25.2.11

Omfálico

Omfálico ou onfálico é un adxectivo raro que non aparece nos dicionarios e que tal vez vostede descoñeza (ou coñeza). Ten un senso inicialmente médico en expresións como cólico onfálico, pois o substantivo grego o)mfalo/j significa 'embigo'. Pero tamén se emprega, creo que fundamentalmente en antropoloxía das culturas antigas e naturais, para referirse a lugares ou rexións tomadas subxectivamente como o centro do mundo, pois, ademais do devandito punto anatómico, o vocábulo podía significar, por unha contaminación semántica doadamente entendible, 'centro' (por exemplo do escudo, ou, igualmente, do mundo). É moi notable esa tendencia dos pobos antigos e das culturas naturais a considerar que a rexión que habitaban era o centro do mundo e todo o aledaño a periferia, de xeito que moitas tribos se intitulaban a si propias 'os seres humanos'. De facermos unha derivación temporal -un pouco forzada, mester é recoñecelo- supoño que Nova Iork podería ser, por execelencia, a rexión onfálica do planeta tal como vostede e máis eu o coñecemos. Pero -e por iso dicía que a extensión no método resulta forzada- non se pode obxectivar un concepto así, pois a nosa é unha civilización extradordinariamente complexa que en pouco ou nada se asemella á basáltica uniformidade das culturas antigas.
Eu, máis como individuo ca como membro dunha civilidade concreta, teño (supoño que como vostede) os meus «lugares onfálicos», subxectivamente considerados; eses emprazamentos onde se concitan todas as características e condicións que dan forma e sentido á nosa existencia dentro dun determinado cerco físico e dunha contorna paisaxística. Unha destas rexións onfálicas é para min o Pico Sacro, maxestosa atalaia dende a que se contempla toda a inmensidade da Ulla e se enxergan lonxanías ignotas. O Pico Sacro é o escenario de moitas imaxes da miña nenez; vexo correteando por entre os seus rochedos un can, ao que chamaba Roni, un can de caza que gastaba uns ollos azuis e nobres como o ceo e que un día se esvaeceu borrado entre as bágoas crueis dun meniño. Do Pico Sacro gardo fotos familares onde aparece Castelao, con chalina, acompañado de señores da Estrada fardados de chapeu e mestos mostachos. Unha vez subimos ao Pico tres veces en dous días, dende a Susana, no concello de Boqueixón, onde eu pasaba os veráns cuns curmáns que eran fillos do médico de alí, o finado de meu tío Luís. Sempre imaxinei que nunha das covas do Pico, que se abren como bocas de abismo escuro, vivía o dragón acérrrimo inimigo de San Xorxe. Ao Pico Sacro fun con amigos e novias. Alí usei palabras de querer e fumei porros. En tempos en que tocaba a psicodelia entregueime á psicodelia e cheguei coa mente a cambiar de cor as rochas, os camiños, as árbores. Disque as covas do Pico comunican coa fenda pavorosa de San Xoán da Cova, montaña e val abaixo, pasando por baixo do Castro de San Miguel. Gana de esaxerar.
Onte pola tarde, por razóns profesionais citárame eu cun xornalista. Contra as catro e cuarto chamoume para dicirme que debiamos adiar o noso encontro pois tiña que cubrir a nova dunha calamidade. Pensei nun tráfico. Díxome que non, que non era un tráfico. Resulta que nunha das covas do Pico Sacro un excursionista atopou, dentro dunha bolsa de plástico, o corpiño morto dun bebé de apenas unhas horas de vida. Alén da negrura do desespero que o acontecemento evoca, sentín algo raro, difícil de describir, como se o meu lugar onfálico, luminoso, no que moitas veces pouso o pensamento para caer no sono, se contaxiase de maldade e, blasfemo, sucio, violentado, deixase de pertencerme, Algo cercano á traizón ou ao desgarro. Como escupir na superficie inmaculada dun xogo de cama limpo.

20.2.11

Ferrete divino

Eu, que escribín a miña memoria de licenciatura sobre Palabras compostas en galego-portugués, lembro algúns especimes das cantigas de escarño especialmente procaces e aínda escandalosos. O substantivo mallo ('especie de martelo longo') engadido á raíz verbal fodi- dá o fantástico composto fodimallo, que aparece na frase fodimallo de madeira, co cal o senso final non precisa de maior comentario, e faría o trebello merecente de lugar descatado nunha hipotetica sex-shop do século XIII. Uma vella fududancúa é outro sintagma rescatado do noso cantigueiro medieval que amosa en todo o seu esplendor a inesgotable energeia creadora da linguaxe. Neste caso cunha curiosa hipercaracterización xenérica, pois ao femenino do participio forte fududa ('fodida'), cohesionado nunha única forma coa frase preposicional en cu, se lle engade aínda un morfema, redundante, de xénero femenino: fududancúa. Precioso.
En poucas áreas do léxico, en efecto, a creatividade lingüística -unha propiedade que fai, de feito, da linguaxe un sistema altamente produtivo e económico- se manifesta coa riqueza de matices, ironía, galanura ou procacidade, crueza ou discreción, que o fai no relativo ao sexo e as relacións sexuais. E isto, creo, debe ser un universal lingüístico. Lembro ter consultado para a miña tesiña, precisamente, traballos de investigación sobre o léxico sexual latino que me convenceron en pouco tempo de que, tratándose dos romanos do Imperio, estaba perante auténticos especialistas no tema, dignos devanceiros dos italianos actuais, probablemente os maiores impulsores europeos da húmeda industria do porno.
O finado de meu pai, en paz estea, utilizaba unha expresión que, como moitas outras, eu fixen miña: meter ferrete. Meter ferrete era para meu pai (e vexo que para o dicionario tamén) utilizar expresións mordaces que buscan ofender. Agora comprobo que ferrete, malia non andar nos dicionarios con tal valor, pode referirse metaforicamente ao órgano viril, que tantísimas denominacións ten en román paladino, como ben testemuñou para universal contento o enxendro musical de certo border line.
Polo visto, unha abigarrada entente de músicos, escritores, actrices, actores e produtores vai contribuír por vía xenital á normalización da lingua galega cun filme intitulado O divino ferrete -título tras o cal entendo hai un, bastante chocarreiro, guiño á satira de don Manuel Curros-, que inaugurará o noso "porniño" patrio. Ocórreseme que, invocando a incorporación da fala de base popular no proxecto, un efectivo eslogan promocional da fita podería ser o fermoso dístico pornográfico que eu recordo dun brutarate do meu instituto: Berberechiña, berberechola, apártalle os pelos que aí vai a pirola.
Ignoro se o contributo normalizador d'O divino ferrete se materializará e os seus protagonistas serán algunha vez -convenientemente mortos e enterrados, claro- galardoados co Día das Letras Galegas. Vexo, de por parte, unha limitación, pois o porno é o único xénero cinematográfico onde quitar o volume non compromete a cabal comprensión da trama.

18.2.11

Náusea

Comezar o día non é doado. Mesmo persoas de trato doce e suave son, nesas primeiras horas nas que toca sacar as lagañas e poñer as pilas, verdadeiros tigres bengalís e non hai quen lles tusa. Persoalmente, intento en tan adversa, malia cotiá e inevitable, circunstancia facer bo aquilo de que non é que día teño senón que día quero ter. Para tales efectos, procuro converter os primeiros compases da xornada en momentos máis ou menos agradables, botando man de certos recursos edulcorantes. No canto de envelenarme, a miña viaxe diaria dende o meu querido Brión ata o compostelano campus sur (digamos, vinte minutos, 1/2 hora se o tráfico está especialmente canino) devén, deste xeito, un relanzo de sosego pois, comodamente sentado no automóbil, disfruto da música e aproveito para poñer os meus pensamentos en orde e ir adminsitrando mentalmente a axenda do día. Hoxe, mentres me apabullaba coa abigarrada complicidade dos sintetizadores, percusións e alaridos de guitarra de Tangerine Dream (tiña eu un amigo que, pouco perito en inglés, lles chamaba Tandilindrín), decidín poñer a radio. A locutora estaba presentando as declaracións de Pachi Vázquez sobre que Feijoo e o narcotráfico andan aí, aí. Ao remate, a locutora indicou que o mesmo Pachi Vázquez está sendo investigado polo presunto incumprimento da disciplina urbanística nunha casa súa en non sei ónde.
Reprimín unha arcada e, decidido a non joderme o día, voltei a Tangerine Dream.

16.2.11

Stylus & Tabella

Nunhas recentes xornadas sobre e-publicacións na Administración, o co-fundador de Dosdoce.com, Javier Celaya, ditou unha interesante conferencia da que, noutro post, falarei máis polo miúdo, pois debullou temas, suscitou reflexións e proporcionou datos especialmente significativos. Para os efectos do meu pensamento de hoxe, quero salientar o que Javier, facendo seu un concepto habitual no mundo anglosaxón, denominou taxa de conversión, en referencia á ratio de lectores que progresivamente van aceptando o soporte dixital como interfaz frecuente de lectura e, na mesma proporción, abandonan o papel, ou sitúano en plano secundario. Tendo en conta que no Reino Unido existen na web, nun cálculo moi aproximativo, 500.000 títulos dispoñibles como ebook, mentres en España podemos falar de 60 ou 70.000 todo o máis, non é doado inferir qué diferenza proporcional pode existir na taxa de conversión impreso-dixital entre o noso país e a pérfida Albión.
En calquera caso, non cabe a reversión desta taxa, e que a súa dirección se invista, retornando de novo ao punto de partida? Non digo, ollo, que isto sexa desexable, nin sequera aventuro que sexa posible, pero o certo é que unha característica inherente aos procesos complexos é a súa absoluta falta de linealidade. Noutras paraxes e en varias catacumbas ás que teño transladado a miña prédica, referinme á circularidade na evolución das tecnoloxías. Unha imaxe metafórica predilecta é da semellanza física entre unha vella pizarra escolar e o monitor do máis moderno ordenador; con aquela, un anaco de lousa escura arrodeado dun bastidor de madeira, comecei eu mediando os anos sesenta a miña práctica lectoescritora; neste, accedo ao ciberuniverso e me interrogo sobre o futuro dixital, apenas corenta anos despois. Mire vostede a imaxe deste post: a belísima moza pompeiana que mordisquea coquetamente o seu stylus, mentres na man esquerda terma da súa tabella:
Si la mirada de la joven romana que nos observa desde uno de los frescos pompeyanos más conocidos, por uno de esos azares espacio-temporales a los que nos tiene acostumbrados el cine, acabara recalando en la sociedad moderna de principios del año 2010, se encontraría ante algo que le resutaría enormemente familiar. Y es que, en un momento histórico dominado por la tecnología y ante un panorama prácticamente irreconocible, vería que algunos de nuestros contemporáneos siguen practicando la vieja costumbre de tomar notas con una especie de punzón con el que escriben sobre una extraña tablilla electrónica a la que llaman PDA, Smartphone o Tablepc. En esencia, y salvando las abismales distancias que separan su época de la nuestra, esa joven del pasado grecorromano se encontraría ante los mismos gestos, el mismo instrumento y el mismo soporte que ya se utilizaban en vida de Pericles o de Trajano. Como si un soporte de escritura, que a fin de cuentas es el más antiguo que conocemos, hubiera vencido el paso inexorable de los años (J. C. Iglesias Zoido: El libro en Roma y Grecia. Soportes y formatos, Cáceres: Universidad de Extremadura, 2010, p. 21)
Comprender que a evolución tecnolóxica non é máis ca unha perpetua mudanza, de natureza basicamente circular -facer o mesmo con medios diferentes- pode axudar a non perdermos o norte e camiñar na dirección axeitada. A min, cando menos, me axuda.

13.2.11

Horno sapiens

De Deborah Harry, a cantante de Blondie, estaba enamorado eu e todos os tíos da miña quinta, e non falo de música, dios me libre, que cada vez que se me ocorre exteriorizar os meus gustos musicais nestas páxinas armo la de San Quintín. Non. Falo de Deborah Harry, neoiorquina, loira como os pavóns do millo, flexible como o vimbio e dotada dunha voz agridoce como de camioneiro afeminado. Blondie tiña unha canción que me encantaba. O refrain dicía: Accidents never happen in a perfect world. Canta razón tiña a nosa diva dos oitenta! Se o mundo fose perfecto non habería accidentes, nin erros, nin ineficiencias, nin disfuncións, nin malos entendidos, nin guerras, nin conflitos, nin sequera discusións. Pero o mundo é como é, e a imperfección está no xermolo de canto fai o ser humano, que, en troques, cre inxenuamente que o camiño cara a unha existencia sen dor, enfermidade e sufrimento está trazado e só é cuestión de tempo. Da estrutura do ADN ao mapa xenético; da válvula eléctrica ao chip de silicio; do motor de catro tempos á turbina dun reactor; dos rudimentos da medicina experimental ao transplante de órganos, toda obra humana é observada, con entusiasmo e optimismo, en clave desta constante e uniforme progresión cara ao perfecto. Pero esta progresión dista moito de ser constante e uniforme e é moito o lastre que fica no camiño. Con certo desasosego teño eu referido nestas páxinas que a permanente convivencia cos ordenadores provoca que busquemos en quen nos arrodea a aséptica perfección e cega obediencia das máquinas: cantas veces, en efecto, nos gustaría combater o estrés e o insomnio pechando o noso sistema operativo e dando nesa sorte de limbo ou sono neutro no que deben caer os computadores cando os desligamos! Pero tamén as máquinas distan de ser perfectas e, igualmente, é moito o lastre que deixan no camiño, un lastre que pode mesmo chegar a dimensións considerables. Os fans do século XIX; chegar ao colino da desesperación; é o home quen carrete fornicacións… son disparatados textos que chegan aos libros porque o home fía en demasía da máquina, neste caso dun estúpido OCR incapaz de discernir, fiando mecanicamente da forma das letras, fans de fins; colino de colmo ou carrete de comete. É moito o lastre que fica no camiño e falo só da punta do iceberg. A confusión rn por m é das máis frecuentes. Probe vostede a buscar Horno sapiens en google. Si, si: Horno sapiens. O primeiro resultado, de máis de 26.000, é un libro clásico de 1937 sobre a hominización. Como para fiarse.
En momentos de frouxeira, pregúntome que mundo estamos xerando. Non é coña.

6.2.11

Saducismus Triumphatus

Supoño que, á parte dalgún outro valor, algúns amigos e amigas deste local aprecian, segundo me expresan de cando en vez, as recomendacións literarias do patrón, o cal non pode máis ca encherme de ledicia, pois, por unha banda, con tan pouca cousa levo algo de contento aos demais e, por outra, compartir gustos endoza un algo a idea amarga de ser un bicho raro. Polo demais, os libros, como as sendas do xardín borgiano, bifúrcanse indefinidamente e xogan cos nomes, os espazos e os tempos nunha sorte de imprevisible xeometría fractal.
O outro día, nun libro raro tiven novas doutro libro, probablemente, aínda máis raro. Do primeiro libro falei hai uns días nesta bitácora e, no presente, estou extasiado coas súas truculencias, amores, aventuras e galanterías de folletón. Neste libro raro pero marabilloso como todos os libros raros (o convencional é sistematicamente aburrido, así lle loce o pelo ás letras contemporáneas...) atopo unha erudita noticia sobre outro mamotreto, que, ai, temo resultará máis maliño de conseguir (quen me dera!). O bo (ou o malo) das noticias eruditas é que aumentan a erudición e a erudición é, sen dúbida, o vasto coñecemento dun montón de cousas e datos perfectamente inútiles.
Imaxinen un predicador anglicano de remates do XVII que, farto do avance das Luces e ata o sombreiro de tanto racionalismo e de tanto Diderot, se propón poñer os seus conveciños contra as cordas do rigorismo relixioso, sinalándose como designio convencelos, sen sombra de dúbida, da existencia certa de pantasmas, bruxas, aparecidos e demais elementos malignos do Alén. A tal punto chegaba o seu intento, que tratou os escépticos, tocados do espírito da Ilustración, de saduceos, sendo que esta seita negaba a inmortalidade da alma, a resurrección dos mortos, e, polo tanto, todo xénero de espíritos, xa anxélicos, xa demoníacos. E daí o título da obra: Saducismus Triumphatus, o seu autor Joseph Glanvill, segundo a portada do libro late Chaplain in Ordinary to his Majesty, and Fellow of the Royal Society. O texto subtitular de tan insigne mamotreto é unha delicatesse de rata de biblioteca, a saber: Saducismus Triumphatus, or Full and Plain Evidence Concerning Witches and Apparitions. In Two Parts. The First Treating of their Possibility. The Second of their Real Existence [...] London. Printed by J. Collins at this shop [...] 1681.
Polo visto, era fama que as sobrenaturais ilustracións e gravados da obra enchían de temor os corazóns dos máis incrédulos.
Estas son as cousas que a un lle abren o apetito, non me dirán que non. El haberá un exemplar en eBay?

3.2.11

Chucán

Do affaire Xosé Carnero, Chucán, non quixera eu destacar o fiasco xudicial, que estimula preocupantes dúbidas. Xosé Carnero, Chucán, natural e veciño de Sober, para min representa a regandixa dunha sociedade civil, por onde esta supura os vermes lamacentos dos seus máis negros intestinos. A profesional do sexo que, por razóns do sustento, foi para a cama con Xosé Carnero, Chucán, é unha heroína, paradigma de que a razas das mulleres é infinitamente máis forte, sufrida, tolerante e resistente á adversidade ca a dos homes. Xosé Carnero, Chucán, coa súa expresión doída de esquizofrénico, co seu xersei inexplicable, co seu chabolo de Sober, coa súa corte onde disque matou a muller, co seu blíster de pílulas, das que o día de autos esqueceu facer uso, coa súa liberdade que semella non querer, co seu encarceramento que semella non importarlle, é o espello cóncavo no que se reflexa un país onde aínda é posible que Xosé Carnero, Chucán, non estea nun centro especializado dende hai moitos anos.

