30.6.07

Crosswords

Un chiste de moda de cando era novo ―que acaso alguén recorde― baseábase en mesturar partes de diferentres refráns para producir un efecto cómico; a quien madruga le amanece máis temprano ou más vale pájaro en mano que tarde que nunca son algunhas destas mesturas que recordo. Porque a mixtificación e o alleamento do recto contexto das cousas (xa consciente, xa inconscientemente) alicerzan boa parte dos equívocos que moven a risa. É o caso (real, contado por un bo amigo e afeccionado destas páxinas), dunha señora moi fina que, tras a misa de doce en certa vila mariñeira, entra na confitería local da gente bien e, facendo ver que na súa casa só se gasta do melloriño, pide ao dependente acenando moi elegante para certas delikatessen dun mostrador:
-Y ponme también una docenita de profilácticos de esos que tienes ahí.
A exquisita dama quería profiteroli.
As etimoloxías populares determinan moitos disparates, algúns deles extremadamente cómicos, especialmente frecuentes, como ben se sabe, na complexa linguaxe médica. Algunhas pérolas cultivadas, que me contaron como reais (dá igual: se non è vero è ben trovato).
-Despues del accidente echó dos días como emocionado.
-Con lo bien que estaba y le repitió el trombón.
Outras veces son cruzamentos semánticos curiosos:
-No, si de la operación salió bien pero, claro, lo que nos preocupa son las connotaciones que le pueden quedar.
Unha persoa moi querida, profesional e persoalmente, de fermosos e eternamente infantís ollos azuis, constitúe, nesta liña, un caso á parte. Non mestura proverbios, nin é vítima de involuntarias etimoloxías, senón que descontextualiza os proverbios e frases ou expresións feitas, ou equivoca o texto correcto das mesmas. É de verdadeira antoloxía. A unha compañeira, que lle imputaba certas responsabilidades nun asunto laboral, espetoulle:
-Anda, vaite daí que me estás dando máis lata que Sodoma e Gomorra juntas.
Cando intuía que un libro ía saír moir voluminoso anticipaba:
-Este libro vai dar máis páxinas que Matusalén.
Se andaba con algunha angueira a voltas recoñecía:
-Esto estame metendo no callejón da armargura.
Dun profesor da casa, membro de certo equipo de goberno universitario, especialmente puntilloso e cargante dixo:
-Este o que lle pasa é que quere ser máis papista que o rector.
Unha vez que lle advertiron por teléfono que algúns compañeiros e eu mesmo estabamos reunidos, comentoulle á persoa ao outro lado do fío:
-Ostiandiós, reunión de pescadores ovella morta.
Falando dalguén que se tomaba moitas liberdades:
-Ándame por aquí como pepito por su casa.
Unha das mellores, para min, foi a que lle escoitei referíndose a certa vaca sagrada universitaria que, facendo valer a súa preeminencia, permanentemente reclamaba como dereito o que, en realidade, era trato de favor:
-Xa estou hasta os güevos de tanto picatoste.
Un caso único. Magnífico profesional, excelente persoa, esnaquizador de sentenzas.

2 comentarios:

Lula Fortune dijo...

O que hai é moita falta d'inoransia, que me dixo unha vez un fontaneiro.

juan l. blanco valdés dijo...

Moita, Lula, moita. Que sabio o seu fontaneiro.