20.4.14

Inercia, historia, política, literatura



Na nota preliminar á cuarta edición de La Colmena, asinada en maio de 1962, opina CJC que a política é a arte de encanar a inercia da historia e a literatura a arte de reseñar a mareira daquela inercia. Quero supoñer que o noso esgrevio Nobel se refería á política no seu máis xeral estrato e que non pensaba, en concreto, na política española de 1962 ou, moito menos, na de 1942, ano en que decorre o seu inmenso relato. Entre 1939 e 1975, a arte política en España, máis que encanala, colleu a inercia histórica polo pescozo e obrigouna a deterse hasta nueva orden. Pasado o xerifalte a mellor vida, e de novo os cidadáns donos (máis ou menos) do seu presente, era tempo de botar contas coa inercia da historia, e a inercia da historia configurou moitas das inevitables eivas que tiveron aqueles anos que hoxe chamamos a Transición. Pero esa é outra historia, que, ao final, prendo nunha silva, e o que quería era falar de literatura. Pois a literatura é, en efecto, como don Camilo me ensina, a arte de reseñar a mareira da inercia histórica. Pero, que pasa cando non hai mareira na historia senón máis ben unha ondada túzara, tan monótona que, contrariamente á violencia do vendaval, semella non ter fin? Observo que, independentemente do talento do creador, existe, en efecto, en todo tempo unha relación entre o devir da historia e as calidades da literatura que a narra. Apunta Cela, de feito, que La colmena é un libro de historia, non unha novela. O que ocorre, claro, é que a historia era tremenda e o escritor o fedatario dun torvo universo onde, por barba e semana, tocaban a 1 decilitro de aceite, cen gramos de zucre, cincuenta de lentellas, trinta de café e setenta e cinco de bacallao. Quero dicir con isto que, para a gran literatura, sexan necesarias as cicloxéneses da historia? Deixo para o chaleque de cada quen a resposta, pero non sei de ningún desastre histórico que, dende Simplicissimus a Guerra e Paz, dende La Chanson de Roland a As benévolas, non deixase un ronsel de narracións inesquecibles, auténticos monumentos da literatura universal. En troques, a vulgaridade de vidas uniformadas pola abundancia e o consumo e unha política que ten moi pouco de arte de calquera clase constitúen hoxe en día pobre nutrimento para unha narrativa facilona e intrascendente, que, como as tisanas de melisa, favorece a dixestión do que se le. Por iso, eu, que abomino da cultura das novidades literarias, son un gran relector, non un gran lector.

5.4.14

Leunos todos?



En ocasión de instalar na casa unhas estanterías con que dar acubillo a case tres mil venerables libracos herdados do avó por via parental, o carpinteiro que me facía a obra, home apousado e, polas trazas, ben sabido das cousas do mundo, unha vez rematado o labor e botando unha ollada panorámica á biblioteca, preguntoume: E ló usté, leunos todos? Gabei para ao meu chaleque a súa elegante retranca e caín en que aquela sobreabundancia debía causar, en efecto, asombro nun home probablemente pouco letrado, para quen, de certo, a luxuria bibliográfica, tan cara aos amantes do libro, constitúe un pecado ignoto. Considero lexítimo dubidar de que a descomunal capacidade de almacenamento dun lector de ebooks constitúa, en efecto, algunha vantaxe, pois nin en dúas vidas teriamos tempo para ler tanto. Pero, stricto sensu, a única novidade da tecnoloxía dixital foi reducir ao mínimo o espazo físico dos libros: o que antes precisaba de sesenta metros de andeis, métese agora nunha minúscula superficie electrónica. As consecuencias non son intrascendentes: o texto dixital representa un órdago a categorías coas que adoitamos manexar a cultura escrita e a excesiva tecnificación das prácticas (non só da lectura senón aínda do propio feito educativo, baseado cada vez máis no mero manexo de aplicación informáticas) pode ter, tal vez está tendo, efectos nocivos. A pregunta é a do millón de dólares: non sería mellor retirar todo vestixio de ordenadores e tablets das escolas? Non estaremos, sen querelo, fomentando unha sociedade de iletrados, expertos, porén, na interacción con máquinas, na interpretación de ideogramas dixitais e mensaxes curtas e textos por natureza efémeros e inconsistentes? Cada vez resulta máis difícil inocular nos rapaces o docísimo virus da lectura. É un feito comprobado que en Europa en xeral (pois, malia o Informe Pisa, en todas partes cocen as fabas) dende os anos oitenta do século XX cada xeración vai entrando na idade adulta cun nivel de lectura inferior ao nivel da xeración anterior.  Cal será, ao cabo, o último chanzo desta perversa evolución? Non o sei. Como inmigrante dixital, saltei a valla en 1985, cando por primeira vez sentei diante dun ordenador. Vinte anos antes, aprendera a escribir cunha pizarra e un pizarrín. E agora… agora, comezo a sufrir de nostalxia polos libros, os de toda a vida, sentindo que, tal vez, a biblioteca do avó, tristeira como can sen dono, non vale o que un chip de silicio.

30.3.14

Gutenberg 0 - Kindle 1



En punto a tecnoloxía, o tempo ten medidas específicas. Sete anos poden non semellar un período moi extenso, pero, de mensurármolos en relación á evolución das apps e dispostivos electrónicos cos que de cotío convivimos, poden ser unha eternidade. En 2007, escribín un post no que me refería á presentación do lector de ebooks Kindle, chamado, segundo Jeff Bezos, o fundador de Amazon, a xubilar definitivamente o libro impreso. Imaxinaba eu a Bezos pegando saltos no acto de presentación do chintófano, presa de louca ledicia por poder, por fin, apuntarse o raro mérito de cargarse o libro, e berrando (descúlpeme Vde. a palabrota)  Jódete,Gutenberg! O que probablemente os executivos de Amazon subestimaban, máis atentos  ás cifras de negocio do seu trebello que a sutilezas de retórico, é un feito que se vén reiterando dende hai dous mil anos: as mutacións na orde das prácticas son moitísimo máis lentas que as revolucións técnicas. Malia o sismo con que a imprenta de Gutenberg socavou os alicerces culturais de Occidente (pois provocaba unha aceleración sen precedentes na reprodución dos exemplares), os modos de lectura dos códices medievais non mudaron de contado. Lembro que, en ocasión de verse sometido pola a súa nai a un severo castigo, certo nativo dixital, moi próximo e querido, axoenllouse perante a súa proxenitora, exclamando: Vale, mamá, quítame o móbil, a play e o ordenador, pero, por favor, déixame os Tintíns! 
Persoalmente, e sobre o convencemento de que o importa é ler, pois a lectura é a trabe mestra da intelixencia, superei hai moito esa dialéctica absurda que parece levar á xente a decantar as súas predileccións, nunha sorte de elección excluínte, polo libro impreso ou dixital. A miña tablet ten sido unha compañeira fiel nas incomodísimas sillas dos  aeroportos, proporcionándome horas de lectura, con que compensar o tedio dos tempos mortos. Pero, como empedernido lector de cúbito supino, neses momentos previos  á chegada de Pedro Chosco, prefiro o arrecendo inconfundible dos venerables volumes da biblioteca do avó. No entanto, certas saudades resúltanme curiosas: sabía vostede que, dende a emerxencia do .pdf, a produción de papel quintuplicouse? E é que, fronte a babilonia informe de mails, carpetas, directorios e subdirectorios que agochan as tripas do ordenador, non hai nada que dea máis seguridade que un montón, aínda máis informe e caótico, de papeis. Sóalle?  

15.3.14

Corrupción



Meu pai, en gloria estea, foi alcalde da Estrada entre 1959 e 1970. Nunha etiqueta propia de mentes simples, un alcalde franquista (na mesma medida en que eu fun un neno franquista). Viviamos daquela nunha casiña típica da posguerra, na que os nenos durmiamos con tías e avoas, había un brasero con badila baixo a mesa camilla e aos interruptores das lámpadas, de escura baquelita, se lles chamaba peras. Cando chegaba o Nadal, tiñamos que habilitar a despensa para dar acubillo aos presentes con que era agasallado o señor alcalde. Os agasallos, non se vaian crer, eran unha garrafa de sidra nova ou de viño do país; un saco de patacas; as súas botellas de augardente, un polo grande, un par de coellos, e, xa máis raramente, unhas tabletas de turrón chocolate ou unha bolsa de peladillas. Papá era un home simpático e accesible, serio nos seus compromisos e traballador infatigable, e eu supoñía que aqueles humildes dons eran en obsequio desas galas, que el gastaba o mesmo co gobernador civil ca co máis pobre labrador, agradecido por poder dispoñer por fin da traída de auga ou de luz eléctrica no seu lugarexo. Papá mercou o seu primeiro coche, un Dyane 6, seis ou sete anos despois de deixar a alcaldía e morreu, con 83, nun piso de alugueiro. Igualiño que agora. Claro que el era un alcalde franquista e os de hoxe son alcaldes de corporacións democráticas, onde vai parar. Imaxino que su señoría, Pila de Lara, non tería o máis mínimo titubeo en imputalo por sospeitar, con todo fundamento, que tras aquel capón ou aquela garrafiña de viño da Ulla se agochaba un escuro entramado de corruptelas e influencias persoais na procura de inconfesables beneficios. Intúo que dona Pilar de Lara, reverenciada neste país de papanatas como unha semideusa de moralidade incólume e inmune á máis mínima tentación humana, nunca cruzou a delgada líña vermella e saben moi ben onde está. Ben por ela, porque eu non o sei. Tal vez, ter aceptado que un empresario me convidase algunha vez, en horario de traballo, a un café (mesmo cun cruasán) me coloca do lado escuro da forza. Non, isto é pouca cousa. Un xantar de porco celta co arroz sería suficiente? Acaso dúas botellas de tinto pesquera? Que dilema! Serei eu tamén un corrupto? Toda caza de bruxas é sempre produto da insensatez, un patrimonio no que España é unha potencia internacional.

9.3.14

A ilusión perdida



Iñaki Gabilondo, ademais de 71 anos magnificamente levados, ten unha lucidez de xuízo que brilla estrelecente nun firmamento público atoldado de botarates e mamarrachos, endemicamente incapacitados para algunha idea ou destello de autenticidade que vaia para alén dunha ducia de tópicos mal fiados. Nunha interviú que lle vin o outro día, afirmaba o xornalista que, contra a recentísima especie de que a nosa Transición foi unha epoca estéril na que ficaron moitas contas pendentes co franquismo, naqueles anos había algo que no presente deixa sentir a súa falta cada vez máis violenta e teimudamente: había un proxecto de país. Entendo eu, que vivín con intensidade aqueles tempos, que tal proxecto era, en efecto, colectivamente percibido e colectivamente executado nunha dobre dirección: unha clase política que soubo estar á altura de circunstancias tan difíciles e unha sociedade que respondeu con  serenidade e ilusión aos moitos espellismos que provocaba o deserto da recente ditadura. Hoxe fartámonos de endosar a unha caste de políticos, na verdade dificilmente empeorables, todos os males do século, como se os nosos políticos fosen extraterrestres chegados a esta vella pel de touro co designio de facernos a puñeta, roubar e vivir regaladamente á nosa costa. Os políticos, en España hoxe pero tamén nas polis gregas e na Alemaña nacionalsocialista, son o directo reflexo da sociedade que os propicia, eventualmente elixe e, ao cabo, tolera. A miña opinión é que o corpo civil que, cada vez con menor propiedade, chamamos sociedade española, é apenas de mellor calidade ca a clase política que, teoricamente, a representa. Tal vez, como no símil valleincllaniano, o país leve moito, demasiado tempo espellándose no Callejón del Gato e o esperpento non dea para máis. Fronte ao sebastianismo dalgúns, convencidos de que un político auténtico nos sacará desta postración a base do discurso da sinceridade, da volta ao servizo público e a honradez, eu creo que o mal é de todos e non vale botar balóns fóra: España non ten proxecto e, como nave sen rumbo, bandea nun océano de desilusión e valores esquecidos, enarborando a bandeira do sálvese quen poida. Xa non hai ofertas, nin discursos posibles, nin sequera ideoloxías, porque, por riba destas, unha escura capa de corrupción iguálao todo. Isto é o que sinto, pero non me fagan moito caso. Serán os anos.