24.3.11

Coincidencias

Todo se desgasta. Por iso, chamamos bens funxibles aqueles que cumpren a súa función na mesma medida en que se consumen. Dende a invención do Estado de Dereito e a democracia moderna en 1789 ata hoxe van máis de dous séculos, tempo abondo para que o sistema democrático de Occidente, como un ben funxible, se fose desgastando, na medida en que foi sendo consumido por decenas de xeracións. Unha das peaxes inevitables deste desgaste estase vendo cada vez con maior claridade: a sistemática desconfianza dos cidadáns cara aos políticos. Ignoro, porque non son politólogo, se isto é unha circunstancia concreta ou pode interpretarse como síntoma de algo acaso máis profundo, que permite enxergar o esgotamento dun sistema de partidos que non dá máis de si. De por parte, e como mero cidadán e curioso impertinente da galaxia, eu creo que, na base desa cada vez máis sistemática desconfianza do sufrido contribuínte, anda o feito de que os políticos viven sometidos a tiranías tremendas e durísimas servidumes, nomeadamente as que lles impoñen os mass media e, consecuentemente, unha cohorte de asesores e xefes de prensa que deben ostentar como requisitos indispensables: a) a máis perfecta indocumentación; b) estaren obsesivamente pendentes do márquetin e as enquisas de intención de voto e c) usar con fluidez un discurso baseado en dez tópicos e cincuenta frases feitas, moi à la mode e tan acomodaticias como baldeiras. Tan abigarrados ingredientes destílanse nun xarope que, como os infames mucolíticos da infancia, sabe a raios: os políticos contemporáneos parecen o que non son, son o que se esforzan en non parecer, din o que non pensan, pensan o que non din, e profesan facer o que non fan. E isto é, na miña opinión, un grande erro, que agocha un aviso a mareantes para quen queira tirarlle proveito: estimo que o márquetin e as enquisas que tanto angustian aos políticos e as súas cortes de aduladores se dispararían na súa prol só con que estes recomendasen a aqueles actuaren consonte a súa auténtica conciencia, comportándose como persoas razoables, independentes, normais e educadas e esquecendo esa noxenta dinámica de acción-reacción goberno-oposición á que tan afeitos estamos e que estomaga como un mal viño.
En tan adversa continxencia, eu non podo senón aplaudir ao político valiente, que non teme saírse do guión que lle marca o que se espera que diga consonte as canónicas mouteiras do discurso politicamente correcto, tan insulso, tan manido. Que o señor presidente da Deputación da Coruña, D. Salvador Fernández Moreda, tilde a inauguración do complexo arqueolóxico de Dombate co título do famosísimo filme propagandístico do réxime nazi O triunfo da vontade (Der Triumph des Willens, 1934) da produtora Leni Riefenstahl é, secomasí, un alarde de independencia e valor á hora de arrostar a eventual reacción dos seus opoñentes políticos. Certo é que non é o mesmo reunir a máis de cen mil seres humanos en xeométrica formación ca inaugurar o cobertizo dunha anta, que leva, por certo, decenas de anos agardando ser cuberta. Pero o que conta é a valentía. Ora, cabe tamén a posibilidade de que tanto o Sr. Moreda coma os seus opoñentes políticos ignoren a existencia do filme de frau Riefensthal e todo sexa unha mera coincidencia. Máis seguro.

No hay comentarios: