencia de ideas orixinais conduzan a vestir con roupa humana aos mitos que o imaxinario particular de cada quen acubilla en sitios moi íntimos. Alá veremos. De por parte, creo que os deuses están moi ben no Olimpo. Vendo a sociedade na que vivimos, se Afrodita baixara sería unha pornstar.

25.3.08

De ben nacidos...

Agradezo fondamente que o prezado amigo Marcos Valcárcel —propietario dun dos blogs máis dinámicos do blogomilloconsidere este local entre os seus imprescindibles, a pé de Fíos Invisibles, Brétemas, Ana Bande, De Paso, Dias Estranhos, Arume dos Piñeiros e A vella da manta. No que a min toca, penso que a Marcos, como ao poeta de La colmena, famento, pobre e picarón, que loando ao vello e pesadísimo xurista discurseador agardaba gorroneralle o café con leite, su bondad le hace exagerar. Non disimularei, no entanto, que o recoñecemento —sobretodo vindo de quen vén e sen mediar a chantaxe dun café de gorra— supón un estímulo que contrapesa un chisco a soidade relativa e a, digamos, insoportable levedade do ser cando un se pregunta qué carallo fai dende hai máis de dous anos lanzando mensaxes nunha botella dende a illa Fragmentos da Galaxia (que non figura en mapas nin cartas náuticas) sen visos de ser finalmente rescatado por ninguén. Moitas veces — cansado Crusoe, vítima do desánimo e a piques de tirar a toalla— téñome interrogado sobre a desproporción entre o investimento en horas e enerxías que dedico a estas páxinas e a repercusión mediática das mesmas. Vaidade? E quen non a ten?
Eu non son xornalista (vaites!) nin opinador profesional. Son, por outra parte, pouco amigo de loureiros e galardóns, pois, por propia decisión, vivo alonxado do século e os seus traizoieros ouropeles. Ben pouco, xa que logo, se me vai en saber se este local é ou non dos máis populares, se está en listas e en que posto, e nada agardo del máis ca poder seguir escribindo do que me peta. Aínda así —dito sexa coa máxima modestia—, relendo moitos destes fragmentos, fillos das lembranzas, das angueiras, das reflexións e vivencias de quen subscribe, non podo desfacerme da idea de que poderían ser destino de maior eco e mellor fortuna. Pero, por outra banda —e aí reside o xurdio alicerce do alento— que mellor fortuna que poder compartir o meu mundo feito palabras cos meus selectos, cultos e, de costume, amables contertulios? Non será eco de moitas voces pero si un eco potente e claro. Velaí o maior dos recoñecementos.
Con motivo do grato encomio que me dirixe Marcos, pois, vaia a miña máis profunda gratitude a todos os visitantes desta casa, pasados, presentes e futuros. Cada unha das vosas opinións, apuntamentos, recordos, saudades, pareceres, parabéns e críticas é unha razón para seguir adiante. Non sei a onde, pero adiante.

24.3.08

"Less-sellers" e tres suxestións

Hai uns días falábase nesta bitácora das luces e sombras dos best-sellers e o tipo de cultura que impoñen, baseada na inmediatez, superficialidade e efemeridade como condicións de consumo do produto en cuestión, condicións estas que, polo demais, se fan manifestas noutros moitos eidos da oferta cultural contemporánea, ademais de no editorial. Se vostede, por poñer un caso, elixe no seu videoclube a magnífica película húngaro-xermano-británica Sin destino (2005) do director húngaro Lájos Koltai —o destino que o inferno vivido en Auschwitz e Buchenwald lle furtan a un neno de 14 anos— verá que na carátula do DVD o máximo destaque, ao xeito do que lle se dedica ao protagonista, é para Daniel Craig (guaperas
protagonista, creo, do último James Bond), quen no filme (de 140 minutos e interpretado por un elenco de actores excepcionais, por suposto descoñecidos por estes pagos) sae, revestido de salvador soldado americano, exactamente en catro escenas e di cinco frases, total: seis minutos. Ou sexa que esta tendencia obsesiva a premer no nervio máis sensacionalista do eventual consumidor, como garantía de consumo, é, por riba, inxusta.
Nos antípodas do best-seller estaría o que poderiamos, como dicir?, o less-seller, é dicir, aquel título absolutamente descoñecido, a existencia anónima do cal pode deberse á máis estrita xustiza (xa saben, aquilo do poeta hoxe afortunadamente esquecido). Noutros moitos casos, porén, produtos de altísima calidade coñecen polas máis diversas razóns apenas unha vida catacumbática ou, no mellor dos casos, reservada a un coñecemento minoritario ou aínda erudito. Nunca me explicarei, por exemplo, que unha extraordinaria novela de aventuras e piratas como Amargas han sido las horas de Alberto Fortes (a primeira edición de 1992 na editorial do meu amigo —profesor de estética na minerva compostelá— Nel Rodríguez Rial, Novo Século; a segunda en Península, 1998) tivera tan escasa trascendencia nun país onde tanto bodrio se coroa cos loureiros dalgún premio. Acaso a novela de Fortes é incursa no nefando pecado de non estar en galego?
Volvendo aos campos de concentración e historias da segunda guerra mundial (de onde partía a miña reflexión sobre O neno co pixama de raias), a miña suxestión explícita de hoxe (digo explícita porque implícitas van cando menos dúas: unha peli e outro libro) é unha historia moi pouco coñecida do gran público, inquietante, pouco amable, escura, estruturalmente orixinal e arriscada, e metida nun libro pequeno: O gran caderno, da autora húngara nacionalizada suíza Agota Kristoff (Le gran cahier, 1986). Como resulta practicamente imposible escribir sobre as atrocidades da guerra sen paixón (máxime para unha húngara que cruzou a fronteira a Austria con vinteún anos fuxindo do milagro socialista), a fórmula de Kristoff é ben doada: prescindir de toda percepción subxectiva dos feitos a través da visión de dous meniños xemelgos, que, lonxe de faceren gala da súa inocencia como sinónimo de bondade, sitúan ese estado na fase previa a toda consideración moral. No seu gran caderno, os xemelgos escriben:
Para decidir se está «Ben» ou «Mal», temos unha regra moi simple: a redacción debe ser verdadeira. Debe­mos describir o que é, o que vemos, o que entendemos, o que facemos.
Por exemplo, está prohibido escribir: «Avoa semella unha bruxa»; pero está permitido escribir: «A xente cha­ma A Bruxa a Avoa».
Está prohibido escribir: «a Pequena Vila é bonita», posto que a Pequena Vila pode ser bonita para nós pero fea para outros.
Así mesmo, se escribimos: «o ordenanza é amable», isto non é unha verdade, porque o ordenanza é quizáis capaz de maldades que nós ignoramos. Escribimos, pois simplemente: «o ordenanza danos mantas».

O lector galego pode disfrutar da magnífica tradución de Marga Rodríguez Marcuño (Xerais, 2000).
A suxestión débolla á miña prezada amiga e colega María Jesús Fariña e xurdiu falando precisamente dos best-sellers e do ditoso neno co pixama a raias. E é que os camiños do señor e os da literatura son inescrutables.

