Un coñecido intelectual de aventaxada idade, bregado en mil batallas e cunha rica executoria de enfrontamento ao Régimen, confesoume en certa ocasión que, durante aquela longa noite de pedra, de caer en mans dos sociales, non era o eventual infortunio seu ou da súa familia, nin as penurias económicas, nin sequera a privación de liberdade o que lle sacaba o sono ; era a tortura, o feito de ser sometido á dor física, pois vivía na certeza de non ser quen de resistila. Supoño que a tortura é o transo definitivo, ou un dos transos definitivos, que enfrontan ao ser humano a si propio, á súa propia dignidade e valor, aquí non suposto como na mili, senón necesitado de ser expresado en toda a súa dimensión.Para os cidadáns occidentais, e tras o punto de inflexión que supuxeron os anos do terror nazi, se hai un marco espazo-temporal no que a tortura se consagrou con saña e refinamento especiais como práctica de represión política é o que perfila o cono sur (Uruguay, Chile e Arxentina) dende os anos iniciais dos setenta. Ignoro as causas específicas dos perfís de bestialidade, odio, sadismo e xenocidio que os réximes militares acadaron nesas latitudes polos anos amentados. Acaso o libro Memorias de la violencia en Uruguay y Argentina. Golpes, dictaduras, exilios (1973-2006) achegue claves, seguro que si, ao respecto. O magnífico volume, que editaremos en moi breve prazo, promovido polo Centro Interdisciplinar de Estudos Americanistas, de autoría en colaboración e baixo a dirección do excelente e coidadoso investigador Eduardo Rey Tristán, representa unha achega moi importante en forma tanto de estudos académicos como de testemuños directos da barbarie e o terror, á comprensión sociohistórica do camiño dos golpes a las dictaduras subsiguientes, sus duras repercusiones en cuanto a represión en sus diversas formas por una parte y a exilios por otra, y reflexiona finalmente sobre las memorias conformadas en cada sociedad sobre todo el proceso a partir de las transiciones democráticas y hasta el presente (do texto da cuarta de cuberta).
Folleando as probas finais de maqueta atopo testemuños simplemente escalofriantes. Sosteño que botar a sonda na perseverancia humana en procurar o mutuo dano é arriscarse a non tocar fondo. Por iso, poñérmonos couto con límites como a democracia, o imperio da lei e o Estado de dereito foi unha idea historicamente acojonante.




Non sei quen dixo, pero tiña moita razón, aquilo de que eu nunca me presento a premios literarios para non correr o risco de que non mos concedan. Coquetéase dese xeito coa posibilidade permanentemente alimentada, e nunca desmentida ―claro― de que un non ten máis premios polo simple feito de que non se presenta a eles, que se non… Ese é probablemente o convencemento de moito autor que por aí respira para suxestionarse da truculencia, amiguismo e arbitrariedade da maior parte dos galardóns cando, en realidade, devecería polo ouropel (e o europel ―o xogo de palabras saiume así, espontaneamente) anexados ao momento de gloria dun premio xa non grande grande, senón o dun concelliño por aí, que dera o pase para unha plana dos xornais (con foto, por suposto) e un talonciño ao portador de catro cifras. Fun xurado dun premio de narrativa moi consolidado no país e podo asegurar que ao lado dun par de cousas dignas, o resto (sobre dez ou doce orixinais, previamente peneirados) farían xutísimo inquilinato no corbe dos papeis. O malo destas cousas é que ao final non se sabe se vai primeiro o ovo ou a galiña, ou sexa se é un sistema de premios o que consolida unha oferta de orixinais permanentemente sobredimensionada ou aqueles responden con mesura e ponderación ás demandas de recoñecemento social que toda creación estética de calidade precisa. Que o premio Nadal correspondeu historicamente a esta última categoría é indubidable. Que a maior parte dos actuais premios de narrativa dos concellos galegos encaixan na primeira tamén é, ou a min mo parece, indudidable. Pero, en fin, de gustibus non disputandum: as vías da canonización social da creación literaria, e en xeral estética, son, coma os camiños do Señor, inescrutables.
O 20 de novembro de 1975 eu tiña quince aniños, estreados o 15 de xuño anterior. Facía sexto de bacharelato por letras, A primeira hora da mañá, as nove, tiña clase de latín cunha profesora que pertencía a unha coñecida familia de dereitas da vila. Entrou a profesora chorosa, contristada, e entre saloucos acertou a anunciarnos o que todos sabiamos: el Caudillo ha muerto y hoy no va a haber clase. Os quince anos son unha idade cimarrona, que nin arre nin xo, e a ledicia miña e dos meus compañeiros viña máis da folganza derivada da morte do ditador ca da morte en si do ditador, o que era motivo de albricia e regodeo de todo o progresismo do país. Cada español con idade abonda para facelo lembrará, supoño, o momento no que foi sabedor dunha nova tan trascendente. Creo que hai momentos na historia de todo o mundo nos que vida privada e acontecementos públicos fican indisolublemente ligados polo especial impacto destes. Recordo, por exemplo, todos os detalles (espaciais, temporais, de contexto) dun día de decembro de 1974 no que meu pai, visiblemente acojonado, chegou á hora de comer e anunciounos que mataran a Carrero Blanco. Lembra que facía vostede cando mataron ao pobre Blanco Garrido? Ou a tarde do 11 de setembro de 2001? Ou a mañá do 11 de marzo de 2003? É moi probable que si.

Para que nos vamos a enganar. Un chega ao tajo por veces desganado, sentindo que o peso dos problemas e cuestións persoais estimulan unha sensación de afastamento dos espiñentos problemas e complicadas cuestións laborais, aos que, ao cabo, temos que enfrontarnos non por gusto senón porque dalgún xeito hai que gañar a vida. Como parte das rutinas cotiás, abres o mail e ollas a columna subject das, digamos, 48 mensaxes acumuladas dende o día anterior. Hai dous mails dirixidos realmente a ti. No resto les algo así:
Nestas páxinas reflexionei unha vez

O manuscrito adxunto corresponde aos sete anos do propietario deste local. Ao igual que ollando fotos da nenez apreciamos trazos familiares que logo o tempo foi modelando, ensanchando, reducindo , deformando ou desviando, do mesmo xeito descubro eu nos eixos, viravoltas, paus, remates e bágoas destas letras improntas de min mesmo. Nestes a penas 35 caracteres manuscritos, con toda a virxindade do terso e doce territorio da nenez, está a definición dun ser humano: o seu nome, a súa patria. Logo as letras ―como as experiencias, visións e camiños da vida― recompóñense, alixéiranse, únense doutra maneira, ata chegaren, mesmo, a ser inintelixibles.
Dende o manuscrito de Cide Hamete a Umberto Eco, pasando por Jan Potocki, moitos autores teñen apelado ao recurso literario da fenomenicidade, é dicir a atribución a un ficticio manuscrito ou documento da auténtica orixe do discurso narrativo. A historia arrodéase asi dunha auréola de lenda e misterio combinada cunha apelación á verosimilitude moi relacionada co sentido lírico do genius loci, que ben poderiamos denominar aquí genius libri ou genius scripti.
Supoño que é este verán, cimarrón, teórico e improbable, o que me pon melancólico. Remexendo materiais diversos dou con esta foto de prensa dun acto na Estrada, nun recorte de hai días. Dá a pensar que a señora vén de recibir unha fatal noticia, a impresión forte dalgunha realidade que impón un lume de sufrimento inexorable, tal vez a morte dun irmán, tal vez a dun fillo. O conforto do amiga que acolle á dorosa nunha doce aperta incrementa aínda a expresión doída desta.
Un chiste de moda de cando era novo ―que acaso alguén recorde― baseábase en mesturar partes de diferentres refráns para producir un efecto cómico; a quien madruga le amanece máis temprano ou más vale pájaro en mano que tarde que nunca son algunhas destas mesturas que recordo. Porque a mixtificación e o alleamento do recto contexto das cousas (xa consciente, xa inconscientemente) alicerzan boa parte dos equívocos que moven a risa. É o caso (real, contado por un bo amigo e afeccionado destas páxinas), dunha señora moi fina que, tras a misa de doce en certa vila mariñeira, entra na confitería local da gente bien e, facendo ver que na súa casa só se gasta do melloriño, pide ao dependente acenando moi elegante para certas delikatessen dun mostrador:
Magnífica a foto que publica 









Non sei a vostede, pero a min un tipo de libro que me parece do máis entretido, polo variado e curioso, é o catálogo de subhasta. Magnificamente editados, por regra xeral, no formal (tipografías, variedades da letra e encolumnados ao servizo da máxima lexibilidade), presentan igualmente o maior esmero nos aspectos de contido: colacións bibliográficas moi precisas ―cómpre aquí un repaso sempre necesario dos formatos da tradición tipográfica española: 




