20.6.07

Felicidade

É algo que sempre me chamou a atención o interese que as cousas de España espertan no estranxeiro. Que somos, tras os amos do cortijo (USA), o segundo destino turístico do planeta é algo arquisabido. Seguramente hai países de mellor clima, gastronomía máis refinada, paisaxes máis impresionantes, hostalaría e transporte mellor organizados, medio natural máis conservado, menos ruído, praias de area máis fina e auga máis limpa, pero a media ou intersección que de todo iso oferta España parece ser a clave de tamaño atractivo. E a cousa, mutatis mutandis, non é de agora. Algo teremos para que íberos, celtas, púnicos, gregos, romanos, xermanos, árabes, mouros… batallaran tanto cos nativos para se instalaren por estes pagos.
O meu apreciado Borrow, don Jorgito el Inglés, sorprendeuse cando a súa The Bible in Spain convertíase nun best-seller: publicada en decembro de 1842, en 1843 esgotáronse seis edicións de a mil exemplares cada unha e dez mil doutra edición en dous tomos. Reimprentouse dúas veces ese mesmo ano nos Estados Unidos, e ao pouco foi traducida para alemán, francés e ruso. En 1911 levábanse publicadas vinte edicións inglesas. Independentemente das obvias calidades do libro, resulta evidente que o cóctel de misterio, lenda, violencia, heroicidade, vileza, épica e primitivismo que a vella pel de touro inspira, e que Borrow soubo indiscutiblemente explotar, están no alicerce dese éxito. O propio don Jorge recoñece no limiar da obra que

En España pasé cinco años, que, si no los más accidentados, fueron, no vacilo en decirlo, los más felices de mi existencia. Y ahora que la ilusión se ha desvanecido ¡ay! para no volver jamás, siento por España una admiración ardiente: es el país más espléndido del mundo.

Hai ben pouco que escotei nun medio radiofónico unha suxestiva entrevista co coñecido sociológo e profesor de ciencia política da Universidade de Siena, Stefano Bartolini, a propósito dunha investigación que vén de coordinar acerca da felicidade dos norteamericanos de clase media. Segundo os resultados do estudo, nos últimos trinta anos o clima socio-político dos USA, a inseguridade cidadá, o incremento nas horas adicadas ao traballo, pero sobre todo e en primeirísimo lugar a incapacidade de estableceren relacións sociais sas, satisfactorias e non baseadas nun interese inmediato ou trato superficial, son as causas da infelicidade dos cidadáns americanos. Bartolini, que agora vive en Italia pero viviu en EE.UU e en España -de feito, fala español admirablemente- afirmou que nunca foi tan feliz como en España, nin sequera en Italia, e que, na súa opinión, ningún europeo pode ser completamente feliz nos EE.UU. Para él, onde queira, o acceso aos bens de consumo modifica moi lixeiramente o nivel de felicidade (falamos, claro, de capas medias da sociedade) e, en troques, é a calidade da sociabilidade e das relacións humanas o elemento fundamental que o incrementa. Cre Bartolini que a urdime de relacións sociais en España (bares por todas partes, horarios inverosímiles noutras latitudes, prazas, parques, xardíns e lugares de encontro de todo tipo, a desorde nas conversas, actividades como o tapeo, a fiesta permanente e o botellón…) conforman un sistema social único, irrepetible e absolutamente envexable.
Sistema social do que, paradoxalmente, os propios españois semellamos abominar, no noso intento de nos aproximar no posible ao que consideramos o nivel europeo, é dicir, moderno, racional, elegante, discreto e… aburrido.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Se algo teño claro nesta vida é que o máis importante é a xente que te rodea. Para min chegar a un bar ou ao parque e atopar algún amigo ou coñecido con quen charlar é o máximo; non digamos ver entrar pola porta da miña casa (agora sempre aberta, literalmente) aos amigos, sempre dispostos a tomar un café ou unha cervexiña fría do frigorífico e, por suposto, botar unhas paroladas sobre o humano e o divino.
Non sei se iso pasa só en España e non me importa. A min pásame e non me estraña nada que o índice de felicidade dun país dependa nun alto grao diso, das relacións sociais sas.
Por outra banda, lendo por estes píxeles de deus aquel cuestionario Proust, estiven agardando a que alguén, á pregunta sobre cal é o mellor lugar para vivir, contestara: "O lugar é irrelevante; o importante é con quen." Non sucedeu. Mágoa.

Anónimo dijo...

Pois é certo. Eu patriota non son, pero nadiña, e gustaríame viaxar aínda máis do que viaxo. Saír, ver, aprender..., pero o certo é que aquí estáse ben. Con todo, vivimos ben. No despiporre ao que estamos afeitos, estamos cómod@s.
E gústanos saír tomar os viños, e o "vermú" da fin de semana, e comer unha tortilla de patacas na praia, a noite de San Xoan, que vén aí; rirnos dos nosos políticos, cagarnos neles, que debería ser un dereito lexislado; ler aos nosos escritores, fumar ás agochadas onde non se pode, sen que iso te poña en risco de ir ao cárcere, estar de sobremesa ata as seis da tarde, durmir unha sesta sen cargo de conciencia... Etc, etc, etc.
A min gústame vivir aquí. Non querería vivir nos USA nin en Alemaña, Finlandia ou o Xapón.
Con todo o bo e tamén o malo, eu estou ben aquí.

Anónimo dijo...

Non atopei outro sitio para lamentar a foto de hoxe na Voz sobre aquela candidata. Amigo, mardito photoshop.

juan l. blanco valdés dijo...

Arume: eu tamén a vin, meu home. Que chasco, carallo, que chasco!
Apertas.

Anónimo dijo...

Uf, debería ser un pouco máis sintético nos posts, amigo Blanco. Que aí radica parte da súa arte.

Un saúdo cordial.

juan l. blanco valdés dijo...

Amigos e amigas,

De novo, agradecido á brillante exposición dos seus puntos de vista e ideas. Creo coincidirmos todos no substancial: fronte a moitas cousas manifestamente mellorables do país (como en todos, aínda nos máis "perfectos"), a boa calidade das relacións interpersoais en España definen boa parte diso que definimos com aquí vívese moi ben.
Highway: lembras o tema de Crosby, Stills, Nash & Young "Se non podes estar con quen amas, ama a quen está contigo"? No que a min fai, respondín a esa pregunta seducido pola irresistible tentación de facer un chiste, o cal determinou a resposta.
Amigo A.P-C: en efecto, é algo que teño que corrixir. Pero sinto que teño tanto que dicir, que me custa a vida morder a lingua (ou os dedos). Grazas polo agarimo e a crítica.

Anónimo dijo...

Por certo, que tal foi a homenaxe na súa localidade? Ficou satisfeito?

Saúdos a Roberto e a vostede.

Lula Fortune dijo...

Encantame este post de reivindicación do noso (único)senso de entender a vida.O ano pasado nunha enquisa feita polo xornal italiano a Repubblica os italianos maravillábanse da nosa eficiencia nos trenes, da limpeza das ruas, e do tempo que estabamos fora cos amigos.Xa está ben de tanto europeismo nordico.

juan l. blanco valdés dijo...

A.P.-C.:
Polo que sei, o acto resultou dunha emotividade extraordinaria. A filla do alcalde Puente Fontanes asasinado, na altura do 36 unha nena de oito anos, chora nas fotos da prensa apoiada no colo dunha amiga. Unha imaxe tremenda. Nada hai máis perenne (malia o proverbio) ca a dor.
Dou os seus saúdos a meu irmán Roberto (supoño que é a quen se refire Vde., e non a meu fillo).
Lula:
obrigado pola visita e comentario (e parabéns pola bitácora!).