27.6.10

O somier

Dende aquel século de polisóns e rapés, xenios, revolucións e pelucas ateigadas de piollos que foi a decimooitava centuria, pediu Hölderlin ao home "habitar poeticamente a terra". Inamobiblemente fiel a este mandamento, eu transmutei repugnancia en poesía nunha composición de 2001. A saber:
Eu fago miñas as estradas
con gatos e porcoespiños rebentados,
oníricas preas dun universo único.
Eu reivindico as lavadoras oxidadas,
cíclopes poéticos por teren un so ollo,
mais na verdade ferralla nauseabunda
amante dos neumáticos,
cos que conviven na adúltera concupiscencia
que late revolta nos escombros.
Eu son o bardo errante
que canta a beleza palafítica
das casas con patas, habitadas
por homes-can e palleiros case humanos,
irreverentes produtos
dun doutor Moreau pailán e fato.
Como as preas nas carreteiras ou as lavadoras oxidadas deitadas como un esgarro nas paraxes máis fermosas, o somier pechando as leiras é un elemento de altísimo valor etnolóxico e folclórico. Alén de feísmos e vidas de miseria, o somier pechando as leiras ten tamén un nomeado valor poético. O somier pechando as leiras fala dunha negativa radical ao abandono, dun vivir profundo e humildemente grandioso instalado nun sentido común que non se pretende compartido, dunha reciclaxe made in feita na casa na que todo ten un valor e un sitio no complexísimo mapa do mundo. Eu amo e admiro a xente que, pasando literalmente de todo (progreso+tecnoloxía+ecoloxía+paisaxe como cultura+cultura da paisaxe...), reivindica, contra toda apariencia, un sentimento de atávica poesía, chantando na terra, na Terra telúrica, nai e matriz, a súa categórica e metálica mensaxe de presenza e sensatez: un somier, o que teño. Mágoa sería tiralo, ho, e o que aforro en peches.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

As lavadoras non se tiran. O tambor serve perfectamente para as fresas e, unha vez baleirada, como caseta para o canciño.

Anónimo dijo...

Por non falar de asadoiro de castañas e grella para o churrasco, sardiñas, y otras viandas.