11.6.08

Un momento

É verdade que, segundo contan, son as pequenas cousas as que fan deste val de bágoas do que somos a ou infortunados íncolas un sitio máis ou menos habitable: unha pequena herencia, un pequeno iate, un pequeno ferrari, unha pequena viaxe ás Seychelles… Indo ao serio, si creo que, consonte estableceu o pensador (non sei cal, pero un), as claves dun benestar razoable son un pequeno xardín, unha gran biblioteca e un cónxuxe compracente, tríada da que son venturoso propietario (quizais isto de propietario artibuído ao cónxuxe soa un chisco forte, non?). En fin, amigos prezados, que canto máis recrúa o ambiente socio-político-económico, máis sinto a necesidade de reflexionar alén da preocupación cotiá, de estender as ás do pensamento por riba da tensión tremenda na que, de costume, discorre a nosa existencia. Coller un xornal, ver o parte televisivo, ou discutir no café de cómo vai a cousa coa parroquia é un exercicio de carraxe e paciencia. A cousa vai… Ben saben vostedes como vai. A cousa vai coma o carallo. O mesmo feito de achar consolo en crermos que iso de non ter puta forma de chegar a fin de mes, desaceleración ou anomalía estrutural en termos macroeconómicos, é mal de moitos é testemuño fiel de cómo vai a cousa. Lémbrame aquel que, cando lle preguntas, cómo che vai, resposta: Ben, ou cóntoche?
Por iso, creo que un blog, dócil depositario do que o seu dono considera oportuno transmitirlle, é unha terapia moi axeitada para tempos revoltos, un relanzo de trascendencia en días de anécdota, se así se pode dicir. A vida segue, e. como cantaba Serrat, hoy puede ser un gran día, depende en parte de ti. Polo que a min fai, acho por veces momentos tan perfectos no seu deseño externo que, sequera momentanea e efemeramente, fan trocar o pesimismo ao que induce a terca realidade co convencemento de que, e lembro o poema de Aleixandre, el mundo está bien hecho. Con ocasión, hai uns días, dun paseo contra a tardiña coa miña pequena cadela, Linda, por volta da igrexa dos Ánxeles de Brión, todo semellaba cantar as delicias de nai Natura: o silencio do campo, apenas quebrado polo rechouchío deleitoso dos paxaros; a temperatura, cálida pero suave, que facía do aire un bálsamo; a luz do solpor, xogando coas sombras e tinxindo de ouro a vida… Nada parecía poder engadir un trazo máis a un deseño tan perfecto. E…, como por sorpresa, ao que pasaba eu por diante dun local social do Concello próximo ao campo da festa, situado de par do templo, xurdiu do interior do edificio a tépeda melodía dun nocturno de Chopin, magnificamente interpretado ao piano, supoño que por algún avantaxado alumno da escola municipal de música. Permanecín fincado, inmóbil, deleitándome con tan insólita urdime de elementos externos que facían daquel intre un intre inesquecible, e pensei: Crisis? What crisis?

9.6.08

Jardiel

Na historia recente diso cada vez máis indefinido, que antes chamabamos, sen que nos provocase erisipela, letras hispánicas hai poucos exemplos de desproporción entre esquecemento popular e volume da obra comparables ao caso de Enrique Jardiel Poncela, e iso malia ter acadado algún dos seus títulos, cando menos coma meros títulos, o nivel case da frase feita: Eloisa está debajo de un almendro ou Usted tiene ojos de mujer fatal.
Cultivador impenitente da comedia, a novela, a novela e o relato curto e o pensamento condesando en forma de pequenas pílulas de uso discrecional, Jardiel é, creo, unha boa mostra dun humor hispánico de base certamente conservadora e, no fondo, respectuosa coa orde establecida e pouco rupturista. Se non fose polo risco de ser mal interpretado (tal como está o patio, case seguro que vou ser mal interpretado, pero aí vai), eu postularía a existencia dunha caste de humorista español de dereitas, que nunha medida máis ca perceptible, adopta como elementos integrantes da ironía percepcións da sociedade vedadas, proscritas ou moi limitadas á tradición da esquerda. Deste xeito, a ignorancia e zafiedade das clases populares, o desprecio ou desconfianza cara aos avances culturais e científicos, a necesaria inmutabilidade dun sistema de xerarquía social, a defensa implícita da superioridade masculina basada na frivolidade inevitable da muller… están na base dun tipo de humor característico que, con diferenzas respecto aos tintes ideolóxicos, abrangue, no recente, a escritores, xornalistas, humoristas gráficos, de Muñoz Seca, Mihura, Arniches ou Jardiel á xeración de posguerra (Álvaro de la Iglesia e La Codorniz) e os máis novos, ao estilo de Chumi Chúmez ou Mingote, algúns deles por veces levemente enfrontados ao Régimen pero, no fondo, tolerados por este pois ben sabían onde estaban os límites que non podían ultrapasarse.
Dentro dese devandito catálogo un pouco apresurado, Jardiel constitúe para min un autor á parte. Mercé a un libro venerable, en exemplar practicamente ao borde do estantarelamento total a causa do intenso uso ao que foi sometido, recupero estes días a gratificante lectura dun texto jardielano que non podo menos de recomendar, cando menos nunha boa parte. Para leer mientras sube el ascensor. Selección de escritos breves (Aguilar, 1950, eu a teño nunha reedición de 1968, para mostra un botón) poutpourrí de textos curtos e variados en temas, formas e inspiracións, se non erro o último libro editado en vida do autor, que falecería dous anos máis tarde. Creo que cando lin por vez primeira as "Siete novísimas aventuras de Sherlock Holmes", contidas na obra, debía andar polos doce ou trece anos. Xa daquela farteime de recomendalas entre o círculo dos meus amigos en quen intuía que a parodia da flema sherlockholmiana e, por ende, británica ía resultar tan hilarante coma a min.
Recoñezo que o tempo é unha peneira fodida que nos muda a percepción de (case) todo, e supoño que en moitos aspectos a obra de Jardiel terá resisitido mal o paso de factor tan poderoso. Pero percibo no autor unha chispa de xenialidade ―mestura tal vez de humor intelectual, corrosivo absurdo e unha irónica reiteración da obviedade― do que gusto moi espcialmente e que dalgún xeito o fai intemporal.

4.6.08

Caninos puntiagudos e literatura

Poucos exemplos de (re)fundición literaria a partir de mitos etnográficos debe haber na historia literaria de Occidente comparables, no seu impacto e nivel de reeelaboración, ás historias de vampiros, que, dende o seu orientalismo eslavo orixinario, foron enchoupando cunha auréola de morboso misterio e siniestro engado a conciencia e sensibilidade dos cultivados cidadáns da snob e estirada Inglaterra victoriana. Atopo sumo gusto na evocación romántica do verán de 1816 no que o estraño conglomerado sistematizador do xénero gótico, perfectamente británico na súa extravagancia, formado por Mary Wollstonecraft filla (Shelley nas nupcias), o seu home Percy B. Shelley, Byron e John H. Polidori atoparon en Villa Diodati, a carón do lago de Xenebra, o marco paisaxístico e o fondo climático —noites de fortes trebóns, ventos e chuvieiras violentas— necesarios para daren renda solta ao exercicio de imaxinación e pulo estético que conduciron á creación do primeiro relato literario de vampiros (The vampire. A Tale, de Polidori editado en 1816) e a unha das elaboracións cimeiras do goticismo (e, de paso, da literatura inglesa da época): Frankenstein, or the Modern Prometheus, de Mary Shelley, que viu a luz en 1818, obra profundamente inquietante que reflicte, creo, un radical ateísmo —no que o seu home militaba—, tan virulento que conduce ao Dr. Frankenstein a desafiar ao mesmo Deus. A nai de Mary Shelley, Mary Wollstonecraft primeira, por certo, tivo un breve romance co pintor Henry Fuseli (nacido Johann Heinrich Füssli, 1724-1825), autor de fantasmagorías, horrores e escuros pesadelos (na imaxe, Os íncubos), que houbo de influír decididamente no romanticismo británico, e ao que fai referencia o xenio Poe en The Fall of the House of Usher.
Entre O vampiro de Polidori e a aparición do «código» definitivo e canónico do vampirismo, Dracula, 1897, novela na que o predicador irlandés Bram Stoker quintaesencia con suma habelencia todos os seus antecedentes, sitúase unha das producións para min favoritas do xénero: Carmilla (In the Glass Darkly, 1872) do tamén irlandés, tamén extravagante e tamén victoriano, John Sheridan le Fanu. Carmilla é un paradigma de intelixente administración narrativa e de elegancia no tratamento dunha condición de partida ―o erotismo lésbico que emana a relación das protagonistas―, que podería ter conducido ao seu autor a un auténtico fiasco. A mesura e equilibrio cos que se Le Fanu dosifica, a pequenas gotas para non empachar, un orixinal repertorio de elementos sobrenaturais, van definindo unha trama de intenso horror e repulsión, en perfecto, malia paradoxal, contraste coa beleza, enfatizada ata a esaxeración, do monstruo, da loba con pel de año, Carmilla. Sen dúbida, unha das obras mestras do xénero. Moi recomendable se é Vde. un lector tan rariño coma este menda. O día menos pensado me fago psicanalizar, a ver qué é o que me pasa.

