18.3.07

Primavera. Obras nas pistas. A toute à l'heure!

Primavera. O aire cheira doutra maneira. A luz é máis viva. O mundo énchese de cor. O rechouchío dos paxaros anuncia o gozoso renacer de nai natura. No meu matinal paseo dominical (sobre a distribución destes dous adxectivos arredor do substantivo teño as miñas dúbidas, pero creo que matinal paseo dominical é a mellor) levo nos oídos do subconsciente ―eses que marmuran teimudos unha melodía sen nós querérmolo― o allegro do primeiro movemento da 6ª de Beethoven (algún día terei que falar do xordo de Bonn, propietario dun xenio desmedido). E así, ao chegarmos ao campo, espertan os máis apacibles sentimentos.
Como apuntamento marxinal, observo un inusitado movemento de obras públicas nas pistas do concello: novas capas de rodadura, ensanchamento de viais, e iso que definimos co verbo, tan noso, tan enxebre, de rebachear. Moreas de grava miúda por onde queira, apisonadoras, máquinas de asfaltar… Alguén comentoume o outro día que as empresas non dan feito a contratas. Andan a tope. Chega a data de amosar aos veciños o moito que se traballa a prol do seu benestar. En fin. O país dos ananos chamoulle Celso Emilio.
Aproveito para anunciar unha desconexión técnica deste blog por uns catro ou cinco días. Non se me vaian! A toute à l'heure!

3 comentarios:

Anónimo dijo...

O da Primavera está ben, pero hoxe voltou o inverno.
En canto ao asfaltado, como o ves? No pobo onde eu vivía vin como metían unha pala para facer un paseo no 1996 (eleccións xerais) e movían algo de terra. Pasadas as eleccións alí quedou a máquina un par de meses, parada, entre a lama. Despois sacárona e até maio do 1999 (eleccións municipais) non inauguraron o kilómetro escaso de paseo feito nos catro meses anteriores. O señor alcalde gañou a absoluta.
Tamén alí, no 1996, asfaltaron a pista diante da miña casa: cando saín o domingo a votar, o asfalto inda botaba fume. Tal cal, amigo Juan.

Anónimo dijo...

Non pasa de quince días que caeron pola Sagrada - Codeseda (A Estrada) unha excavadora, un alcalde, un concelleiro, un xornalista e un fotógrafo. Viñan, disque, inaugarar as obras para dotar a aldea de beirarrúas. Non entro en se tales adiantos son convenientes ou non nos núcleos rurais. Rematado o acto e feitas as fotos para o xornal, cada un marchou por onde veu: o alcalde e o concelleiro, imaxino, a inaugurar outras cousas, os veciños, o xornalista e o fotógrafo ás súas angueiras, e a escavadora ninguén o sabe.
Hai uns días vin ao alcalde comentando o caso na televisión local (outra xoia!). Dixo: "a semana que vén empezarán -AGORA EN SERIO -, as obras das beirarrúas de Codeseda". Polo menos é sincero o alcalde.

Unha aperta, querido Xoán. Aquí te agardamos.

juan l. blanco valdés dijo...

Sobre o descaro pre-electoral destes politicastros nosos hai un anecdotario infinito. Contábame un andaluz residenciado en Negreira, moi simpático, ceceante e zumbón, que pouco antes das últimas eleccións autonómicas, as que xubilaron a Fraja, co gallo dunha inauguración oficial dun paseo/pavillón/piscina... non lembro exactamente que, chegaron uns fulanos nunhas furgonetas un par de horas antes do acto e puxeron unhas arboriñas (liquidámbars, aligustres ou dese estilo) nuns buratos xa previstos para o caso. Celebrouse o acto; falou Fraja, falou o alcalde, houbo jaitas, viño e empanada, deuse o choio por inaugurado... e os mesmos tipos da furjoneta colleron as arboriñas, co cepellón tal como foron metidas nos buratos, cargáronas de novo no vehículo e hala! a outra inauguración.
É un páis que un non sabe se rir se chorar se as dúas cousas.
Saúdos.