Na desavinza xerada pola impugnación do Premio de poesía González Garcés a D. Eduardo Estévez por parte de D. Xavier Lama, distingo dous aspectos diferentes: o persoal e o estritamente normativo-xurídico.No persoal, estimo que, nas nosas relacións sociais en xeral, é inevitable ponderarmos a estatura ética dos demais en comparación coa nosa propia e xulgarmos polo tanto os seus actos contrastándoos co que nós teriamos feito en idéntica circunstancia. De xeito que, con todos os respectos para as persoas, me parece simplemente mesquiño, bastante indigno e —no que ten de inevitable «picota» social— pouco intelixente suxeitarse a unha esculca detallística nas bases para impugnar un premio concedido, entendo, en boa lide, un premio que xulga, polo demais, calidades líricas e estético-lingüísticas e non coñecementos prosaicos e obxectivos sobre o Estatuto de Autonomía ou a Lei de Procedemento Administrativo, tipo de concurso onde unha impugnación ten de certo máis sentido. Haberá, quizais, que reformar para o caso que comentamos o oportunísimo proverbio gabacho: chercher l’argent no canto de la femme?
Pero é que, a maior abundamento, a conclusión da amentada esculca detallística á que chegan tanto o impugnador, canto o tribunal xulgador e os asesores xurídicos (lagarto, lagarto!) é errada. Vexamos: a nosa Lei de Propiedade Intelectual distingue con toda claridade, e como conceptos diferentes, entre comunicación pública, reprodución e distribución: Corresponde al autor el ejercicio exclusivo de los derechos de explotación de su obra en cualquier forma y, en especial, los derechos de reproducción, distribución, comunicación pública y transformación, que no podrán ser realizadas sin su autorización, salvo en los casos previstos en la presente Ley (art. 17).
Por reprodución, a lei entende la fijación de la obra en un medio que permita su comunicación y la obtención de copias de toda o parte de ella (art. 18).
Por distribución la puesta a disposición del público del original o de las copias de la obra, en un soporte tangible, mediante su venta, alquiler, préstamo o de cualquier otra forma (art. 19, aptdo. 1). Isto é editar: reproducir e distribuír, para o cal a lei e outras disposicións articulan un conxunto de accións e pronunciamentos, entre eles nomeadamente: a asinatura dun contrato de edición (cap. II, arts. 58-73 da Lei), a indispensable solicitude do Depósito Legal —que vén a ser o DNI persoal, intransferible e característico de toda obra editada—, o ISBN —caso de se destinar á edición á venda— e, facultativamente a xuízo do autor, a inscrición no Rexistro da Propiedade Intelectual. Unha blog por tanto, non é, baixo ningún punto de vista unha edición. Unha blog é unha forma de comunicación pública, que é todo acto por el cual una pluralidad de personas pueda tener acceso a la obra sin previa distribución de ejemplares a cada una de ellas (art. 20), acto que, entre outras, pode revestir a forma de la puesta a disposición del público de obras, por procedimientos alámbricos o inalámbricos, de tal forma que cualquier persona pueda acceder a ellas desde el lugar y en el momento que elija (art. 20, aptdo. j). Ditaminar que unha blog é unha edición -e que polo tanto os seus materiais non son inéditos- é tanto como crer que unha obra de arte exposta nun museo está editada.
Con dificultades, pero podo chegar a entender o grao de indocumentación do tribunal xulgador. O que me resulta inconcibible é o ditame dos asesores xurídicos da institución convocante. Nestas mans andamos.






