17.3.08

Dun bloc a un blog

Na presentación dun libro que publicamos hai xa unha boa chea de anos sobre literatura popular galega, oínlle a Basilio Losada unha reflexión que teño lembrado e actualizado dende entón en contextos argumentais do máis variado; unha desas reflexións que debían implicar o abono dunha cantidade simbólica por parte de cada un dos oíntes que a recibe, amén de estaren protexidas polo copyright, tal é a súa incisión e densidade. Dicía Basilio que, en Galicia, a literatura popular recibiu a sentenza de morte o día que se acendeu a primeira bombilla no país.
Se tivera tempo, ganas e un pouco máis de coñecemento ―pero sobre todo por non aburrir aos benevolentes lectores destas páxinas, que logo se me queixan de que son un pesado―, tentaría conectar o aserto de Losada co fío vertebral macluhaniano sobre as inconmensurables consecuencias da fin da oralidade en Occidente e a consecuente emerxencia do homo typographicus. Pero o meu obxectivo de hoxe é bastante menos ambicioso. Fiquemos, apenas, coa idea de que o lume da lareira, en óptima combinación coas condicións climáticas que ocupan (ou ocupaban antes da muda climática) Galicia oito de cada doce meses, creaba un espazo físico de clarescuros, sombras e ensoñacións que estimulaba a unha interacción de comunicación e transmisión oral que deixou de ter sentido cando a noite viu crebada a súa maxia por arte da técnica.
Con todo, algunhas formas de creación oral perviviron. Unha destas formas, con todas as características da máis prístina base popular, é a que se refire aos moitos ritos, prácticas, festexos e celebracións do entroido. Na terra vizosa e verde da Ulla estradense (os Veas, Balboa, Arnois, Oca, Berres, Barbude, Paradela, Ribeira…), o entroido reviste unha forma peculiar, e por demais coñecida e etnograficamente estudada: a do encontro dos generales, parodia rural dun combate militar no que os dous contendentes se dirixen, cabaleiros en cadansúa montura, invectivas cheas de fanfarronería. A forma de tales produtos é a dunha versificación ripiosa e adoito falta de ritmo no literario e castrapeira no lingüístico, ao máis puro estilo das regueifas tradicionais. Ese desleixo formal combinado co paradoxal intento de imitación dunha linguaxe marcial, rimbombante e fina ―pois é claro que os militares de rango falan castejano― fai destas pezas deliciosos, e por veces hilarantes, destilados da imaxinería oral popular.
De entre o inesgotable fondo documental que tivo a ben legarme o finado de meu pai —e é de salientar que o bo do home tiña a curiosa característica de non tirar un papel—, descubrín recentemente con alborozo un pequeno bloc de notas, de formato dos máis pequenos (9 x 12 cm), daqueles Enri con papel cuadriculado e a espiral de arame na parte superior, e signos evidentes do paso dos anos. O caderno é unha breve colección de dicterios generalescos de autor coñecido, pois o mesmo manuscrito dos versículos pode atribuírse pola caligrafía —inglesa, de mestre da antiga escola— a asinatura que figura na páxina 1, Manuel Torres Espiño, apelidos, por certo, moi da Estrada e a Ulla. De xeito facticio, o bloc contén, ademais, outra colectánea de man diferente e en follas soltas, igualmente viradas en sepia por arte do tempo. Dou hoxe algunhas pérolas cultivadas de tan senlleira compilación, que, creo, van na liña do devandito.


Traijo muy buenos gerreros
todos vienen muy contentos
para desacer tus colunas
y tus modernos inventos.

Toda mi sangre esta herviendo
con un calor asombroso
por encontrarme delante
de un cobarde y morriñoso.
Soy pequeño en estatura
muy grande en saviduría
me tienes que respetar
o te costará la vida.

Será megor que te rindas
que tengo la marina anclada
y está dispuesta aplastar
los más balientes de la Estrada.

Tu me estas desafiando
y no sabes lo que dices
tienes cara de mocoso
te lo noto en las narices.

Según te estas aclarando
eres como Hestalín
que mandó construir
la muralla de Berlín
y como era covarde y no tenía conciencia
por eso hoy le llaman
el muro de la berguenza.

«Os avatares da letra», titulou o editor José Antonio Millán un artigo no que desenvolvía o carácter fundamentalmente dúctil e maleable do texto, que muda indefinidamente de forma, soporte, tempo e intención sen perder por iso a súa integridade. As letras que hai cincuenta anos pasaron manuscritas a un pequeno caderno atopan por vía da casualidade hoxe acomodo e perpetuación dixital nesta bitácora. Se don Manuel Torres Espiño erguera a cabeza!

11.3.08

Auchviz

Os best-sellers, a min que son un lector raro e difícil de contentar, subxectivamente esixente, elitista e indiscutiblemente repelente, evócanme a prevención do clásico: ante certos feitos, non é tan perigosa a reprobación do sabio canto o aplauso do necio. Que milleiros de cidadáns, de costume habitantes dun secarral literario, se sumen con fruición e entusiasmo á rápida deglución das catrocentas páxinas do éxito en cuestión é a indubidable manifestación do aplauso do necio. Porque este é, deixémonos de milongas, o mérito comercial —o mérito editorial é outra cousa— do best-seller: mobilizar á lectura a segmentos normalmente impermeables a tal exercicio, o que, en termos numéricos, pode incrementar sustantivamente os índices de lectura dun país semi-bibliófobo (máis ou menos a metade da poboación española non le nunca ou case nunca libros).
Este razoamento radical non debe, con todo, conducir á súa interpretación máis perversa: a condición de best-seller non implica necesariamente unha calidade literaria dubidosa, podendo un apabullante éxito de vendas conseguir o aplauso do sabio. Aí están, por citar dous exemplos a vuelapluma que sen moito esforzo me veñen ás mientes, O señor dos aneis de Tolkien ou O perfume de Süsskind (ambas as dúas obras, por certo, levadas recentemente ao cine con gran mestría e respecto do orixinal).
Polo que sei, Miramax e a factoría Disney traballan na actualidade por adaptar outro recente best-seller, O neno co pixama de raias, do irlandés John Boyne, de quen souben por primeira vez, hai uns días —confésoo— na libraría, como no, de El Corte Inglés. Tras seleccionar un exemplar da primeira das cinco columnas en que se apilaba a monumental oferta, paguei o libro cunha mestura de curiosidade e escepticismo e trasegueino en dous días. Ben. A receita é a habitual do xénero: o diálogo permanente como garantía de amenidade e dinamismo; redución ao máximo posible de toda complexidade estrutural; liñalidade e pouca profundización nos personaxes, que se amosan apenas polas súas palabras; e, en fin, unha certa facilidade da voz narrativa agochada tras a escusa de ser un neno de nove anos o transmisor da acción e de tratarse, segundo a vitola comercial coa que a novela circula, dunha obra "para nenos".
Pero, ollo, se o necio pode aplaudila, o sabio non pode reprobala, por teimar no proverbio. Porque O neno co pixama de raias é algo máis ca un best-seller, que tamén; é algo que non está na novela mesma, algo que transcende a súa peripecia narrativa e se relaciona coa propia obviedade da trama, do guión: como é posible que a idea de Boyne non se lle ocorrera a alguén antes? E, aínda máis, non puido pasar de verdade? Non é a historia de Bruno e Shmuel a demostración máis absolutamente simple, e tamén máis absolutamente monstruosa, do irraciocinio fundamental da política racial nazi? Os xudíos son, a fin de contas, seres humanos e eles, os nazis, equivocáronse. Como ten recentemente declarado un supervivente da shoah, en aparente contradición chea de tremendo significado: nunca nos poderían perdoar o que nos fixeron.
Por dúas condicións, a novela tocoume na freba máis sensible: a) visitei nunha ocasión un campo de concentración (o de Bergen-Belsen, onde faleceu Ana Frank), visita que me afectou de xeito inesquecible; b) teño un neno de nove anos. A coincidencia das dúas circusntancias foi, debo recoñecelo, determinante na especial percepción da novela. Trátase, en calquera caso, dunha obra intelixente, dunha historia fermosa e terrible na súa propia simplicidade, dun doce e inxenuo descenso aos infernos ―valla o paradoxo― que non pode deixar indiferente a ninguén.

10.3.08

Me llamo Josep Lluis!

Entre outras moitas valoracións, estimacións, opinións, argumentos, matices, extrapolacións, conclusións, criterios, e previsións, celebro comprobar que non hai chulería que quede impune.

5.3.08

Lecturas... e lecturas

Un dos principios nos que alicerza a lexibilidade tipográfica é que na lectura, como proceso automático, lemos non palabras senón grupos de palabras e o facemos, fundamentalmente, pola parte (ou ollo en termos técnicos) superior das mesmas. Ademais, como seres tipográficos que somos dende que, na máis tenra nenez aprendemos a ler, percibimos máis a imaxe da palabra que a suma analítica das letras que a forman; por iso, entre outros efectos e consecuencias, é tan díficil dar coas erratas nas que non faltan nin sobran caracteres senón que estes andan trabucados no interior da palabra, sendo correctos os límites esquerdo e dereito da mesma: carcáter, Santaigo, tiporgáfico, lexilibidade
Esta mañá houben de actualizar nun tris todos estes coñecementos teóricos e aplicalos ao texto no que, de casualidade, foron dar estes ollos que comerán os vermes, na lectura -frivolona e escéptica, pois tal anda o país- da prensa diaria: o titular, baixo unha foto do Sr. Conselleiro de Economía, D. José R. Fernández Antonio, rezaba:
Destinan 40 millóns ao financiamento de pemes
Tras un primeiro rapto de incredulidade, seguro de ler o que a miña mente me obrigou a ler e ignorante de que o asunto precisase de financiamento tan importante, descubrín, nunha lectura máis consciente e con evidente alivio, o meu erro.
Tire vostede a conclusión que queira.

4.3.08

Índices

Etimoloxicamente, o perfectus latino valía 'totalmente feito', 'rematado completamente'. É así que o inacabado resulta feo ou marcademente defectuoso pois, como ben sabían e salientaban os clásicos, unha das condicións da beleza é a completitude. Vén semellante introito a conto por unha, polo demais magnífica, Historia do Rock que eu teño e á que lle falta a maior parte do índice onomástico, falta que intermedia entre a automática localización do nome que se queira e a busca, aburrida e extenuante, dese nome. Maldigo esta eiva e o tempo que me fai perder cada vez que preciso dun dato ou quero localizar un determinado artista ou grupo.
Os índices, secomasí, son "ferramentas de navegación textual" ―nihil novum sub sole por moita artillería terminolóxica que empreguemos― que naceron, como auxiliares de existencia inevitable, co mesmo libro. O editor sabe, ou debe saber, isto e practicalo ou propiciar poñelo en práctica sempre que o considere oportuno. Unha coñecida e prestixiosa editorial do país, faro de galeguidade nos tempos escuros do franquismo ―conste que eu non digo nomes...―, publicou hai uns anos certo epistolario entre dous vultos da cultura patria contemporánea, que abrangue o período de remates da nosa Guerra e os mediados dos oitenta; unha obra do maior interese pois, como ben pode imaxinarse, o cruce epistolar entre dous tan importantes pesos pesados do noso recente devir cultural resulta un indirecto pero fiel reflexo deste. Pois ben, a edición ―desleixo dos editores literarios e do editor de mesa― non contén índice onomástico co que a utilidade nomeadamente heurística da obra redúcese absolutamente. Poñamos por caso que quero determinar a relación de, non sei, Domingo García Sabell cos epistolantes: que me queda? Pois, meu amigo, ler de cabo a rabo o libro ou fiar da fortuna de pillar, nun exercicio de lectura diagonal, o nome ao voo. Un magnífico exemplo este, dito co maior respecto á probidade intelectual dos implicados, do que en edición non debe facerse.
Isto leva, claro, a un tema sempre polémico nesta sufrida profesión, e que, por certo, xera sempre intersantes debates nas miñas clases do Máster en Edición: os límites da responsabilidade entre autor e editor. Porque, indo ao caso que nos ocupa, se é o autor o que non quere incluír un índice onomástico, pois alá el, non? Penso, non obstante, que a obriga de todo bo editor é facer as instancias que na súa man estean para mellorar o produto, e isto dende todos os puntos de vista. Labor este que pode conducir a un tira e afrouxa, por veces bastante esgotador co autor ou coordinador dunha publicación, como ben sei por unha recente experiencia. En calquera caso, labor ―como tantas cousas en edición― que ficará, para o editor, no máis estrito anonimato, pois todos os méritos da obra editada, por moito que se induciran dende a mesa de edición, van ser para o seu autor.
Quero crer que, sexa como for, o público en xeral distribúe con xustiza os merecementos dunha boa edición entre todos os seus partícipes. Ou, cando menos, en momentos de desánimo -que sempre os hai- busco consolo nesa idea.

2.3.08

Buscando nas orixes

Vía Manolo Diéguez. Obrigado, Manolo.

28.2.08

Steely Dan

De entre todo o que un le ao cabo do día, poucos argumentos ou ideas chegan a producir un impacto máis ca mediocre, ou, polo menos, iso é o que me pasa a min (certo é que os anos fan a un cada vez máis esixente). Pero, de cando en vez, a brillantez dunha imaxe, a instantánea decodificación dunha metáfora produce unha chispa luminosa na nosa maltreita mente, salferida de tanta parvada como se le (e, non digamos, se escoita). Teño unha Historia del Rock, que El País publicou en fascículos en 1986, magnífica obra de recopilación e crítica das orixes, expoñentes e evolución do pop e o rock internacional, debida á, entón aínda incipiente, factoría polanquista, e asinada por nomes como os de Diego Manrique, Jesús Ordovás, Moncho Alpuente, Álvaro Feito, Maruja Torres, Rosa Montero… Un produto editorial moi á altura de case todo o que, como operacións especiais, pon en marcha El País, e unha obra moi entretida que me estimula a evocacións e recordos moi gratos dos vellos tempos. Unha cousa, por certo, que me jode un güevo do meu exemplar é que o índice de nomes está incompleto e interrómpese no G (o que falta é o último fascículo, a saber onde andaría eu en 1986, en vez de comprándoo... ).
Característico da enciclopedia, que dá a medida da grande intelixencia e perspectiva crítica dende a que a obra está feita, é que cada artigo (referido xa a un grupo, xa a un autor, xa a un concerto, acontecemento especial, etc.) leva un título creativo, literario, metafórico…, unha sorte de expresión paradgimática do artista, grupo...: U2, el cántico espiritual; The Smiths, cegadoras luces del norte; King Crimson, las visiones del rey Fripp; Simple Minds, el gusto por las alturas; Motown, sublime cadena de montaje; Weather Report, música de la aldea global; Nacha Pop, fuertes sensaciones (tan fortes que así rematou o grandísimo Antonio Vega…).
A páxina referida a un dos meus grupos favoritos de toda a vida titúlase: Steely Dan, engimática brillantez. Asínaa David S, Mordoh e comeza co texto, ao impacto do cal me refería arriba: Se puede llegar a pensar que para escuchar a Steely Dan antes hace falta ponerse el esmoquin, tal es la elegancia de su música. Fascinante expresión do que exactamente penso. A afortunada combinación Donald Fagen, teclista e vocalista, e Walter Becker, baixista (que asinan todos os temas) está na base dunha produción coidada, urbana e de resabios neoiorquinos ata a médula, con potentes bases rítimicas, liñas melódicas de extraordinaria limpeza e orixinalidade e unha dosificación habilísima de recursos vocais, ventos... O concurso de músicos, como o guitarrista mercenario Dennis Dias poñen o resto. O solo de guitarra co que comeza "Don’t take me alive" (The Royal Scam, 1976) -déalle caña ao equipo e non o perda!!- segue emocionándome como o primeiro día que o escoitei.
Creo que outro dos meus grupos favoritos, Level 42 ―militantes igualmente da elegancia― débelle moito ao dúo Fagen-Becker, quen, polo demais, e como tantos, hoxe peinan canas.
Nota curiosa: Steely Dan (algo así como 'dani de aceiro') é o nome de certo instrumento erótico ―de uso doadamente intuíble― en Naked Lunch do irreverente e undergound W. Burroughs.

26.2.08

Debate?

