13.6.10

Veciños

Levarse mal cos veciños é de regulamento. E o que ocorre coas persoas ocorre tamén cos colectivos: os de Lalín falan pestes dos da Estrada (e dou fe, como afectado); os de Louro andan a matar cos de Muros; os de Conxo cos de Santiago; aos de Laxe chámanlle chocolateiros os de Corme, que en Laxe son papeiros, pola respectiva afición a incluír o rico chiculate ou as humildes papas na merenda, en clara alusión a seren uns señoritos e outros uns pobres de pedir. O de Vigo e Coruña xa forma parte da lenda e imaxinario histórico (e para mostra, véxase a recente verbena da p. fusión das Caixas). Contaba o finado de meu pai que, hai moitos anos, en ocasión de xogar o Dépor na cidade do olivo, os seareiros coruñeses despregaron en Balaídos unha inmensa pancarta na que podía lerse: La ciudad de La Coruña saluda al pueblo de Vigo (Pontevedra). No partido de volta, os vigueses devolvéronlla dobrada: abriron unha pancarta, aínda máis grande, na que poñía: La ciudad de Vigo saluda a los hijos de la gran Pita.
Nisto de andar en líos cos veciños, as nosas relacións con Portugal son unha especialidade. Tamén exclamaba meu pai cada vez que visitabamos Fortaleza, de par de Valença: Que medo nos tiñan! A verdade é que as dimensións dos muros da pequena e belísima cidade amurallada (e dotada, por certo, no seu centro dunha esgrevia estatua de Sao Teotônio que sempre me chamou a atención) dan para pensar que, en efecto, as nosas relacións cos miñotos alén o gran río, non debían estar presididas precisamente pola confianza.
Unha manifestación que me parece curiosísima da mutua indiferenza que semella profesármonos xentes fisicamente tan próximas é a relativa ás permeacións e fluxos lingüísticos. Lembro eu un fulano, moi da ruda estepa castelá, que na recepción de certo establecemento hoteleiro lisboeta, tras indagar reiteradamente por un tal señor Carvalo (sic) que non aparecía, preguntou exasperado:
-¿Pero es que aquí no hay nadie que hable español?
Ao que o recepcionista luso repuxo, con contundente imperativo categórico:
-Mas, senhor, estamos em Portugal!
Os folletos propagandísticos que, invitando aos restaurantes da zona, anegan as rúas da Fortaleza, Valença ou Vilanova da Cerveira nas ferias e feiras, cando somos lexións os galegos que por alí caemos na procura de atoalhados e tamén dunha sustantífica refección, son algo portentoso:
Casa Porfírio Marquês: el mejor bacallau que poderá provar usted a la moda de la casa. Tambén con otras especialidades como la feijoada sin esquecer el rico frango a la grella. Y para las crianzas la ementa infantil, compuesta de la burguer especial en el prato. Non lo perca!
Sempre me fago a mesma pregunta que o buscador do señor Carvalo (sic):
-Pero non haberá alguén que fale español?
Porque mira que teñen Tui a un tiro de pedra, caralho!

1 comentario:

paideleo dijo...

Eu, que vivo a escasos quilómetros da fronteira, dou fe desa relación odio-medo-desprezo e iso que se van atenuando as diferenzas con tantas pontes construidas e clausuras de alfándegas.
O Portunhol é unha lingua franca que soluciona o problema lingüística nesta zona anque produza sorrisos a persoas que cren que o español é lingua de obrigatorio coñecemento en todo o globo terráqueo.