24.6.08

24 de xuño

Malia o laicismo galopante do século, o día da onomástica é para cada quen un día especial. O noso nome, sexa literal e simple (Isabel), composto (Isabel María), acrónimo (Isma), truncado (Isa), afectivo (Isabelita), mixto truncado-afectivo (Beli) ou hipocorístico (Chavela), é ―malia unha propiedade en ocasións (Pepe, Quico, Paco, Moncho, Manolo, Carmen…) tan universalmente compartida ― parte integrante de nós, e o levamos xa con orgullo (eu son Ramón coma meu pai), xa con certa tendencia explicable ao disimulo (no meu pueblo coñecín eu de neno unha rapaza que atendía por Yeni: resulta que tan exótico hipocorístico respondía ao Generosa orixinal). Algo debe haber de importante no asunto, cando os pais, como parte moi notable dos rituais da longa e ilusionante espera da xestación, botan tantas horas en decidir o rótulo baixo o que o seu vástago será coñecido no periplo da súa existencia. Acerca do particular, nunca deixa de chamarme a atención ―signo dos tempos e dun pobo con pes de barro― a curiosa diferenza entre as columnas de defuncións e natalicios que adoitan publicar certos xornais. Naquelas, os nomes dos infortunados chamados pola inexorable Parca acostuman ser do estilo de Manuel, Nicanor, Perfecto, Gumersindo, Maximino, Purificación, Ludivina, Asunción ou Felicitas; nestas, son Borja, Vanessa, Íñigo, Tania, Jessica, Yeneli (e cousas aínda peores: Sue Ellen, Demelza e Poldark son exemplos dos que, pola miña honra, dou fe).
No meu caso (Juan pola miña avoa materna Juana e Luis polo correspondente masculino), en poucos sitios me chaman Juan Luis (miña nai cando se enfadaba e moitos dos meus colegas da UNED). A maior parte da peña recorre ao neutro Juan ou ―cousa curiosa que algún día me pararei a analizar― a diminutivos afectivos como Juanito, Juancito/Juansito, Juanillo, Juanín, Juani, Juanillas, Juanola/Juanolas… O certo é que a vitola onomástica que me identifica é un deses nomes que, por razóns diversas, ten pasado ao imaxinario popular de todos os países (Jean, Jan, Hans, Hänschen, Ivan, Johann, Jon, Ian, John, Johnny…; cfr. ser un xan en galego) baixo as formas máis variopintas, curiosas e, supoño, social e etnográficamente significativas. A tal punto chega a variedade e riqueza juaneril que en 2000 a Universidade de Salamanca publicou un delicioso onomastikón, o seus autores José Luis Alonso Hernández y Javier Huerta Calvo, intitulado Historia de mil y un Juanes (onomástica, literatura y folklore), que antoloxiza, con rigor e erudición non exentos de fino humor, a inmensa riqueza de Juanes nos eidos referidos, con espécimes populares merecentes de nota: Juan Pedorreras, Juan Boñiga, Juan Berrinches, Juan Tonto…, ao lado de dignos e aínda dignísimos Juanes como Juan de Mena ou Juan de Austria. Un engado especial debe ter o nome cando o maior e máis depravado sedutor da literatura é un Juan.
Por certo que Juan Blanco, consonte o onomasticón citado, é en xermanía ‘inocente o ingenuo’, por atribución irónica aos negros no sentido de que «los negros son todo lo contrario de los ladinos y, en consecuencia, alguien a quien se puede engañar con facilidad». Xa ven que cousas. Polo demais, en ocasión de chamar hai xa uns anos a certa editorial da cidade olívica, a señora ou señorita que me atendeu ao teléfono fixo, á miña presentación (Son Juan Blanco. Podería falar con…?), o seguinte comentario:
-Vostede é moi coñecido en Vigo.
Ala vai, carallo -pensei- saiba Dios que escura débeda do pasado se me vai cobrar de contado!
A boa da muller tranquilizoume:
-É que hai unha cadea de tendas de roupa que se chama como Vde.
Cando, en fin, a combinación do meu nome é co segundo apelido, axiña xorde a lembranza daquel venerable Juan Valdez que foi paradigma do Café de Colombia.
Ou sexa, que non hai quen fuxa. Miserias e grandezas de portar un nome tan ¿vulgar?

8 comentarios:

donagalaica dijo...

