Sobre lingua e ideas preconcibidas, contábame certo lector de portugués dos meus anos da carreira ―nativo de Coimbra e fillo dilecto da súa alma mater― que preto da impresionante abadía de Alcobaça ―alí onde se quintaesenciaron tanto o omnímodo poder como a núa sobriedade estética do Císter―, nunha excursión con estudantes da minerva compostelá na que el oficiaba de cicerone, como queira que o autocar que os conducía levaba claramente serigrafado no exterior “Universidad de Santiago de Compostela”, unha señora á que o meu home inquiriu sobre o mellor itinerario para chegaren ao cenobio, negouse en redondo a contestar, pretextando não percibir o castelán. Cando Mário, que así se chamaba o lector, en perfecto portugués lle fixo ver que el era desa nación, oriúndo de Coimbra, a boa da vella seguía teimando:―Não percibo, não percibo.
Desta mutua incomprensión hispano-luso-hispana falaba eu hai non moito. Hoxe sorrín ao ler nun xornal gratuíto que grupos de independentistas galegos se desprazaron a Valença a apoiar a selección lusa no partido contra España. A escena na que um espanhol intenta explicar a un camponês minhoto, nun bar de Valença, as razóns que o levan a cruzar a fronteira para alentar a selecção portuguesa só pode recibir un cualificativo: sublime.
















