5.2.09

Chapado a la antigua

Internet é de momento a Web 2.0, a web social dotada dun esqueleto tecnolóxico adecuado a produtos que actúan como factores de cohesión e estandarización no acceso ao coñecemento, o lecer, a cultura. Dende os wikis, a blogosfera, o ecumenismo de Google, MySpace, YouTube, CineTube... é difícil aventurar o que será a nova Web versión punto non sei que.
De momento, nesa escalada do papel social da rede, Internet ten en Facebook un crisol de moitas -non digo de todas- das características que a elevaron á súa absoluta preponderancia no terreo da información e a intercomunicación: todo en Facebook se amolda a unha especie de caos ordenado (é dicir, Internet); todo é permanentemente sorprendente (é dicir, Internet); todo é efémero (é dicir, Internet); todo é rápido, evanescente e, polo mesmo, necesariamente superficial (é dicir, Internet); nada do que alí se fai ou se obtén é produto dun esforzo auténtico (é dicir, Internet); exerce sobre o usuario a fascinación das relacións nas que podemos sublimar a nosa personalidade, física e moral, real e xogar co engado duna sorte de misterio non revelado (é dicir, Internet).
Perante o rodillo de fórmulas desta natureza, pregúntome que sentido ten un local coma estes Fragmentos. Non sei se a metáfora será válida: ante a posibilidade de entrar nun local, moi fashion e à la mode, a peteirar de aquí e de alá, e, coa música altísima, falar en cinco minutos con catorce persoas que nin se coñecen entre si, sen rematar unha soa conversa, prefiro un bareto de barrio e máis modesto, onde lle teño confianza e afecto ao patrón e podo gozar, afastado do mundanal ruído, cun chisco de repouso e moi ao meu grao, dun cafelito, quentiño e saboroso, e o que caia: non sei, unha conversa, unha reflexión, un intercambio de puntos de vista, unha lembranza, un pouco de boa música, un conto, unha anécdota curiosa… Que lle queren? Chapado a la antigua que é un.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

Amigo mío. Vexo que o tes claro. A superficialidade... iso é, non daba coa palabra para definir todo esto.
Moi atinada a comparación (alguén virá e dirá que non, por isto e polo outro) entre o bareto con ruido onde falas/non falas con 30 descoñecidos e o outro bareto onde están os colegas.
Tampouco se tratará de escoller entre un e outro. Hai un momento para cada cousa e a tí seguro que che han gustar os dous. Agora ben, sigo coa miña teima e vexo que ti, despois de dúas ou tres discusións sobre o tema, vas polo mesmo camiño: ao escoller o bareto de barrio o que fas é dicir "vale, ben, moi fashion, moi mono, chulísimo, pero non é para tanto"

Iacobus Von der Stein dijo...

Non é vostede o único, aínda que non sei se, ao menos no meu caso, me atrevería a integrarme nos chapados a la antigua.

Yasmina Tojeiro Medela (Miss Riotorto) dijo...

Don Juan: Aníbal, o cartaxinés, tamén era un home "chapado a la antigua". E tamén non dubidou en apañar os elefantes para atravesar os Apeninos, os Alpes, o que for mester na altura. E apañar elefantes, daquela, éralle moi moderno, patrão!!!
Páseme xa para o feirbú...

arume dos piñeiros dijo...

Poña unha chiquita e atenda o local, que está vostede queixándose seguido e estamos sen consumición. E aquí se está como dios: eu de aquí non largo.

Ana Bande dijo...

Estou con Arume...¡que corran os posts fragmentarios!

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Non, se por min non ha quedar... Digo só que prefiro un espazo amplo para a reflexión serena ca un cubículo como aquel camarote da peli dos Marx, que ao cabo acaba estoupando. Ora, como di o amigo anónimo, cada cousa é para o que é, tampouco o nego.
En fin que mentres haxa corda e folgos...

auroraines dijo...

Y porque no las dos formas de compartir? Está clarísimo que si debes elegir ya se sabe cual es mejor, pero tampoco desmerecer la otra.
Saludos

juan l. blanco valdés dijo...

No, no, si, de hecho, yo cultivo las dos. Ahora bien, establezco diferencias obvias en cuanto a los criterios señalados: superficialidad, evanescencia, efemeridad y una cierta frivolidad característica. Supongo que es una cuestión de edad, ¿no?
Saludos y gracias por tu punto de vista.