3.2.09

Ciberfeiras

A don Jorgito el Inglés chamáballe a atención o fondo de desprezo que os españois parecían sentir polo seu propio país. Cento setenta anos despois, o certo é que por moi positivo que un sexa, e tras coñecer como se cocen as cousa da re publica por aí fóra, non pode fuxir de certas constatacións que, nunha sorte de circuíto atemporal, o reconducen á apreciación de Mr. Borrow, en forma de imprecacións como Que merda de país!, exabruptos do estilo de Este é un país de coña! ou improperios así: Damos vergonza! Iso é o que amargamente pensamos e/ou murmuramos cando, nunha oficina pública, sete miran e un traballa; cando, como no caso do meu concello, Brión, o vial de acceso a unha urbanización e unha autovía leva máis dun mes sen pintar e sen iluminar; cando se ven os somieres pechando as leiras; os gatos rebetandos nas estradas; o estado do campus universitario sur de Compostela; os palafitos de cemento e ladrillo e o feísmo arquitectónico; as praias e portos cheos de lixo; a loucura da siniestralidade nas estradas… e un etcétera tan longo como o curioso lector queira. Ora, non son eu do xénero dos papanatas dos que vai para dous séculos falaba Borrow, aqueles que pensan que todo o de dentro, por ser de casa, é malo e todo o de fóra, por vir de fóra, é bo. Boto peito con orgullo do país, cando é xusto sentilo, e así o recollen -con menos frecuencia, certo é, do que eu quixera- estas páxinas.
Fronte á aparente postración do agro galego, que, sen saír dunha atávica estrutura do autoconsumo é incapaz de adaptarse ás demandas dunha economía globalizada e fortemente competitiva, hai iniciativas que, dende a sociedade civil e sobre a base dun pensamento e actuación en colectivo, están achegando a modernidade e as vantaxes da tecnoloxía a todo o mellor que unha nova caste de labradores e gandeiros son quen de ofrecer: produtos da terra, criados ou elaborados co mimo e entusiasmo de quen dende a boa tradición se insire na máis moderna tecnoloxía. Tal é o que ofrece a rede de explotacións familiares GranxaFamiliar, unha alternativa de comercio xusto que paga a pena coñecer, xurdida do Grupo de Investigación Sociedade Tecnoloxía e Territorio (GIS-T) da universidade compostelá, que dirixe o meu amigo, profesor de Xeografía, o sempre inquedo Carlos Ferrás. A web de GranxaFamiliar é emocionante, entrañable, apetitosa, divertida, e chea da luz e a cor —verde, por suposto— que o noso campo ten. Isto é facer país e o demais son ganas de tocar o nabo (e nunca mellor dito).

Máis info e opinións sobre GranxaFamiliar.

No hay comentarios: