12.5.07

Pobre Mateo!

Serei eu un bicho raro, un espírito hipercrítico, un infeliz de hipercloridria permanente, unha vítima do capital pecado da envexa, ou a "gala" (¿??!!) da entrega dos Premios do Audiovisual Galego, retransmitida hai uns días en directo pola G(aita) foi un espectáculo lamentable? A parella Manquiña-Morris: non cheira? É posible que a alguén lle poidan facer graza? De veras non hai quen conteste a unha mascarada de tan baixísimo nivel?
O razoamento é reiterado, machacón, xa aburrido: que fagan o que queiran, pero non cos meus cartos (e os de Vde.).

Letras (galegas)

Alguén de criterio rigoroso comentoumo o outro día nun agradable xantar, e estou de acordo. Na vida das familias, e para non andar en boca de todos, igual que se presume do bo, cómpre tender piadosos veos de silencio sobre as miserias, que as hai e nas mellores casas. De xeito similar, no Día das Letras Galegas igual que é importante enfatizar o que temos de brillante, orixinal, estilisticamente aceptable ―como mínimo―, anovador, suxestivo e estimulante, é fundamental agochar a mediocridade, para non someter á lingua e o seu cultivo literario á perigosísima tensión da inercia, a sospeita, e a falta de entusiasmo. Claro, puido andar este ano tras o designio dos señores académicos a Lei de Paridade?
Volvendo ás Letras, ou cambian as bases e criterios para a determinación do (barra a) creador (barra a) a galardonar no ano, esquecendo a necrofilia cultural e literaria imperante e tan cara ao país, ou isto non dá para máis (agás, claro, para a hostelería, o turismo rural, as liñas de baixo custo e Viaxes Marsáns). O deste ano é boa mostra.

7.5.07

Memoria. Memorias.


Evidenciar a calidade construtiva dos discursos; expoñer a complexidade dos fragmentos que conforman as memorias, moitas veces distintas, tantas veces distantes e ata contraditorias; reflexionar sobre a distancia que existe entre relatos de memoria e narrativas históricas, ás veces superpostas ou confusamente solapadas.
Eis os obxectivos de Plan Rosebud, que María Ruído e o seu equipo, dentro do Proxecto edición, ultiman estes días ―ou iso creo, ou iso cren, ou iso cremos, porque está resultando unha idea moito máis complexa no seu desenvolvemento real ca na súa pura formulación. Fago votos polo seu pronto remate.
Hai xa tempo, e como ficou testemuñado nestas páxinas, cedín a Rosebud os dereitos de reprodución de parte do fondo fotográfico da Guerra Civil que meu pai ―soldado destinado no Servicio Fotográfico del Cuerpo de Ejército de Galicia― atesourou en dous enormes álbumes que conviven comigo, nun diálogo de silencios onde o tempo e o espazo xogan ao xadrez, dende a morte do seu facedor. Agora, María, seducida polo seu valor testemuñal, pediume a cesión dunha parte ―non máis de trinta― do fondo de fotografías persoais e familiares que, fundamentalmente, dende os comezos e mediados da década dos 40 até os remates dos sesenta, meu pai foi coleccionando, saídas das venerables tripas dunha Leica primeiro, que aínda se conserva, unha xoia, e nos últimos tempos dunha Petri (unha das primeiras xeracións, segundo creo, de Reflex). Son fotos, xa amarelas polo tempo, que dan fe da historia, pequena e insignificante fóra dos seus lindes, dun grupo de persoas a quen uniu o amor, a ilusión por tirar para diante, a fe en asegurar un futuro de felicidade para os novos integrantes do grupo, e iso que vivían sobre ruínas, feridas, bágoas e ausencias e lidiaban cun universo en que todo era escaso e o silencio imposto a lei. Véndoas en conxunto son unha boa proba de que a memoria é sempre produto da vontade ―toda memoria e de seu subxectiva― e a historia é sempre filla do entendemento.
Estame resultando especialmente difícil ―teorica e metodoloxicamente difícil― escolmar nunha trintena os momentos máis significativos de tanta vida, as instantáneas máis representativas dunha época, tan dura no colectivo e, supoño, tan doce e entrañable na distancia curta para quen estaban poñendo os piares que permitiron que eu, hoxe, estea aquí contando isto.
A foto de arriba -miña nai, a finada dunha tía, na casa onde vivín ata os nove anos-, penso, fala por si. Acaso sexa quen de transmitir o que sinto.
Supoño que, hoxe, o pé podería ser: "Dúas mulleres nos primeiros anos do franquismo". Non son menores os riscos da memoria institucionalizada ca os do silencio.

Orgueil

Clausuraron o ancien régime e o poder secular dos aristos e inventaron para o mundo o Estado de Dereito. En maio de 1968 case provocan unha revolución mundial.
Legaron ao léxico das nacións cultas o termo chauvinismo. Coquetean de xeito permanente e atemporal cun dos conceptos que máis lles mola: grandeur.
Están aí, a medio camiño entre a exaltación que apoñen aos mediterráneos e o cálculo frío dos boreais.
Unha palabra que Sarko menciona con insistencia é orgueil (orgueil d’une nation; orgueil d’être français…). Dá algo de medo.

4.5.07

Por que? Non. A pregunta é: Por que non?

Que etica? Para quen? A partir de que valores? Para que? Por que? Por que non? Onde está o límite? Por que poñer límite?
Botellón? Claro, ostia, e que se joda o mundo se lles molesta. E que limpe o concello que son uns putos pringaos. Toneladas de lixo. Toneladas de ruído. Toneladas de violencia. Ben; non en todas partes, pero xa coñecemos o efecto chamada (meterse na fonte da Cibeles porque gaña o Madrid: meterse na Fonte de Platerias porque gaña o Lobelle). Temos que solucionalo, porque o problema de fondo é o alcol, claro. Estamos ata os putos güevos de que nos tomen o pelo nas discos e nos pubs cobrándonos o alpiste vinte veces o seu prezo. O que queremos é beber e que non nos timen. Solución hispánica, tan nosa: levar o alcol en masa do Carrefour á rúa, aos xardíns, e rompemos con todo, e que lle dean polo cu. Que non todos somos vándalos e imos só a pasar o rato, pero, en fin, se hai ruído, lixo, mascadas, e ostias, xa o solucionarán, joder, que para iso están, para dar la puta vara todo el puto día.
Sacralizamos a xuventude. Sacralizamos o sexo. Sacralizamos a liberdade (qué escuros lindes os da liberdade!). Sacralizamos o benestar. Sacralizamos a frivolidade. Sacralizamos o oportunismo e a pillaxe emocional. Sacralizamos a analxesia. Sacralizamos o diñeiro. Sacralizamos a noite como territorio idóneo para o hedonismo. Pero non nos gusta o botellón. E se lle pide á escola o que non somos quen de ensinar en casa. A escola forma. A familia educa. Trabucalo entraña un risco gravísimo.
Un amigo alemán contoume que unha vez nun súper había un neno coa nai, ambos de aspecto «alternativo»; o neno correteaba de aquí a alí, molestando a todo o mundo, propinando patadas aos clientes que facían cola, cuspindo no chan, berrando e insultando ás caixeiras, todo perante o máis absoluto mutismo e indiferencia maternas. Cando un señor maior, farto xa do neno, increpou á nai, esta lle respondeu que o seu fillo non coñecía a represión e fora educado en liberdade. Na cola, detrás do meu amigo, había un punk de dous metros longos, pelo verde e botas militares. Automaticamente saiu da cola dirixiuse a un andel do super, colleu un bote de mermelada, abriuno e botoulle todo o contido na cabeza á nai do neno, asegurándolle que el tamén fora educado sen coñecer a represión e en liberdade.
Valores. Valores?
Valores? Valores.

3.5.07

O agasallo da amizade

Como lle ocorre a toda persoa vencellada coa edición, son moitos os libros cos que outros editores e autores diversos teñen a xentileza de agasallarme. Ningún me deixa indiferente, sequera sexa pola inmerecida honra que se me fai co propio agasallo. Pero é que ademais, por moito que a súa tiraxe sexa de centos de exemplares, dende o momento en que o facemos noso, todo libro é en si único, e a inmanencia dos seus contidos perfílase dun xeito persoal e se acomoda á inmanencia do seu posuidor.
De moitos destes libros teño dado conta nestas páxinas dixitais, tanto que dá que pensar facer unha sección fixa no blog chamada ―ao estilo das revistas culturais― "Libros recibidos".
Hoxe deixo testemuño apenas dun libro en verdade único, fisicamente único, pois ―ao seren produtos artesanais― cada un dos cen dos que consta a tiraxe é distinto aos demais. Débese o volume ao estro poético do meu vello e prezado amigo Xavier L. Marqués, de quen lembro clases de español para estranxeiros, noites de troula, bebedelas metafísicas, unha moza loira e, sobre todo, unha xurdia amizade, inasequible á ferruxe do tempo. Nisi in bonis amicitia esse non posset, lembraba eu ao vello Cicerón na nota de gratitude a Xavier polo libro. Será que somos dos bos.
Intitúlase a obra A lúa nun ichó, nome nocturnal, lorquiano, inquietante. O ilustrador é Xerardo Crusat. Unha breve mostra:

Hai mañás que semellan creadas
Para que o vento esfiañe a néboa
E o sol berre con vergoña rabuñada
Do narciso que mantén os ollos abertos
Diante da crueldade das raigañas


(Do poema "O luscofusco dos heroes")

Lerei o o libro con gusto, de certo, e aínda dará a súa reseña para un post de máis miolo.
O factor editorial do poemario é Antonio Piñeiro, alma pater da colección Bourel, un home, como os libros que fai, único, e, na xenerosidade renacentista que o caracteriza, irrepetible na actual paisaxe da cultura. A Antonio debo a honra de ter participado nun volume poético colectivo, que deixará sen dúbida pegada na historia editorial da poesía galega, e do que daba Armando Requeixo cumprida conta hai case un ano.
A miña gratitude, Xavier, Antonio, é case, case tan grande como a miña débeda.

1.5.07

Mis viejas fotos mienten

Hai anos, unha das cousas que máis ilusión producía de facer fotos era ir buscalas á tenda de revelado. Era común a impaciencia de abrir o sobre aínda transaccionando co dependiente o pagamento do traballo e sentir un chisco de pundonor por non disimular a emoción diante dun estraño. En ocasións semanas, meses mesmo, despois de ter conxelado aqueles momentos experimentabamos de novo a vivencia que reflectían as instantáneas. Recoller, por exemplo, a mediados de setembro, co novo ano laboral ás costas, as fotos feitas trinta días atrás na praia, ou naquela churrascada no pinar entre amigos e cervexas, era unha auténtica tortura, unha verdadeira orxía de morriña lembrando a felicidade, tan va, tan pasaxeira dos momentos máxicos do estío.
Un botaba contas de cómo sairía nunha determinada toma (por exemplo nun fermoso solpor co mar de fondo) na que estaba certo de ter posado correctamente, ofrecendo unha imaxe atractiva, e -cruel, túzara realidade- pasado o tempo, a foto amosaba unha cara cos ollos semipechados e un sorriso de expresión estraña tirando a estúpida, e nos preguntabamos pero ese son eu?
Facer fotos non era para calquera. Había que axustar un porrón de cousas: obxectivos, lentes, diafragmas, distancia, luz. Para quen susbcribe unha cámara fotográfica era ata non hai tanto pouco menos ca un arcano inexplicable.
As fotos envellecían, os bordos gastábanse; adquirían manchas e enrugas, tactos e olores que as caracterizaban; establecían unha relación de ósmose co álbum ou vella caixa de lata ―outrora de membrillo ou cola-cao― que as acubillaba e se relacionaban caprichosamente entre si e con outros elementos: vellas cartas, postais, estampas de primeira comuñón, recortes do xornal… Botar unha aburrida tarde invernal de domingo ollando fotos era todo un clásico: os vellos parientes de América aparecían mesturados coa cachela do San Xoán de 1992; unha foto de carné do ano en que empezamos a carreira coa do tío-vivo das festas, sería sobre 1966 ou 67; o Renault de Xosé de Merda Fresca (alcume real), no Cuntis de 1925 ou 26, precedía a unha imaxe en Hamburgo no inverno de 1984; a moza aquela coa que compartimos tanto, e qué será hoxe dela, provocaba unha saudade dolorosa, por algo que puido ser e non foi, tempos luminosos de mocidade cando criamos que a vida era eterna…
Hoxe vemos as fotos ―unhas fotos medidas en megapíxeles para as que apenas se precisa a nosa intervención, agás claro enfocar e apretar un botón― xusto despois de as facer e se non nos gustan as eliminamos. Podémolas facer mesmo co móbil e, deste xeito, os móbiles son unha sorte de bitácora gráfica dos momentos inanes ou voluminosos, emotivos ou máis baldeiros, do noso periplo cotián.
Cando unha mensaxe indica Card full, confiamos a preservación das fotos ás complexas neuronas dos ordenadores e as almacenamos en carpetas que se chaman túnez_vera_06, nieve_dic_05, madr_warner_jul_04, ancares_07, cumple_rob_02 e por aí, porque facemos tantas cousas, imos a tantos sitios e conxelamos sen tasa tal cantidade de momentos que apenas temos imaxinación para titular os cartafois que os gardan. As fotos teñen nomes raros como P2000672.jpg, non envellecen, non cheiran, non se mesturan con nada, son perfectas.
Admiro a técnica. O malo son o fetichismo e a melancolía.

27.4.07

Civility enforced

Non facer caso a quen busque bronca; reaccionar cando alguén estea sendo atacado dun xeito excesivamente agresivo ou mesmo persoal; non dicir nada na Rede que non se diría en persoa; non tolerar comentarios anónimos; establecer, se non, como responsable destes, ao blogueiro propietario do local onde aparezan…
Quen se apunte, que colgue unha estrela de sheriff en parte visible do seu blog coas palabras Aquí respéctase o civismo. A idea, do gurú tecnodixital, Tim O’Reilly oriéntase a definir un código ético blogosférico, tras as graves ameazas de morte e graves insultos sexistas dirixidas en comentarios anónimos á blogueira Kathy Sierra. Algún día tiña que pasar. A proposta de elaboración e aceptación dun código ético para bloggers, baseado no simple (pero tan complexo!) principio do respecto mutuo, non tardou en levantar airadas críticas. Porque, é que só hai unha ética? Cantas formas de civismo se coñecen? Aceptar tal código canonizaría ao blog e estigmatizaría ao que non o fixera? E, ademais, de aplicalo, quen vixilaría ao vixilante?
Hai tempo, referinme ao anonimato na blogosfera, carauta tras a que se agocha moito mal nacido para regurxitar a negra bile que leva dentro, e algún comentarista indicoume que na súa filosofía xenética a blogosfera naceu e se foi desenvolvendo como vehículo comunicativo da expresión anónima, o cal en certos réximes ditatoriais foi de extraordinario rendemento político.
Como en todo, non hai unha única lectura nin un único camiño. Eu non teño inconveniente en asumir as cousas que digo e en dicilas con nome e apelidos. Entendo que haxa quen, polas razóns que sexa, prefira facer reserva da súa identidade. Resulta así que a blogosfera (xa se apunta a deniminación blogalaxia non só polas súas dimensións senón aínda pola súa universalidade en mundos e rexistros) non é máis ―non podería ser máis― ca un fiel reflexo do mundo real, e, como no mundo real, dicir cousas e emitir xuízos e opinións coa cara descuberta obriga a unha modulación dos mesmos ou a afrontar as consecuencias de non facelo. O anonimato, como antes dicía, estimula indubidablemente (ollo: estimula, non implica necesariamente) á toda sorte de excesos verbais, xuízos temerarios, argumentos febles ou de auténtica pata de banco, no mellor dos casos; no peor, ao insulto, e, como no grave caso comentado, á chantaxe emocional e a ameaza. Tirar a pedra e agochar a man.
Sempre teño defendido que quen é capaz de pegar cruelmente a un can é quen de facelo cun fillo ou cunha muller. Só é unha cuestión de medida, unha vez cruzada a liña. Do mesmo xeito, quen é un mal bicho, éo diante dun ordenador e en calquera outra circunstancia, dependendo, unha vez cruzada a liña, só do medio e as posibilidades, que module ―aumentándoas, diminuíndoas, disimulándoas― a súa carraxe e xenreira, frecuentes puntas de iceberg da mediocridade e a baixa autoestima.
Non sei ata que punto, en calquera caso, pretendemos na Rede unha asepsia e un control que non existen de feito na vida real. Concordo coa opinión de que nos blogs, como fóra deles, chegado o caso, o que hai que facer é aplicar a lei e listo. A legislación vigente, vamos,

26.4.07

Día do libro. Outra reflexión


Quen mo enviou, en fotocopia, incluía un post-it no que comentaba: Insuperable!
Estou de acordo. Eu engadiría: Incendiario!
Item más: cando os ortodoxos moveron o mundo?
Noutro post referinme a El Roto (antigo Ops), e outros vitriólicos humoristas hispánicos.

25.4.07

Máis sobre erros e erratas

Que de cada dez pulsacións sobre o teclado dun ordenador, un mínimo de catro son retrocesos para corrixir erros é unha verdade que probablemente o 90% dos usuarios de informática laboral ou doméstica, "bidixitígrados" coma Vde. ou coma min, terá que recoñecer. O que levo escrito, por caso, (ata o o de escrito) supuxo 12 correccións (o di o propio ordenador, que é así de cruel).
Moitas veces téñome referido a que, no eido concreto da edición, a posibilidade ad infinitum de corrección textual e esta bidixitación da que a maior parte dos autores facemos gala para a mecanoscritura constitúen un cóctel de efectos simplemente devastadores. O que argot editorial chamamos limpar o texto, é dicir expurgalo de erros tipográficos como paso previo á súa maquetación―supoñan, por exemplo, ao autor dun orixinal que non respecta con sistematicidade a obrigatoriedade de deixar espazo tras signo de puntuación ou que aquí si e alá non dá entre palabras máis dun golpe de barra espazadora, e agora multipliquen por catrocentas páxinas DIN A4― pode resultar unha operación extenuante.
Isto que comento ten un reflexo moi fiel, e aínda intensificado pola natureza efémera e inmediata do procedemento, no absoluto descoido que impera na redacción e escrita das mensaxes de correo electrónico. Non sei a Vde. pero a min cáusame unha pobre impresión ―deformación profesional?― recibir mails pragados de erros tipográficos, que falan non precisamente do rigor e coidado do seu redactor. Nin o máis pintado, porén, pode ceibarse de erros neste mester, algúns deles fonte de ambigüidades, coincidencias e homonimias curiosas e, mesmo, hilarantes. Este menda, profesional da corrección lingüística e editorial, que a profesa, predica e ensina, ten neste sentido verdadeiras pérolas. Velaí algunha delas:
-No encabezamento dunha mensaxe dirixida a unha persoa chamada Mercedes:
Merdeces.
Un caso para a psicanálise, sen dúbida.
-Adxuntando un arquivo que o destinatario, de nome Celso, agardaba:
Celos:
Aí che vai iso. Un brazo
.
Quería dicir Un abrazo. Semella que lle adxuntaba a devandita extremidade.
-Facendo indicacións a un autor:
Tes que falar co maquetitas da Imprenta.
Por maquetista, claro. O de maquetitas podería pasar polo típico alcume de base profesional.
-Como o acento está a carón do ñ saiume nunha despedida unha cousa rarísima e contraditoria:
Un cordial sañudo.
-Noutra ocasión, enfatizando o meu compromiso:
Constitúe para min un comprimoso que non quero, nin podo, deixar de cumprir.
-A un destinatario de nome Claudio:
Prezado Caludio.
O afectado chamoume, rindo, dicindo que iso de caludio parece un insulto.

Agora teño unha reunión (?!!!?) e non hai tempo para máis. Pero haivos máis destas na artesa.

24.4.07

Llueve. Momentos de flojera














Creo que pocas veces el cine ha ofrecido una imagen más poética.
Mediados del XIX. Ada, habitante de un autismo voluntario, con su hija llegadas desde Escocia, para un matrimonio de conveniencia, y su piano abandonado en una playa de Nueva Zelanda.
Una obra maestra de Jane Campion, una de las películas más exquisitamente líricas que se han hecho jamás.
Recomendación especial de la b.s.o. (otro «jefe de obra» de Michael Nyman): el número 14, «Little Impulse». Violines navegando por el cielo. En una ocasión vi, por cierto, a Nyman en directo con su orquesta: minimalista hasta el vestuario, la puesta en escena, la gesticulación, la contención del agradecimiento.

Habitar poéticamente la tierra. A eso al menos, ya que no a otra cosa, quisiera ayudar este blog.

23.4.07

Día do libro: unha reflexión

O libro, tal como o coñecemos ata agora, é un producto demasiado perfecto, culminación na súa estrutura dun complexo e longuísimo proceso histórico, como para que estea chamado a ser totalmente substituído por outro artefacto que -chámese como se chame- na fin de contas, serve para o mesmo. De igual maneira, a Web, a edición dixital e os seus estándares supoñen indubidablemente a culminación de anos de desenvolvementos técnicos e hoxe resultaría dunha absoluta candidez discutir que estean contribuíndo directamente á emerxencia dun novo paradigma de interacción cos tradicionais soportes da cultura. Pero as expectativas e o clima social xerados ao seu redor son simplemente excesivos, e sei de seres humanos que, do mesmo xeito que non saen de viaxe en Semana Santa nin lavan o coche a fin de semana, son felices sen saber que é un CD-ROM ou manexarse co correo electrónico. Se van poder seguir sorteando a presión da nova alquimia, ou por cánto tempo máis van poder facelo, é algo imposible de contestar; pero, alén de macrointereses financeiros, globalización e índices de dominación económica internacional, sobre os que obviamente non teño ningún control, non vexo ningunha razón para enfatizarmos máis o valor social, xa non digamos histórico, de Bill Gates que o de Torricelli, Thomas A. Edison ou Marconi. Na miña condición de profesional da edición preciso diaria e inescusablemente do contacto coa rede e cos soportes dixitais e teño perfectamente claro que non podo concibir xa un mundo sen o meu ordenador e o universo babilónico que se atopa tras o seu monitor. Pero tampouco podo imaxinarme a min mesmo con sete anos sen pizarra e pizarrín. Asumirmos necesariamente a condición de cidadáns analóxicos ou dixitais é unha cuestión subxectiva que depende de moitos factores e avaliacións individuais. Despois de todo, quizais exista aínda outra alternativa: ser só un cidadán que vive consonte o seu tempo pero non acepta etiquetas. E ver qué pasa. (Publicado orixinalmente en Grial, 146, 2000: sete anos despois, mutatis mutandis e con permiso de Google, no fundamental sigo pensando o mesmo).

22.4.07

Exercicio de tradución sen dicionario















Dixo o poeta hago mías las penas
dixo sentir nel a cuántos sufren
e cantar respirando. Eu non teño
moral autoridade para tanto. Nin forza
para cargar con máis penas alleas.
Pero canto, como todos, respirando
ou deteño por veces o respiro
e canto sen me importar perder o alento.
Estas limitacións recoñecidas,
eu fago, non obstante, miñas as estradas,
tal e como declarei recentemente
con gatos e porcoespiños rebentados,
oníricas preas dun universo único.
Eu reivindico as lavadoras oxidadas,
cíclopes poéticos por teren un só ollo,
mais na verdade ferralla nauseabunda
amante dos neumáticos,
cos que conviven na adúltera concupiscencia
que late maldita nos escombros.
Eu sinto cheos os containers
do lixo que a cidade envorca
e gomita, e regurxita na alborada
e recobro as volutas de fume repugnante
que levan canda eles os camións.
Eu son o bardo errante
que canta a beleza palafítica
de casas con patas, habitadas
por homes-can e palleiros case humanos,
irreverentes productos
dun doutor Moreau pailán e fato.
Non quero
redimir a ninguén do sufrimento.
Non canto
na verdade respirando.
Canto gomitando,
soporto a arcada e desfágome da náusea
de sentirme partícipe de todo
disfrazando o noxo con palabras.

19.4.07

Cines de pueblo

Está por escribir a epopea dos cines de pueblo. Cinema paradiso, aquela marabillosa peli de Giuseppe Tornatore ―que ten conmovido a freba máis sensible de moitos, ata o momento considerados verdadeiros «icebergs»― aproximouse moito, na miña opinión, á media das lembranzas de varias xeracións de seres humanos, habitantes dun universo duro e gris cocido ao lume dalgunha posguerra, para quen as salas de cine eran os territorios onde vivían os soños, onde a felicidade e a luz eran posibles, onde había xustiza, as mulleres eran belísimas, os homes guapísimos e os malos inexcusablemente castigados pola súa perversidade. Os cines, de feito, tiñan nomes rotundos e un pouco desproporcionados á mediocridade ambiente; chamábanse Odeón, Capitol Metropol, Salón Novedades, Fantasio, Victoria, Universal, Salón Novedades… No cine había calor, pois tiñan de costume calefacción en épocas en que esta era un luxo; no cine había escuridade, por se a peli non pagaba moito a pena e se podía aproveitar o tempo en escarceos eróticos ―o que en román paladino era meter mano o darse el lote―; pero, fundamentalmente, no cine había maxia, probablemente, en razón do contexto e da actual produción en masa, moita máis da que hai hoxe, ou doutro tipo. Esta maxia é a que explica que, para moitos, a nenez teña como estado xeral do recordo un vencello tan estreito coas salas de cine e a sesión infantil, na sobremesa dos domingos.
Na Estrada, o cine chamábase Teatro Principal, o cal non deixa de ser chamativo pois era, por suposto, o único que había. Eu, os meus irmáns e curmáns entrabamos de balde, pois o finado dun meu tío era o xerente. O portero dos últimos anos era un tipo grande coma un armario, bruto e boa xente. Chamábase, claro, Pepe. Un día de entre semana, estaba o home medio aburrido agardando alguén na porta e chegamos meu irmán maior e eu. Custaba a entrada cincuenta pesestas. El, ilusionado ao oír xente que chegaba, cando nos veu ―como non pagabamos― exclamou:
―¡Pensei que viñan vinte pesos e veñen vinte ostias!
Nunca esquecerei o engado, por riba reservado para moi poucos, de entrar na sala das máquinas de proxección, unhas ciclópeas máquinas marca Ossa, como as motos. Funcionaban cunhas barras de grafito que eu lembro moi ben, que ían envoltas nunha especie de papel brillante. Cando por descoido do maquinista o grafito da barra se consumía, perdíase o contraste do filme na pantalla e producíase unha escena clásica dos cines de entón. O respetable comezaba a ouvear, silbar e mentar o nome do maquinista, cando non o de su puta madre.
Nos retretes olía a zotal. No gran hall da taquilla poñía o seu carriño de chucherías unha señora, sogra dun calamidade que andaba pola vila, de orixe sureña, alcumado Machiño, que botaba a vida na rúa de tasca en tasca e tiña por costume botarlle unha rumba de Manolo Escobar a canta señorita ou señora, mesmo de idade valetudinaria, se lle cruzaba: Es la muneda, es la muneda, en que grabé tu nombre niña rumbera, niña rumbera.
Comprabamos Pipas La Pilarica (qué rica la Pilarica repita) ou Facundo (Y dijo el toro al morir…), bananas de zucre e chicles bazooka. Viamos as pelis de Maciste, El Santo. El enmascarado de Plata, Fu-Manchú… en dobraxes mexicanas irrepetibles, non sen antes tragarnos o No-Do coa inauguración do último pantano por su Excelencia el Jefe del Estado ou a semana santa en Zamora, transida de religiosidad y fervor popular, en aquela voz tan cursi e característica do noticiario cinematográfico da época.
Os comentarios, eséxeses e interpretacións do personal acerca das películas eran máis ben rudimentarios, rozando por veces a obviedade. O feito de ser A Estrada capital dun distrito rural moi grande (52 parroquias) favorecía que as fins de semana menudease polo cine unha fauna de pelaxe rural. Lembro que, á saída desa malísima remake de King-Kong dos oitenta, con Jessica Lange, un tipo comentaba a berros co grupo:
―Me cajo no mono de maría santísima, qué jrande era!
Se saía un barco, alguén exclamaba Ostia, un barco; se un tren outro dicía Carallo, mira que tren; se aparecía unha tía buena, un terceiro apuntaba Ai, como me doe a vista!
Un grande amigo e máis eu estabamos unha vez vendo La mujer del teniente francés e xusto detrás tiñamos a dous sujetos desta índole, con pinta de non teren conectado, precisamente, coa romántica sensibilidade da peli. Creo lembrar unha escena especialmente emotiva na que os protas, Meryl Streep e Jeremy Irons, tras faceren o amor falan deitados. Cando ela lle confesa:
―Cuando hicimos el amor por primera vez, tú no lo sabías pero yo era virgen,
un dos tipos, sen ánimo ningún de facer gracia, só por comentar, lle dixo ao compañeiro:
―Destas ajora xa se ven poucas.
Aínda me estou rindo.