Non é a sociedade, que, como todas as sociedades da historia, nin é boa nin mala. A sociedade de hoxe é a que hai, produto do seu tempo e circunstancia concreta. Pero o momento social, creo, é malo. O debate ZP-Rajoy de onte, alén de todo o tipo de consideracións políticas que se queiran facer (e se fan moitísimas porque aquí se badúa de carallo) e da descomunal campaña mediática que o precedeu, foi algo triste, máis ben, deprimente, e non pola calidade dos candidatos, nin o rollo macabeo de cada un, que alá cada quen. Non. O deseño do debate, con todo pautado e pactado, foi o triste: como parece inevitable que os cidadáns deste país convirtamos todo debate político nunha confrontación virulenta e visceral (ai, a longa sombra do 36, e o mito das dúas Españas!) , solución? Non dar pé ao máis mínimo enfrontamento, amoldar aos tíos que queren ser presidentes do país ―nin máis nin menos― á condición de meras talking heads que, nun diálogo de xordos, declaman datas, datos e porcentaxes. Os esforzos do moderador por cortar de raíz, coma un mestre magnánimo, a máis mínima réplica de calquera dos contendentes e de levalos, como nenos guiadiños, polos bloques temáticos que ía anunciando, resultáronme tristes, como digo, patéticos e deprimentes.
Se isto é a política do momento, en fin, que baixe Deus a velo

24.2.08

Duelo

Creo lembrar un tema do cantautor, cantante, compositor ―e actor― alemán Herbert Grönemeyer que se chamaba algo así como “Eu non lavo o coche os domingos” e se refería, como o título deixa desprender, á xurdia e metafórica negativa a permitir que o rodillo social acabe converténdonos nunha sorte de autómatas, dotados dunha personalidade cada vez máis esvaída, gris e uniforme, que remata por fundirse, no seu esvaimento, grisura e uniformidade, coa do veciño e así sucesivamente, ata conformarmos unha masa indistinta e dócil, gobernada e dirixida dende os omnipotentes mass media. Exactamente igual que, tras complicadas operacións e cálculos de márquetin, se nos estimula a mercar un coche, que se ofrece dende o spot que o anuncia como unha especie de relixión capaz de mudarnos a vida, se nos estimula -ata o noxo- a deixar cada tanto unha papeleta nunha urna cunha riqueza de mensaxes explícitas e subliminais encamiñadas a crer que tan simple feito vai implicar a fin dos problemas do mundo e o noso automático traslado ao mundo de Jauja. Todo iso perpetúa un statu quo que chamamos democracia, que non é mal invento, fóra favorecer que moito inútil e moito jalopín vivan regaladamente traizoando a boa fe do contribuínte.
Mañá, 25 de febreiro de 2008, toca ver o derby ZP-Rajoy. Quen é capaz de resistir unha presión mediática de tal calibre? Só quería lembrar o dereito a non lavar o coche os domingos. Porque un é así. Inxenuo.

21.2.08

O diablo dos libros

Un segmento certamente significativo dos libros herdados dos meus ancestros o constitúen os de contido esotérico, que, ao igual ca en min hoxe, debían producir neles hai ben anos unha atracción un tanto morbosa. As anotacións manuscritas e suliñados a lápis, non sei se de man do avó Mario ou do tío avó Roberto ―tal vez dos dous a cadanseu tempo de lectura― ornan as páxinas de tan insignes especimes, estimulando a romántica evocación do momento e circunstancia concreta en que foron feitas, a xeito de sinuosos trazos de grafito e tempo acubillados como fósiles na tépeda escuridade do libro ata seren de novo revividos polo feito simple de abrir este. Abrir un libro por moito tempo fechado ten algo de violento; é de seu un acto de profanación, como o rebentamento arqueolóxico da tumba dun monarca merovinxio que leva séculos no abismo sen fondo da divindade deserta e silenciosa.
Teño un exemplar desta laia que aprecio especialmente e que hai ben tempo que non abría. Levo días abandonado á súa lectura, unha lectura, como ocorre ás veces, indolente, carente de compromiso e caracterizada pola nonchalance de quen non fai máis ca ler, falar e esprimir o caletre por obriga profesional e está ata arriba de ler, falar e esprimir o caletre (e ata máis arriba das obrigas profesionais). Trátase dun venerable volume en octavo, impreso nun horrible papel de trapos, e encadernación rústica e barata; no físico un membro esgrevio desa tipoloxía de libros de fealdade que parecía corresponderse cunha sociedad caciquil y levítica, con los valores supremos del clero y de una burguesía de corte funcionarial campando sin complejos, libros que parecían impresos con la mugre de los militares y encuadernados con las sotanas de los curas. Este libro é Historia de la magia. Resumen de sus procedimientos, ritos y misterios. Versión española de Enrique Barea. Prólogo y notas de Rafael Urbano. 17 láminas. No pé: Biblioteca del Mas Allá. Lista, 66 –Madrid. 1922. E na volta da portada: Tipografía de «El Adelantado de Segovia».
O seu autor, de París da Francia, un chisco impostado como bo francés, pasou de Alphonse Louis Constant na pía, onde lle administraron o bautismo en 1816, ao nom de plume Eliphas Lévi, alias de resoancia non só hebraica, tarótica, cabalística, esotérica e talmúdica senón aínda aristocrática para a tribo de Sem.
Entre unha porción de cousas interesantes e en extremo amenas, conta Lévi un famoso proceso do século XVII na Provenza, característico da época, no que dúas devotas de pulsión relixiosa esaxerada ―na realidade dúas histéricas con evidentes desarranxos xenésicos―, Louise Capeau e Madeleine de la Palud, acusaron a un pobre cura, de nome Louis Gaufridi, sacerdote un poco mundano, de figura agradable, carácter débil y moralidad sospechosa, que fora confesor de Madeleine, en quen o guapo crego inspirou una violenta paixón. Cambiada esta en ciumes rabiosos pola indiferenza daquel, Madeleine fixo pagar a Gaufridi o seu despeito coa fogueira, a onde foi enviado polos piadosos dominicos que, tras atormentalo a conciencia, o fallaron inspirador certo da posesión diabólica das mozas. O máis curioso do caso, e a razón deste post, é que nun dos moitos transportes infernais aos que, como síntoma do seu endiañamento, as posesas se entregaban, entre alaridos, aspaventos e contorsións, parecían contar los sueños de los que las interrogaban; los diablos se daban nombres incongruentes; pronunciaban sermones dignos de los más fervientes capuchinos; declamaban contra la imprenta y contra los libros
E é que a ars artificialiter scribendi de Gutenberg naceu -pestífera e diabólica, marabillosa e revolucionaria- querida por moitos e odiada por moitos máis. As aias de don Quixote e os nazis coincidiron no procedemento radical de entregar os libros ao lume como profiláctico do que consideraban moitos males. Hoxe, nun punto de inflexión definitivo no desenvolvemento extremo da galaxia gutenberg e do home tipográfico (impreso, dixital, en liña…), e persoalmente convencido de que na historia da humanidade non existe solución de continuidade, pregúntome onde se agochan os diablos, quen son os inquisidores que poñen lume ás fogueiras e a quen e por que se queima.

19.2.08

A salto de mata

A salto de mata. Así vivimos o día a día nesta vella e sacrificada pel de touro. Ando con moi pouco tempo esta tempada, de xeito que nin un vagar teño para unha reflexión serena (ai, tan necesitadiño anda o país de reflexión serena!). Con todo, un par de apuntes, que non podo resistir.
a) Entre o pastón que ZP vai meter en profes nativos de inglés e o que vai meter Rajoy (o meridiano máis famoso de España, ao dicir do meu pequeño) en deporte de elite, vannos crujir a impostos. Pero ca! Se os van baixar! (e, por riba, agasallarnos con 400 euros de devolución). Coño! A min non me dan as contas. Ao mellor é que non din toda a verdade…
b) Kosovo e Euskadi. Lémbrame, como pai, aquilo dos irmáns:
-¡Pues si a Pepito se lo compras yo también lo quiero, hala!
-Pero, cariño, a Pepito se lo compro porque se lo ha merecido.
-¡Pues yo también me lo merezco!
-No, cariño. Las cosas non funcionan así, verás...

O que segue é extenuante. Así é que Moratinos se cura en saúde. Sonche bos todos.

13.2.08

Ovos da serpe

Lembro un tempo no que a policía non andaba con contemplacións. A min cascáronme un porrazo de putísima madre no ombreiro dereito na praza compostelá de Puente Castro cando, con dezasete anos, berraba amnistía xeral. Unha mosca move as ás en Nova Iork e chove en Pedrouzos. Ben sei que a relación entre o porrazo daquel gris, que Dios teña na gloria pois xa daquela ía vellouco, e que Marcelino Camacho saíra do cárcere é en exceso transitiva, resultando imposiblemente complexo remontarmos causas e efectos entre algo tan íntimo e fuxidío coma a dor (máis grande é sempre a humillación) do meu ombreiro e o feito, remarcable, público e —este si— histórico, da liberdade de Camacho. Pero, con todo, a min, que non por iso vou ter que render contas a ninguén, gústame crer que si, que hai unha relación entre unha cousa e a outra, e que foron moitos porrazos os que propiciaron neste país moitas cousas boas.
Trinta descerebrados/as vítimas dunha comida de coco acojonante (aí seguimos: rigor extremo era a consigna dos mozos radicais da violenta SA alemá nos anos vinte e trinta) insultan a unha tía coas pelotas máis grandes cás de todos eles xuntos (xa saben, o medo, mirar baixo o coche todos os días, pensar en explosións, a paranoia daquel que moito che mira e qué levará baixo o brazo…). Ben. E que lle chaman? Fascista. En fin. Sen comentarios. Dentro de vinte anos estarán todos/as pagando unha hipoteca e o crédito da voda.
O máis pintoresco de todo —son feitos así os que dan a a medida dos tempos e o país— é que a medida progresista e, supoño, politicamente correcta é que a policía non interveña. Por moito menos cascáronme a min nun ombreiro e aquí sigo. Dando guerra.

Nota (inserida o 15 de febreiro): por suxestión dunha boa amiga, elimino a ligazón a blogs.periodistadigital.com que este post contiña. A razón? Incluíno, de xeito acaso apresurado (isto de andar a tantas guerras, xa saben...), para complementar cunha nova de fondo a inhibición das autoridades académicas no asunto, pero a posteriori, tras a advertencia da miña xenerosa lectora, decateime de que podía extrapolarse de tal inclusión unha certa sintonía ideolóxica deste blogueiro co medio en cuestión. Nada máis lonxe da realidade, como agardo poida deducir quen siga estas páxinas.

8.2.08

Bla bla bla

Asistir, sen poder evitalo, ao permanente e aburridísimo cruce de mutuas acusacións entre as cabezas visibles dos nosos partidos políticos maioritarios —o que , consonte as datas, vai chegando a un clímax a duras penas soportable— é sen dúbida unha das servidumes máis onerosas a que nos somete a cousa pública aos sufridos españolitos que venimos al mundo (nos guarde dios).
Vendo o que se ve, e vivindo como vivimos no reino do bla bla bla, acepte, amigo lector, un consello: nunca discuta cun idiota. Poderían confundilo con el.

4.2.08

Díaz

Lembro ter lido que por volta, creo, dos cincuenta anos, os homes (humanos varóns, non vaiamos liala) sufrimos o que os piscólogos sociais denominan a síndrome do home gris, un a xeito de esleimento da nosa identidade no inventario de personalidades diferentes ás que remiten as lembranzas acumuladas ao longo dos anos e a vaga (ou máis concreta, dependerá dos casos) sensación de ter chegado a un punto a partir do cal o que non se fixera xa non se vai facer. Opere a síndrome devandita nun grao ou noutro, si opino que, chegado o medio século (chegada para min inminente) comezan a menudear os momentos de balance, xeralmente acompañados do presentimento de que, en efecto, nalgures debemos levar impresa a data de caducidade. A min vaime moi ben nestas leves crises reforzarme no catálogo, de costume sempre breve, das cousas sobre as que un ten un pleno convencemento, o xurdio convencemento de non ter trabucado a elección. No meu caso, unha destas cousas e a vocación de filólogo, bibliófilo e editor, vontade triple pero confluente nunha actividade profesional permanentemente complementada.
Noutra ocasión falei dalgún dos textos, os estudos e as persoas que, sobre un alicerce eu case diría xenético, foron modelando, articulando e aínda estimulando esa vocación. O encontro no curso 1980-81 co latín vulgar constituíu para min un determinante impacto intelectual, polo seu potencial de evocación, considerado dende un certo punto de vista, da vida real do mundo antigo, fronte á solemnidade, case museística, dos textos clásicos. Tras anos de Tácito, Virxilio e Cicerón, atopar nunha antoloxía un pequeno vocabulario de incorreccións lingüísticas copiado no século VIII, as pintadas dos habitantes de Pompeia e Herculano, as cartas á súa familia dun lexionario destacado en Exipto no século II ou as aterradoras tabellae defixionum supoñía recrear, dende a máis depurada crítica filolóxica, un mundo cheo de engado, propiciando,ademais, a percepción de que o Imperio foi unha auténtica forma -probablemente a máis auténtica da historia- de Europa global e unificada. Casi ná para un libro.
Ese libro, esa antoloxía é a Antología del Latín Vulgar, asinada por Manuel Díaz y Díaz en Salamanca, o día de san Silvestre de 1961, e que eu posúo en edición -por suposto- de Gredos, en reimpresión de 1974, repleta de comentarios e marginalia manuscritos, como reflicte a imaxe deste post. Un dos meus libros máis apreciados, no que, logo, en moitos anos impartindo Historia da Lingua Española no centro da UNED en Pontevedra, sempre atopaba o refrendo daquel dato, daquela forma, daquel étimo, daquela variante que precisaba. Cando se escriba a historia da escola filolóxica española, a Antología de Díaz será sen dúbida un dos textos de referencia
Ao remate da carreira, e con ocasión dun curso monográfico de doutoramento sobre algo tan levián como Técnicas de lectura y escritura en la baja latinidad y alta Edad Media, Díaz chegaba á aula os sábados ás 10 e, sen o máis pequeno papel nin nota, arrancaba a falar ata ás dúas en punto. Gardo con devoción os apuntamentos daquel curso, exemplo irrepetible para min de organización mental, erudición e sabedoría.
De Díaz, nos anos posteriores e en breves e conxunturais encontros, non recibín máis ca mostras de cabaleirosidade e aprecio.
Onte o vello mestre rendeu a vida. Quixera que estas letras, homenaxe de gratitude dun humilde filólogo a unha lección maxistral, chegaran alá onde o seu espírito more.

2.2.08

Algo de maxia

Non iacet in molli veneranda scientia lecto: ipsa sed assiduo parta labore uenit. Ave María. 1885.
Isto é o que pode lerse na inscrición pétrea da barroca fachada da pequena igrexa rural de San Xiao de Vea, cabo do Ulla.
Son cousas así as que fan de Galicia un país bretemoso, máxico e contraditorio.

30.1.08

Zapatético

O deste tío non ten nome. Quen con dous dedos de fronte e o mínimo imprescindible de sentidiño pode defender que un talego con trinta moedas de prata a cambio do voto sexa comparable a ningunha medida social seria (xa non digamos progresista, de fondo, ampla), dexiémolo en seria? O peor, creo, que lle pode pasar a calquera é que se rian del (a cursiva é miña). Xa non digamos a un político, que encima quere volver a ser califa.
Por veces, síntome moi fatigado dos enormes esforzos que eu e moitos máis cidadáns facemos por instalarnos na idea de que non vivimos nun país de coña. Pero é que nolo poñen tan difícil…

28.1.08

De paisaxes e sinestesias

Lembro, hai ben anos disto, que durante unha breve estada nas inmensas chairas onde Alemaña toca con Holanda, preto de Groningen, por onde eu andaba moceando daquela, e con ocasión dun romántico paseo en bicicleta entre enormes muíños, granxas e tulipáns, tiven un atisbo do fero sentimento co que a paisaxe debeu danar a mente maltreita de Van Gogh e a estraña conexión que a realidade establecía, imaxino, coa súa ollada deforme, patolóxica e xenial.
Poucas cousas, en efecto, asinan connosco un contrato tan evanescente e pouco rigoroso coma a paisaxe. E isto porque toda percepción estética alicerza naquelas porcións de nós mesmos que non somos quen de controlar. Unha música gústanos e outra non. O cadro dun pintor antóllasenos sublime e outro do mesmo autor anóxanos. Por qué a mar infinda nun solpor de outono pode parecernos un paradigma de melancolía ten, que dúbida cabe, algo de sinestesia. Sinestesia, por certo, que pode conducirse alén do marco estrito da paisaxe. Nunca puiden imaxinar, por exemplo, a Guerra Civil española nun mundo de cor. Foi, como as fotos e filmacións que nola teñen transmitido, en branco e negro. E a Europa da última guerra? Cando vin por vez primeira a porta de Brandenburgo no remate da avenida Unter den Linden, sufrín unha conmoción pola súa cor. Levaba anos imaxinándoa nun Berlín esnaquizado, negro, fumeante de bombas.
Voltando á paisaxe, abofé que de non levar xa varios anos —afortunados anos, por certo— vivindo nesta marabillosa e maternal terra da Amaía, e o libro de fotografías Brétemas luzadas do fotógrafo Luís Alonso Ocaña (Concello de Brión: 2007) ter chegado ás miñas mans sen a coñecer, ocorreríame como coa Guerra Civil ou a berlinesa Brandenbrger Tor: a Amaía sería de seu, indefectiblemente unha terra en branco e negro, tal e como as fotos de Alonso Ocaña —unha obra de arte cada unha— a amosan.
Nalgunha outra ocasión, téñome referido a que hai libros de fotos que, como o que comento, non son libros de fotos: son poemarios, poisque cada imaxe, en simbiose supoño que case perfecta, trasloce parte da alma do poeta, que no canto de se expresar con palabras faino con imaxes, e parte da alma da terra retratada, que no canto de ser herba, madeira, terra, pedra e auga, adquire a dimensión dun mundo inmaterial e etéreo onde de certo deben habitar as lendas e xerarse os soños.
Nota curiosa: o libro, editado non sen gusto e habelencia, chegoume, a min coma a todos os veciños do Concello, a través de buzoneo, semanas antes das últimas eleccións municipais. Vaites, ho! Que todo o que che meten na caixa do correo con tal motivo fora coma este libro!

24.1.08

Estudos excepcionais

Digamos que entre recoñecer intimamente o glamur da vida dun delicuente inmobiliario ou fiscal que, prevaricando, enganando e trapalleando aquí e alá, arrepaña millóns de euros e desexar ser o propio delincuente hai certas diferenzas, máis ou menos relacionadas con factores que se moven en polos opostos: a posesión e disfrute de moito diñeiro —segundo Forbes, unha persoa é moi, moi rica cando precisa de máis de vintecatro horas para precisar canto diñeiro ten— e a elasticidade ética necesaria para chegar aí. Lembra aquel vello chiste da nena que, cándida e anxelical, pregunta á nai:
-Mamaíña, se son boa, de maior vou ter un home para min soa?
-Si, filliña, si, claro.
-E se son mala?
-Se es mala, teráis moitos, moitísimos máis.

De tal xeito, admitido que a política e os políticos son un mal necesario e, de querermos Estado de Dereito e democracia, temos que aturalos, unha cousa é que poidamos envexar o glamur do coche oficial, todo o día señor fulano para aquí e señor fulano para alá, secretaria, grandes viaxes en preferente, o noso careto día si día non no xornal e unha VISA sen fondo, e outra que esteamos dispostos a pagar a peaxe persoal, profesional, vital… dunha existencia así. Polas trazas, con todo, parece que alguén cre que hai moita, moitísima xente disposta a abonar tal peaxe. E, aínda máis, que se pode chegar a tan regalada vida cunha formación de tres pares de cojones no canto de ser un zoquete que nin o graduado escolar. Cantas veces afirmamos, de xeito máis ou menos metafórico, que os políticos de hoxe son profesionais? Nada de metáforas. Unha academia de Vigo impartirá dende mediados de febreiro un ciclo formativo de 60 horas co que pretende formar a «políticos honrados y próximos al pueblo». Imaxínese Vde. a un deputado no estrado dos oradores nas Cortes sancionando perante súas señorías o valor dos seus argumentos de xeito similar a este: y yo, que he sido alumno de la academia AEIA de Vigo, les aseguro
En fin. Eu sempre botei de menos un ciclo formativo superior ou máster en Indiana Jones. Iso é un oficio glamuroso e o demais é pura coña. Imaxinan as asignaturas?: Látigo I: Introdución á sedución rápida; Situacións desesperadas: control de aviónica; Idem: transporte lumbar de persoal feminino (precicipios, pozos de serpentes/escorpións); Látigo II…
Adoro Vigo e a súa marabillosa xente. Pero exemplos coma o desta estrafalaria academia lémbranme unha vez máis o adagio, de tan grata lembranza paterna:
En la China un mandarín
tenía en el sobaco un peluquín.
Y en Vigo un tal Angulo
tocaba el clarinete con el culo.
Moraleja: para los desatinos
no hay como los gallegos y los chinos.

22.1.08

Item máis

Sobre frases lapidarias (no senso máis estrito), contáronme algo o outro día: o médico que lle di ao paciente:
-Pues nada, ya tenemos los resultados de las pruebas. Vaya pensando en hacerse una plaquita
-¿De tórax, doctor?
-No: de mármol.
Algún día , por certo, haberá que falar neste local do humor negro, inesgotable veta dun riquísimo xacemento patrio, hoxe pouco e torpemente explotado. Será que, como tantas cousas, é politicamente incorrecto. Que tempos!

20.1.08

Frases e textos lapidarios

No tema referido á estrutura e nomenclatura do libro, nas clases que imparto no Máster en Edición, saía o outro día o asunto deses lemas ou citas doutros autores que acostuman poñerse en ocasións no arranque do libro ou comezo dos capítulos, na procura dun clima subxectivo para o lector derivado da constatación de que alguén de autoridade indiscutible manifestou un parecer, convencemento ou idea que sancionan os pareceres, convencementos ou ideas contidos no libro no que o tal lector vai sumerxerse de contado.
Este recurso é parente moi próximo da sentenza ou frase lapidaria, que, de xeito moito máis condensado e breve, persegue o mesmo fin: bater de maneira contundente na conciencia ética e propiciar o entendemento inmediato da esencia dun argumento que, in extenso, sería de explicación complexa ou prolixa.
Ora, visto dende outro punto de vista un chisco máis irónico, isto da frasecita ou texto lapidario responde, nos máis dos casos —imos ser sinceros— a unha tirada de moco do autor, ou sexa a un intento -que cando traído polos pelos pode resultar bastante snob- de erudición e cultura para deixar acojonado ao lector. En boa parte dos casos, polo demais, a cousa ten a súa orixe en repertorios ad hoc. Eu mesmo teño un utilísimo Escritos y dichos sobre el libro, onde dende Mahoma, Bacon ou Schopenhauer ata Asimov, Somerset Maugham ou Eco se recollen pensamentos que, citados con pertinencia, proporcionan a sensación de que un é home de cultura inatinguible, e que merenda de xeito cotián con Lichtenberg, Mallarmé, Pavese, Daudet, Coleridge ou Lamartine. Se, por outra banda, cito cando veña a conto,
No hay más que un modo de dar una vez en el clavo, y es dar ciento en la herradura
(Unamuno)
ou
Lo más propio de la necedad es no conocerse y tenerse por sabia
(Fray Luis de León),
sentenzas, por certo, ben fermosas e sonoras, fica no aire a impresión de que son coñecedor profundo de tales autores e así, no acervo ciclópeo das súas obras, son quen de lembrar e identificar aquel texto, aquel fragmento que me convén. En realidade, levoume tres minutos escolmar as citas , tirándoas de cadansúa antoloxía de pensamentos e reflexións, publicadas hai uns anos polo Consorcio da Cidade de Salamanca.

Sexa como for, a frase ou texto lapidario, a serio ou a brincadeira, está á orde do día. Así como Chesterton e Wilde, por poñer dous exemplos case paradigmáticos, son inesgotables fornecedores de profundas frases lapidarias —pois están dotados os seus pensamentos dese sublime laconismo británico tan brillante—, tamén do punto de vista humorístico existen os seus homólogos. Un destes é, sen dúbida, Groucho Marx, de quen lembro hoxe dúas frases que están entre as miñas preferidas:
-Detrás dun grande home hai unha gran muller, e xeralmente detrás desta está a súa esposa.
-Nunca esquezo unha cara, pero no seu caso farei unha excepción.

Woody Allen -como Marx (Groucho), hebreo descrido e iconoclasta- afirmou:
-O que máis me preocupa do día do xuízo final é non ter roupa para a ocasión.

16.1.08

Potencia!!

Unha grande amiga utiliza un verbo absolutamente gráfico para se referir ao punto a partir do cal, á peña váiselle a olla dunha maneira significativa: descorcharse. É así que os varóns de idade provecta descórchanse profesional, vital e aínda sexualmente, pois senten que pouco teñen que perder arrisquen o que arrisquen. Descórchase o persoal universitario de tanto darlle ao caletre, de xeito que é este un entorno cheo de tolos, tipos extravagantes e marcianos, pois, contrariamente ao que cría don Francisco aragonés, non é o sono de razón senón a súa excesiva vixilia a que produce monstruos.
O descorche é universal, inevitable en certas situacións e rampante na nosa sufrida existencia nacional. Vivimos arrodeados de individuos descorchados.
Ora, se hai unha esfera na que o descorche é especialmente significativo, ecuménico e incontible, esa é a política. A base de viviren en permanente convivencia cunha corte de aduladores que prefiren non discutirlle ao jefe que o sol sae pola noite antes ca perderen a sinecura, os políticos constitúen unha especie perigosamente exposta ao descorche.
De medir a tensión aos velliños nun centro de saúde a sancionar unha campaña de estrafalario triunfalismo non existe máis ca unha dose de descorche. Potencia? Entendo que das acepcións que a lexicografía trae para potencia, a campaña institucional da Vicepresidencia recolle a que di «Estado poderoso con capacidade para imporse». É máis ca probable —non quero pecar de inxenuo— que o cráneo privilegiado responsable do eslogan ignorase en absoluto o dicionario, adminículo polas trazas hoxe en lamentable desuso, e fiase de que o conxunto estético-sintáctico-ideolóxico-semántico Galicia, somos potencia (ollo á sibilina ambivalencia castelán-galego, lingua si pero a vaquiña polo que vale) reflectise un orgullo contundente e que non admite réplica, independentemente de minucias léxicas propias de filólogos, tiquismiquis e enfermos de pulmón. Descorche. Para que pararnos en barras? Imos a por todas.
Potencia en qué? Impornos en qué? Sobre quen? En que contexto? No deporte, na industria, na investigación, na arte, na porcentaxe de patentes, na presenza internacional, no nivel de exportacións, no liderado de novas tecnoloxías…? Non sería mellor un pouco de humildade e recoñecemento do que somos e do entorno no que nos movemos, sen complexos nin pailanadas pero tampouco sen descorches triunfalistas, superfluos, erráticos, e que a nada conducen?
É algo à la mode, un signo dos tempos, tirar para diante e entrar como elefante por cacharrería, xa na vida pública como na empresa, sobre a base de que canta máis chulería e contundencia maior fiabilidade e capacidade de convencemento e menor resistencia ao que se esixe. Alá eles. ¡Canta sabedoría naquel chiste de Perich, intemporal e revelador da derme profunda do sentimento hispano!: o Amazonas é o río máis caudaloso do mundo, en cambio o Ebro non. Aí seguimos.

14.1.08

Máis sobre o libro (e deixámolo durante un tempo...)

Ao lado da queima de libros subversivos, dexenerados, pouco patrióticos e xudeus, os nazis adoraban os libros, sempre que servisen aos seus fins. Tal e como conta Richard L. Evans nunha extraordinaria historia do III Reich, na Semana do Libro Alemán de 1935, o vicepresidente da Cámara de Literatura del Reich, falando baixo unha enorme bandeira coa lenda O libro: a arma do espírito, declarou: Os libros son armas, armas que pertencen ás mans dos combatentes. Ser un combatente de Alemaña é ser un nacionalsocialista.
E é que poucos inventos teñen inspirado tal amor e, ao tempo, tal desconfianza ao poder de todo tempo. Dende o momento mesmo do seu nacemento niguén foi indiferente á incalculable capacidade comunicativa do libro impreso fronte ás tradicionais formas manuscritas de transmisión do coñecemento. Do definitivo estímulo que a impresión das primeiras gramáticas das linguas románicas vernáculas supuxo para estas en tanto que dignos vehículos da expresión cultural, ata a inusitadamente rápida extensión da herexía reformista —que explica o seu rotundo éxito—, todo o universo contemporáneo foi socavado pola penetración daquela ars artificialiter scribendi, as potencialidades da cal residían nunha demoníaca función, descoñecida ata o momento: a posibilidade de producir moitos exemplares en moi pouco tempo. É certo que ninguén, perante a definitiva socialización da cultura e a información que o artefacto propiciaba xa para sempre, chorou a desaparición dos códices, sublimes depositarios e nobilísimos transmisores da cultura clásica, que, a fin de contas, representaban formas de cultura exclusivas, elitistas e xerarquizantes. En efecto —tal e como apuntan especialistas de gran talla— toda innovación tecnolóxica está condenada á convivencia coa tecnoloxía antiga por un período máis ou menos longo. Pero, ao cabo, a nova técnica, se tal merece, rematará por se impoñer. Así, os códices desapareceron nos primeiros anos do século XVI, ao igual que catrocentos anos máis tarde as plumas e os tinteiros escolares cederon paso aos bolígrafos, incriblemente limpos e duradoiros.
Será este o camiño que vai dirimir o futuro do libro e a lectura? Rematarán Kindles, Iliads e Papyres por aniquilar cincocentos anos de libro impreso e, de tal xeito, unha forma concreta de interactuar cos soportes do coñecemento? Penso, intimamente, que non, Porque, a diferenza do libro impreso fronte ao códice manuscrito ou o boli fronte á pluma e o tinteiro, ¿qué de novo, de auténticamente novo e revolucionario, ofrecen os trebellos electrónicos fronte ao libro? Penso que son artiluxios perversos, e isto no senso absolutamente etimolóxico de desviados ou invertidos na súa eventual funcionalidade. Cando Gensfleisch imprimiu a súa Biblia estaba —como último elo dunha afortunada cadea de miles de anos— poñendo a tecnoloxía ao servizo do obxecto. O que fan Kindle, iLiad e Papyre é poñer o obxecto ao servizo da tecnoloxía.

12.1.08

¡El libro no!

Como pago ao seu mal comportamento, o meu fillo meirande —trece anos— foi castigado pola súa nai cunha considerable rebaixa nos seus privilexios cotiáns. Entre estes, nomeadamente, chatear no messenger, os xogos de ordenador, a descarga e audición de música no mp4, botonear co móbil e, naturalmente, a TV; é dicir, o atrezzo ao uso do lecer dun neno da súa idade. Hai que dicir que os reis lle trouxeron, entre outras cousas, a última entrega de Harry Potter, coa que anda estes días enfrascado.
Pois ben, cando o rapaz se deu por enterado do veredicto materno, pregou, con énfase sorprendente e dramático, a concesión dunha graza especial:
-¡Por favor, lo demás me da igual, pero el libro no!

Máis sobre o asunto. 1
Máis sobre o asunto. 2
Máis sobre o asunto. 3

Inventario de dispositivos para e-book con tecnoloxía e-paper & e-ink:
iLiad, de iRex.
Kindle, de Amazon.
Papyre 6.1., de Facthor.

10.1.08

Catarse

Escribín unha vez un poema chamado O espírito do alpinista —fermoso título alusivo ao sublime espírito de superación que caracteriza ao ser humano e que tomei dun artigo homónimo publicado nos anos 30 polo meu parente xornalista Blanco Torres. Ese poema, editado de xeito manuscrito nun libro irrepetible (e o digo literalmente), remata de xeito indiscutiblemente pesimista pero sen dúbida sincero:

De cando en vez a vida
é un fardo gris que ninguén quere.

Calculo que nin o optimista máis militante do planeta terá deixado de sentir algo así algunha vez. Outra cousa é que tal sentimento se cronifique, siniestra eventualidade contra a que o meu antídoto secreto é queixarse en positivo. Se lle gusta, regálollo. Pénseo.
No extraordinario xornal pop da Radio Galega, dende hai máis de dez anos conducido por Ricardo Alonso —e que escoito, de costume no coche, sempre que poido pois hai que estar ao día— oín onte un tema de liña rematadamente punk dos ex Def con Dos, Strawberry Hardcore, de título aínda máis revelador ca o meu pobre verso, un tema sincero e puro na súa desinhibición punkie, gamberra, inconformista e frontalmente inimiga de toda convención e urbanidade: La vida no me contrata. Por certo, o título do CD é aínda máis tranquilizador e optimista: Todos vamos a morir.
É pouco intelixente renunciar á esporádica catarse da naúsea e a dúbida fundamental. Moi recomendable para despois da orxía consumista do Nadal e as rebaixas.

8.1.08

Ortopolítica ou Politografía?

Estamos editando un texto, dentro da nosa colección de Manuais Universitarios, que se chama Física del estado sólido. Pensando no valor e trascendencia da diferenciación entre minúsculas e maiúsculas —que dá, mesmo, para sesudos e proveitosos prontuarios—, ocórreseme que, de mudar a caixa baixa en alta na palabra estado, e así, Física del Estado sólido, o libro podería semellar un tratado argumental contra os requirimentos e esixencias nacionalistas, que se me antolla moi na liña de certo ex-presidente autonómico (e mesmo nacional). Ai, que cousas ten dona Ortografía!

6.1.08

Cocido e píldoras con sabor a cocido

Escribía eu hai días sobre Kindle, o dispositivo a quen o omnipotente márquetin norteamericano atribúe o privilexio de dar o puntillazo ao libro impreso. Da morea de comentarios ao artigo ¿Estamos preparados para Kindle? de Jesús Ruiz Mantilla (El País, 31.12.07) —comentarios na maior parte interesantes e documentados— fico con dous. Un de Andor, quen opina:
No es ni el primer dispositivo de su categoría, ni de lejos el mejor... Se le está dando un bombo que no merece ni de lejos. Es feo, incómodo, mal diseñado, y caro. Hay media docena de aparatos similares, que ya llevan más de un año en el mercado, con muchas mejores prestaciones, y con mejor precio. Por no hablar incluso del que tiene Sony, que ya lleva dos revisiones puestas a la venta... Esto es una gran campaña comercial de un aparato que no merece tanto la pena, pese a que tenga una pantalla de ePaper, que es uno de los grandes inventos de la década.
Sobre o formato de presentación textual, e a vontade decididamente desinteresada e democrática do cacharro, Albert opina:
Kindle no soporta el estandard .epub sino que usa un formato de archivos propietario, derivado de mobipocket. En un sistema que respeta los estándares, se puede disfrutar de miles y miles de titulos absolutamente gratis. Gratis puesto que estan en el dominio público o se encuentran bajo licencias GPL o Creative Commons que permiten la copia, ya que su autor así lo ha decidido. Desgráciadamente Kindle no nos permite esto, Kindle es aún más restrictivo en el acceso a la cultura que el sistema actual de copias en papel.
Para poñer unha vela a deus e outra ao diaño, Francisco Cuadrado, director xeral de Santillana, cre acerca do fetichismo do libro impreso, que puede que dure en las presentes generaciones lectoras tradicionales. Pero los más jóvenes... valoran poco el objeto en sí. Quieren todo a la voz de ya. Inmediatamente. Tampoco son de ir a que les firmen los libros en la feria. El contacto con los autores lo quieren al momento. Y lo pueden tener, incluso mejor que antes, por Internet.
Eu adianto outro parecer insistindo no fundamental: ninguén é capaz de ler 90 libros ao tempo. Hai un elemento de troncalidade manifesto dende os volumina clásicos ata a última edición de Harry Potter: a súa individualidade, ergo, a súa personalidade. E na propia selección de obxectos individuales hai un filtro, un control, un esforzo, unha necesidade de movemento. Cambiar dun libro a outro (dentro dunha posibilidade ilimitada de cambio) co simple movemento dun dedo acabará por converter o dispositivo nun trebello para andar fedellando e botoneando todo o día, algo moi do gusto dos mozos de agora. Pero iso non será ler. É máis, no dispositivo, ao meu modo de ver, reside o xermolo dunha nefasta mudanza dun xeito de lectura comprensiva. Ler é algo máis ca o feito mecánico de decodificar letras; a lectura, coma toda actividade humana, ten un contexto, un ritual, unha mise en scéne, que vale o mesmo para min ca para os meus fillos. Non falo de fetichismos. Un dispositivo que horizontalice o soporte, por moito que ao trebello se lle poida subir ou baixar a luz, cambiar a tipografía…, varre toda a personalidade individual do obxecto, facendo que sexa o mesmo Poe ca Platón, Thomas Mann ca Almudena Grandes. Ou non existe en todo unha correspondencia necesaria entre o continente e o contido? Supoño que mesmo para as xeracións futuras sempre será mellor un bo cocido ca unha píldora que saiba e alimente igual ca un cocido.

4.1.08

Das ideas ás imaxes. Das imaxes ás ideas

Repasando, e ata certo punto reorganizando, os materiais da miña docencia no III Máster en Edición, que comezarei o vindeiro día 10, detívenme de xeito especial, e só polo gusto de poder facelo con espazo e un chisco de delectación, no ítem relativo á cuberta, dentro do tema rotulado xenericamente Estrutura e nomenclatura do libro. Unha sistematización terminolóxica previa, que acaso alguén agradeza: cuberta non é portada. A cuberta é a parte externa do libro e a portada a páxina previa máis importante da tripa, o, digamos, DNI do libro, onde figura todo o que catalografica e biblioloxicamente interesa deste: autor/es, título e subtítulo, editorial, ano… Por cuberta pode entenderse —de feito así se fai adoito— a totalidade da envoltura externa do libro, e así, cando un deseñador nos anuncia envíoche un .pdf coa cuberta, entendemos que nos envía todo: a cuberta propiamente dita, as lapelas —caso de as levar o libro— e a parte traseira. A este respecto, e para evitar incómodas ambigüidades, malos entendidos e explicacións cansativas (cuberta-portada-contracuberta-contraportada-volta da cuberta…), eu recomendo usar unha terminoloxía unívoca, ben coñecida de editores, pero pouco sistematizada. A cuberta en conxunto ten catro páxinas:
-a primeira [páxina] de cuberta: a cuberta dianteira (que os franceses chaman plat recto ou plat dessus).
-a segunda de cuberta: a volta ou interior da primeira de cuberta (que en libros en rústica vai sempre baldeira e en libros en tapa dura leva pegada a páxina de garda esquerda).
-a terceira de cuberta: a volta ou interior da cuarta de cuberta (que en libros en rústica vai sempre baldeira e en libros en tapa dura leva pegada a páxina de garda dereita).
-a cuarta de cuberta, moitas veces mal chamada contracuberta (en realidade, e usando de boa lóxica, a contracuberta sería o que vimos de chamar segunda de cuberta), e que os franceses chaman plat verso ou plat dessous.
Seguindo esta terminoloxía, usamos tapa cando a cuberta é de libros encadernados en cartoné (ou tapa dura) e capa para nos referir á sobrecubertacamisa no argot técnico— que poden levar os libros así encadernados.
Ata aquí o libro gordo de Petete (que te enseña y te entretiene, iso espero). A reflexión persoal deriva de ata que punto é importante un deseño estético de cuberta, logrado e acaído ao carácter do libro, algo que —técnicas á parte— percíbese en aspectos por veces demasiado sutís: unha relación excesivamente explícita entre motivo gráfico e contido da obra, por exemplo, pode arruinar de xeito irremediable unha idea aceptable, ou mesmo brillante do punto de vista estritamente técnico. Por iso, o momento que precede ao primeiro visionado dunha proposta de cuberta, eses segundos que tarda o Reader de Acrobat en abrirse e mostrar a todo o longo do monitor a proposta, teñen algo de emocionante: conexión elegante coa idea do libro, conxunto estético, proporcionada distribución de espazos, cores e volumes, atinada selección de tipografías, corpos e a súa combinación, determinación de texturas… Unha cuberta é, ou debe ser, unha sorte de trasunto sinestésico (toma!) do libro: da esfera das imaxes á esfera das ideas e viceversa.
O exemplo que tomo para esta ocasión quere ser unha homenaxe a non sei se o mellor —pois estes arrebatos de absolutismo son sempre moi esaxerados— pero si a un grandísimo deseñador editorial do noso país, Daniel Gil, falecido en 2004. Teño para min que esta cuberta de El castillo (de 1971) -unha cuberta chamada a pasar con lugar de honra á historia do deseño editorial español- é no seu conxunto un paradigma intemporal de todo o que de bo pode dicirse acerca do deseño de cuberta dun libro. Van alá trinta e seis anos e podía ter sido deseñada onte.

2.1.08

The first of the year. Smile, please!

Isto é o Sr. Blanco, secretario de organización do PSOE, que está facendo un puzzle. Nisto se lle achega Mariano Rajoy e dille:
-Coño, Pepe, pedazo de puzzle. ¿Cómo lo llevas?
-Pues fíjate lo que llevo hecho ya en dos semanas… y eso que la caja pone "De tres a cinco años".

Feliz 2008.