31.1.11

Espazo Ebook

Que certo é que o ollo do amo engorda o cabalo! Miramos os pobres produtos do noso intelecto como prendas de vaidade cando non son máis ca nonadas, míseros e seguros canditados ao po e o esquecemento. A besta cáncama e fea, mesta de mataduras e abatida polo tempo seméllanos, só por ser nosa, un cabalo árabe, de puída pel e mans finas. Así é a humana condición dende que o pitecántropo se puxo en dúas pernas e así seguirá sendo polos séculos dos séculos. Daí que o vaidoso sexa moitas veces un parvo ao que as nubes lle estorban ver o ceo e, polo mesmo, un profiláctico eficiente para esta caste de tontuna é o convencemento de que o que un fai non é a pedra angular da civilización occidental e, se cre que o fai ben, sempre pode haber alguén que o faga mellor.
Con todo, todo quisque ten o seu ego, xa meirande, xa máis pequeno, e, aínda a risco de manifestar que vivimos sen avós dende hai moito tempo, nos gusta dar a coñecer aos demais o que facemos. Para min, anunciar neste último día do mes de xaneiro de 2011 no meu blog, consagrado dende hai seis anos aos libros e a edición, que vimos de inaugurar a libraría dixital da USC, o que bautizamos Espazo Ebook, é algo que me enche de satisfacción e secreto orgullo, por min mesmo e polo magnífico equipo comprometido no proxecto, que hoxe é xa unha realidade chamada a medrar de xeito indefinido.
Será a fea mula, maltreita dos anos, non digo que non pero eu a vexo como un cabalo árabe, de puída pel e mans finas.

29.1.11

The 'Monk' Lewis

Algo levo escrito nesta bitácora acerca das miñas manías de lector. Porque cómpre sinalar que, en punto a lecturas, libros, estilos e autores, quen subscribe é a cousa máis caótica, desequilibrada, ecléctica e asistemática que hai baixo os luceiros. Por outra parte, hei de recoñercerme como un reaccionario literario, se por tal imos entender alguén que vive pouco reconciliado coas producións coetáneas e atopa o consolo -necesario, aínda diría imprescindible- da letra escrita en libros fillos do pasado, case como se este gusto fose un trasunto do mal acomodado que me sinto coas moitas mañas e fealdades do mundo moderno. E se, polo que parece, fago bo na literatura o inspirado verso do vate, cualquiera tiempo pasado fue mejor, non é, de certo, porque estea no alicerce do meu carácter ese elemento, visceral, agrio e violento, que define normalmente o reaccionario, non; de feito, intento con frecuencia contrarrestar a miña alerxia ás novidades poñendo todo o meu empeño en dixerir algunha, pero só en contadísimas ocasións o meu designio se ve coroado co éxito. Aconteceume ultimamente con dúas novelas, estelares produtos do "sistema literario galego", novidades moi cacarexadas polos medios e os escaparates das librarías, das que, a dicir verdade, non pasei da páxina dez en ningún caso.
En revanche, estou feliz como un rato enriba dun queixo con dúas novelas decimonónicas, de moi diverso signo, unha realista, outra gótica; unha de autor ruso, outra de británica nación; aquela breve, sucinta, directa; esta densa, abigarrada, detallista. El cupón falso, de León, ou Lev, Tolstoi é un prodixio de oficio literario, de organización e dosificación da trama, de ritmo narrativo. Ata mentira parece que en tan poucas páxinas poida haber tanto lucimento. Altísima literatura es estado puro. A noveliña vén no mesmo volume con outra, Jadzhi Murat, que ofrece, a pouco que se pareza ao relato que a precede, a promesa dunha historia memorable. Déixenme ademais, porque un libro é tamén continente, facer mención dun soporte físico simplemente admirable, do punto de vista editorial: Nørdica Libros é o nome dunha fabrica de libros especializada en autores boreais (como o seu nome evoca), que converte cada unha das súas obras nunha pequena alfaia : tipografías, formatos, papeis, grafismo, deseño... todo aparece sopesado e medido coa prudencia do editor de raza, aquel que coñece a fondo o oficio e quere trasladar a cada libro o carácter de peza única.
Da miña devoción por Valdemar xa falei noutra ocasión. El monje (The Monk, publicado orixinalmente en 1796; Valdemar, col. El Club Diógenes, 2ª ed., xaneiro de 2011) é unha novela do autor, marcadamente influído polos gustos románticos, Matthew Gregory Lewis (1775-1818), de quen eu non tiña máis ca noticias fragmentarias. Goethe, Wieland, Ann Radcliffe (The Mysteries of Udolpho), Veit Weber (Die Teufelbeschwirung, publicada logo en ingles como The Sorcerer) andan na intertextualidade dun autor que acadou un, polo visto merecido, malditismo literario e unha enorme popularidade en Inglaterra e Irlanda cunha novela tildada pola estrita moral anglicana, en nome da decencia, o decoro e o respecto ás Sagradas Escrituras, de libro blasfemo, corrompido, desvergonzado, indecente e sospeitoso de ateísmo, mentres que foi acollida por entusiasmo por Sade, Byron ou Coleridge. É dicir, unha magnífica historia gótica, ambientada no Madrid de comezos do século XIX: a crónica da caída, dexeneración e corrupción do monxe capuchino Ambrosio e o seu hundimiento irremisible en lo que su propia conciencia concibe como la más negra de las abominaciones. Ahí la novela funciona como la maquinaria de un reloj. Es lo que hace que el lector no pueda soltar el libro, en opinión do tradutor -extraordinario tradutor- e autor da breve introdución, Francisco Torres Oliver.
Comprenderán, con estas credenciais, que este menda, proclive a todo laia de negrura e goticismo literaio, atope na novela de Mr. Lewis o consolo que non me ofrecen as novidades do "sistema literario galego". Ten que haber de todo.