3.6.08

O DLLC

En punto a lecturas, un, que é raro de narices (por non dicir outra cousa que ía soar mal alén de equívoca), ademais de absolutamente caótico (ao mellor para compensar o rigor e inevitable orde que esixen as lecturas profesionais), ten a súa hora meiga na extremaunción do día, ese momento en que silandeira, imperceptible, subrepticiamente Pedro Chosco acode a nos pechar os ollos como piadosa paréntese para afrontarmos a nova xornada que nos agarda. Nese momento de nos render o sono, e como durmir é un algo como morrer (cojones coa metáfora), ao igual que disque os mortos rexistran na rétina a última imaxe que en vida viron, así creo eu que un dorme cruzando a Estixia da vixilia co regusto do último que leu.
Ou sexa, nunha palabra, que son lector de cúbito supino e última hora. Mesmo, como experto en tal actividade que con fartísima experiencia ten sufrido o engorro de conciliar a relaxante horizontalidade co imprescindible sostemento físico do libro, teño imaxinado un invento moi rendible e acaído, consistente nun brazo articulado, xa empotrado no teito da habitación (non se me escapa que con obvias repercusións estéticas), xa con disposición parabólica, máis móbil e menos agresiva coa decoración, dotado dun atril e destinado a presentar aos especialistas en lectura de cama ―entre os cales tal vez se atope Vde.― o volume en cuestión con toda comodidade e podendo o suxeito dispoñer as extremidades superiores como lle pete, venturosamente liberadas da tiranía imposta pola suxeición do libro, e preocupado só de acomodar a cabeza ao seu antollo entre a molicie voluptuosa das almofadas. Un dispositivo adicional, tal vez dirixido pola propia voz, podería mesmo ir pasando as páxinas, co cal a disipación de enerxía do individuo sería nula concentrándose toda ela na eficiencia e rendibilidade da lectura, que podería acadar así cotas ignoradas ata o momento.
A suxestión fica feita. Eu sonlles de letras ―Niemand ist Vollkommen― e pouco dado a bricolaxes e moito menos proclive a enxeñerías que vaian para alén de cambiar unha bombilla. Pero me pregunto como é que, no medio de tanta quincalla tecnolóxica inútil, o DLLC (dispensador de libros para lectura en cama) ―ata vai bautizado o chintófano― aínda non se inventou.

31.5.08

Parad el mundo que yo me apeo

Nun intervalo de apenas dez páxinas dun xornal gratuíto dos que tanto menudean, leo tres titulares:

-Barcelona. Xulgado por gravar a súa sogra no lavabo mentres realizaba as necesidades fisiolóxicas.

-Unha muller alemá mete o bebé no conxelador ao crer que estaba morto.

-Navratilova dedícase a pintar cadros abstractos lanzando pelotas de tenis nos lenzos.

Doulle todo o seu sentido a unha pintada que hai a carón dun caixeiro no que acostumo quitar cartos (cando os hai, claro): Reset the world.