O hábito no fai ao monxe, Sr. Juanblanco.
Quede aquí a miña felicitación no día da súa onomástica, que comeza con unha noite misteriosa e máxica, como hai poucas.
Bo día para vostede, logo!
Unha amiga miña di que ten constancia en primeira persoa de que no cemiterio da aldea de seus avós unha lápida reza: Jomer Sinso.
De seguro ninguén lle tiña chamado nunca polo seu nome de pila ao finado Gumersindo e nin el imaxinaba que hoxe a tal deformación faría as delicias dos fieis de Matt Groening.

juan l. blanco valdés dijo...

(Risas!!). Acojonante o caso do tal Jomer. Lembra aquel inefable "Conesiño", diminutivo de "Con é", no que se empeñou o crego cando os pais querían poñer "Alisardo" ao neoófito.
Obrigado aos seus bos desexos.

bouzafria dijo...

Durante moitos anos eu pensei que o veciño dos meus avós na aldea tiña nome de peixe: Mero. E iso foi así porque todo o mundo así o denominaba: "vete xunto o Mero e pídelle...".
Hai poucos anos, lendo as actas da expropiación que estragou a zona descubrín que o señor tiña por nome "Homero". Nunca tal pensara.
En todo caso, parabéns pola súa onomástica.

Ana Bande dijo...

Asístenlle, coma sempre, as musas, prezado Juan e ¡por Valdez que merece o arquivo este post! Foron risas...
Eu, con esto, tiven sorte, contáronme que os meus pais debatíanse entre a tradición, turrando un de Perpetua e a outra de Arxentina. Velaquí miña irmá maior que foi man de santo e cortou o tema impoñendo o seu Ana, máis moderno (daquela)e breve, pero moito menos comprometido. Mágoa que non foi quen de evitar ese pegañendo "María" que impuñan os "hábitos". E se esto dos onomásticos da para moito, imaxino os alcumes. Ahí sí que se empeñou a imaxinación sempre un pouco maliciosa dos aldeáns.

juan l. blanco valdés dijo...

Obrigado, Bouzafría e Ana, polos comentarios. O de Mero ten curiosa relación co Jomer do comentario de Donagalaica: lembremos que Homer (nome do inclasificable personaxe de Groening) é 'Homero' en inglés. De todos os xeitos, o truncamento de cariz ictiolóxico 'Mero' ten narices.
Ana querida, saíches gañando coa oportunísima suxestión fraterna. Imaxina O blog de Perpe Bande... Dá arrepíos. Ademais, Ana é, para min, un dos nomes de muller máis fermosos. Se o fado me tivese favorecido cunha meniña (que non, mira que é capricho)sería Ana. Ana Blanco, como a da tele.
Por certo, iso dos alcumes dá un post pero que ben bonito. O meu pueblo era, no particular, unha especialidade. Prometido!

Ana Bande dijo...

Quedo á espera pois. Eu, aínda que xa vou entradiña en anos, pasei pouco pola aldea, pero lembro as conversas dos meus pais referirse aos "grilos", a "taborelas", o "fillo do músico" (este sempre estaba), os "rebolos", e os que máis graza me facían, "os tripas", logo estaban os "zoqueiros" e outros oficios. Tamén lembro como se amolaba o meu pai cando se decataba de que eu non coñecía a ninguén. Parecíalles mesmo unha falta de respeto non ter oído falar destes personaxes. E que culpa tería eu de ser unha urbanita "auriense", digo eu.
Grazas polas súas agarimosas verbas. Si, o bló de Perpetua Bande ía dar que falar...ja...ja...ja...

Anónimo dijo...

Eu lembro cantidade de alcumes que nomeaban e nomean a moitos veciños da aldea onde nacín. A excepción dalgúns, tamén gremiais, coma os xa aludidos, existía unha maioría cuxa orixe nunca logrei descifrar: O Mechías, O Carena, O Broco...
A súa explicación terán.

juan l. blanco valdés dijo...

De certo que todos eles teñen unha explicación. Como xa adiantei, amigo/a anónimo/a, teño en perspectiva un post específico (idea da amiga Ana-Perpetua-Arxentina Bande) sobre o particular. Como adianto, algúns que me rondan no maxín son "Os de merdafresca" (familia de Cuntis) e "Os do cu queimado" (de Laxe). Sobre estes últimos, cóntase por tradición na fermosa vila mariñeira que a un seu ancestro marcárono co ferro candente de marcar o gando en sitio obvio.
Saúdos.