23.1.11

Ave Fénix

Próximos a publicar na nosa colección de Clásicos do Pensamento Universal o tratado de Beccaria Os delitos e as penas, nunha recente lectura correctiva do texto, as referencias do ilustrado italiano á privación de liberdade levaron o meu pensamento a outra reflexión; unha reflexión relacionada co valor da amizade, google e as cousas que nunca cambian.
Eu, que transitei na vida por sendas arriscadas, tiven moita relación cun gran artista, músico e poeta, non sei se mellor músico ou poeta, difícil sería dicilo pois en ambas as dúas artes salientaba o seu extraordinario talento. Chegamos a tocar as nubes e a crer que o mundo era un sitio de puta madre, pero mentres eu souben deter o meu intineraio cara ao abismo a tempo, el continuou ata dar cos seus ósos nun centro penitenciario, pois -que orixinal- para poder sufragar o infernal paraíso que lle proporcionaba o cabalo viuse constrinxido a delinquir (e a outras cousas máis infamantes). Pasou semanas vivindo no caseto do can dunha casa abandonada, nos arrabaldos da cidade, alumeándose cunha vela. Contoume que alí metido, coa súa veliña, era feliz. Tras esporádicos contactos, xa en réxime de semiliberdade, desapareceu e hai moito que non sei del.
Grazas a este amigo contactei coa doutora do centro penitenciario onde cumpría a pena. Hai poucos días, a doutora chamoume en resposta a unha misiva miña, na que quixen recoñecer o labor que ela desenvolve. Porque alí, no cárcere, os internos, co alento da súa médica, seguen crendo que son seres humanos e que un día mesmo poderán comportarse como tales, despois do peculiar descenso ao averno de cada un deles. De momento, contra vento e marea, contra o discurso politicamente correcto, contra a corrente dunha sociedade analxésica que proscribe o sufrimento e vive obsesionada coa política e o curto prazo, eles desenvolven un labor calado pero heroico: editan unha revista. Intitulada Ave Fénix-claro-, a publicación recolle informes, experiencias, noticias, consellos, consultas de saúde, medicina, psicoloxía... Todo feito, con gran esmero, polos internos do centro. Recibo con moito afecto a revista que a doutora me envía puntualmente, dende que contactei con ela. A revista Ave Fénix non ten un só resultado coincidente en Google. É dicir, non existe, pois, como vostede sabe mellor ca min, se algo non está en google non existe, a isto chegamos. Un asunto para reflexionar: a inexistencia cibernética é un trasunto do aillamento físico. Quen poderá ter coñecemento de algo que non está en google, que nin sequera está en google? O fodido, ou o paradoxal, é que si, Ave Fénix existe, e os seus redactores e redactoras, castigados pola vida, privados de liberdade e de contacto co mundo, teiman en conservar intactos os sinais da súa nunca perdida dignidade. Eu quixera unirme a eles e escupirlle o seu anonimato a unha sociedade envaecida e estupidamente frívola que, probablemente, non os merece.

16.1.11

O friki Balbino

Sinto moito aprezo e respecto persoal por Xosé Neira Vilas, da terra de Gres, boa terra de canteiros e xente cabal e seriosa, sempre moi vencellado coa miña vila, A Estrada, como case paisanos que somos. Coñecín a finada da súa dona Anisia co gallo de certa reedición que fixemos en 2008 dunha revista infantil promovida por ela e máis Pepe en Cuba nos anos oitenta. Apenas fose polo seu exemplo de entrega á causa na que tan xurdiamente leva crendo toda a vida, Neira sería merecente do afecto e recoñecemento social que, creo eu, Galicia non lle escatima. Dito o cal, non deixa de sorprenderme o ton desmesurado co que a circuíto cultural patrio vén de celebrar o quincuaxésimo aniversario de Memorias dun neno labrego e aínda máis o feito de que as beizóns oficiais leven aparellada a obrigatoriedade da súa lectura no ensino (o meu pequeño Juanpe, de doce anos, vai ter que lelo). Non serei eu quen discuta a vitola moral e a proxección internacional que, a partir de certos valores inmanentes (o desenraizamento cultural, a loita de clases, a dignidade fronte á inxustiza…), a obra adquiriu, pero creo sinceramente que o ton triunfalista que o nacionalismo cultural (e as súas inevitables hijuelas oficiais) adopta nesta celebración ignora, ou agocha, o feito de que as memorias de Balbino non resistiron o paso do tempo. Contrariamente á atemporalidade de certos produtos (A esmorga de Blanco Amor podería ser un exemplo do que quero dicir), outros vencéllanse na súa cerna xenética cunha circunstancia sociocultural concreta, sen a cal deixan de ter vixencia e, polo mesmo, a capacidade de transmitir unha realidade cognoscible, sobre a que asenta o contrato literario que todo autor establece cos seus lectores. Que o mundo da cultura galega considere que con esta obra nace a literatura para nenos e adolescentes manifesta, ao meu modo de ver, máis un sesgo ideolóxico intencionado, relacionado co valor simbólico da figura de Neira Vilas e o seu libro, ca unha análise serena da recepción actual da obra, por parte sobre todo dos seus potenciais consumidores, é dicir, os nenos e preadolescentes. Baremando a escala de valores que actualmente manexa tal segmento demográfico na nosa sociedade, ante as quince primeira palabras da novela: Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre, imaxino que nove de cada dez comentarios dun teenager serán algo así: Joder, que puto friki pringao.
É o que hai.

9.1.11

Paedagogus

Estéase ou non de acordo coa medida, que á figura do profesor deba atribuírselle mediante unha lexislación específica o carácter de autoridade é un feito especialmente elocuente verbo de dous extremos: a) non hai país, de certo, no que o incumprimento da lexislación teña unha relación inversamente proporcional co moito que se lexisla como a que se rexistra no noso, e b) a necesidade de lexislar o obvio sinala, para quen queira velo, a senda por onde transita a sociedade contemporánea.
Non se pode, nin se debe, lexislar sobre todo; non resulta posible someter ás mouteiras da actividade lícita fronte á ilícita o infinito repertorio de actuacións desviadas, pervertidas, violentas, extravagantes, enganosas, lesivas, falsas, agresivas, ofensivas, vergoñantes, inmorais ou simplemente chocarreiras do ser humano, porque, precisamente, este repertorio é infinito. Como cidadán, entendo que o que en democracia se denomina o imperio da Lei - e éste si é un imperio altamente recomendable- establece niveis de detalle xurídico imprescindibles para a harmónica existencia das persoas en materias e circunstancias do máis amplo e variado. Pero de aí a pretender que ata a última continxencia ou comportamento aparezan contemplados nalgún código ou regulamento media un abismo.
Hai unha etiqueta moral inmanente a certas categorías: non é preciso que o artigo dunha lei específique que non se pode mexar nos portais das casas, insultar a un crego cando esta misando ou botar líquidos contaminantes nas piscinas das urbanizacións. Cando esta etiqueta se esvae xorde, creo eu, a necesidade de reconducir moralmente certos comportamentos a través da imposición legal co que, segundo o que se lexisle, pode xerarse un paradoxo moi arriscado: debo respectar por imperativo legal o que, de seu, non respecto? Se esta pregunta se aplica aos horarios de peche das discotecas, os impostos ou a normativa en materia de propiedade horizontal, non existe problema. Se a pregunta se refire á figura dun docente, a súa mera formulación manifesta, creo eu, a perda desa etiqueta moral, que -preocupe máis ou menos- acena cara á descomposición de moitos valores seculares, valores que, cando menos eu, reputo como bos. Independentemente das condicións didácticas e comunicativas persoais, a autoridade do profesor asenta en que sabe máis ca o alumno e ese superior coñecemento debe ser motivo de respecto. Así foi, sen solución de continuidade, dende o paedagogus do mundo clásico ata a actualidade. Pero que pasa cando os propios conceptos de coñecemento e cultura son percibidos como elementos de escaso ou nulo predicamento social, máis ben, en troques, como factores aburridos, obsoletos, inútiles fronte a unha tecnoloxía omnipotente, o diñeiro rápido e doado e unhas posibilidades de lecer inesgotables?
Sic transit gloria mundi. Ao mellor é que me estou facendo vello, non lles digo que non.

5.1.11

En attendant Godot

Se reputo o meu admirado Ignatius Reilly -devoto de Boecio e da monxa Rosvita- como un personaxe fundamental da literatura contemporánea, é porque representa o anacrónico adaíl dun pesimismo basal nunha época de positivismo hipócrita que induce un absurdo optimismo: como xa teño expresado noutras catacumbas, a profunda insatisfacción dos cidadáns occidentais reside na xurdia crenza de que existe un progreso continuo cara a un ideal, ideal que, ai!, non se consegue xamais, pois, unha vez satisfeito un desexo, axiña desexamos algo novo.
Observo coa maior satisfacción que a última enquisa do CIS semella ir poñendo as cousas no seu sitio ao consagrar o pesimismo como estado xeral da sociedade española: crise económica, desemprego, riscos no sistema de pensións, inimigración, terrorismo… Le cas sublime é que, tras o paro e a crise, a nosa terceira preocupación é… a clase política!!. É dicir, o que había de ser factor de esperanza —fronte a agoiros tan negros— é motivo aínda de máis preocupación. A cousa lémbrame aquel escudeiro co que entrou a traballar Lázaro de Tormes, quen, lonxe de manter o seu pupilo, vivía do que este esmolaba para el.
O pesimismo foi, ata o Século das Luces, o estado natural do home. Ata a chegada do enganoso positivismo, os humanos vivían permanentemente reconciliados coa idea de que a súa concreta era a peor época da historia e de que todos os signos acenaban cara á fin dos tempos. Reconciliados co seu tráxico destino, o home do ancien régime non aspiraba a nada máis ca ir pasando a vida como se podía, sen maiores expectativas nin pretensións. A nosa, en troques, é a cultura da permanente esperanza e a permanente frustración, como moi ben perpetuou Beckett como perenne motivo de reflexión. Xa convencidos da inutilidade de Zapatero, ciframos a nosa ilusión en… en quen? El rematará a crise en 2011? Como o hermano lobo eu digo: Auuuuuuuuuuuuuuu!!

1.1.11

Día de san Manuel

Poucos días hai no ano que teñan o encanto do aninovo, encanto que só pode percibirse se un se subtraíu, claro, aos excesos socialmente anexados á noite de san Silvestre, papa. Eu, que, lles confeso, fun durante toda a miña mocidade e boa parte da premadurez devoto seareiro da última noite do ano, usuario de todo xénero de paraísos artificiais e practicante desa sorte de absurda euforia que leva a felicitarmos con toda efusividade a quen logo nin saudamos pola rúa, atopo agora, co chisco de sabedoría que van proporcionando os anos, un especial engado en converterme en excepción da común regra que conduce ao 95% dos mortais a desprezar o día de san Manuel consagrándoo a Morfeo. Dende estas páxinas permítome recomendar a vostede practique esta excepción.
Non hai silencio en todo o ano comparable ao silencio matinal do 1 de xaneiro: estradas baldeiras, negocios pechados, fiestras cegadas, nin coches en movemento. Un silencio só rompido, de cando en vez, por grupos esporádicos de profesionais da carallada que prolongan a esmorga, con farto prexuízo do seu estado físico. Paseando este mundo morto, fáiseme visible a idea, tan cara a certo cine tremendista, do planeta tras un desastre nuclear, e, por contraste, decátome do extraordinariamente ruidosa que é a nosa civilización e do misteriosos que resultan estes anómalos silencios de intensidade case sólida. É, un pouco, como descoñecer a contorna familiar na que, normalmente, nos movemos: rúas, camiños, estradas, casas, rotondas, bares, paradas de bus, supermercados... semellan ter sido obxecto de abandono e sente un a absurda, malia inquedante, sospeita de que xamais se reanimarán de novo, de que este día de estraños silencios, no que ata o tempo semella deterse e facerse máis calado, é o primeiro día da fin do mundo.
P.S. Por certo, hoxe é un do un do once (1.1.11). El non terá tan curiosa combinación de uns algún valor ou sentido cabalístico?