29.5.08

Unha mesa redonda

Hai uns días moderei unha mesa redonda (que, por certo, era rectangular) sobre Saídas profesionais da edición na compostelá Facultade de Filoloxía destinada a dinamizar a matrícula no vindeiro Programa Oficial de Posgrao en Edición que convocan xuntamente as universidades de Vigo e Santiago, como reconversión do noso Máster en Edición (que este curso cumpriu a súa terceira —valla a redundancia— edición). Na mesa, composta por editores de pelaxes varias (creación e edición de banda deseñada, unha pequena editora de libros góticos e de terror, a coordinación dunha liña de traballo dunha grande editorial e unha empresa de servizos editoriais), suscitáronse temas diversos que eu, como moderador, tentei levar ao pé de obra da profesión que, supuxen, sería o que debera interesar a rapaces e rapazas a piques de se licenciar en titulacións de Humanidades e decidir qué facer coa súa vida, expostos, xa que logo, a sucumbir ao doce virus da edición.
Digo que intentei levar ao pé de obra o debate porque demasiado ben coñezo a propensión dos editores aos transportes de entusiasmo profesional cando se reúnen, e corriamos o risco evidente de botarnos a falar de cousas que nós podemos considerar interesantísimas pero pouco ou nada os destinatarios do evento.
De entre o fluído intercambio de puntos de vista, que se estendeu dúas horas, difícil sería resumir o inventario de temas que foron tratados e as conclusións —sempre provisionais— da mesa. Con todo, aventúrome a sintetizar algunhas:
1) un dos problemas, por non dicir o problema, da edición independente é a distribución. Os grandes grupos editoriais teñen as súas propias canles e os distribuidores convencionais, nin aínda cos beneficios en porcentaxe e prerrogativas da devolución cos que traballan, queren asumir os riscos de distribuír un novo selo. O período de devolución, ademais, estase acurtando consonte medra a oferta editorial (68.930 títulos editados en 2006) e se reduce drasticamente a vida media do libro (hoxe atopamos libros editados en 2006 nas feiras do libro antigo e de ocasión). A distribución de contidos dixitais e as megalibrarías virtuais xeran, neste sentido, novas incertidumes pero, tamén, novas esperanzas e vías de traballo.
2) a única alternativa á horizontalidade da oferta editorial —representada pola cultura do best-seller, as megalibrarías e a oferta apabullante e indiscriminada dos malls e áreas comerciais— é voltar ao concepto tradicional de libreiro, que sempre foi un profesional con escasísimos coñecementos de márquetin e dotado dun entusiasmo e amor dos libros que non lle ía a la zaga aos editores. Hoxe non hai, de media, libreiros senón comerciantes que o mesmo venden libros ca trafican en cervexas ou vestidos de noiva. Alguén falaba na mesa do moito que, cando entra nunha libraría, lle molesta unha destas dúas cousas: que non lle deixen tocar os libros ou que lle pregunten ¿Puedo ayudarle? (no meu caso, máis dunha vez teño respostado a esta pregunta escuetamente Non na absoluta certeza de que, en efecto, non pode axudarme).
3) o concepto de lector ten mudado de xeito radical nos últimos anos. Se nos suxeitamos aos barómetros oficiais de hábitos de lectura, que se centran no consumo de libros, obteremos unha percepción perversa da realidade. Hoxe lese sobre moitos soportes: lense unha imensa variedade de revistas —dea Vde. unha volta polo quiosco máis próximo— (a título anecdótico: a revista semanal Pronto tira 1.000.000 de exemplares); lense manuais de autoaxuda; lense xornais e publicacións dixitais, lense blogs... Que é, en 2008, un lector? Por que limitar as posibilidades de comunicación cultural ao libro impreso?
4) en calquera caso, o mercado editorial, e con el as posibilidades laborais que ofrece, vai seguir sendo unha aposta firme: nunca se editou tanto nin tan ben, nunca como agora se mimou tanto produto ata os seus últimos detalles; é posible que sigan mudando as formas, mesmo máis do que o fixeron ata agora, que emerxan novas redes e xeitos de edición, de distribución e comercialización dixital, de almacenamento e transmisión da cultura escrita, unha profunda reorientación do mercado libreiro internacional, … pero, de certo, sempre seguirán sendo precisos homes e mulleres que propicien e protagonicen todo iso. O futuro é xa.
P.S. Hai que dicir que a audiencia da nosa mesa redonda compoñíase apenas dunha vintena de alumnos (ao mellor, son os chamados á mesa do Señor). Pero esta é outra cantiga.

