9.3.14

A ilusión perdida



Iñaki Gabilondo, ademais de 71 anos magnificamente levados, ten unha lucidez de xuízo que brilla estrelecente nun firmamento público atoldado de botarates e mamarrachos, endemicamente incapacitados para algunha idea ou destello de autenticidade que vaia para alén dunha ducia de tópicos mal fiados. Nunha interviú que lle vin o outro día, afirmaba o xornalista que, contra a recentísima especie de que a nosa Transición foi unha epoca estéril na que ficaron moitas contas pendentes co franquismo, naqueles anos había algo que no presente deixa sentir a súa falta cada vez máis violenta e teimudamente: había un proxecto de país. Entendo eu, que vivín con intensidade aqueles tempos, que tal proxecto era, en efecto, colectivamente percibido e colectivamente executado nunha dobre dirección: unha clase política que soubo estar á altura de circunstancias tan difíciles e unha sociedade que respondeu con  serenidade e ilusión aos moitos espellismos que provocaba o deserto da recente ditadura. Hoxe fartámonos de endosar a unha caste de políticos, na verdade dificilmente empeorables, todos os males do século, como se os nosos políticos fosen extraterrestres chegados a esta vella pel de touro co designio de facernos a puñeta, roubar e vivir regaladamente á nosa costa. Os políticos, en España hoxe pero tamén nas polis gregas e na Alemaña nacionalsocialista, son o directo reflexo da sociedade que os propicia, eventualmente elixe e, ao cabo, tolera. A miña opinión é que o corpo civil que, cada vez con menor propiedade, chamamos sociedade española, é apenas de mellor calidade ca a clase política que, teoricamente, a representa. Tal vez, como no símil valleincllaniano, o país leve moito, demasiado tempo espellándose no Callejón del Gato e o esperpento non dea para máis. Fronte ao sebastianismo dalgúns, convencidos de que un político auténtico nos sacará desta postración a base do discurso da sinceridade, da volta ao servizo público e a honradez, eu creo que o mal é de todos e non vale botar balóns fóra: España non ten proxecto e, como nave sen rumbo, bandea nun océano de desilusión e valores esquecidos, enarborando a bandeira do sálvese quen poida. Xa non hai ofertas, nin discursos posibles, nin sequera ideoloxías, porque, por riba destas, unha escura capa de corrupción iguálao todo. Isto é o que sinto, pero non me fagan moito caso. Serán os anos.

No hay comentarios: