9.1.11

Paedagogus

Estéase ou non de acordo coa medida, que á figura do profesor deba atribuírselle mediante unha lexislación específica o carácter de autoridade é un feito especialmente elocuente verbo de dous extremos: a) non hai país, de certo, no que o incumprimento da lexislación teña unha relación inversamente proporcional co moito que se lexisla como a que se rexistra no noso, e b) a necesidade de lexislar o obvio sinala, para quen queira velo, a senda por onde transita a sociedade contemporánea.
Non se pode, nin se debe, lexislar sobre todo; non resulta posible someter ás mouteiras da actividade lícita fronte á ilícita o infinito repertorio de actuacións desviadas, pervertidas, violentas, extravagantes, enganosas, lesivas, falsas, agresivas, ofensivas, vergoñantes, inmorais ou simplemente chocarreiras do ser humano, porque, precisamente, este repertorio é infinito. Como cidadán, entendo que o que en democracia se denomina o imperio da Lei - e éste si é un imperio altamente recomendable- establece niveis de detalle xurídico imprescindibles para a harmónica existencia das persoas en materias e circunstancias do máis amplo e variado. Pero de aí a pretender que ata a última continxencia ou comportamento aparezan contemplados nalgún código ou regulamento media un abismo.
Hai unha etiqueta moral inmanente a certas categorías: non é preciso que o artigo dunha lei específique que non se pode mexar nos portais das casas, insultar a un crego cando esta misando ou botar líquidos contaminantes nas piscinas das urbanizacións. Cando esta etiqueta se esvae xorde, creo eu, a necesidade de reconducir moralmente certos comportamentos a través da imposición legal co que, segundo o que se lexisle, pode xerarse un paradoxo moi arriscado: debo respectar por imperativo legal o que, de seu, non respecto? Se esta pregunta se aplica aos horarios de peche das discotecas, os impostos ou a normativa en materia de propiedade horizontal, non existe problema. Se a pregunta se refire á figura dun docente, a súa mera formulación manifesta, creo eu, a perda desa etiqueta moral, que -preocupe máis ou menos- acena cara á descomposición de moitos valores seculares, valores que, cando menos eu, reputo como bos. Independentemente das condicións didácticas e comunicativas persoais, a autoridade do profesor asenta en que sabe máis ca o alumno e ese superior coñecemento debe ser motivo de respecto. Así foi, sen solución de continuidade, dende o paedagogus do mundo clásico ata a actualidade. Pero que pasa cando os propios conceptos de coñecemento e cultura son percibidos como elementos de escaso ou nulo predicamento social, máis ben, en troques, como factores aburridos, obsoletos, inútiles fronte a unha tecnoloxía omnipotente, o diñeiro rápido e doado e unhas posibilidades de lecer inesgotables?
Sic transit gloria mundi. Ao mellor é que me estou facendo vello, non lles digo que non.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Un novo modelo de ensino? Pero un novo-novo. Non un cambio deses para que todo siga igual (un aula, uns rapaces que teñen algo que aprender, un tío que sabe e transmite o que sabe) se non algo realmente novo e nunca visto. O que? Quen sabe. Xente que aprende xusto o que necesita no momento no que o necesita polos medios que teña ao seu alcance? Xente que non sabe nada e nin falta que lle fai? Non sei. Alguén coñece/intúe a alternativa ao que ven funcionando desde hai 2500 anos?

Anónimo dijo...

Estou pensando agora no autodidactismo. Eu coñezo xente que aprendeu a tocar, e ben, un instrumento sen saber música (repito: sen saber música, e podo demostralo) sinxelamente vendo, escoitando e practicando. Sen profe de ningún tipo.
Pódese estudar matemáticas, por exemplo, dese mesmo xeito? Do cálculo máis básico á trigonometría máis complexa? Por puro gusto e interese e sen máis axuda que ese gusto e interese?
Moitos deses hackers (sexan o que sexan) que andan por aí son capaces de todo cun ordenata, e algúns deles nin remataron a primaria. Aprenderon solos, na súa casa, lendo, probando...
Será ese o futuro? Pode alguén facer un análise filolóxico válido da Odisea (se é que iso fora necesario algún día, deus non o quera!)por si mesmo, sen máis axuda, repito, que o gusto e o interese que guían ao hacker, ao guitarrista ou ao cantante?

Anónimo dijo...

Pregunta algo máis complexa: pode alguén facer un análise de sangue aprendendo dese xeito?

juan l. blanco valdés dijo...

Canta razón ten, meu! A pedagoxía, como a roda ou o libro, naceu perfecta: non mudaron senón as formas (máis ou menos) pero a esencia do proceso mantense inalterada: un emisor que sabe máis ca un receptor dunha materia dada. E non hai máis. Eu tamén toco a batería e a guitarra e escribo poesía sen que ninguén me aprendera (ou si, implicitamente?). Pero outra cousa é o hemiferio cerebral analítico. O seu exemplo do "analís" de sangue é meridiano.
Apertas e obrigado polos puntos de vista.

cãosemdono dijo...

Nun contexto de fair play e cabaleirosidade ó xeito british, onde se supón que cada un sabe quen é e onde está, abofé que non faría falla ditar unha norma que obrigase a respeitar a quen é acreedor de respeito per se. Pero dende que o outro día case lle quentan as costas ó mesmísimo príncipe de Gales pola rúa uns rapazolos non sei se xusta ou inxustamente cabreados, a verdade é que xa non sabe un qué pensar. En calquera caso, cando me volva dar o lumbago, eu tamén quero que o meu traumatólogo saiba de memoria o nome de todos os osos do corpo humano, ou alomenos que os tivera sabido nalgún momento non excesivamente lonxano.

Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza de Creative Commons.