17.4.07

Accidents never happen

El pasado 31 de marzo fue uno de los 10 días más negros de los últimos cinco años en la carretera. Murieron veinte personas […] No existe ninguna circunstancia común que pueda explicar qué pasó. Ni siquiera Tráfico acierta a avanzar una hipótesis (El País, 15 de abril de 2007).
Un home en Zaragoza, outro en Badaxoz, dous rapaces de 19 e 16 anos en Sevilla, un matrimonio e a súa filla de 13 anos en Burgos…
Fóra un patrón común, constituínte dun cóctel letal ao que xa me teño referido (poucos anos+idolatría do coche como centro dunha existencia baldeira de contidos+drogas+noite, ademais dunha agresiva publicidade de efectos catastróficos), non hai circunstancia común, non hai hipótese algunha, non hai explicación que poña valados ao aire. Alguén que saiu un minuto despois ou un minuto antes de cando debera e bateu do coche que o matou; alguén que mirou o reloxo cando non debía e cando recuperou a mirada sobre o capó era demasiado tarde; alguén a quen o zapatón dereito lle pesou máis ca outros días; outro que queceu lembrando a Fernando Alonso; unha zona do vial con xelo que o sol non chegou a derreter… no fondo, un conxunto de seres firmemente convencidos de que non me vai pasar a min.
Hai un inimigo mortal da estatística chamado azar, ao que despreciamos a miúdo. Inimigo frontal tamén da nosa vaidade humana ―tantas veces castigada!― que nos leva, na era da perfección e a asepsia tecnolóxicas, a crer que o controlamos todo, que o podemos cuantificar e prever todo, que podemos influír na sistemática redución de algúns dos nosos problemas derivados de características que, como a innata tendencia á velocidade, a competitividade e o risco ―que existen de sempre, o malo é que agora hai coches― están no alicerce, supoño que mesmo psicanalítico, deste andacio horrible que sega tantas vidas como os accidentes de tráfico. E non vai parar.
Lembran aquel magnífico tema de Deborah Harris? Accidents never happen in a perfect world, complications disappear. O malo é que, por moito que os anuncios de iogur e os presidentes de goberno nos debates sobre o estado da nación se empeñen, o noso dista moito de ser un mundo perfecto.

15.4.07

Zeca

Neste voluntario retiro do século no que vivo, entérome pola prensa da homenaxe que Galicia rendeu en Pontevedra a José Zeca Afonso no vinte aniversario da súa morte, que levou ás televisións galega e a primeira canle portuguesa (RTP) a asinaren un convenio para a emisión conxunta do programa, o día 25 claro está, do acto, no que participaron artistas de aquén e alén Miño. Ben sei, por testemuños directos de persoas moi próximas e queridas, da querencia que o Zeca e Célia tiñan pela Galiza e a súa lingua, a cal, polo que me contaron, lles lembraba unha sorte de primitivo portugués medieval.
Para min, José Afonso, a quen nunca vin en directo, sempre será unha figura de referencia, non só no compromiso social e político senón tamén no eido estritamente musical. O disco que me segue parecendo máis fascinante da súa obra é Venham mais cinco, e, dentro deste, un tema que creo marcou para min unha forma de entender o pefecto vencello de dúas linguaxes como a poesía e a harmonía musical é Era um redondo vocábulo (pelos degraus de Laura a tinta caia num móvel vazio...), un poema surrealista, onírico e evocador ―escrito, por certo, na cadea, que o Zeca visitaba con frecuencia― complementado por un universo harmónico surrealista, onírico e evocador, pero de sólida, e belísima, arquitectura.
O disco, do 73, corresponde a un autor fundamentalmente desenfadado, irónico, nihilista ou iconoclasta (Rio largo de profundis; A formiga no carreiro; Nefertite não tinha papeira; Gastão era perfeito), anque haxa tamén espazo para o máis exquisitamente tradicional (Adeus ó Serra da Lapa, un tema a capella que sigo lembrando como cantar asociado a diversas actividades menores: ducha, traballos lixeiros, camiñatas…). Unha das cousas máis chamativas e características do LP era aquel comezo inexplicable, xenial e engaiolante no que tras oírse a voz ronca do Zeca preguntar Está tudo?, unha mestura de instrumento popular de corda e a propia voz do autor interpretaban, a xeito do que parecía un ensaio, unha salmodia monostrófica: a garrafa vazia de Manuel Maria.
Outro elemento fascinante do disco era a foto do Zeca, rompedora, antiheroica, familiar, con gorra pristinamente lusa, camisa de por fóra, as sempiternas gafas de pasta grosa, zapatillas de casa, sentado nunha hamaca e coa expresión indefinible e intelixente de quen botou a sonda na perversidade e na estupidez humana e non deu fondo.
Era frecuente na miña mocidade (por volta de remates dos setenta e os oitenta) saber tocar coa guitarra cancións do Zeca (e de moitos máis: Llach, Fausto, Paco Ibáñez…) e estimular ao canto colectivo e compartido en xuntanzas de noctívagos, troulas e veladas subversivas e outras reunións etílicas. Eu me sabía moi ben, e aínda as recordo, Era um redondo vocábulo, Traz outro amigo também, Moda do entrudo e algunhas máis que hoxe non lembro. Imposible imitar a voz inimitable e irrepetible do Zeca ―de masculinidade case sensual, agria e doce, profunda e próxima, que tanto podía ser a voz do máis excelso poeta coma o canto atávico dun labrador alentexano.
Logo, cando tanto en España como en terra lusa se foi vendo que a democracia ía asentando, veu na miña existencia ―e na de moitos― o abandono da militancia política e o ingreso en paraísos artificiais e sicodelias diversas amenizadas no musical por inspiracións maioritariamente anglosaxonas. Pero nunca renunciei, nin entón nin agora, ao recoñecemento do xenio que latexaba baixo a pel humana, tan humana, daquel cronista do seu tempo con cara de sacerdote e alma de trobador.

12.4.07

A mellor

En ás do balsámico efecto que me produciu unha breve visita ao Courel, da que falaba no meu post anterior, leo en Terra Brava de Fole ―obra e autor dos que tamén me lembraba no artigo― algo que me incitou ao que considero un suxestivo exercicio literario. Os cultos circunstantes do diálogo de Fole, reunidos no pazo tras a cea e convenientemente dotados de cigarros e coñá, caen ―na liña desa tendencia que tanto obsesionaba a Borges ao absoluto― na pregunta de ¿Quenes son as tres meirandes figuras da nosa literatura de arestora? [a obra desenvólvese no verán de 1950]. A resposta dun dos personaxes, que acada a unanimidade dos demais, é Rosalía de Castro, Castelao e Otero Pedrayo.
A min, ao fío da lectura, veume a cabeza un convencemento que quero compartir con quen me lea, case coma estímulo a unha sorte de concurso: ¿cal é a obra cumio da literatura galega contemporánea? Aí vai o meu convencemento: A esmorga de Eduardo Blanco-Amor, sen dúbida algunha.
E, para Vde.?

8.4.07

Desconectar


Foto: O río Pequeno, afluente do Lor, preto da aldea de Paderne, freguesía de Meiraos, no Courel.
Se hai un país que quintaesencia o cerne máxico, atlántico e ―por que non dicilo― céltico de Galicia ese é o Courel. Non só o Courel en si, como bisbarra oficializada por un concello, senón o país en xeral: os montes de Lóuzara, a terra do Incio (A Cruz, Hospital, Ferrería; Incio: existirá un topónimo máis fermoso?), Triacastela, O Cebreiro…, cadro espacial e humano das historias de Terra Brava de Fole, un libro especialmente querido, e do que xa teño falado.
Claro que hai unha estética da paisaxe, relacionada por modo directo con factores subxectivos e con modos de percibir o entorno que van alén da propia paisaxe, en canto foto fixa apreixada nun momento determinado. Unha vizosa campa caíndo en pendente cara a un regato, ornada de lonxe pola figura dun rabaño de vacas rubias e coa luz esplendente do sol dunha mañá de primavera pode provocar o arrobo horaciano dun urbanita coma quen subscribe e deixar indiferente ao patrón que pastorea as reses, como vén facendo dende que ten lembranzas os últimos cincuenta e cinco anos. Este ten un tempo interno, unha medida da existencia alicerzada na natureza e nos traballos que os ritmos da mesma impoñen. Eu teño un tempo interno, unha medida da existencia alicerzada basicamente no permanente consumo e nos traballos que os ritmos do mesmo impoñen. Non quixera soar a papanatas nostálxico dunha utópica Arcadia, nin facer xuízos de valor baratos e superfluos. Só constato ―cando menos así o sinto― que mesmo iso que chamamos desconectar, introducíndonos nun medio no que os tempos e os ritmos son radicalmente diferentes dos nosos, no van intento de borrar estes temporalmente da nosa cabeza, non deixa de ser un produto máis de consumo.
Cando, fardado de turista rural e facendo iso que chamamos sendeirismo, cruzo un buenos días co lugareño que conduce o gando ―e que leva, por certo, toda a vida facendo sendeirismo― non podo deixar de atribuírlle o pensamento de Obelix: Están tolos estes romanos.
Un amigo contoume unha anécdota deliciosa que trascende non só a honesta e sana retranca do país senón aínda a medida das diferenzas entre un xeito de vivir reconciliado coa natureza e outro xa e definitivamente afastado dela. O meu amigo, que ten unha casa nunha aldea do Courel das máis apartadas ―e máis fermosas tamén―, andaba unha mañá dando unha volta cun can caro que ten, cando se parou a botar un párrafo cun patrón que o saudou. Cando lle dixo:
-Pois nada, ando paseando o can.
El razoou, con toda a retranca do mundo:
-Bueno. Aquí os cans pasean solos.

4.4.07

Erratas e psicanálise

Sigmund Freud foi un doutor vienés de comezos do pasado século que legou á posteridade o convencemento de que estar zumbado é o estado natural do ser humano e que tal tolemia asenta nun trauma, nun 95% dos casos, de carácter sexual. En consecuencia, o que cómpre facer é gastar moreas de cartos en pagarlle a un señor ―que normalmente xoga ao golf e ten un Porsche― a quen, dende unha chaise long, lle contamos, persuadidos de que aí reside a orixe de todas as nosas angustias, cómo a nosa nai nos descubriu un día baixándolle os pololos a unha curmá de Madrid. Iso chámase psicanálise. A min lémbrame aquel marabilloso e intelixente chiste:
-Doutor, doutor, teño dobre personalidade.
-Non se preocupe. Pase e falamos os catro.

Freud, que o psicanalizaba todo, cría (véx. a segunda conferencia da primeira parte da súa Introdución á Psicanálise) que as erratas de imprenta poden ser concibidas como actos falidos do linotipista. Como é ben sabido, os actos falidos son atribuídos pola psicanálise á expresión dun conflicto inconsciente por un desexo reprimido que, en todo caso, se substancia en que unha intención alteradora, polo tanto non voluntaria, modifica o contido dunha intención volitiva. Lembro esta argumentación lendo, coma quen non quere a cousa, unha «Carta aberta a Carlos Aymerich», con motivo dunha liorta sionista coa que andan estes días no BNG, de autoría de don Xosé Manuel Rama Trillo, publicada en El Correo Gallego e na que o maquetista deslizou un erro inquietante:

Carlos, non dubido de que se este sen sentido camiña cara a diante como xa camiñaron moitos outros antes do nacemento do BNG e despois do nacemento do mesmo […] mais sempre dentro do noso amado nacionalismo galego, sexamos garantes dun proceso impío e cristalino, mellor non for, mais se for, Xustiza, que menos pedir, verdade amigo Carlos.

Folga dicir que a cursiva é miña. Todo un exemplo para Freud, non?

3.4.07

Valdemar

Creo que o xermolo da miña devoción pola literatura fantástica está nas lendas de Bécquer, moi en especial en tres delas: La Cruz del diablo e El Monte de las Ánimas, e, por suposto, a que representa un arquetipo do terror gótico hispano, culminación dun aglutinado entre tradición popular e elaboración febril e enfermiza característica do autor, El Miserere.
Logo, puntualmente, sobre alicerzes tan ben botados, viñeron outras lecturas. Os terrores opiáceos, viaxes celestes, aventuras mariñas e misterios de Poe, renacidos cal fénix na tradución de Cortázar, e o descubrimento, contundente, de Chesterton e o seu humilde crego investigador (do que, por certo, lembro con delectación unha serie británica de TV ―producida por Thames ou a BBC?― de hai ben anos). Os anos sucesivos foron modulando, perfilando este gusto cos textos clásicos doutros grandes: Stoker, Wollstonecraft, Le Fanu, Collins, Meyrink, Bierce, James (Henry e Montague Rhode), Lovecraft.
Pero os devotos da evasión por vía do enigmático e extraordinario, dotados, coma quen subscribe, dun senso anormalmente lírico da existencia, constituímos lexión e precisamos ―tras a dixestión dos clásicos devanditos― dun fondo de lectura acaso menos coñecido, regularmente renovado e posto ao noso dispor sen grave entorpecemento. É dicir, un nicho de demanda. Porque cando no mundo da edición falamos de grandes éxitos editoriais -non tanto de títulos concretos canto de proxectos tomados no seu conxunto e considerados na súa pervivencia no tempo-, referímonos invariablemente a aqueles co mérito indubitable de teren ocupado nichos de demanda non satisfeita, ou non totalmente satisfeita. Daí, mesmo algúns deses proxectos remataron por se converter xa non en proxectos editoriais de éxito senón en referentes culturais dos contextos sociohistóricos nos que se desenvolveron. Innúmeros son, por fortuna, os exemplos. Quen podería negar, secomasí, tal valor aos libros de La Pléiade, a Penguin Books, Taschen, ou, en entorno máis próximo, a Prometeo, Saturnino Calleja, á colección Austral e Espasa en xeral, Aguilar, o Fondo de Cultura Económica, Losada, ou Bruguera ―esta última un dos contributos máis sólidos, malia non recoñecidos, á cultura na España do momento? Todos, e os seus empresarios detrás, tiveron a perspectiva e sensibilidade necesarias para satisfacer a solicitude dun público que percibiron non atendida. E, xa se sabe, unha vez atendida tal solicitude inicial trátase de ir xerando a necesidade da mesma, de xeito que nun momento dado comezan a confundirse ―para lícito beneficio do empresario― necesidade real e necesidade máis ou menos alimentada.
Creo que nun país tan contraditorio como o noso, con 70.000 títulos editados por ano e uns índices de lectura abochornantes ―indixestión editorial e indixencia lectora en palabras do director xeral do Libro, Rogelio Blanco― é difícil atopar exemplos recentes do que digo. Un destes felices exemplos é, para min, a editorial Acantilado, fundada en 1999 polo sabio editor Jaume Vallcorba, á cal debo algunha das lecturas non literarias máis satisfactorias e ricas dos últimos anos (como o Diccionario crítico de símbolos y mitos del nazismo, de Rosa Sala Rose). E outro, sen dúbida, é Valdemar, fundada en 1986, premio 2001 do Ministerio de Cultura ao mellor labor editorial. O propio nome da empresa supoño que acena ao coñecido relato mesmérico do grande Edgar.
No coidado editorial, deseño, tipografías (cunha recorrencia notable á Sabon Roman, sen dúbida unha das familias de tipografía libraria máis fermosa e lexible), caixas de texto, estetica e acerto das cubertas… falamos dun labor, en efecto, impecable e de fina sensibilidade. Verbo da liña editorial, unha visita aos eidos temáticos dispoñibles para consulta na súa web porporciónanos a clave: mundos perdidos, piratas, horror sobrenatural, drogas e paraísos artificiais, viaxes, aventuras no mar, esoterismo, espectros, fantasmas e aparecidos… Todo xénero de heterodoxia, segredo, fantasía, transgresión, enigma, malditismo, rareza e marxinalidade ten asento no seu amplísimo catálogo, unha das máis sólidas e indispensables experiencias editoriais españolas dos últimos tempos, moi especialmente representada no buque insignia da casa, a colección «El Club Diógenes». La madriguera del gusano blanco de Stoker, El brazo marchito de Hardy, Historias de fantasmas de un anticuario de M. R. James, Cuentos de crímenes, fantasmas y piratas de Defoe, La habitación tapizada de Scott… son, entre moitísimos, algúns deses títulos menores que o peso dos grandes (Dracula, Jude the Obscure, Robinson Crusoe, Ivanhoe…) eclipsaron.
A Valdemar débese tamén o éxito inicial de Juan Manuel de Prada (Coños e Las máscaras del héroe, novela esta última tan excepcional que debera ser de lectura obrigatoria) e a recuperación de personaxes tan extravagantes e pouco coñecidos hoxe como Emilio Carrere (autor de historias góticas e dunha novela logo levada ao cine, La torre de los siete jorobados) e o ultraísta, íntimo de Huidobro e Borges, xudeu, bohemio, misóxino, pobre e infeliz, Rafael Cansinos Assens, autor dun texto (que posúo en primeira edición, e serve de ilustración deste post) reeditado por Valdemar en 1996 e de título asombroso e acojonante: El divino fracaso.
A edición sen editores? A fin do libro impreso? A decadencia definitiva dun modelo de interacción coa cultura? Contas de resultados? As editoriais non son ONG's? Sempre nos quedará Valdemar.

31.3.07

Telegaita

En enxendros políticos eu creo que a inventiva da vella pel de toro non ten parangón. Se aquilo da democracia orgánica de Franco era de nota, eu creo que este invento tan noso, tan de aquí chamado Estado de las Autonomías sitúase ―consonte o artigo constitucional que sexa de aplicación― nun lugar variable pero en calquera caso indefinido entre centralismo e federalismo. En canto a carimbo netamente hispánico, o Estado das Autonomías é algo tan inexportable como aquel parlamento fantasmal da ditadura onde se mesturaban un señor de bigote que representaba ao tercio familiar e un saharui con pinta de ter deixado o camelo atado a un dos leóns das Cortes.
É o caso que eu, ignorante das fonduras da ciencia política pero posuidor dun chisco de intuición, axudado pola perspectiva que dan os anos transcorridos e vendo o que se ve neste país, percibo que as Autonomías pásalles o que Perich dicía da Igrexa: as Autonomías serven para solucionar unha serie de problemas que non existirían se non existisen as Autonomías. Que máis me dá de onde parta a iniciativa dunha autovía mentres a fagan? Ou que o responsable do ramo viva en Santiago ou en Madrid, sexa de Pontedeume ou de Cogolludo? Ou é que os cartos teñen nacionalidade histórica? En fin. O tema é, certo, complexo e non quero anoxar ao benévolo lector cun post longo de máis (unha manía, por certo, da que non sei como ceibarme).
En realidade, eu o que quería era falar da Galega, a G, ex-TVG e sempre popular telegaita, paradigmática mamandurria da Comunidade Autónoma, órgano indiscutible do agit-prop do goberno do momento e os seus intereses e ente espallador non só de toda laia de enxebrismo e galeguidade senón tamén de famas e sólidas honras como as de Xosé Ramón Gayoso, sen dúbida o único galego en pé de igualdade con Fraga en punto a sona e popularidade.
Atopo no proceloso ciberocéano unha parodia de güiki no que se condensa en clave de esperpento ―unha das mellores claves para a observación intelixente do noso entorno nos tempos que andamos― a historia da nosa querida telegaita. Bo rato asegurado. Ou, como dirían os meus cativos, para partirse el culo. Que nunca botemos en falta a capacidade de rir de nós mesmos.

