3.6.10

Análises

Alguén, máis benevolente ca obxectivo, transmitiume os seus parabéns pola miña análise do post anterior. Análise? Vade retro!! Eu non fago análises. Análises as fan os pacientes de colesterolemia, os alumnos de gramática da secundaria, os maiores de cincuenta por aquilo do PSA, e sobre todo, a innúmera lexión dos así chamados analistas que a diario asoman aos xornais para bombardear as conciencias do sufrido contribuínte a prol dunha ou outra posición política, cal heresiarcas medievais que enviaban cartas aos seus acólitos para non desesperaren ante o medo ao lume purificador. Non. Eu non fago, nin quero nin, de certo, sei facer análises. Para este tipo de diseccións do plan de emprego do Goberno, do caso Gürtel, do decreto do galego ou da última machada inmobiliaria de Gondomar hai que aprofundar en detalles en extremo aburridos, ler moitos xornais, cotillear a cotío e andar en corrillos de díxome díxome, exercicios todos eles dos que, xa por tendencia involuntaria, xa por elemental profilaxe, me manteño prudentemente afastado.
Estes fragmentos meus son, creo eu, calquera cousa menos análises. Facer análises, ou cando menos facer análises solventes, implica ser serio, rigoroso, dispor de moita documentación e construír, perfilar e ligar moi finamente argumentacións complexas, e a min ser serio, rigoroso e estar magnificamente documentado son cousas que me inspiran unha preguiza insalvable.
Eu, digamos que coloco a realidade perante o meu persoal espello, cóncavo ou convexo conforme teña o día, e o que ofrecen estes posts é o resultado de tan asistemático reflexo, pero nunca movidos pola máis mínima intención de convencer ao lector, que é o que, basicamente, busca o analista. Que fica moito no tinteiro? Que os argumentos resultan incompletos? Que con tal ausencia de compromiso coa obxectividade calquera escribe? Pois é verdade, pero, que se lle vai facer! Aquí, como na pensión de La colmena, hai pouco de comer, pero, cando menos, comemos todos do mesmo. Do que hai.

No hay comentarios: