27.5.10

Enérgeia

Wilhelm von Humboldt, que foi un sabio alemán decimonónico que -en tanto sabio, alemán e decimonónico- o mesmo valía para un rompido ca para un descosido, cría fondamente na capacidade creativa do ser humano. Estableceu unha estética da creatividade (que, nesa ausencia de solución de continuidade das ideas, chegou á perversión nacionalsocialista vía, como non, Nietzsche) e aplicouna á linguaxe usando dos conceptos gregos de érgon, é dicir, produto, resultado, e enérgeia -de feito, resultado da prefixación en érgon-, ou sexa o proceso que conduce a ese produto ou resultado. Resulta, así, que toda actividade humana -e nomeadamente a linguaxe, sen dúbida o noso máis complexo sistema racional- son enérgeia e érgon, proceso creativo e resultado final.
Eu, como editor, sonlles máis de enérgeia ca de érgon. Non é que, no momento de recepcionar o produto, cando me pasan aviso do almacén de que chegaron as caixas coa tiraxe dunha nova edición, non se me poña a bulir un formigueiro no ventre, pois recibir o libro, obxecto de tantos desvelos durante semanas, meses ou, mesmo, anos, ten o seu aquel de emoción e descuberta. El virá ben? Tírase o primeiro exemplar da caixa, mírao un de esguello, coma se queimase, agardando ver a gralla fatal, a errata traizoeira cando menos se espera. Todo parece normal. O editor contento, o autor contento. Un ser que agora é autónomo; un momento, si, o do seu natalicio, emocionante.
Pero nada hai comparable ao proceso en si. Creo que foi a Cela a quen lle lin nunha entrevista que para el non habia momento máis deprimente que o de poñerlle o punto e final a unha novela, pois o que de veras lle apaixonaba como escritor era a creación. A min como editor pásame o propio. O que me pon é crear. Intercambiar puntos de vista, opinións e propostas co autor, o creativo, o maquetista ou o deseñador sobre a caixa, as tipografias, a disposición das epígrafes, a distribución das ilustracións e os brancos, decidir formatos, volumes, cores, determinar o papel co impresor, parir a cuberta... creo que é o que fai do labor editorial unha aventura excitante e retadora. Porque debe vostede saber que, malia a súa aparente indiferenza, a morea de follas DIN A4 impresas ou o .pdf dixital, dos que partimos para editar o que un día será un libro, teñen alma e misterio, un arcano oculto que, escuro como a voz das pantasmas pero intelixible para quen saiba percibilo, susurran o libro que lles gustaría ser. E a misión do editor é escoitar e poñer forma a este susurro.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Precioso post. Pero para ben ser necesita que se explique que, afortunadamente, caeu en desuso o término de editor referido a un empresario que pouco entendía de libros, e que se impuxo o sentido da tradición anglosaxona pola que editor é que se ocupa e coida o libro en connivencia co diagramador e maquetista, o artista gráfico como lle chamaba Luís Seoane, que son os que lle imprimen carácter definitivo ao libro.