29.1.11

The 'Monk' Lewis

Algo levo escrito nesta bitácora acerca das miñas manías de lector. Porque cómpre sinalar que, en punto a lecturas, libros, estilos e autores, quen subscribe é a cousa máis caótica, desequilibrada, ecléctica e asistemática que hai baixo os luceiros. Por outra parte, hei de recoñercerme como un reaccionario literario, se por tal imos entender alguén que vive pouco reconciliado coas producións coetáneas e atopa o consolo -necesario, aínda diría imprescindible- da letra escrita en libros fillos do pasado, case como se este gusto fose un trasunto do mal acomodado que me sinto coas moitas mañas e fealdades do mundo moderno. E se, polo que parece, fago bo na literatura o inspirado verso do vate, cualquiera tiempo pasado fue mejor, non é, de certo, porque estea no alicerce do meu carácter ese elemento, visceral, agrio e violento, que define normalmente o reaccionario, non; de feito, intento con frecuencia contrarrestar a miña alerxia ás novidades poñendo todo o meu empeño en dixerir algunha, pero só en contadísimas ocasións o meu designio se ve coroado co éxito. Aconteceume ultimamente con dúas novelas, estelares produtos do "sistema literario galego", novidades moi cacarexadas polos medios e os escaparates das librarías, das que, a dicir verdade, non pasei da páxina dez en ningún caso.
En revanche, estou feliz como un rato enriba dun queixo con dúas novelas decimonónicas, de moi diverso signo, unha realista, outra gótica; unha de autor ruso, outra de británica nación; aquela breve, sucinta, directa; esta densa, abigarrada, detallista. El cupón falso, de León, ou Lev, Tolstoi é un prodixio de oficio literario, de organización e dosificación da trama, de ritmo narrativo. Ata mentira parece que en tan poucas páxinas poida haber tanto lucimento. Altísima literatura es estado puro. A noveliña vén no mesmo volume con outra, Jadzhi Murat, que ofrece, a pouco que se pareza ao relato que a precede, a promesa dunha historia memorable. Déixenme ademais, porque un libro é tamén continente, facer mención dun soporte físico simplemente admirable, do punto de vista editorial: Nørdica Libros é o nome dunha fabrica de libros especializada en autores boreais (como o seu nome evoca), que converte cada unha das súas obras nunha pequena alfaia : tipografías, formatos, papeis, grafismo, deseño... todo aparece sopesado e medido coa prudencia do editor de raza, aquel que coñece a fondo o oficio e quere trasladar a cada libro o carácter de peza única.
Da miña devoción por Valdemar xa falei noutra ocasión. El monje (The Monk, publicado orixinalmente en 1796; Valdemar, col. El Club Diógenes, 2ª ed., xaneiro de 2011) é unha novela do autor, marcadamente influído polos gustos románticos, Matthew Gregory Lewis (1775-1818), de quen eu non tiña máis ca noticias fragmentarias. Goethe, Wieland, Ann Radcliffe (The Mysteries of Udolpho), Veit Weber (Die Teufelbeschwirung, publicada logo en ingles como The Sorcerer) andan na intertextualidade dun autor que acadou un, polo visto merecido, malditismo literario e unha enorme popularidade en Inglaterra e Irlanda cunha novela tildada pola estrita moral anglicana, en nome da decencia, o decoro e o respecto ás Sagradas Escrituras, de libro blasfemo, corrompido, desvergonzado, indecente e sospeitoso de ateísmo, mentres que foi acollida por entusiasmo por Sade, Byron ou Coleridge. É dicir, unha magnífica historia gótica, ambientada no Madrid de comezos do século XIX: a crónica da caída, dexeneración e corrupción do monxe capuchino Ambrosio e o seu hundimiento irremisible en lo que su propia conciencia concibe como la más negra de las abominaciones. Ahí la novela funciona como la maquinaria de un reloj. Es lo que hace que el lector no pueda soltar el libro, en opinión do tradutor -extraordinario tradutor- e autor da breve introdución, Francisco Torres Oliver.
Comprenderán, con estas credenciais, que este menda, proclive a todo laia de negrura e goticismo literaio, atope na novela de Mr. Lewis o consolo que non me ofrecen as novidades do "sistema literario galego". Ten que haber de todo.


6 comentarios:

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Menos mal que un tamén ten estes fragmentos da galaxia porque se teño que ir por outros vericuetos da blogoleira tamén conclúo no mesmo.

juan l. blanco valdés dijo...

Home, Arumemanuel/Manuelarume, canto tempo! Xa o botaba en falta por estes pagos. Grazas polo seu punto de vista, para min, como sabe vostede, necesario como el aire que inspiramos trece veces por minuto.
Scora.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Pois veño sempre, pero é verdade que non deixo sempre tarxeta. Noraboa polo espazo ebook que ten unha pinta estupenda. Vós sempre na avangarda.

Augus P.R. dijo...

Entendo perfectamente esa especie de "alerxia" polas novas publicacións. A min pásame algo similar e ao final, canso de non atopar algo que me convenza realmente, recurro aos narradores do dezanove, que soen facerme disfrutar bastante da lectura, ainda que o que conten non teña practicamente nada que ver coas nosas vidas de hoxe en día: Wilkie Collins, Charles Dickens, Henry James...

juan l. blanco valdés dijo...

Bueno, Augusto, xa vexo que non son tan "rara avis" como pensaba. Alégrome! Saúdos e obrigado pola visita e comentario.

Augus P.R. dijo...

Juan, xa lin The Monk (El monje). Realmente o Sr. Lewis foi moi atrevido ao publicar esta historina naqueles tempos. A temática (hipocrisía relixiosa) poderíase extrapolar aos tempos que corren.