30.7.09

Estridencias


Falaba eu de voces no último post. Teimando no asunto, podo dar fe de que oír a Esperanza Aguirre cantando cumpleaños feliz é unha das experiencias máis traumáticas dos meus últimos anos. A cousa leva camiño de converterse nun deses elementos recorrentes e obsesivos dos pesadelos. Aínda estou estremecido.

27.7.09

A voz de Galicia

Unha boa amiga, de nación aragonesa pero galeguísima de adopción, opina que a voz dos galegos (por unha vez, non galegos e galegas, senón galegos,varóns e a moita honra) é a máis modulada e fermosa dos países hispánicos. Opinión certamente sorprendente, que mesmo pode soar a boutade, pero que ela defende con ardor e todo convencemento, achegando incluso o nome do galego coa voz máis sonora, baril e aínda sensual, nome que, por lóxicas razóns, non vou eu desvelar aquí. Con todo o discutible, eventualmente esaxerado e matizable que sexa o parecer da miña boa amiga, o seu fundamento faime reflexionar sobre o enorme poder que a nosa voz exerce, como un complemento fulcral da nosa personalidade. Hai quen se fixa nas mans, hai quen nos beizos, hai quen no... pero a ninguén lle pasa desapercibida a voz das persoas con quen nos relacionamos. Eu mesmo teño imaxinado a voz de moitos amigos deste local, de quen, fóra o nome (real ou de plume) e o teor das súas opinións, nada sei. Por iso, e como aditamento importante, cando tiven oportunidade incluín un enlace á miña propia voz, da que -descúlpeseme a inmodestia- teño recibido máis dun piropo. Tonterías a frivolidades á parte, nun oficio coma o meu, no que se raja sen pausa, e onde, de costume, de cada dez conversas telefónicas, en cinco casos non hai un coñecemento persoal do interlocutor, son plenamente consciente do valor da voz e a dialéctica oral e podo dicir, sen restricións, que a maior porcentaxe de éxito dunha xestión telefónica depende do convencemento e rigor que a nosa voz e a nosa dialéctica sexan quen de transmitir. Cantas veces non nos ten desilusionado coñecer a unha persoa de quen tiñamos unha idea preconcibida a través da súa voz! E cantas outras pensamos o pouco que acompaña a voz a unha persoa de físico agraciado! E cantas máis comprobamos o encantado que está de oírse un tipo ou tipa que o maior favor que podía facer ao mundo era calar!

23.7.09

20.07.69

Espertar sobresaltado é unha das experiencias máis antipáticas polas que pode pasar un ser humano. Saír violentamente expulsado da placidez da inconsciencia e recuperar sen transición nin alternativa o control do aburrido mundo real representa un trauma, pequeno e que axiña pasa pero odioso no momento en que se vive.
Na noite do 20 de xullo de 1969, este menda, na altura meniño de nove anos, durmía a cachón na exigua litera da ala dereita do primeiro barracón á esquerda -segundo se mira dende a entrada principal- do campamento da Organización Juvenil Española (OJE) "Paco Leis" sito na praia das Sinas (Vilanova de Arosa). Os campamentos da OJE eran a solución da España dos sesenta para moitas familias que non tiñan outros medios de mandar de veraneo aos fillos. En troques, buscábase, torpemente, gañar a estes para a causa daquel fascismo, pobre e subdesenvolvido como o viño COES, que a historia chamou franquismo. O caso é que contra as dúas da mañán, os barracóns de todo o campamento anegáronse cos ecos de voces destemperadas que berraban ¡¡Fuego, fuego, que arde el campamento, fuera, fuera de las camas, al mástil, todos al mástil, fuego!! Nin que dicir ten que toda a cativallada do campamento, présa do máis desagradable sobresalto, saltamos a escape das camas, e cada quen como puido, fardouse do que tiña a man e saímos para o campo de grava miúda, no centro do cal estaba o mástil, coas tres bandeiras nacionalcatólicas (a nacional, a de Falange e a do Requeté) arriadas por ser de noite. Contra o fatal prognóstico dos berros que tan desabridamente nos largaran da cama, todos nos estrañamos de non ver lapas nin cheirar a fume. Axiña, un grupo de mandos, con aquela fachenda e etílica chulería propia dos mequetrefes que miden a súa hombría con meniños inocentes, anunciaron que non había lume, pero que era o único xeito de nos botar da cama porque a noite o merecía. Leváronnos a todos ao enorme comedor onde había unha diminuta televisión en branco e negro. E alí, sentados nos bancos e loitando contra o sono, entrevimos confusamente no pequeno receptor de antenas de corno unhas imaxes borrosas e oímos unhas voces metálicas nun estraño idioma, que a maioría non eramos quen de interpretar. Logo, antes do que parecía o momento culminante, se nos revelou o segredo: o home ía pisar a lúa por vez primeira na historia.
De volta para o barracón, respirando o ar agre e salgado do fondo da ría de Arosa, unha suave noite de xullo, un cativo de nove anos ergueu a vista, entornando moito as pálpebras, e mirou para o disco prateado intentando descubrir desesperadamente a nave dos americanos ou algún astronauta pegando ingrávidos saltos, como os que pegaban Tintín e os irmáns Hernández e Fernández en Aterrizaje en la luna.

20.7.09

O asunto

Un asunto. Velaí a cuestión. Un asunto. Todo escritor busca un asunto. O poeta, un asunto o suficientemente lírico e inspirador para que fermosear as palabras sexa algo máis ca un exercicio van de mera técnica, pois a técnica sen musa é como a laranxa sen zume. O novelista, un asunto sobre o que montar unha boa trama, pois, se a trama é a xeito de bastidor onde tecer a historia, o asunto é o alento que move todo. Que é un novelista sen asunto? Pois é un profesor sen alumnos, un conferenciante sen auditorio, un funcionario sen periódico, un futbolista sen seareiros, un pijo sen lacoste. Xa quixera eu atopar un bo asunto para unha novela, pois non crean que, malia os meus anos, desboto dar a campanada un ano destes, descolgándome cun novelón deses que arden tres nun candil! Técnica narrativa, penso que entre o moito que levo lido e o moito que levo escrito, non me ha faltar: trúfase un diálogo por aquí; métese algo de acción por alá; unha panorámica; un punto de vista axeitado, sen abusar da omnisciencia que é cousa que abafa; unha analepse ou flash-back que distraia da aridez eventual da narración; unha administración prudente, no seu caso, da polifonía, da anagnórese... pan comido. Pero o asunto... Ai, o asunto! De que escribir, esa é a cuestión. Se non teño nin asunto para un post desta indefensa bitácora (e converto a falta de asunto no asunto do post), que direi dunha novela! De ónde sacará tanto bendito novelista asuntos para as súas novelas! Porque deixen que a min me custa, demonio! Busco e rebusco; poño en valor -que é como hoxe se di- os meus recordos, relembrando ata os tipos máis atrabiliarios que teño atopado, os pasos máis pouco comúns e aínda bizarros da miña existencia, e nada, non atopo nada que mereza ser novelado. Será que son moi esixente e que outros, con moito menos, gañan un premio e aínda dous? Será que, ao presente, en van pretendemos saír do illó de mediocridade no que nos movemos e xa non hai, como antes se dicía, vidas de novela? Chi lo sà!
Por certo, acéptanse ideas e suxestións. Se a cousa pita e fago millóns en anticipos e royaltis internacionais, prometo irmos a paches.

13.7.09

De tempestate

Vimos de publicar un excelente e amenísimo libro sobre o xeito en que nos ven os franceses aos galegos durante case dez séculos de convivencias. Estas visións poden adquir acenos sorprendentes. Unha amiga contábame que o que máis che chamaba a atención a un seu amigo francés, coñecido de moitos anos de trato, era que os españois sempre semellaba termos problemas e desencontros coas chaves: que se as chaves da casa as levo eu e despois ti quedas sen elas; que se chas deixei a ti, estou seguro e como demo é que agora me dis que non as tes... e por aí. Ora, teño para min que unha das cousas nas que os estranxeiros que nos tratan máis deben coincidir é na nosa obsesiva e nacional teima co tempo. Alertábame no particular un vello camarada de nación tedesca, de Heidelberg -fermosa e romántica cidade, por certo- hai ben anos. Non hai galego, por paciente e de bo conformar que sexa, que non se queixe do tempo. Botamos a vida mirando o ceo, tentando infrutuosamente penetrar nos caprichosos arcanos da meteoroloxía, aínda que, como en tantas cousas, o misterio e a ilusión do que virá pérdense ante a fría e aséptica exactitude da técnica. Agora, trocamos expresións cheas de engado e indefinición (non sei se non quererá chover) por outras, se máis contundentes, non por iso exentas de espírito enxebre (dá chuvia para mañán; dá bo ata o xoves: eu sempre me pregunto quen será o suxeito innominado dese : Meteogalicia? a G? o xornal? Deus? un remexido de todos eles?).
En van agardamos verán tras verán que o bendito anticiclón (o mellor que teñen os Azores, sen dúbida) estea quietiño entre xullo e agosto, cando menos. Pero éche como esperar a Godot. Botámoslle a culpa ao cambio climático e cremos lembrar que antes os veráns eran máis estables e as estacións eran como tiñan que ser. Pamemas e farrapos de gaita. Nun interesante artigo que o meu bo amigo Juan Andrés Fernández Castro, curioso e infatigable investigador, publica no volume 5 (2002) da miscelánea de cultura e historia da Estrada sobre a mortalidade de 1769 na freguesía estradense de Ouzande, veciña da vila, faise referencia, por documentos da época, ás condicións climáticas que condicionaron a extensión da variola, tifus, disenterías, enterites, difteria e tuberculose que atacaron sen misericordia aquela indefensa e infeliz poboación: ocho meses ha que en este país no se ha visto el sol, pudriéndose los frutos en la tierra (...) las continuas lluvias del verano de 1768 arruinaron la casi totalidad del sembradío de trigo y centeno (...) la continuada intemperie de las estaciones en el ano pasado de 1768 arruinaron la mitad de la cosecha y produjeron en la atmósfera densos y perniciosos vapores...
Hoxe, contra o destino dos infelices servos da gleba daqueles escuros tempos, os peores efectos que pode ter a adversa meteoroloxía estival é arruinarnos as ferias. Iso que levamos gañado.

8.7.09

Nobody is perfect... Are you sure?

A descomunalidade verbal ou, en termos técnicos, o desparrame dialéctico é algo, supoño, inherente á nosa condición latina (pois, na verdade, o elemento céltico -quitada a afección balompédica tan cara ao bo amigo Brétemas- debe ser no noso sangue algo residual). Á nosa condición latina e a unha nomeada tendencia a trocar humildade por ostentación, realismo por delirio. Lembro a certo ex-inquilino de Monte Pío que comparou a nosa nunca ben ponderada Cidade da Cultura coa Tate Gallery londinense. Xa falei eu disto, traendo a colación aqueles Beatles de Cádiz, que eran unha banda de mataos.
Falar de xeito complexo e pensar de forma simple é algo que hoxe se estila, especialmente nos responsables de botar a andar calquera novidade. Na documentación entregada polo equipo docente de certo curso que estes días realizo, encamiñado a fin máis ben modesto e relativamente intrascendente, atopo un inventario de esixencias autenticamente fastuoso. Tras uns apuntamentos acerca das habelencias informáticas do cursista, o documento indica (ad pedem litterae):
Tan importantes (sic) o más que estos conocimientos será poseer una relación de destrezas y actitudes generales de especial interés en momentos de cambio tales como:
-Poseer curiosidad por conocer y experimentar nuevas cosas

-Ser creativo y original

-Apreciar el trabajo en equipo (y disfrutar con ello)

-Poseer una comunicación fluida en entornos virtuales

-Valorar el orden y la estructura

-Ser paciente y perseverante con los problemas

-Valorar las ventajas que ofrece la informática

-Desenvolverse con soltura en espacios informáticos

-Estar abierto a los cambios

-Ser capaz de adquirir compromisos y responsabilidades

-Ser capaz de cumplir con las responsabilidades adquiridas

Casi ná. Eu mesmo, sen ir máis lonxe.

5.7.09

Doktor Faust

A natural tendencia humana ao absoluto -tan cara, literariamente, a Borges- atopa unha manifestación insuperable nas placas metálicas que a NASA instala nas naves de exploración estelar por se acaso se dá a continxencia de que as atope algún ente de vida intelixente. A representación icónica dun ser humano masculino e outro feminino, unha man aberta, algúns caracteres alfanuméricos constitúen a mensaxe desa sofisticada e hipertecnolóxica botella galáctica, que resumen a nosa condición biolóxica.
Imaxinen que, no canto dunha placa de información sintética, os sabios da axencia espacial, persuadidos do enorme nivel intelectual dos extraterrestres receptores, decidisen que ían aloxar dentro da nave un libro, como mensaxe testemuñal e máis complexa da vida humana, das súas preguntas e buscas esenciais, das súas máis importantes dúbidas, grandezas e insuficiencias. Ocórrenseme algúns magníficos candidatos: Hamlet, Robinson Crusoe ou Ensaio sobre a cegueira poderían, desde logo, representarnos con todo merecemento. Pero, por riba de todos os que, cando menos a min, se me puideran ocorrer, estaría, sen dúbida, Fausto de Goethe.
Nunha conversa do poeta en 1830 co seu amigo e logo albacea literario, Johann Peter Eckermann, o autor afirma: Fausto é un tema inconmensurable e vans serán os esforzos do enxeño para o penetrar de todo. Fausto é un monumento á condición humana. Goethe dirixiu todo o seu estro -un sólido estro reforzado por unha cultura ilimitada- á contradición eterna e universal do home: a morte, como finalización da vida, dualidade que é a nai de todas: o ben e o mal, a busca obsesiva do coñecemento, os estragos do tempo. O poeta desenvolve unha saga definitiva na que implicou a filosofía, a teoloxía, a historia, a mitoloxía, a cultura clásica, e aínda, a maxia e a alquimia. Fausto non é lectura doada; é máis, é un texto difícil, árido e moitas veces incompleto se non se conta cunha edición convenientemente anotada, pero, en todo caso, apaixonante e sublime. Subxectivamente, Fausto representa un universo literario dunha riqueza que, simplemente, acomplexa. Nunca sucumbiu vostede á sedución de preguntarse en que época da historia lle gustaría ter vivido? Todas teñen o seu atractivo, supoño, pero a Ilustración ten moito de Arcadia do saber, unha época na que, como colosos, se erguían espíritos que portaban fachos sempre acesos e que aínda despois de tanto tempo nos alumean cunha luz que cega.

1.7.09

Heroe /vs/ metrosexual

Nunca disimulei a miña admiración fervorosa pola obra de Tolkien no seu conxunto, e moi especialmente pola triloxía d'O Señor dos aneis, obra da que, co meu fillo maior -a quen, supoño, de xeito case xenético transmitín o gusto- profeso sermos eruditos. Da primeira parte, sempre gustei dun xeito especial do treito, dos máis épicos de toda a saga, en que o fillo maior do senescal de Gondor, Boromir, falece asaeteado polos temibles uruk-hai, metade homes, metade orcos, en Amon Hen, defendendo ata a morte os medianos curmáns de Frodo. Na peli de Jackson (pasará, sen dúbida algunha, aos postos cimeiros da historia do cine), xa no estertor final, Boromir (inmenso Sean Bean) -ata aquel momento orgulloso e suspicaz con Trancos, o futuro rei Aragorn-, colle o brazo deste e, cun fío de voz, lle confesa:
-Siempre creí en ti... mi señor... mi capitán -e, coa voz, quebrada, nun esforzo final-... mi rey.
Nunca -creo lembrar- unha escena emocionoume tanto no cine: confeso, sen absurdos pudores, que os ollos se me encheron de bágoas conmovido pola nobreza e sentido profundamente épico da escena. Hoxe non hai unha épica, e os heroes son de vitola ben distinta.
A tal respecto, a anciá nai dunha miña amiga consolaba a solteiría desta esta asegurándolle, con ese dativo ético o de interés tan enxebre:
-Mira, hija mía, déjate, que estás muy bien soltera. Hoy los hombres te están muy estropeados.
Dende logo, a distancia que separa o heroe medieval dun cantar de xesta ou edda nórdico e un varón metrosexual do século XXI é un auténtico abismo, e fai boa a opinión da señora suprascrita. Con motivo de certo libro, referíame eu hai un tempo á guerra como práctica na que alicerzaba a estrutura da sociedade ata as primeiras luces do Renacemento, cando menos. Tamén nun magnífico libro, que atopo no sancta sanctorum bibliográfico do avó, atopo un capítulo especificamente dedicado ás características do heroe. Este libro, de eufónico e suxestivo título, é Ideales de la Edad Media. Vida de los héroes, por el Dr. Valdemar Vedel, profesor de la Universidad de Copenhague. Con 8 láminas. Traducido del alemán por Manuel Sánchez Sarto, Licenciado en Derecho y Filosofía y Letras, Editorial Labor, S. A., Barcelona-Buenos Aires, 1925.
É magoa que as dimensións desexables dun post non me permitan copiar todo o capítulo dedicado ao heroe, que logo se me acusa (con moita razón) de prolixo. Non resisto, porén, reproducir algún treito, co que, se non se me entende mal, querería reivindicar un certo senso de virilidade (ou é que non se reivindica a feminidade?):

Todo en el aspecto del héroe revela virilidad y recuerda la vida guerrera. Manos ásperas, llenas de cicatrices, manchadas de sangre sientan mejor a un hombre que aquellas que son delicadas y blancas, porque fueron siempre enguantadas. El color de la tez no debe ser pálido y suave sino de un rojo violento. La anchura de las cejas, así como la distancia entre los ojos, se tiene muy en cuenta, especialmente por las mujeres. Gran importancia concédese también al cabello. Su abundancia es siempre un signo patente de fortaleza y el cabello largo que cae hasta los hombros es el símbolo del hombre libre en oposición al esclavo, esquilado como un perro. En el hombre el vigor físico se hace objeto del mayor aprecio. En su forma primitiva, el héroe es el hombre salvaje, forzudo. Las leyendas y fábulas de todos los países divinizan esta cualidad que le permite salir triunfante de toda clase de pruebas y lo hace incansable perseguidor de mujeres, burlándose de sus enemigos por no dejar a estas satisfechas. El héroe irlandés Cuchulain mataba, de niño, toros salvajes y, de joven , seducía a todas las mujeres del Ulster, hasta que, finalmente, los maridos, para procurarse la paz doméstica, decidieron reunirse y buscarle una esposa.

Magnífica, e moi flemática, solución, por Xúpiter.
Juventus mundi!
Iso eran homes e non o de agora: en efecto, te estamos muy estropeados.

28.6.09

Ex toto corde

Veño de recibir, supoño que como todos os contribuíntes -algúns, mesmo, asiduos destas páxinas-, o libro homenaxe a Marcos Valcárcel: Marcos Valcárcel. O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos. O primeiro que teño de dicir é que este non é libro en agraz e que me gustaría que non existise. Un libro homenaxe a Marcos -inevitable como o outono tras o verán- debería tributárselle cando fose un ancián sabio e venerable, non agora. Agora Marcos é sabio e venerable -debeu nacer sabio e venerable- pero non é un ancián. É un home na flor da vida a quen os amigos tributan un agasallo prematuro en forma de libro -que outra forma podería ter?- transidos todos eles do desexo de que tal libro, e a circunstancia que o motiva, non existise. Nada hai que engadir. Quen coñece a fin de todos os camiños?
O segundo que teño que dicir é que concordo especialmente co parecer dos editores cando, na presentación, destacan que Marcos non é da tribo dos que recorren permanentemente á mantra estéril das perifrasis modais de obriga (hai que, había que, tiñan que), tribo abundantísima por estes pagos e especialmente representativa no circuíto da cultura patria. Marcos non badúa nin se pon para a foto: Marcos traballa, leva facéndoo toda a vida, e, como toda persoa de talla, ignora que é a vaidade.
O libro en canto obxecto e produto editorial merece todos os meus parabéns. Se acaso, un, que é moi amigo do minimalismo e a discreción, botaría en falta terlle concedido menos protagonismo ao libro en si. Quero dicir que o abigarramento tipográfico e a implícita proclama de obsesiva innovación editorial e de deseño de que o libro fai gala amingua, ao meu modo de ver, o protagonismo dos textos en canto contidos. En fin, son críticas menores dun cascarrabias.
Verbo das contribucións e os seus autores supoño que podemos falar dun livre témoin. Estamos diante dun volume que reúne -o meu excluído, claro- todos os nomes que en 2009 representan algo na cultura de Galicia. Vendo, no conxunto, a miña humilde achega, percibo, con todo, unha sensación particular, e naturalmente subxectiva, de alleamento. Pero este é outro cantar. O afecto fai parte, ao cabo, das cousas nobres, esas que nos elevan por riba das diferenzas.
Parabéns sinceros para todos os que fixeron posible este fermosísimo testemuño de amizade.

26.6.09

Momentos de gloria

A peaxe que é inevitable pagarmos pola globalización da aldea na que habitamos e a estandarización das nosas vidas e rutinas cotiás é o anonimato. A ninguén lle gusta ser por completo anónimo. Hai, mesmo, a quen o anonimato lle resulta insoportable. Aí teñen a Andrés Pajares que é capaz das cousas máis raras por seguir alimentando o cuxé. Porque todo o mundo, xa máis nutrido, xa máis escuálido, ten o seu ego, e busca os seus momentos de gloria. Esta busca pode revestir as máis peregrinas formas. Pulsaba eu o outro día, con asombro, a ansiedade, carraxe e mesmo angustia da oínte dun programa vespertino de Radio Voz -que comanda unha muller coa voz fría e aséptica das dominatrices sm e das tradutoras simultáneas- ao que a xente chama pedindo cancións para llas adicar aos amigos e parentes. Esta oínte sentíase atroz e desproporcionadamente ofendida pois a súa petición, segundo ela, non fora atendida no día e hora acordados. Oír o seu nome pola radio constituía, sen dúbida, o seu momento de gloria e alguén -o malfado, o destino, ese fillo de puta- o impediu.
Disque de toda reunión o noventa por cento é lixo. As reunións das comunidades de veciños e as de P.O.D. de establecementos docentes son un laboratorio onde se pode con toda fidelidade experimentar ese aserto. Tamén son territorios onde moitos buscan o seu momento de gloria, que, polas razóns que sexa, teñen vedado doutro xeito. Falan e badúan, aburren e resultan repunantes emitindo opinións absurdas, afirmando obviedades coa expresión triunfal de quen cre estar emitindo un principio universal, encantados de coñecerse e, sobre todo, de oírse. Momentos de gloria.
Eu, unha mañá escura de inverno, indo en coche de cara ao traballo, e como queira que aquela escuridade me trouxo á cabeza a agonía de Goethe, preguntei á miña acompañante se coñecía as famosas palabras que o gran literato alemán pronunciou no póstrer hálito. Para compensar a rudeza dos primeiros compases dunha nova xornada laboral, buscaba eu tamén o meu momento de gloria, esa impagable sensación de sabérmonos capaces de estremecer alguén premendo na tecla da máis sublime sensibilidade. A miña acompañante, entre bocexos, dixo:
-Siento dejar este mundo sin probar pipas Facundo.
É xusto aí cando un pensa que, por veces, a vida é un fardo gris que ninguén quere.

23.6.09

...a sardiña molla o pan

Xa glosei noutra ocasión a nobre e antiquísima arte dos graffiti. Nunha pintada antolóxica con que alguén tivo a ben gravar as paredes da Facultade de Psicoloxía compostelá explicítase unha consigna sospeitosamente paradoxal coa materia que se profesa ensinar en tal establecemento: Pensar non doe! Moi en troques, creo eu que pensar si doe, ou, cando menos produce, o uso abusivo das facultades intelectivas, un cansazo mental que, como o corpo con gripe, pide á nosa maltreita psique repouso, afastamento, consomés suaviños e tisanas psicolóxicas. Como xa reflectía o post anterior, unha extraordinaria actividade intelectual, derivada de esixencias profesionais excepcionais, teñen postrado as miñas, de seu exiguas, capacidades ao punto de convertelas nun mal engendro, en el que apenas hay aliento vital ni un átomo de inteligencia, tal e como crónicas e mamotretos debuxan a figura daquel malfadado monarca Carlos II, o rey pasmao da sabia voz popular, que tan ben retratou Torrente.
Acumulo, nestes días, unha gran débeda de pensamento e imaxinación con estas páxinas, que non sei se serei quen de abonar. De por parte, non perdo a esperanza.
Pero deixémonos de lerias e gocemos do fiandón neste serán de solsticio que pouco e pouco camiña cara á noite. Lumes e fumes, trangallada, viño a varrer, cachelas ou lumeiros, maxia e atávica excitación, sardiñas e chourizos criollos. Meu pai, en paz estea, con enorme ledicia facía as tardiñas de tal día coma hoxe a auga de San Xoán; nunha jofaina mesturaba herbas e flores de olor, para nos lavarmos na mañá do 24. Dicía el que era por purificarnos. Sería.

19.6.09

Out for work

Prezado blog:
Ultimamente téñoche un chisco abandonado por andar nos tráfagos que nos impoñen os moitos compromisos. Xa sabes o que dicía aquel picarón de Voltaire (e vasme perdoar la pédanterie de falarche en gabacho, que eu sei que ti es un blog moi aberto e internacional e non precisas de enquisas lingüísticas): à force de s'occuper des choses urgentes, on oublie les choses essentielles. Ti, querido blog, como os bos amigos e as amantes tórridas, para min es esencial, nunca urxente.

14.6.09

Unha ficción

As connivencias de música e pensamento poden ser extraordinariamente suxestivas. Non sei se produtivas tamén (teño para min que si), pero, dende logo, suxestivas. Mentres escoito Timewind, do estratosférico e wagneriano líder de Tangerine Dream Klaus Schulze -obra que é para min máis un totem ca un mero vinilo-, lembro algo que un amigo me dixo hai uns días. Viu -ao mellor vostede tamén- un documental no que se formulaba a ficción -de corte francamente saramaguiana- de que unha hecatombe liquidaba a humanidade sobre a face do planeta. Así de simple. Dun día para o outro.
A fantasmagoría melódica de Schulze acáelle que nin anel ao dedo á idea, poética por desprovista de todo consolo, dun planeta baldeiro. As cidades, as fábricas, os zoolóxicos, os parques, os vales e montañas, as urbanizacións e aldeas, os barrios, os bancos das alamedas, as estradas e rúas, as universidades e escolas, os paseos e avenidas... Ruínas, unha inifinita soidade e ilimitada devastación.
Polo visto, tense calculado cantos meses durarían funcionando soas as centrais eléctricas ata o fallo total, que induciría sinerxias ignotas; canto tempo transcorriría ata que as estradas e autoestradas fosen devoradas polo mato. As ratas, que de costume son consideradas especie invencible pola súa impresionante capacidade de adaptación á adversidade, perecerían en brevísimo prazo, a punto tal dependen do lixo e os desperdicios humanos. Só os cans de fociño máis afiado (loxicamente mellor adaptados á caza, a súa actividade xerminal) sobrevivirían; en todo tipo de instalacións humanas abandonadas (fábricas, edificios) crearíanse novos ecosistemas con formas ata o momento descoñecidas de simbioses entre especies animais e vexetais.
Ollo pola fiestra. Mentres o inquietante monotono de Schulze, entre ventos e furias, vai rematando, o val da Amaía amósase vizoso, esplendente, fermosísimo neste solpor estival. Vaise atenuando a luz e nacen fías de brétema. As calvas do verdor de bosques e fragas están cheas de casiñas nas que habitan as penas e glorias, as miserias e as grandezas, as risas e os choros dos homes. Hai momentos de infinita levedade -falsa, perigosa- en que un sinte unha especie de amor global, de universal sentimento de afecto pola nosa propia condición.
El non será unha maldición pensar?

11.6.09

Gnothi seauton

Non é moi aplicable a este blog aquilo de quen moito fala, moito erra, pois, non se tratan nel de costume magnitudes obxectivas senón aspectos variados da vida e os libros nos que normalmente andan trufadas opinións, puntos de vista e visións subxectivas do seu autor. Quero dicir que, fronte a un dato, dunha opinión pode dicirse que é discutible, pouco atinada ou oportuna, pero non que é errada ou falsa, o que si se pode dicir do dato. A un blog si pode aplicarse unha variante do proverbio: quen moito fala, moito arrisca. E eu, que falo moito e meto o nariz alí onde non me chaman, sufro por veces os riscos, danos, sensabores e aínda disgustos que derivan do malentendemento e do trasacordo. Porque sucede que os textos son, para o seu autor, coma os fillos para os pais: un quixera que fosen como a el lle gustaría pero logo adquiren un a xeito de autonomía e vida propia e, onde menos se agarda, salen por peteneras e son interpretados do xeito exactamente contrario a como se desexaba. En fin, como dicimos en edición cando metemos a pata e algo sae mal: se non traballase, non tería cometido o fallo. As cousas malas (e, por ventura, as boas tamén) pasan, precisamente, cando se traballa e se fan cousas.
Tras un deses trasacordos aos que me refiro, un visitante desta casa, alentado, non me cabe dúbida, polo máis encomiable espírito de construtiva crítica, diríxeme en privado algunhas suxestións para a mellora deste local, sobre as que, por resultarme algunha delas sorprendente, quixera reflexionar brevemente. Suxíreme,en concreto, 1. Facer textos moito máis breves, 2. Ser menos anecdótico. 3. Evitar ser o gracioso da reunión e 4. Evitar querer agradar a todos.
Sobre o primeiro apuntamento, que podo dicir? Hai posts máis breves e outros máis longos. Se, por sistema, aceptara ser breve, estaría aceptando implicitamente que aos posts longos lles sobra a maior parte, e, modestamente, non o creo. Falo do que teño que falar nas dimensións que entendo xustas e procuro en liñas xerais fiar o discurso para que se siga con certa amenidade. Imaxinan vostedes que un novelista se propoña ser sistematicamente breve? Haberá novelas que lle saian de 150 páxinas e outras de 300. Pois a min pásame o mesmo.
As recomendacións segunda, terceira e cuarta atinxen directamente á natureza deste blog e á chispeante, inimitable e desparramada personalidade do seu autor. Dicir, na miña defensa, que en ningún momento quero ser o gracioso da reunión nin agradar a todos, pode soar a desculpa inútil. Está en todo o seu dereito o meu crítico a pensalo, claro. Pero, xa que sae o tema, déixenme dicir (e coincido nisto con el) que sendo, na miña opinión, moi boa parte dos blogs insoportablemente sesudos, soporíferos ou monotemáticos, anecdóticos, e por tanto baldeiros, ou abertamente verborreicos, eu intento dende estas páxinas ser todo o contrario (chist! dixen o intento): frivolón cando me peta, irónico, anecdótico (tomando a anécdota, sempre, como ilustración dunha idea ou argumento), sesudo en ocasións, adicto a certos temas (pero non vicioso deles), misceláneo, iconoclasta (dentro do respecto), pero -en contra ese espirito pasteleiro que o meu amigo me atribúe- crítico, mesmo acerbamente crítico, e defensor de posicións arriscadas cando a miña conciencia mo dita en moitos temas.
A fin e ao cabo, como calquera produto do intelecto, un blog é en boa medida o reflexo da alma do seu creador. E, coma esta, o reflexo pode ser brillante ou pálido, transparente ou opaco, estival ou de inverno, verde ou gris...

9.6.09

Pampín ou que facer coa relixión

Hai declaracións que un escoita ao chou e permanecen para sempre. A un meu amigo, en certa ocasión, sentinlle dicir que a el non lle preocupa a relixión da xente, senón o que a xente fai con ela. Eu, nun momento dado da miña existencia, non souben que facer coa miña relixión e, coma quen abandonda ―non sen certa mágoa e dor de corazón― un obxecto que, malia inservible, leva acompañándonos moito tempo, deixeime de batifundios místicos e colguei os exiguos hábitos cristiáns que ata entón vestira. Supoño que entrei en relixión, coma tanta xente, pola vía nacional-catolica da misa de doce, as clases do instituto impartidas polo cura, a catequese e a primeira comuñón. Lembro, de cativo, algo así coma arrautos de beatitude cando saía do confesionario coa alma limpa despois de envorcar ante o crego o lixo da conciencia. Como pecador confeso, era un dun nominalismo atroz: á pregunta regulamentaria do sacerdote, qué pecaditos tienes, eu largaba un inventario literal de venablos: digo coño, carajo, mamón, merdento, gilipollas, vete a la mierda, vete a rascar el culo, vai á merda
Logo, na tontolescencia, viñeron, por vía dun cura rojo ―hoxe grande amigo― as misas de xuventude: moito Kumbayá, señor, Kumbayá; Venceremos nós e De que color es la piel de Dios, perante a crítica feroz da boa sociedade da vila que vía en nós un perigoso grupo de levantiscos. Aínda a lombos daquel prodixioso exercicio de mixtificación hortera que foi Jesuschrist Superstar e a melodía monocorde de My Sweet Lord de George Harrison (en paz estea), subiume a temperatura extática e andaba todo o día cun Novo Testamento de tapas verdes que me costara dez pesetas no peto traseiro do jean, botando man del a cada tanto para atopar conforto na áspera singradura da vida. Pura filfa. A vida aos dezasete anos era para min calquera cousa menos unha áspera singradura.
Con todo, antes do abandono definitivo, houbo un repunte. En sexto de bacharelato, o primeiro día de clase de relixión entrou un home novo, moi novo, de voz afrautada, delgadiño e pouca cousa el, de pelo curto, gafas de pasta e o traxe gris de paisano característico dos sacerdotes progres. Falaba galego, un galego fermoso e sonoro, repousado e ben construído. E non falou do pobo de Israel, nin do mes da flores nin dos exercicios espirituais, nin do horrible pecado que é o vicio solitario: falou da urdime (sempre lembrarei esa palabra na súa boca) que é o home, do complexísimo conxunto de factores, circunstancias, relacións e situacións que conforman a humana existencia. E falou dun libro que eu lembraba ter na casa, da biblioteca do vello galeguista que era meu pai, Mito e realidade da terra nai. E mencionou a Sartre, Heidegger e Camus e non rebatiu falar de Marx cando alguén o provocou. Aquel home, de trato suave, que sabía escoitar, que incitaba de xeito impercetiblemente irresistible ao diálogo e a serea reflexión, chamábase Xosé Manuel Rodríguez Pampín, Pampín para os amigos. Comigo estivo a piques de conseguilo, de levarme á súa banda do Tíber, pero ao cabo púidome o lado escuro da forza. Ou talvez troquei, como tantos, un repertorio ideolóxico (o cristianismo) por outro (o comunismo). Fun moi amigo de Pampín e, ao que partín para a facultade, propinoume unha aperta chea de agarimo e sincera lealdade.
No volume XI dos Cadernos Ramón Piñeiro, que publica un interesante epistolario deste, inclúese unha carta de Pampín a Piñeiro escrita en 1975 (por ese ano debeu marchar ao Instituto da Estrada) cun título que me fixo sorrir e lembrar a enorme humanidade, simpatía e dozura de Pampín: Carta a don Ramón Piñeiro falándolle do humor e outros asuntos que nos aqueixan, tal como pode facelo un teólogo de oficio. Pola breve semblanza biográfica que o volume inclúe entérome de que faleceu moi novo, en 1997 aos 56 anos; maxia dos libros que, coma mensaxes en pomba, traénnos novas de xentes distantes. Agardo esperanzado que Pampín comparta a benaventuranza de estar en compaña do Deus no que tan honesta e afectuosamente creu.

7.6.09

Pincelada

Tarde de xuño. Chove e brúa o vento. O camiño é longo, longas as horas e os pasares, longa a lonxanía que nunca se aproxima. Soa a intervalos, lúgubre, a campá da parroquia convocando os vivos a velaren alguén que parte. E hai no tanxer triste do bronce, nas ondas que levan paseniño e lonxe o agoiro, algo intemporal, de terra veneranda, insondable como a pedra ríspida da igrexa, o regusto de todo o silandeiro, como a cerna dos carballos e o rumor da aldea.

6.6.09

Vini, vidi: vinci?

Publicado hai uns días en Infolibro.org:
El director general de la División de Librerías del Grupo Planeta, Jesús Badenes, se mostró ayer convencido de que el libro electrónico estará ya implantado en España "dentro de veinte años" y, aunque no desplazará al de papel, sí será "mayoritario" en algunas líneas editoriales. "El libro electrónico está aquí para quedarse", afirmó Badenes en la segunda de las jornadas dedicadas al libro digital, que tuvo lugar en la Feria del Libro de Madrid y en el que la mayoría de los participantes coincidieron en reclamar "un esfuerzo coordinado" ante el reto que supone la edición digital. Por otro lado, Guillermo Altares, director del suplemento literario "Babelia" del diario "El País", calificó de "esfuerzo absurdo el tratar de impedir" que el e-book no esté presente en la Feria del Libro de Madrid.
En efecto, negarlle a butaca ao e-book na Feira do Libro de Madrid é querer poñerlle valados ao vento. Claro que chegou para quedarse. Pero o que aínda non sei é en que termos. Tal e como evolúen hoxe este xénero de innovacións, dende o nacemento comercial dos dispositivos con tecnoloxía e-paper e e-ink, Kindle, iLiad, Papyre ou Sony Reader tiveron tempo abondo para seren acollidos socialmente cunha unanimidade e entusiasmo moito meirandes do que as súas cifras de venda parecen reflectir nos países cultos. Penso que a clave está en iso tan socorrido que di o executivo de Planeta de que o e-book será maioritario en “algunas líneas editoriales”. Coño, que tío listo! Iso xa o sabemos. Os retos do futuro do libro están na especificación de cales serán esas liñas editoriais.
Deixémonos de bromas: o que sostén hoxe o gordo da industria editorial mundial é a narrativa. Por que, nesta altura, Los hombres que amaban a las mujeres, por exemplo, (extraordinaria novela á que, por certo, non son quen de lle botar o dende hai máis dun mes)­ non é un éxito en e-book cando leva millóns de exemplares impresos vendidos en todo o mundo? Fetichismo? Inercia? Tecnofobia? Tecnofilia? Non será que o libro impreso é un invento caralludo que non é necesario cambiar, e que, pola mesma razón, está chamado a convivir por séculos coas tecnoloxías da comunicación máis sofisticadas?
(Máis sobre o asunto).

1.6.09

O cabalo, a rata e o ornitorrinco


Un amigo anónimo desta casa, un pouco cascarrabias e quejica pero boa xente e agradable, afirmou en certo debate xerado por un post meu un argumento que non quito da cabeza, pois ten un pouso de razón, que, cando menos eu, non podo rebater: os blogs son un negocio para corentóns. De momento, déixenme retroceder vintecinco anos, e logo volvemos sobre tan contundente aserto.
Os xogos característicos da adolescencia teñen todos eles unha dobre compoñente: o espertar sexual e a propia imaxe. Quen non ten xogado á cerilla e respostado á pregunta decisiva quien te gusta cando se apagaba o misto, para non chamuscar a punta do matapiollos? Outro pasatempo de larutos había, do que fun eu vítima nunha ocasión, que consistía en facer espirais cun boli ou lápis sobre un papel ininterrompidamente e durante un tempo prolongado, cos conseguintes comentarios de estrañeza, impaciencia e fastío ante tan estúpida actividade. A escuso, o/a bromista ía tomando nota de todo e logo, cando remataba a cousa, declaraba que tales comentarios eran os que acostumaba un a facer no acto sexual: joder que coñazo; esto no se acaba más; ya me estoy mareando con tanta curva; puedo parar de una puta vez?; esto que sentido tiene?, e tal. Outro chascarrillo había no que se preguntaba que animal lle gustaría ser a un; que animal lle dá noxo e que animal lle parece o máis estraño do mundo. Poñamos un cabalo, unha rata e un ornitorrinco. A cousa tiña unha correspondencia chocalleira co noso lugar no mundo e era, no fondo, unha advertencia sobre a necesidade de graduar a nosa vaidade: un cabalo ―forte, nobre, fermoso― era como un se ve a si propio; unha rata como nos ven os demais e un ornitorrinco como somos en realidade.
Xa de corentóns (mesmo de corentóns pasados como este menda), e xa que os blogs son un negocio para maduros melancólicos entre os que nomeadamente a educación da prole é labor preeminente, traio de novo a colación o noso mapa do mundo, na altura das nosas vidas na que andamos, e a sempre suxestiva cuestión de cómo nos vemos e como nos ven. Eu creo ser o mellor pai do mundo: coherente; firme pero nunca autoritario; tolerante e comprensivo pero severo cando é preciso; ecuánime, equilibrado e sensato, características todas elas que me compelen de xeito docemente inevitable a crer que meus fillos ven en min un modelo a seguir. Pero, o vaidade!, e se non fose así? No limiar a Ética para o meu fillo, conta Fernando Savater unha anécdota que moi ben pode ser ―eu así o vexo― aviso a mareantes: un neno de cinco anos di ao pai: Papi, canto gustaría de ir contigo e mamá a dar unha volta polo mar nunha barca. O pai, co corazón feito biscoito, dille: Claro, filliño, cando poidamos o faremos. E ―repón o neno― cando esteamos dentro, ben dentro do mar, tirareivos a ti e a mamá para que afoguedes. O pai, dorido: Pero fillo!! E o neno: É que os pais dades moita lata!

30.5.09

Mazarelos e Siruela

Entre estas calores saharianas, unha curiosidade compostelá: sabía vostede que a porta de Mazarelos é a única que queda en pé da antiga muralla que arrodeaba a ‘améndoa’ santiaguesa? Sabía vostede que por alí, subindo do Castrón Douro e o Patio das Madres mercedarias entraba na cidade, polo camiño de Ourense, o viño do Ribeiro? Sabía vostede que o pequeno bar-restaurante que colinda intramuros coa Porta se chama Viño precisamente por esa razón? Quen, da vella garda filolóxica de Mazarelos, non lembra a Victoriano Novio Manteiga, orondo, sabio e repousado propietario do establecemento nos anos oitenta; a súa muller Dorinda, pequena, espelida, cordial, e a muchacha Julia, delgada, miope, en permanente movemento? Alí, na paradigmática terraza do Viño, un estival mediodía de hai ben anos, vin eu un tipo sentarse nunha mesa e pedir -cousa rara que, naquela altura, na vida vira- un kas limón con cervexa. Era un tipo da miña idade, máis ou menos, co pelo prematuramente níveo, que lía El País mentres bebía da clara. Recoñecín a Jacobo Fitzjames Stuart y Martínez de Irujo, conde de Siruela e Grande de España, a quen por aquel entón xa precedían as brétemas un pouco míticas da súa exquisita editorial Siruela.
O fillo dun amigo meu, cando de pequeniño lle preguntaban qué quería ser de maior, respostaba invariablemente convencido: rico. Sabendo o que sei hoxe, se mo tiveran preguntado a mín diría: Jacobo Ftizjames Stuart y Martínez de Irujo, conde de Siruela e Grande de España, e non tanto pola artillaría heráldica canto pola teima editorial.
O excelente suplemento "Culturas" de La Voz de Galicia de hoxe sábado publica, na última, unha interesante entrevista con Jacobo Siruela. Jacobo Siruela representa para todo editor vocacional e amante dos libros o modelo ideal: un editor rico, de entrada despreocupado de repunantes servidumes financeiras (no edito para ganar dinero, pero tampoco para perderlo); de base fondamente culta e sensible cara ao mundo cultural e intelectual (claro, mentres na miña época hippie eu fumaba petas, poñía cul nos ollos e escoitaba a Camel cunha pandilla de farsantes coma min, Jacobo pasaba las tardes con Paul Bowles o invitaba a Jorge Luis Borges a dar una conferencia o hablaba con Cioran), e que entende a actividade editorial dende un radical amor ao libro: Para mí editar es una felicidad. Sobre todo lo hago por el placer hacia el libro.
Cando lin, na entrevista, que Siruela é vampirólogo, sorrín, pensando que, co amor aos libros, a afección vampírica debe ser o único que teño en común co editor artistócrata. Lembrei (e había moito tempo que non o lembraba) que, devoto como eu son de toda especie de truculencia, o primeiro libro que merquei de Siruela foi unha siniestra biografía dun siniestro personaxe: a monstruosa condesa sáfico-sádico-antropófaga Erszébet Báthory, de nación maxiar, ao cabo condenada por bruxa, asasina e herexe contumaz. Ademais do fascinio anexo a historia tan demente e escura, do libro evoco con nidieza o recoñecemento dun labor editorial esmerado ata nos últimos e máis banais detalles. Aquí, pensei naquel momento, hai escola e oficio, cerna e madeira de editor. O tipo de cousas que o van facendo a un.

27.5.09

Jabi, o cerdalí

O marco natural: terras da Barcala nicrariense. O prota: un cruzamento entre porca e xabarín. A este xénero de bicho chámanlle popularmente cerdalí (fantástico acrónimo de cerdo e jabalí; o equivalente galego podía ser porcarín, de porco e xabarín). Este cerdalí en cuestión chámase Jabi (enxebrísima mestura apocopada e gheísta de Gabriel, advocación natalicia do porcarín). Aliméntano cun biberón ad hoc feito cunha litrona de cocacola á que lle enchufaron unha tetina. O cerdalí é albino. E os seus donos quereno coma ser fora un cristiano.
Miña terra galega (póñalle a música de Sweet home Alabama, porfa). Tres glosas:
a) se Deus non ri non é home de humor.
b) non pode existir outro país así.
c) e Babe protaginozou unha peli? Sería porque é americano... Jabi si que tiña méritos para ser unha estrela do celuloide.
(Fonte e foto: El Correo Gallego).