28.3.07

Grandes portugueses

Lembraba eu hai non moito, dende unha perspectiva na que me interesaba arrimar el ascua a mi sardina, a figura de António de Oliveira Salazar. Pois ben, para a miña sopresa, e supoño que a de moitos, nun concurso da primeira televisión portuguesa, a RTP, ― «Os Grandes Portugueses», um programa que vai eleger – com o seu voto – a personalidade mais marcante da História de Portugal― o ditador gañou con diferenza (160.000 votos) sobre outros vultos do volume de Pessoa, Camões, Vasco da Gama, Afonso Henriques, don João II ou o Marquês de Pombal. O máis sorprendente ―ou tal vez o máis congruente?― é que o número dous da escolma resultou ¡Álvaro Cunhal! Non hai cristo que o entenda? Ou é que se entende demasiado ben?
Haberá que adaptar o verso machadiano?:

Portuguesinho que vés ao mundo
te guarde Deus
um dos dois Portugales
há gelar o teu coração.

Mellor non probar en España, ou?

27.3.07

Máis sobre manías de lector ou un pouco de crítica casual

É certo que a intelixencia é selectiva. Yo aún diría más (emulando a Hernández ou a Fernández), é moi selectiva, por non dicir que é a cousa máis selectiva que existe. A distribución das nosas capacidades e habelencias que a neuroloxía establece nos dous hemisferios cerebrais ten o seu correlato na frase dun meu coñecido, que resume á perfección as manifestacións dese reparto: hai xente moi lista para os polinomios e moi tonta para os recados (e viceversa, claro). Entenda cada quen polinomios e recados á súa maneira. Se lle gusta a frase, querida lectora, querido lector, e co permiso do meu amigo, regálolla.
E así, como os piares do noso funcionamento cognoscitivo teñen alicerzes máis fondos e sólidos nunhas partes ca noutras, tamén o noso comportamento adoece de fortes desigualdades e, mesmo, desequilibrios. Quen non é moi ordeado para algunhas cousas e absolutamente caótico para outras? Coñezo especimes, a min próximos, capaces de asumir, e conducir a éxito, a complicada loxística dun encontro internacional de persoeiros e imposibilitadas para lembrar adquirir, á volta do traballo, unhas peitugas de polo para empanar.
En punto a lecturas, eu, que tendo ao rigor, a orde e o equilibrio en case todo o que fago ―cando menos, inténtase― debo recoñecerme como persoa antimetódica, inconstante e irregular. Relacionarase tal desleixo lector cunha sorte de reacción ao método obrigado que impón o traballo editorial? (Agradecería, a este respecto, o punto de vista dalgún colega) Tal vez co difícil que resulta atopar unha lectura tan satisfactoria que deveña máis ou menos permanente? Acaso coa condición de lector empedernido a quen todo lle vale? Ou, máis ben, será cousa do selectivas que son as nosas capacidades? Pode que a un conxunto de todos estes factores. Sería cousa de analizar, conforme fan, non sei, os calígrafos a partir da letra, a nosa personalidade tomando como base os libros que residen por un tempo na mesiña de noite ―fieis compañeiros dese máxico momento na extremaunción do día que sinala a chegada de Morfeo (ou Pedro Chosco, malia irmos xa talluditos, cando non valetudinarios). E non só dos libros en si, senón, tal vez máis importante, da súa combinatoria. Para mostra un botón.
Na tarde do 27 de marzo de 2007, e no exiguo espazo que delimitan sobre a mesiña de noite a lampariña, unha foto enmarcada e un pequeno e decorativo candelabro, amoréanse como poden varios volumes. Eis o seu inventario:

-tapa dura, 17 x 25, Barcelona: Círculo de lectores, 1991, volume II da opera magna do enorme antropólogo que foi Julio Caro Baroja Vidas mágicas e Inquisición, nunha das partes para o meu gusto máis atractivas de toda a obra, a titulada Vidas a contrapelo, e en concreto os capítulos XII a XVI, biográficos de peripecias bruxerís, de hechiceras, falsas beatas, loberas licántropas e licantrófilas. Magnífica prosa a de don Julio: Ou na cabeza ou nos pés, has saír a quen es. Brillante a exposición, profunda e erudita a documentación. Inmenso o coñecemento da derme profunda do país. Libro que non obriga a unha lectura continuada, libro intelixente que, como todos os libros intelixentes (ai, que poucos!) permite un saborear secuenciado e intermitente, libro de lectura modulada polo lector (e non polo escritor).
-rústica, plastificación brillo, con lapelas, 25 x 30, a catro tintas. Film Posters. Science Fiction, Edited by Tony Nourmand and Graham Marsh, Köln: Taschen, 2006. Un delicioso percorrido polos posters, carteis ou afiches, como se lles chamaba hai anos en román paladino, polas películas do xénero ―sen dúbida un dos meus favoritos― dende os anos vinte aos remates do século pasado. Lembran ao robot Robby de Forbidden Planet, unha serie B marabillosa con Leslie Nielsen e Walter Pidgeon? The Planet of the Apes? Barbarella cunha Jane Fonda que quitaba o hipo? Ou os marcianos aqueles de gardarropía que cantaban "a tipo dentro" a unha milla de distancia ―This Island Earth, 1955, ou Invasion of the Saucer Men, 1957― logo quintaesenciados por ese xenio chamado Tim Burton en Mars Attacks!? Merquei o libro en Komic, rúa San Pedro de Mezonzo, Compostela, un lugar (aínda) para soñar e non soamente para gastar diñeiro en libros. Ou para charlar co seu propietario, especialista no terreo, locuaz e amable.
-rústica, 14 x 20, cartolina verxurada con lapelas, Cuentos de Invierno. Certamen literario, Ponferrada: Ayuntamiento de Ponferrada, 1998. O título dío todo. Hai un conto, "San Silvestre del año 59", o seu autor Joaquín Serrano Serrano, que é resumo para min de moitas das sensacións máis sedutoras e características do inverno, a neve, a noite e a montaña. Un relato sensacionalmente escrito, que releo con frecuencia. Faría carreira o escritor?

Cabe en tan pouco espazo un inventario de intereses, estilos e expectativas máis heteroxéneo?
Ignoro se algún psiquiatra, psicólogo, sociólogo (ou mesmo criminólogo) tiraría algunha conclusión de tal remexido. Coas técnicas de hoxe, cando a partir do anaco dun pelo determinan que a un tipo lle gusta a lasaña vexetal, chámase Florentino e naceu en Baños de Molgas, por se acaso, prefiro non sabelo.

23.3.07

Para una reflexión


Alguien me lo contó el otro día:
-Tengo una idea.
-¡Deshazte de ella!
Para una reflexión.

22.3.07

Blogomillo: a catacumba?


É manter un blog unha perigosa e inútil obsesión? Unha vaidade superflua? Un desinterese absurdo? Un diálogo co silencio? Un proído irresistible? Unha sorte de adicción? Que se obtén de falar na catacumba, cando na superficie a sobresaturación de información está poñendo a civilización ao borde do colapso?
As preguntas do millón de dólares.
Falo por min. Creo que todo blogger chega a enamorarse da súa bitácora, personalizándoa, acariñándoa, converténdoa na súa confidente, fiel e permanente, facendo do bastidor dixital onde diariamente escribe unha terra de ninguén onde é libre de ser quen é de amosar as arestas, complexas, afiadas, da vida e os seus innúmeros elementos. A ausencia de compromiso contraído-non sendo cun mesmo: o máis comprometedor dos compromisos-, a lonxanía e probabilidade dun público hipotético, o abismo sen luz nin fondo do ciberocéano ao que, con cada post botamos, a mensaxe nunha botella converten cada blog nun paradoxo: cansancio e satisfacción, relax e tensión, noxo e ledicia, extenuación e enerxía, aburrimento e estímulo...
Para min xa é demasiado tarde. Too late. Estas páxinas levan demasiado de min. Algún día lles direi, como aos fillos: que será de vós cando vos falte?

20.3.07

Con Isaac. Cos traballadores do Instituto Galego de Información

Anunciaba hai días unha desconexión involuntaria desta bitácora. Conecto de novo con carácter de urxencia. Fago tempo como podo para , modestamente dende estas páxinas que pouca (pero creo que selecta) xente le, solicitar un clamor en apoio e solidariedade dun home e dun conxunto de traballadores que son e representan no noso entorno cultural contemporáneo algo máis ca un home e un feixe de contratos. Neste país calamos demasiado. Con Isaac. Cos traballadores do Instituto Galego de Información.

18.3.07

Primavera. Obras nas pistas. A toute à l'heure!

Primavera. O aire cheira doutra maneira. A luz é máis viva. O mundo énchese de cor. O rechouchío dos paxaros anuncia o gozoso renacer de nai natura. No meu matinal paseo dominical (sobre a distribución destes dous adxectivos arredor do substantivo teño as miñas dúbidas, pero creo que matinal paseo dominical é a mellor) levo nos oídos do subconsciente ―eses que marmuran teimudos unha melodía sen nós querérmolo― o allegro do primeiro movemento da 6ª de Beethoven (algún día terei que falar do xordo de Bonn, propietario dun xenio desmedido). E así, ao chegarmos ao campo, espertan os máis apacibles sentimentos.
Como apuntamento marxinal, observo un inusitado movemento de obras públicas nas pistas do concello: novas capas de rodadura, ensanchamento de viais, e iso que definimos co verbo, tan noso, tan enxebre, de rebachear. Moreas de grava miúda por onde queira, apisonadoras, máquinas de asfaltar… Alguén comentoume o outro día que as empresas non dan feito a contratas. Andan a tope. Chega a data de amosar aos veciños o moito que se traballa a prol do seu benestar. En fin. O país dos ananos chamoulle Celso Emilio.
Aproveito para anunciar unha desconexión técnica deste blog por uns catro ou cinco días. Non se me vaian! A toute à l'heure!

14.3.07

Intelixente. Inxenuo. Malvado. Parvo


A min unha novela que me abriu os ollos no senso de me demostrar que nihil novum sub sole ―é dicir que a humanidade é como é dende hai centos de miles de anos e que só mudan as formas, nunca o fondo―, foi Sinuhé o Exipcio, de Mika Waltari, novela á que, por certo, unha superprodución de Hollywood dos anos cincuenta, cunha belísima Jean Simmons e un viril Victor Mature en delicioso technicolor e co glamur característico de entón, fixo fraco favor. A obra do gran narrador finés é, contra a frivolidade do filme, un sólido monumento, de rexo alicerce, da literatura universal, unha desas poucas obras que, ao estilo dos dramas shakesperianos, alén dunha peripecia espazo-temporal concreta, funde a súa raigame na núa condición humana, a escudriña e esnaquiza para tirar conclusións tan intemporais como inquietantes: a ambición, o permanente espírito de conquista do forte sobre o feble, a mentira, o valor da ética contra as veleidades da conxuntural fortuna, a erótica do mando e o poder, a guerra interesada que apenas beneficia ao oligarca que a promove... e todo co trasfondo persoal dunha figura engaiolante: a daquel heresiarca, grandísimo heterodoxo, Akenatón, que foi quen de promulgar que, contra a sofisticación dun politeísmo secular, só había un deus, o sol, e el era o seu representante na Terra. Magnífica novela, altisimamente recomendable en calquera caso.
Lembraba a Waltari, por vía indirecta, estimulado por outra lectura, que certifica, de xeito se cabe máis contundente, o inmutable da configuración humana nos seus elementos fundamentais: trátase de Allegro ma non troppo (1988, existe unha edición de Crítica, 2001) do extinto profesor, economista e pensador italiano, moi vencellado coa uiversidade norteamericana, Carlo Maria Cipolla.
Como quizais saiba quen me lea, na súa breve obra Cipolla parte dunha premisa radical; a saber (a versión galega é miña):

A humanidade atópase ―e o acordo é unánime― nun estado deplorable. Ora, isto non é ningunha novidade. Se un se atreve a ollar cara a atrás, decátase de que sempre estivo nun estado deplorable. A onerosa morea de desgrazas e miserias que os humanos deben soportar, quer como individuos quer como membros da sociedade organizada, é no fundamental o resultado do modo extremadamente improbable ―e case diría estúpido― en que a vida foi organizada dende os seus comezos.

Dende este presuposto de partida —aplicable a todo tempo e circunstancia e perfectamente asumible por un pesimista construtivo como quen subscribe—, propón Cipolla unha clasificación do xénero humano, aínda máis contuntente. Toda claisificación é, que dúbida cabe, reducionista, pois fai pasar polo funil dunha simple etiqueta o que no mundo real e moito máis complexo e matizado; pero precisamente neste reducionismo estriba a utilidade das taxonomías e clasificacións: etiquetar o mundo para ordealo, ordealo para percibilo. En concreto di Cipolla que os seres humanos dividímonos en catro tipos segundo o beneficio ou dano que as nosas accións provoquen en nós mesmos e nos demais. Deste xeito (non resisto a tentación de citar polo italiano orixinal),

a) Ottieni guadagni per gli altri e perdita per te? Sei uno sprovveduto [un inxenuo].
b) Ottieni guadagni per te stesso e per gli altri? Sei un intelligente.
c) Ottieni perdite per gli altri e perdite per te? Sei uno stupido.
d) Ottieni perdite per gli altri e guadgani per te? Sei un bandito [un malvado].


Agora, olle Vde. para a España contemporánea ―tómeo coma unha mostra de laboratorio metida nunha probeta―, avalíe a calidade dos personaxes públicos —e non digo estritamente políticos— que pululan polos mass-media, e diga, con sinceridade: cal é o grupo, segundo o seu xuízo, máis abundante?
Si, si. Certou. Está Vde. con Cipolla. Inmediatamente debaixo, está o dos malvados. Daí a primeira lei fundamental da estupidez humana: sempre e inevitablemente subestimamos o número de individuos estúpidos que circulan polo mundo.
Unha última suxestión al respective (esta de propia minerva): nunca discuta Vde. cun tonto. Poderían confundilo con el.

9.3.07

Para la nueva mamá: unos patucos, un biberón y un idioma

La Xunta regalará a las embarazadas

Conste que coincido coa apreciación de que este país noso está cheo de opinadores e de que, en ningún outro, os titulares dos xornais se nutren de entrecomiñados como en España. Aquí todo se opina, todo se debate, todo o mundo sabe de todo. Se os medios de comunicación e os propios cidadáns falaramos menos e fixeramos máis, mellor nos iría. No que a este blog fai, teño feito o propósito de non me adicar no futuro a emendarlle a plana arreo aos políticos e, na medida do posible, deixalos facer en paz o seu traballo, e alá veremos. Pero hai veces, amigas e amigos, nas que unna nova fai que un se remexa na silla. Vexamos.
Eu teño dous nenos —12 e 8— castelánfalantes. É así de simple: só ven Shinchán, o popular Sinosuke, se o dan en galego. Non lles fai ningún chiste velo en castelán. Por suposto, o seu programa infantil e de debuxos de cabeceira é, e foi sempre, Xabarín Clube.
Sirvan os gustos lingüístico-televisivos dos nenes de adro a unha reflexión.
Porque se hai un elección persoal e intransferible que contribúe a nos definir como os seres humanos que somos —en realidade son dous, lembrémolo: bipedestación e linguaxe articulada—é a lingua. A lingua e a outredade do mundo que nos arrodea: coa lingua chamámoslle arbore ao que é unha árbore e cabalo ao que é un cabalo, obxectos —árbore e cabalo— de existencia anterior e independente á da súa denominación idiomática. Por iso dicimos que a relación que une o significante e o significado é convencional. Así é que os obxectos 'árbore' e 'cabalo' son tree e horse, puu e hevonen, Baum e Pferd, segundo a latitude e nación do falante. Non hai nada, polo tanto, máis móbil colectivamente nin máis estable individualmente ca a lingua. Non son os pobos os que teñen lingua, senón as persoas. Coa lingua enamorámonos, insultamos, convencemos, dicimos as cousas máis fermosas e podemos dicir as máis malvadas.
Por iso, que as institucións públicas pretendan inducir, ou sequera aconsellar, a unha elección tan fonda, tan persoal, tan íntima, tan intransferible, tan inxustificable —por non existir razón algunha que nos leve a xustificala— como a lingua na que se van desenvolver os nosos descendentes antes mesmo de naceren é, do meu punto de vista, o que antes se chamaba un disparate, unha idea, ademais de desprovista de toda intelixencia, tan agresiva coa nosa indivualidade como suxerirnos qué cor de roupa é a que nos convén, a cidade na que debemos fixar a nosa residencia ou o prototipo de home ou muller que máis nos acae. A min, iso de política lingüística sempre me soou un pouco heavy, a algo así como política sentimental ou política indumentaria. E que agasallen ás señoras en estado interesante cun kit lingüístico —CD con nanas e guía onomástica, abonado, por suposto, con cartos públicos— francamente, dá arrepíos.
En fin. Importante é, de certo, o tema da lingua. Pero é magoa que tan excelsas cabezas pensantes non estean mellor aproveitadas nos centros neurálxicos de decisión que hoxe moven o mundo: a ONU, a UNESCO, o Pentágono, a NASA... Saiba deus o que se lles ocorría.

7.3.07

Camiños cruzados: un Quijote de 1905 e un libro moi querido














No Centro de Estudios de Castilla-La Mancha, organismo dependente da Universidade de Castilla-La Mancha, consérvase, entre o rico acervo de materiais cervantinos e quixotescos que alí se acubilla, una curiosa colección de tarjetas-postales que en número de vintecinco foron editadas pola Unión Postal Universal España (tal e como rezan no reverso) en 1905, ano no que se cumpría ―hai que supoñer que sen a «pompa e circunstancia» do IV, de 2005― o III Centenario da publicación do Quijote. Esta deliciosa colección de postais, baixo o título de Don Quijote en el siglo XX, de formato 14 x 9’5 cm, está firmada polo ilustrador Rojas, e o título induce xa a intuír o seu teor. Trátase, en efecto, de enfatizar as peculiaridades ou satirizar os vicios dos tempos modernos a través do anacronismo consciente creado coa introdución de elementos contemporáneos (automóbiles, globos aerostáticos, os leóns das Cortes e os señores deputados de levita e chisteira, a fiesta nacional…) en coñecidas escenas quixotescas, que son consignadas no pé de cada tarxeta. Do punto de vista estético e comunicativo, creo que a excelencia da ilustración e o ben trabada que aparece a historia na secuencia das diferentes postais acena cara a un claro antecedente do mellor cómic.
Se, polo tanto, falamos dunha suxestiva colectánea que, de seu, faría as delicias dun amplo repertorio de intereses (coleccionismo, cervantismo, bibliofilia, historia da ilustración contemporánea…), o exemplar concreto que obra nos fondos do centro manchego é aínda máis interesante por unha característica moi especial. As tarxetas están manuscritas no anverso, en tinta negra e con caligrafía itálica de pendolista, de clarísima lexibilidade, cunha especie de coplillas en lingua galega (véxase a ilustración arriba), que resultan ser en cada caso fragmentos de arredor de nove versos por tarxeta do que en conxunto é unha composición unitaria e continuada da postal 1 á 25. Trátase, entón, de una larga copla popular titulada Quijotadas, de corte satírico y costumbrista, en la tradición de los cantares de ciego […] La sátira no es acerba aunque sí demoledora y con toques de humor […]. La conexión con don Qujiote viene dada por la postura ante la realidad de la que este personaje es arquetipo para el que escribe, ou sexa o idealista enfrontado a andrómenas imposibles, o inxenuo que, sen conciencia das súas limitacións, fracasa en todos os seus intentos de cambiar o mundo. A primeira coplilla dará unha idea sintética de todo isto:


Nos mundos que corren
de tanta farándula
ten que ser una gran miñaxoia
aquel que se gaba
de non ser na sua vida Quixote
ou ben Sanchopanza.

O suliñado, por certo, que antecede provén da magnífica ―insisto, magnífica― edición que da colección de postais manuscritas fixo o devandito Centro de Estudios de Castilla-La Mancha, con introdución, transcripción e tradución dos textos galegos da miña querida amiga -universitaria modélica e infatigable investigadora- Yolanda Novo, á xentileza da cal debo a honra de posuír un exemplar.
E agora, claro, a pregunta do millón de dólares. Quen é o autor de tan incisivas coplas? As postais van sistematicamente dirixidas por correo ao Sr. D. Adriano Quiñones, Puebla de Brollón, Lugo, e remitidas por Jesús Rodríguez López, o noso versificador satírico. A miña sorpresa foi maiúscula cando, por camiños imprevisibles e casuais, tan inopinada trouvaille conducíame a un nome para min moi coñecido e apreciado por outras razóns.
Jesús Rodríguez López, ilustre galeno lucense de apetitos humanistas, letriferido de estros diversos (poesía, teatro e narrativa), defensor da lingua do país e rexionalista por convición ideolóxica, é o autor dun dos textos que reputo cimeiros na historia intelectual de Galicia, alén de ser un libro de extraordinaria amenidade, erudición, e ―para o tempo en que foi escrito― rigor científico: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares, editado orixinalmente en 1895, e do que posúo unha terceira edición ―cun limiar, agarimoso pero tristeiro e melancólico asinado por Ramón Otero Pedrayo en Sant-Yago outono de 1948― de Ediciones Celta, Lugo. A máis recente edición da que teño nova é, tamén de Celta, de 1970.
As Supersticiones de don Xesús é deses libros enchoupados de fetichismo e afalagos de misterio, recendentes a papel vello, humidade e tempo, que hai que ler cuando de noche el terrible gato negro maúlla sobre el techado de la vivienda; cuando las campanas de la parroquia, movidas por el fuerte vendaval, suenan a largos intervalos lúgubremente como a toque de difuntos; cuando entre la tempestad andan los espíritus infernales (cito pola miña edición, p. 196).

Estame saíndo un post longo de máis. Outro día falamos de don Xesús e o seu marabilloso libro.

4.3.07

As idades do home

Nun artigo que algúns lectores benevolentes festexaron especialmente, referíame hai uns días á procacidade sexual como resposta á represión que impón a sociedade baixo certas circunstancias. Porque, como non é un segredo para ninguén, un determinado estado de cousas, máxime cando imposto pola forza e neutralizada toda posibilidade de oposición a el, xera o seu contrario e, aínda, o enfatiza e esaxera. Foi a opulencia hortera e cruel do imperio Romano a que creou a Espartaco, do mesmo xeito que, séculos despois, foron os propios aristos franceses os que a base de luxo desmedido e ostentación ilimitada ían afiando o gume da guillotina que empezou a traballar nos seus pescozo —a pleno rendemento— en 1789.
No artigo devandito, establecía eu, en concreto, unha relación —non discutirei que máis emotiva ca racional— entre aqueles lusitanos e festivos Santo Antónios de verga erecta e irreverente e o aburrimento social gravado a lume no Portugal do Novo Estado salazarista. Como continuación e complemento a esa inesgotable e característica vea de chispeante escatoloxía dos nosos veciños, saco hoxe o po a unha fotocopia atopada entre vellos cartapacios tan facticios coma heteroxéneos, documento que, creo, sublima un certo machismo de base cun enxeño digno de nota. A cousa chámase

História sexual do homem

Dos 10 aos 15 é macaco: vive descascando banana.
Dos 16 aos 20 é girafa: só come florzinhas.
Dos 21 aos 30 é abutre: come tudo o que aparece.
Dos 31 aos 40 é águia: escolhe o que vai comer.
Dos 41 aos 50 é papagaio: fala mais do que come.
Dos 51 aos 60 é lobo: persegue a Capuchinha Vermelha mas só come a avozinha.
Dos 61 aos 70 é cigarra: canta, canta e não come.
Dos 71 aos 80 é cóndor: com dor aquí, com dar alí...
Dos 81 em diante é pombo: so faz merda!

Caso de ser Vde. varón, en que categoría anda?

1.3.07

Lixo. Spam. Lixospam

Os sociólogos e os polícias coñecen moi ben o valor sintomático de comportamentos, hábitos e mesmo actitudes e crenzas que ten o lixo. Quero dicir que o que a xente bota ao lixo é coma unha especie de refugallo de nós mesmos, unha sorte de ronsel tras o que un ollo experimentado pode tirar moita información significativa: alimentación, nivel adquisitivo e cultural, perfil de idade, hobbies, vicios, número de persoas que habita o fogar… Sen dúbida unha das keywords, das palabras clave que define o noso mundo é lixo. O lixo é a catacumba do hiperconsumo permanente ao que se nos estimula, o reflexo perverso e noxento da sobreabundancia na que vivimos. Separamos vidro, papel, materia inerte e orgánica non só por favorecer a súa reciclaxe senón porque, doutro xeito, habería que deseñar un modelo de macrocontedor doméstico para as nosas casas, cunha habitación para el soíño, e que fose quen de poder almacenar a inmensa cantidade de lixo da que diariamente nos desfacemos. É sorprendente a cantidade de materia que pasa directamente á categoría de lixo sen ter producido o máis mínimo efecto dos perseguidos cando se confeccionou.
Unha imaxe cotiá: tras o traballo chegamos á casa, co maletín nunha man e a gabardina suxeita por unha lixeira dobrez do mesmo brazo, pois no outro levamos unha bolsa do gadis cunhas compras de última hora. Pousando esta no chan, e dando liberdade á extremidade superior ata entón ocupada, descubrimos, nunha elemental aplicación da lei de Murphy, que o feixe de chaves está no peto do lado xustamente contrario ao do brazo liberado, e cunha especie de complicado espagat en vertical flexionamos o brazo arredor da cintura na procura das chaves coa intención de abrir a caixa do correo tentando que tal movemento non inflúa de xeito negativo no outro brazo que, lembremos, terma tanto do maletín coma da gabardina. Unha vez conseguidas as chaves, non sen apreciar, tras a forzada torsión, un punto de dor nesa zona lumbar que temos afectada dende hai tanto, introducimos o chavín na pechadura da caixa de correo e… nun repente, a tapa da mesma cae disparada cara abaixo debido á incontible presión á que estaba sometida pola inxente cantidade de papel que acubillaba no seu interior. Nese momento, e mentres observamos impotentes a catarata de papel, o brazo que se ocupaba do maletín e a gabardina disténdese ìnvoluntariamente e esta cae tamén ao chan ao ficar sen a suxección que lle proporcionaba a dobrez do membro. Ceibamos o maletín e, procurando sublimar a impotencia coa emisión en alta voz dunha imprecación ou malsoancia feísima, contemplamos o desastre: a bolsa do gadis que, relaxada a súa materia plástica ao ser pousada, derramou os tomates que non quixemos meter nunha bolsa máis pequena; a gabardina que, mala sorte, foi caer a un pequeño charco de lama e auga sucia (claro, chove tanto!); o maletín e… un abigarrado grupo de catálogos impresos e follas voandeiras, de diversas vitolas, formatos e grosores: de lidl, de hipercor, dunha ferretería local, outro dunha floristería, a pegatina co móbil dun gatichaves polivalente, a folla parroquial con información da coresma, un catálogo de pizzas con apetitosas fotos… Tras unha reorganización loxística de urxencia, destinada á recollida de materiais tan heteroxéneos, todo rematará no corbe dos papeis sen abrírense sequera.
Spam.
Internet, que non é máis ca o trasunto do mundo real encadrado no bastidor dun monitor, é, como a caixa do correo, un prolífico produtor de lixo, ou por usar do anglicismo que xa é noso (benvido!), spam. Sobre a miña reflexión anterior, é posible que chegue o día no que tamén un CSI de perspicacia sherlockholmesiana tire de nós un perfil persoal axustadísimo a partir do spam que vai parar á papeleira das nosas contas de correo electrónico. O que si é xa unha realidade é a cantidade tremenda de mails que convertemos en lixo sen os mirar (e mesmo os que xa os antispam eliminan antes sequera de vérmolos). Unha análise superficial deste material prematuramente inutilizado non deixa de resultar curiosa e, supoño, reveladora. O que segue é unha antoloxía ocasional dos subjects ou asuntos dos mails recibidos ultimamente nunha das miñas contas de correo:

Promoción paraguas automáticos
***SPAM*** Cómase su logo
New literaturnye paniatniki volume
***SPAM*** Publicidad! Que vea cuanto la amas
Camisetas y toallas comprimidas
Enlarge your penis! Magical
Celebra San Valentín con una pata negra
***SPAM***Novas descobertas sobre o velho papa da Igreja católica
***SPAM***100% de descuento por el Mes del Amor. Aproveche!
Festa do Autocolante
-Corrzh34fsección de texZsw”@tos
***SPAM***De extrema importancia importancia
***SPAM***Conquistala con una chifa!
Javier, defiende los derechos de la infancia
Bush’s $ 2.9 trillion
From Miriam Abacha.
Viagra Cialis Promotion
The of Satanic
Promoción manta polar
***SPAM***John Howard survived a heart attack
Camillas y sillas de masaje. Consiga la mejor

Haberá que ir pensando en reciclaxe selectivo do spam, con containers diferenciados: alargamento do pene, negocios millonarios dende África, fármacos milagrosos, política internacional, promociones comerciais...
¡Que cosas se ven, don Pero! ¡Que cosas se ven, don Nuño!