O bo bieito Adso de Melk, cando xa cáncamo e retirado ao seu xermánico convento, relembra a lingua franca, babélica e estrafalaria, do irmán lego Salvatore, afirma (a versión galega é miña): toda lingua humana ten regras e cada termo significa ad placitum unha cousa, conforme unha lei que non muda, porque o home non pode chamar ao can unha vez can e outra gato, nin pronunciar sons aos que o acordo das xentes non atribuíra un senso definido, como sucedería se alguén pronunciase a palabra blitiri. Sen querer eu meterme a discutir o rectísimo criterio dun gran semiótico metido a mellor novelista, permítanme un divertimento filolóxico, a partir dun sabroso comentario dun visitante anónimo. Queixándome eu (que son un roñas) recentemente do duro que é isto de manter un blog na máis procelosa soidade, alentábame o meu afectuoso visitante indicando, ad pedem litterae:A min gústame entrar aquí e ver cousas novas, pero comprendo que é perburor.
Estrañado, inquiro se tras ese perburor non haberá unha errata. Velaí a enxeñosa resposta do meu visitante:
Perburor? Nada. Era a palabra de verificación. O que pasa é que sabía o que quería dicir pero non sabía cómo. Como non me quería enrollar (raro, raro) pois dixen: vou poñer unha palabra que non signifique nada e así significa todo. Algo así como aquelar pero en absurdo. Xa sei que resulta algo untriewa, pero é que cada un é como é.
Superbe! Resulta extraordinariamente untriewa, por Xúpiter! Esta querencia por inventar palabras non é nova, pero indubidablemente as combinacións de letras para verificación nas aplicacións informáticas, que así conxuran a posibilidade de que sexan outras máquinas as que anden tocando a paletilla, ofrecen renovado campo á curiosidade e reflexión sobre a caprichosa semántica das linguas, que outorgan un certo significado a calquera combinación fónica só polo feito de creala: estedgey, ernife, remgu, orabro, cernit ou traumso son algúns especimes recollidos ad hoc. Realmente levo unha tempada tan cernit que vou pedir un traumso na empresa e irme de remgu con un ernife meu, que é curmán dun orabro que coñecín no estedgey.
Aquel impagable inventor de palabras celiano (lembran? Bizcotur: dícese del que, sobre ser bisojo, mira con aviesa intención) continuaba, creo, unha senda magnificamente aberta por aqueloutro xenio da inventiva e o humor que foi Jardiel Poncela. O que segue é un treito de Las dulzuras de Escajolia, un "momeciclo", estrambótico xénero que o propio Jardiel define como género literario de mi exclusiva invención, en el que se incluyen algunas palabras poco usadas en castellano:
Mil palacios de garraceno esplendor forman la capital del reino, y en ellos, como brifio y cosmas, resaltan los mármoles y pórfidos en que fueron construidos. Verlos desnutre; contemplarlos, cachena.
Un treito máis adiante, un diálogo:
-¿Quién sois? –dijo.
-Machuca –repuso el caballero sin nombre.
-¿Espardifáis?
-Siempre.
-¿En parfuletes? –insistió el conde.
-De dos filas, señor –repuso el visitante.
El non serán as palabras de verificación estas dos ordenadores unha lingua arcana que as máquinas están perfeccionando para o día apocalíptico en que se rebelen?

















