30.3.11

El amigo de los animales

Nesta bitácora cántanse de cando en vez, pero con frecuencia notable, as marabillas e embelesos da natureza. Vivimos afeitos aos ritmos frenéticos, tan absurdos como frenéticos, que nos impón unha existencia na que apenas hai un relanzo para nos interrogar sobre se esa forma de vivir nos gusta ou non. Présas, ansiedades, estrés, preocupacións constantes e insomnio crónico son os ingredientes dunha potaxe que tragamos diariamente coma quen traga aceite de ricino, pero da que non sabemos absternos e que, aínda, parece que nos gusta: iso tan horroroso que chaman ser adicto á adrenalina (póñenseme os poucos pelos como escarpias cada vez que escoito esta atrocidade!).
Neste caldo de cultivo, eu, que teño o privilexio de habitar unha bisbarra (A Amaía) na que, malia o niveliño de gobernantes municipais dos que mellor non falar, aínda algo se vai salvando do andacio de feísmo arquitectónico, descoido das máis elementais normas de conservación de paisaxe e invasión de eucaliptos, aprecio cada vez máis a serena, a profundamente sabia, a humildemente honesta e nobre lección de Nai Natura: os seus ritmos pousados, as súas delicadas cores, os seus contrastes. Que equipo de iluminadores melloraría a luz do solpor de húmida primaveira -as nubes baixas mesturándose coa terra calada- que estou contemplando mentres escribo estas liñas? Nin o mellor xardiñeiro podería competir coa deliciosa combinación de plantas, auga, area e roca que se pode contemplar nas beiras de calquera regato. Que sinfonía máis excelsa que o rechouchío do paporrubio ou o melro na tardiña?
A miña admiración pola obra da natureza esténdese tamén a aqueles libros que son quen de recollela. Neste punto, voume permitir unha digresión: Félix Rodríguez de la Fuente (de quen se levan dito e se poden dicir tantas cousas) é o responsable en boa medida do meu gusto pola vida natural e os seus compoñentes. Na casa familiar, cando eu era neno, as emisións das series de Féli tiñan algo de liturxia inviolable. Na salita onde tiñamos a tele, mentres a voz roufeña e engolada, de prosodia pastosa, do gran naturalista nos ilustraba sobre as anacondas do Amazonas ou o lobo de Gredos, o silencio era sepulcral. Falando de xente allea, non lembro ter sentido máis a morte dalguén ca a de Félix, pola súa lección vertical, chea de luz e vida. Creo, ademais, que lonxe de erosionarse co paso do tempo (cousa que normalmente ocorre con espíritos mediocres e baldeiros que puideron brillar un día polas vaidades do mundo), a figura de Félix axigántase na mesma medida en que o seu exemplo vital se axusta cada vez mellor a un mundo que reclama con urxencia a sostenibilidade dos recursos e a conservación das marabillas naturais, fronte ao bulldozer da tecnoloxía e a avidez do capitalismo. Voltanto aos libros, a editorial compostelá Auga Editora -cuxo director literario é o meu vello amigo Xosé Antonio Perozo- vén de facer un inestimable agasallo a todos os admiradores de Félix -que, por suposto, son lexión- e a todos os amantes da natureza: Los tres cielos (Auga Editora, en colaboración con Caja Burgos e o Concello de Poza de la Sal, 201o) é unha fabulación ilustrada da nenez do naturalista nas terras burgalesas de Poza de la Sal que o viron nacer. Da man das lembranzas de dous dos seus mellores amigos, Poli e Sanjuanes, o guionista Miguel A Pinto Cebrián e o ilustrador Suso Cubeiro destilan un produto editorial de rara beleza, sinxeleza sublime e magnífico aproveitamento, tanto didáctico como meramente lúdico. Exquisitas ilustracións, un delicado deseño e esmerada execución técnica, e unha trama textual sólida e rigorosa, pero ao tempo poética, amena e enormemente afectuosa coa natureza, son os elementos que, tomados no seu conxunto, explican que este libro sexa un emocionante recordatorio de que Félix, el amigo de los animales, alá onde o seu espírito more, seguirá oíndo o ouveo misterioso do lobo e o chiar da águia no ceo alto. Porque hai almas tan grandes que a morte non lles toca.

27.3.11

Pensar o libro

Nun libro do que xa falei nestas páxinas está un dos mellores relatos de fantasmas que teña eu nunca lido: "Día de difuntos", da autora norteamericana, malia fortisimamente europeizada ata o punto de estar soterrada en Francia, Edith Wharton. O relato é unha peza breve, no que a condensación do tempo, o silencio, a soidade e a sensación de abandono da protagonista chegan a converterse a ollos do lector en algo case físico, opresivo, mesto como as tebras na noite escura. Un deses contos nos que un non alenta ata o final. Wharton foi no seu tempo (1862-1937) unha adiantada da máis rabiosa modernidade. Déase unha volta pola súa biografía e descrubrirá unha muller culta, refinada, rompedora, progresista e encantada de vivir e experimentar. Viaxeira infatigable, Ms Wharton visitou España mediando a década dos vinte e fixo o camiño de Santiago. Agora, a curiosidade e entusiasmo da miña prezada amiga e magnífica especialista en literatura norteamericana Patricia Fra, que atopou nas universidades de Indiana e Yale os diarios manuscritos da viaxe, vanme facer o agasallo de publicalos nas prensas da Universidade de Santiago. O libro levará, ademais da reprodución facsimilar dos manuscrito e a súa transcrición inglesa, a tradución anotada en castelán e galego, unha introdución da propia Patricia e unha morea de material fotográfico da época. Froita en almíbar para calquera editor. O libro aínda non é. A partir de agora, imaxinándoo, imaxinado o libro que a Ms Wharton lle gustaría -clásico pero moderno, canónico pero atrevido, sobrio pero vivo-, o libro empeza a ser. É a parte máis fermosa e excitante da aventura editorial: pensar o libro. Meter na túrmix todos os criterios que ao noso xuízo deben intervir en destilar un contedor final á altura do contido. O máis apaxionante do proxecto é que non o vou facer eu: pensar o libro e poñer tal pensamento por obra ata a edición final será o traballo de fin de mestrado dunha alumna do noso Posgrao en edición, que o realizará baixo a miña titorización. De certo que eu vou aprender máis ca ela. Porque, cando un quere, nunca deixa de aprender. PS: Darei nova no natalicio e, se é o caso, xa irei contando como vai o embarazo.

24.3.11

Coincidencias

Todo se desgasta. Por iso, chamamos bens funxibles aqueles que cumpren a súa función na mesma medida en que se consumen. Dende a invención do Estado de Dereito e a democracia moderna en 1789 ata hoxe van máis de dous séculos, tempo abondo para que o sistema democrático de Occidente, como un ben funxible, se fose desgastando, na medida en que foi sendo consumido por decenas de xeracións. Unha das peaxes inevitables deste desgaste estase vendo cada vez con maior claridade: a sistemática desconfianza dos cidadáns cara aos políticos. Ignoro, porque non son politólogo, se isto é unha circunstancia concreta ou pode interpretarse como síntoma de algo acaso máis profundo, que permite enxergar o esgotamento dun sistema de partidos que non dá máis de si. De por parte, e como mero cidadán e curioso impertinente da galaxia, eu creo que, na base desa cada vez máis sistemática desconfianza do sufrido contribuínte, anda o feito de que os políticos viven sometidos a tiranías tremendas e durísimas servidumes, nomeadamente as que lles impoñen os mass media e, consecuentemente, unha cohorte de asesores e xefes de prensa que deben ostentar como requisitos indispensables: a) a máis perfecta indocumentación; b) estaren obsesivamente pendentes do márquetin e as enquisas de intención de voto e c) usar con fluidez un discurso baseado en dez tópicos e cincuenta frases feitas, moi à la mode e tan acomodaticias como baldeiras. Tan abigarrados ingredientes destílanse nun xarope que, como os infames mucolíticos da infancia, sabe a raios: os políticos contemporáneos parecen o que non son, son o que se esforzan en non parecer, din o que non pensan, pensan o que non din, e profesan facer o que non fan. E isto é, na miña opinión, un grande erro, que agocha un aviso a mareantes para quen queira tirarlle proveito: estimo que o márquetin e as enquisas que tanto angustian aos políticos e as súas cortes de aduladores se dispararían na súa prol só con que estes recomendasen a aqueles actuaren consonte a súa auténtica conciencia, comportándose como persoas razoables, independentes, normais e educadas e esquecendo esa noxenta dinámica de acción-reacción goberno-oposición á que tan afeitos estamos e que estomaga como un mal viño.
En tan adversa continxencia, eu non podo senón aplaudir ao político valiente, que non teme saírse do guión que lle marca o que se espera que diga consonte as canónicas mouteiras do discurso politicamente correcto, tan insulso, tan manido. Que o señor presidente da Deputación da Coruña, D. Salvador Fernández Moreda, tilde a inauguración do complexo arqueolóxico de Dombate co título do famosísimo filme propagandístico do réxime nazi O triunfo da vontade (Der Triumph des Willens, 1934) da produtora Leni Riefenstahl é, secomasí, un alarde de independencia e valor á hora de arrostar a eventual reacción dos seus opoñentes políticos. Certo é que non é o mesmo reunir a máis de cen mil seres humanos en xeométrica formación ca inaugurar o cobertizo dunha anta, que leva, por certo, decenas de anos agardando ser cuberta. Pero o que conta é a valentía. Ora, cabe tamén a posibilidade de que tanto o Sr. Moreda coma os seus opoñentes políticos ignoren a existencia do filme de frau Riefensthal e todo sexa unha mera coincidencia. Máis seguro.

17.3.11

A honesta lección dos erros

É coñecida a lexendaria, malia bastante epidérmica, cultura dos editores. Afeitos como estamos -e máxime acaso os editores universitarios- a meter entre o peito e as costas textos da pelaxe máis dispar, malo sería que entre tanto mamotreto académico e científico algún rescoldo non fora quedando na cachola, de xeito que, en punto a cultura máis ou menos xeral, o mesmo valemos para un rompido ca para un descosido. Non negarei que debo á colección Clásicos do Pensamento Universal parte importante desa bagaxe, pois, ademais de permitirme ter establecido amizades perdurables con prologuistas e tradutores, a revisión editorial dos limiares e versións galegas de obras dun abano temático e cronolóxico tan amplo (de Platón a Freud; de Séneca a Darwin; de Maquiavelo a McLuhan; de Erasmo a Beccaria...) resulta, do punto de vista da adquisición e o intercambio de puntos de vista sobre a evolución da ciencia, a cultura e o pensamento, un auténtico privilexio. É o tipo de cousas que fai que tras o editor de raza -e co permiso de Vde. e un pisquiño de inmodestia, por tal me teño- sempre haxa un entusiasta.
Un libro da nosa colección de Clásicos -pesado, denso, complexo, como case todas as obras dos teóricos alemáns- que me induciu a interesantes reflexións é-ollo ao título- A ética protestante e o espírito do capitalismo de Max Weber. En efecto, non é produto da casualidade que os países líderes do mundo sexan sistematicamente protestantes. Weber, recollendo o espírito de Lutero, expón que a envexa -recluída polo catolicismo no antro dos "pecados capitais"- pode ser un sentimento san e lícito, en tanto que estímulo para superar o envexado. Ignoro canto do malamente que entendemos neste país noso magnitudes que os anglosaxóns teñen superado liberalmente está no alicerce da baixa intensidade da nosa influencia no circuíto internacional de investigación e a innovación pero sospeito que entre os dous polos debe haber unha notable permeación. De igual xeito, que debe habela tamén entre o noso herdo fanaticamente católico e as legañas que cobren boa parte da nosa actividade diaria. Que a envexa malsá -esa que é amarela, paralizante e reconcome- é un deporte nacional non é segredo para ninguén, como tampouco o é que o envexoso é sen excepción un mediocre, insatisfeito na súa pel e provisto dunha baixa autoestima. En paralelo, a nosa cultura do erro é simplemente traumática. O erro é motivo de vergoña, a marca inequívoca do incapaz, ledicia do envexoso que o aproveita para escarnecer a quen odia. A corrección do erro é percibida en moitos casos como un exercicio de intolerable soberbia, perante a que só cabe lembrar ao corrector a súa condición de cheíñas miserable. Tal vez porque os editores vivimos en permanente conversa co erro, desenvolvemos unha actitude comprensiva, tolerante e, en calquera caso, construtiva cara a el. Cantas veces teño excitado sentimentos de suspicacia só por querer detectar o punto da cadea onde se produciu un erro garrafal na produción dun libro! Ante o erro, nada hai máis español que botar a pelota fóra, non recoñecer a responsabilidade e, na medida do posible, escurecela entre unha guedella de malas excusas. En troques, aínda que non moi cultivada, existe unha visión aberta e progresista do erro, porque errare humanum est, probablemente moito máis humano ca acertar e facer as cousas ben. O erro debe ser unha lección ou escola: débese aprender del para non voltar a cometelo, e, así, a súa corrección é sempre un exercicio de creación, nunca de insultante vaidade.
Hai non moito, nun exercicio escolar, unha alumna de certas aulas que impartín demostroume con prístina claridade o que debe ser a percepción creativa e aínda lúdica do erro. Na corrección do devandito exercicio, manifestei o meu estupor por atopar escrito (a reprodución e literal) premio Novel cun conxunto de signos de admiración e interrogación grafados de vermello: ¿¡!? a carón da gralla. A alumna envioume un tempo despois, escaneado, o debuxo que ilustra este post. Na mensaxe dicíame
Tiene toda la buena intención del mundo eh?
A ver qué piensas.
Que vou pensar? Que rirse dos erros -o mellor modo, por certo, de enfrontalos- é privilexio de almas nobres e espíritos abertos.
[Nota bene: para ver correctamente a imaxe, clique sobre ela.]

5.3.11

Tónico cerebral

Xa non sei cando, vaticinaba eu o ingreso das reflexións deste humilde tugurio no papel impreso dos xornais. Chegados que son os tempos, veño colaborando dende hai cousa de tres ou catro meses no Xornal de Galicia e máis en Galicia Hoxe, medios onde a desproporcionada xenerosidade dos seus responsables destinou os meus artigos, nos dous casos, á contraportada. Penso, modestamente, que estas colaboracións poñen o contrapunto dos máis variados temas á tanta política de baratillo e tanto experto opinador sobre o futuro do país.
Un amigo, coñecedor de que tamén manteño esta bitácora, pregúntame -advertíndome que o fai sen retranca e que a pregunta é case literal- se, de tanto escribir, non temo acabe secándome o seso. Ao fío, ocórrenseme un par de argumentos. O certo é que este para min prezado recuncho que hai seis anos bauticei Fragmentos da Galaxia segue sendo o meu olliño dereito. Con independencia de que, en virtude da extrema maleabilidade da palabra e o texto, saiba Deus onde van rematar (nun xornal, compartidos en facebook, copiados e pegados noutra latitude...), as reflexións e pensamentos deste local son un pracer polo simple feito de crealos. Agora mesmo, mentres os meus dedos percorren, tan torpemente como hai vinte anos, o teclado branquinegro do portátil; mentres o meu oído vaga extasiado pola obertura à la française para clave en si menor de JS Bach, observo a extremaunción do día na Amaía: fíos de brétema reptan e se mesturan coas pequenas columnas do fume dalguén que queima rastrollo; as valgadas enchóupanse de escuridade, confúndese os verdes co negro da noite; todo comeza a iluminarse con milleiros de puntiños de luz dourada; un can ladra ao lonxe... Como, nestas circunstancias, o acto de crear non vai ser de seu pracenteiro? Como pode non contaxiarse o escrito da serenidade do momento en que se crea? Como evitar que se torne nun costume que, lonxe de evitarse como o vicio malsán, se busca, se bota en falta? Secarme o cerebro? Isto, benquerido amigo deste furancho, é zume para o cerebro, é tal que o tónico capilar para un señor con bisoñé. Polo demais, xa rematen nun xornal ou no perfil de facebook de algún ignoto cibernauta, este blog é -e seguirá sendo mentres se poida- a matriz , casa paterna e trademark de todo o que este menda poida dar aos prelos.
Disque, mentres Maria Fiódorovna lle facia o té nun relucente samovar, o cidadán Fiódor Dostojevsky anotaba nun caderno o prantexamento, o nó e o desenlace dos Irmáns Karámazov. Eu, mentres morre o día no val, entra o neno no garaxe coa súa bici e Sonia reparte a froita nos froiteiros, último esta autognose sabatina para, o máis aseada posible, "subila" nun tris á procelosa inmensidade do ciberocéano. A partir daí, deixará de ser miña. Vaia vostede saber onde remata.

25.2.11

Omfálico

Omfálico ou onfálico é un adxectivo raro que non aparece nos dicionarios e que tal vez vostede descoñeza (ou coñeza). Ten un senso inicialmente médico en expresións como cólico onfálico, pois o substantivo grego o)mfalo/j significa 'embigo'. Pero tamén se emprega, creo que fundamentalmente en antropoloxía das culturas antigas e naturais, para referirse a lugares ou rexións tomadas subxectivamente como o centro do mundo, pois, ademais do devandito punto anatómico, o vocábulo podía significar, por unha contaminación semántica doadamente entendible, 'centro' (por exemplo do escudo, ou, igualmente, do mundo). É moi notable esa tendencia dos pobos antigos e das culturas naturais a considerar que a rexión que habitaban era o centro do mundo e todo o aledaño a periferia, de xeito que moitas tribos se intitulaban a si propias 'os seres humanos'. De facermos unha derivación temporal -un pouco forzada, mester é recoñecelo- supoño que Nova Iork podería ser, por execelencia, a rexión onfálica do planeta tal como vostede e máis eu o coñecemos. Pero -e por iso dicía que a extensión no método resulta forzada- non se pode obxectivar un concepto así, pois a nosa é unha civilización extradordinariamente complexa que en pouco ou nada se asemella á basáltica uniformidade das culturas antigas.
Eu, máis como individuo ca como membro dunha civilidade concreta, teño (supoño que como vostede) os meus «lugares onfálicos», subxectivamente considerados; eses emprazamentos onde se concitan todas as características e condicións que dan forma e sentido á nosa existencia dentro dun determinado cerco físico e dunha contorna paisaxística. Unha destas rexións onfálicas é para min o Pico Sacro, maxestosa atalaia dende a que se contempla toda a inmensidade da Ulla e se enxergan lonxanías ignotas. O Pico Sacro é o escenario de moitas imaxes da miña nenez; vexo correteando por entre os seus rochedos un can, ao que chamaba Roni, un can de caza que gastaba uns ollos azuis e nobres como o ceo e que un día se esvaeceu borrado entre as bágoas crueis dun meniño. Do Pico Sacro gardo fotos familares onde aparece Castelao, con chalina, acompañado de señores da Estrada fardados de chapeu e mestos mostachos. Unha vez subimos ao Pico tres veces en dous días, dende a Susana, no concello de Boqueixón, onde eu pasaba os veráns cuns curmáns que eran fillos do médico de alí, o finado de meu tío Luís. Sempre imaxinei que nunha das covas do Pico, que se abren como bocas de abismo escuro, vivía o dragón acérrrimo inimigo de San Xorxe. Ao Pico Sacro fun con amigos e novias. Alí usei palabras de querer e fumei porros. En tempos en que tocaba a psicodelia entregueime á psicodelia e cheguei coa mente a cambiar de cor as rochas, os camiños, as árbores. Disque as covas do Pico comunican coa fenda pavorosa de San Xoán da Cova, montaña e val abaixo, pasando por baixo do Castro de San Miguel. Gana de esaxerar.
Onte pola tarde, por razóns profesionais citárame eu cun xornalista. Contra as catro e cuarto chamoume para dicirme que debiamos adiar o noso encontro pois tiña que cubrir a nova dunha calamidade. Pensei nun tráfico. Díxome que non, que non era un tráfico. Resulta que nunha das covas do Pico Sacro un excursionista atopou, dentro dunha bolsa de plástico, o corpiño morto dun bebé de apenas unhas horas de vida. Alén da negrura do desespero que o acontecemento evoca, sentín algo raro, difícil de describir, como se o meu lugar onfálico, luminoso, no que moitas veces pouso o pensamento para caer no sono, se contaxiase de maldade e, blasfemo, sucio, violentado, deixase de pertencerme, Algo cercano á traizón ou ao desgarro. Como escupir na superficie inmaculada dun xogo de cama limpo.

20.2.11

Ferrete divino

Eu, que escribín a miña memoria de licenciatura sobre Palabras compostas en galego-portugués, lembro algúns especimes das cantigas de escarño especialmente procaces e aínda escandalosos. O substantivo mallo ('especie de martelo longo') engadido á raíz verbal fodi- dá o fantástico composto fodimallo, que aparece na frase fodimallo de madeira, co cal o senso final non precisa de maior comentario, e faría o trebello merecente de lugar descatado nunha hipotetica sex-shop do século XIII. Uma vella fududancúa é outro sintagma rescatado do noso cantigueiro medieval que amosa en todo o seu esplendor a inesgotable energeia creadora da linguaxe. Neste caso cunha curiosa hipercaracterización xenérica, pois ao femenino do participio forte fududa ('fodida'), cohesionado nunha única forma coa frase preposicional en cu, se lle engade aínda un morfema, redundante, de xénero femenino: fududancúa. Precioso.
En poucas áreas do léxico, en efecto, a creatividade lingüística -unha propiedade que fai, de feito, da linguaxe un sistema altamente produtivo e económico- se manifesta coa riqueza de matices, ironía, galanura ou procacidade, crueza ou discreción, que o fai no relativo ao sexo e as relacións sexuais. E isto, creo, debe ser un universal lingüístico. Lembro ter consultado para a miña tesiña, precisamente, traballos de investigación sobre o léxico sexual latino que me convenceron en pouco tempo de que, tratándose dos romanos do Imperio, estaba perante auténticos especialistas no tema, dignos devanceiros dos italianos actuais, probablemente os maiores impulsores europeos da húmeda industria do porno.
O finado de meu pai, en paz estea, utilizaba unha expresión que, como moitas outras, eu fixen miña: meter ferrete. Meter ferrete era para meu pai (e vexo que para o dicionario tamén) utilizar expresións mordaces que buscan ofender. Agora comprobo que ferrete, malia non andar nos dicionarios con tal valor, pode referirse metaforicamente ao órgano viril, que tantísimas denominacións ten en román paladino, como ben testemuñou para universal contento o enxendro musical de certo border line.
Polo visto, unha abigarrada entente de músicos, escritores, actrices, actores e produtores vai contribuír por vía xenital á normalización da lingua galega cun filme intitulado O divino ferrete -título tras o cal entendo hai un, bastante chocarreiro, guiño á satira de don Manuel Curros-, que inaugurará o noso "porniño" patrio. Ocórreseme que, invocando a incorporación da fala de base popular no proxecto, un efectivo eslogan promocional da fita podería ser o fermoso dístico pornográfico que eu recordo dun brutarate do meu instituto: Berberechiña, berberechola, apártalle os pelos que aí vai a pirola.
Ignoro se o contributo normalizador d'O divino ferrete se materializará e os seus protagonistas serán algunha vez -convenientemente mortos e enterrados, claro- galardoados co Día das Letras Galegas. Vexo, de por parte, unha limitación, pois o porno é o único xénero cinematográfico onde quitar o volume non compromete a cabal comprensión da trama.

18.2.11

Náusea

Comezar o día non é doado. Mesmo persoas de trato doce e suave son, nesas primeiras horas nas que toca sacar as lagañas e poñer as pilas, verdadeiros tigres bengalís e non hai quen lles tusa. Persoalmente, intento en tan adversa, malia cotiá e inevitable, circunstancia facer bo aquilo de que non é que día teño senón que día quero ter. Para tales efectos, procuro converter os primeiros compases da xornada en momentos máis ou menos agradables, botando man de certos recursos edulcorantes. No canto de envelenarme, a miña viaxe diaria dende o meu querido Brión ata o compostelano campus sur (digamos, vinte minutos, 1/2 hora se o tráfico está especialmente canino) devén, deste xeito, un relanzo de sosego pois, comodamente sentado no automóbil, disfruto da música e aproveito para poñer os meus pensamentos en orde e ir adminsitrando mentalmente a axenda do día. Hoxe, mentres me apabullaba coa abigarrada complicidade dos sintetizadores, percusións e alaridos de guitarra de Tangerine Dream (tiña eu un amigo que, pouco perito en inglés, lles chamaba Tandilindrín), decidín poñer a radio. A locutora estaba presentando as declaracións de Pachi Vázquez sobre que Feijoo e o narcotráfico andan aí, aí. Ao remate, a locutora indicou que o mesmo Pachi Vázquez está sendo investigado polo presunto incumprimento da disciplina urbanística nunha casa súa en non sei ónde.
Reprimín unha arcada e, decidido a non joderme o día, voltei a Tangerine Dream.

16.2.11

Stylus & Tabella

Nunhas recentes xornadas sobre e-publicacións na Administración, o co-fundador de Dosdoce.com, Javier Celaya, ditou unha interesante conferencia da que, noutro post, falarei máis polo miúdo, pois debullou temas, suscitou reflexións e proporcionou datos especialmente significativos. Para os efectos do meu pensamento de hoxe, quero salientar o que Javier, facendo seu un concepto habitual no mundo anglosaxón, denominou taxa de conversión, en referencia á ratio de lectores que progresivamente van aceptando o soporte dixital como interfaz frecuente de lectura e, na mesma proporción, abandonan o papel, ou sitúano en plano secundario. Tendo en conta que no Reino Unido existen na web, nun cálculo moi aproximativo, 500.000 títulos dispoñibles como ebook, mentres en España podemos falar de 60 ou 70.000 todo o máis, non é doado inferir qué diferenza proporcional pode existir na taxa de conversión impreso-dixital entre o noso país e a pérfida Albión.
En calquera caso, non cabe a reversión desta taxa, e que a súa dirección se invista, retornando de novo ao punto de partida? Non digo, ollo, que isto sexa desexable, nin sequera aventuro que sexa posible, pero o certo é que unha característica inherente aos procesos complexos é a súa absoluta falta de linealidade. Noutras paraxes e en varias catacumbas ás que teño transladado a miña prédica, referinme á circularidade na evolución das tecnoloxías. Unha imaxe metafórica predilecta é da semellanza física entre unha vella pizarra escolar e o monitor do máis moderno ordenador; con aquela, un anaco de lousa escura arrodeado dun bastidor de madeira, comecei eu mediando os anos sesenta a miña práctica lectoescritora; neste, accedo ao ciberuniverso e me interrogo sobre o futuro dixital, apenas corenta anos despois. Mire vostede a imaxe deste post: a belísima moza pompeiana que mordisquea coquetamente o seu stylus, mentres na man esquerda terma da súa tabella:
Si la mirada de la joven romana que nos observa desde uno de los frescos pompeyanos más conocidos, por uno de esos azares espacio-temporales a los que nos tiene acostumbrados el cine, acabara recalando en la sociedad moderna de principios del año 2010, se encontraría ante algo que le resutaría enormemente familiar. Y es que, en un momento histórico dominado por la tecnología y ante un panorama prácticamente irreconocible, vería que algunos de nuestros contemporáneos siguen practicando la vieja costumbre de tomar notas con una especie de punzón con el que escriben sobre una extraña tablilla electrónica a la que llaman PDA, Smartphone o Tablepc. En esencia, y salvando las abismales distancias que separan su época de la nuestra, esa joven del pasado grecorromano se encontraría ante los mismos gestos, el mismo instrumento y el mismo soporte que ya se utilizaban en vida de Pericles o de Trajano. Como si un soporte de escritura, que a fin de cuentas es el más antiguo que conocemos, hubiera vencido el paso inexorable de los años (J. C. Iglesias Zoido: El libro en Roma y Grecia. Soportes y formatos, Cáceres: Universidad de Extremadura, 2010, p. 21)
Comprender que a evolución tecnolóxica non é máis ca unha perpetua mudanza, de natureza basicamente circular -facer o mesmo con medios diferentes- pode axudar a non perdermos o norte e camiñar na dirección axeitada. A min, cando menos, me axuda.

13.2.11

Horno sapiens

De Deborah Harry, a cantante de Blondie, estaba enamorado eu e todos os tíos da miña quinta, e non falo de música, dios me libre, que cada vez que se me ocorre exteriorizar os meus gustos musicais nestas páxinas armo la de San Quintín. Non. Falo de Deborah Harry, neoiorquina, loira como os pavóns do millo, flexible como o vimbio e dotada dunha voz agridoce como de camioneiro afeminado. Blondie tiña unha canción que me encantaba. O refrain dicía: Accidents never happen in a perfect world. Canta razón tiña a nosa diva dos oitenta! Se o mundo fose perfecto non habería accidentes, nin erros, nin ineficiencias, nin disfuncións, nin malos entendidos, nin guerras, nin conflitos, nin sequera discusións. Pero o mundo é como é, e a imperfección está no xermolo de canto fai o ser humano, que, en troques, cre inxenuamente que o camiño cara a unha existencia sen dor, enfermidade e sufrimento está trazado e só é cuestión de tempo. Da estrutura do ADN ao mapa xenético; da válvula eléctrica ao chip de silicio; do motor de catro tempos á turbina dun reactor; dos rudimentos da medicina experimental ao transplante de órganos, toda obra humana é observada, con entusiasmo e optimismo, en clave desta constante e uniforme progresión cara ao perfecto. Pero esta progresión dista moito de ser constante e uniforme e é moito o lastre que fica no camiño. Con certo desasosego teño eu referido nestas páxinas que a permanente convivencia cos ordenadores provoca que busquemos en quen nos arrodea a aséptica perfección e cega obediencia das máquinas: cantas veces, en efecto, nos gustaría combater o estrés e o insomnio pechando o noso sistema operativo e dando nesa sorte de limbo ou sono neutro no que deben caer os computadores cando os desligamos! Pero tamén as máquinas distan de ser perfectas e, igualmente, é moito o lastre que deixan no camiño, un lastre que pode mesmo chegar a dimensións considerables. Os fans do século XIX; chegar ao colino da desesperación; é o home quen carrete fornicacións… son disparatados textos que chegan aos libros porque o home fía en demasía da máquina, neste caso dun estúpido OCR incapaz de discernir, fiando mecanicamente da forma das letras, fans de fins; colino de colmo ou carrete de comete. É moito o lastre que fica no camiño e falo só da punta do iceberg. A confusión rn por m é das máis frecuentes. Probe vostede a buscar Horno sapiens en google. Si, si: Horno sapiens. O primeiro resultado, de máis de 26.000, é un libro clásico de 1937 sobre a hominización. Como para fiarse.
En momentos de frouxeira, pregúntome que mundo estamos xerando. Non é coña.

6.2.11

Saducismus Triumphatus

Supoño que, á parte dalgún outro valor, algúns amigos e amigas deste local aprecian, segundo me expresan de cando en vez, as recomendacións literarias do patrón, o cal non pode máis ca encherme de ledicia, pois, por unha banda, con tan pouca cousa levo algo de contento aos demais e, por outra, compartir gustos endoza un algo a idea amarga de ser un bicho raro. Polo demais, os libros, como as sendas do xardín borgiano, bifúrcanse indefinidamente e xogan cos nomes, os espazos e os tempos nunha sorte de imprevisible xeometría fractal.
O outro día, nun libro raro tiven novas doutro libro, probablemente, aínda máis raro. Do primeiro libro falei hai uns días nesta bitácora e, no presente, estou extasiado coas súas truculencias, amores, aventuras e galanterías de folletón. Neste libro raro pero marabilloso como todos os libros raros (o convencional é sistematicamente aburrido, así lle loce o pelo ás letras contemporáneas...) atopo unha erudita noticia sobre outro mamotreto, que, ai, temo resultará máis maliño de conseguir (quen me dera!). O bo (ou o malo) das noticias eruditas é que aumentan a erudición e a erudición é, sen dúbida, o vasto coñecemento dun montón de cousas e datos perfectamente inútiles.
Imaxinen un predicador anglicano de remates do XVII que, farto do avance das Luces e ata o sombreiro de tanto racionalismo e de tanto Diderot, se propón poñer os seus conveciños contra as cordas do rigorismo relixioso, sinalándose como designio convencelos, sen sombra de dúbida, da existencia certa de pantasmas, bruxas, aparecidos e demais elementos malignos do Alén. A tal punto chegaba o seu intento, que tratou os escépticos, tocados do espírito da Ilustración, de saduceos, sendo que esta seita negaba a inmortalidade da alma, a resurrección dos mortos, e, polo tanto, todo xénero de espíritos, xa anxélicos, xa demoníacos. E daí o título da obra: Saducismus Triumphatus, o seu autor Joseph Glanvill, segundo a portada do libro late Chaplain in Ordinary to his Majesty, and Fellow of the Royal Society. O texto subtitular de tan insigne mamotreto é unha delicatesse de rata de biblioteca, a saber: Saducismus Triumphatus, or Full and Plain Evidence Concerning Witches and Apparitions. In Two Parts. The First Treating of their Possibility. The Second of their Real Existence [...] London. Printed by J. Collins at this shop [...] 1681.
Polo visto, era fama que as sobrenaturais ilustracións e gravados da obra enchían de temor os corazóns dos máis incrédulos.
Estas son as cousas que a un lle abren o apetito, non me dirán que non. El haberá un exemplar en eBay?

3.2.11

Chucán

Do affaire Xosé Carnero, Chucán, non quixera eu destacar o fiasco xudicial, que estimula preocupantes dúbidas. Xosé Carnero, Chucán, natural e veciño de Sober, para min representa a regandixa dunha sociedade civil, por onde esta supura os vermes lamacentos dos seus máis negros intestinos. A profesional do sexo que, por razóns do sustento, foi para a cama con Xosé Carnero, Chucán, é unha heroína, paradigma de que a razas das mulleres é infinitamente máis forte, sufrida, tolerante e resistente á adversidade ca a dos homes. Xosé Carnero, Chucán, coa súa expresión doída de esquizofrénico, co seu xersei inexplicable, co seu chabolo de Sober, coa súa corte onde disque matou a muller, co seu blíster de pílulas, das que o día de autos esqueceu facer uso, coa súa liberdade que semella non querer, co seu encarceramento que semella non importarlle, é o espello cóncavo no que se reflexa un país onde aínda é posible que Xosé Carnero, Chucán, non estea nun centro especializado dende hai moitos anos.