27.5.08

Un R.I.P. por vía de urxencia

A Sidney Pollack débolle unha das máis grandes alegrías cinematográficas da miña vida: As aventuras de Jeremiah Johnson, da que —entre Memorias de África, Tootsie, Michael Clayton e demais— hai pouca recordación popular (en liñas xerais, o que se recorda popularmente sempre é, do meu punto de vista, o peor, velaí a vivaz raigame do meu elitismo cultural, e pense cada quén o que queira).
O filme, de 1972, baseado na novela Mountain Man (1965) dun autor pouco coñecido por estes pagos, Vardis Fisher, interpretado por un inmenso Robert Redford, cunha música envolvente e cálida e rodado nas impresionantes paraxes naturais de Alaska, desenvolve unha inesquecible historia —en clave iniciatica para algúns— no que un ser humano, farto das vaidades da vida urbana, non só se reencontra a si propio senón que, aínda máis, se reinterpreta a partir de valores que, ata o momento do seu contacto coa natureza en estado puro, ignoraba: a comuñón permanente coa lei natural, o escaso sentido do concepto raza, a solidaridade, o honor… Entre outras moitas secuencias inmortais, a escena na que o pawnee, no medio da neve, sabendo que vai morrer, réndese, e, axeonllado, entoa, como despedida da existencia, un cántico espiritual na súa eufónica lingua é, para min, do mellor da historia do cine.
Unha película eterna, de culto, intelixente, e dunha extraordinaria clarividencia en moitos temas de actualidade (a ecoloxía e o crecemento sostible, a tolerancia e comprensión entre razas…). Velaí a miña modesta homenaxe a Sidney Pollack. Levouno a Parca sendo ben novo. Vaia en paz.

26.5.08

De volta ás orixes

Non é a primeira vez, nin será a última, que nesta bitácora, adicada ―entre outros temas e intereses― á edición, me refiro a que, nunha ollada histórica, o pai do invento ―Hans Gensfleisch, de Gutenberg― aproveitou a tecnoloxía para poñela ao servizo da comunicación e a cultura, e así, dunha evolución sen solución de continuidade entre certos trebellos primitivos e a imprenta de tipos móbiles e reutilizables, naceu o libro moderno.
Hoxe en día, absolutamente indixestados dunha tecnoloxía que cremos omnipotente, o que facemos é normalmente o contrario: poñer a comunicación e a cultura ao servizo da técnica. Daí nacen produtos dunha absurda potencialidade como os dispositivos que almacenan 30 000 libros nas súas tripas sen que ninguén pare a preguntarse non qué senón para qué.
Unha das causas evidentes de que, malia non venderse unha escoba e lerse menos ca unha escoba, a produción editorial veña incrementándose imparablemente nos últimos anos é que simplemente podemos producir un libro en vintecatro horas dende o momento en que o autor o entrega composto cun procesador de textos. Nesta fuxida cara a non se sabe onde que impón a hipertecnoloxía, estamos, imperceptiblemente, voltando de novo ás orixes, ou, se se me permite a expresión, ás cavernas. Pensen unha cousa: a produción internacional de papel para impresora se ten multiplicado nos últimos anos. Saben por que? Pola absoluta estandarización do formato .pdf. Curioso, ¿non? Efectos sinerxéticos imprevisibles e paradoxais. Facía falta tanta alforxa para esta viaxe?

21.5.08

Cousas de hoxe

Querido diario:
Onte, tras unha reunión con certa autoridade académica dunha institución de ensino superior con sede na vila e corte na que se evidenciaron irreconciliables puntos de vista acerca dun mesmo conflito, concluín que unha condición envexable para a práctica da política é ser parvo. Se, nunha estancia na que a luz está acesa, alguén é capaz de manter que a luz está apagada diante de seis persoas que aseguran que, como é obvio, a luz está acesa, e ademais o fai poñendo cara de póquer e arrodeado dunha auréola de empaque e seguridade sobre a física e estados da iluminación, ten moito gañado no terreo da política. Esta autoridade é unha persoa nova, está enfundado nun traxe que a el lle parece impecable, leva gafas de deseño cunhas letras que se len claramente: Givenchy, viaxa en bussiness, ten secretaria, e derrocha azos, enerxías e modos da capital. As seis persoas que o instabamos a ver que a luz estaba (e segue estando) acesa imos un chisco máis valetudinarios e, no percurso desta congostra revirada e fodida que é a vida, fomos trocando azos e ambicións por (perdón) unha certa sabedoría e coñecemento das cousas que, en xeral, vai para alén dos catro tópicos e a cháchara propia cos que se manexan estes neo-tiburóns.
Hoxe, querido diario, a risco de que non esteas de acordo, quero compartir contigo unha inquietante sospeita, que, a estas alturas,para min é case unha constatación: está emerxendo unha nova xeira ou clase ou caste de políticos novos, que, incapaces de xeraren nada propio, suben ao carro do que outros crearon ao longo dos anos e, con entusiasmo e adicación, levan facendo funcionar con eficacia e xeral contento. Molestos polo protagonismo dos lexítimos pais do invento, orientan un esforzo que debera ter mellor destino a parasitar o que eles nin en cen anos serán quen de crear nin xestionar, centrando o seu obxectivo a curto prazo en asumir unha responsabilidade que non lles corresponde e matándose a cobadazos para colgarse medallas e saír na foto. No fondo da paisaxe —sempre— a pasta, procedente, claro, de diñeiros públicos, porque a vida estalles moi achuchadiña. É unha calamidade. Un mal endémico máis desta sufrida empresa pública na que, contra a percepción maioritaria, tantos traballamos como se fose privada.
Calquera día bótome ao monte (e non é a primeira vez que o advirto).

18.5.08

Pensamentos vagabundos

Na presentación dun libro na que participaba certo escritor cubano produciuse o outro día unha situación curiosa e un chisco incómoda, hábil e cortesmente reconducida pola autoridade académica que presidía o acto. Con ocasión de presentar o autor, fillo e neto de galegos, un pequeno libro seu acerca das pontes familiares secularmente tendidas entre a perla do Caribe e este vello finisterre europeo, nun momento dado, e tras a introdución e captatio benevolentiae de rigor, anunciou que ía ler o libro, provocando en todos os circunstantes a lóxica alarma, pois, dado o avanzado da mañá e tendo quen máis quen menos outros asuntos aos que atender, aquilo podía prolongarse en tempo considerable. O meu home —confirmando a peor das hipóteses— deu comezo, en efecto, á declamación literal do texto, que podía erguerse da mesa en que repousaba o seu bo centímetro e pico. Rico texto, por certo, magnificamente escrito, lido coa prosodia caribeña, cálida e sensual coma unha papaia. Movementos velados, toses nerviosas, olladas de complicidade e cellas en arco eran clara manifestación dun estupor derivado de estar verificándose a presentación dun libro coa lectura ao vivo do mesmo, práctica descoñecida por estes pagos pero, pola mostra, non infrecuente na illa fidelina (o adxectivo é de propia minerva). Como digo, con delicadeza e dozura, cando o declamante levaba consumidos por volta de quince minutos, a autoridade convidouno, para xeral alivio, a ir rematando pois a dependencia onde o acto tiña lugar era reclamada con inmediatez para outra ceremonia.
Fóra a anécdota, a conclusión subseguinte de moitos dos que alí estabamos foi, por unha banda, a distinta medida do tempo do escritor cubano e a nosa, o que, avanzando no estrato da reflexión, levou a considerar a permanente e absurda loita contra o tempo, os horarios e o reloxo que preside a vida dos cidadáns de Occidente. Por outra, apuntouse, con toda razón e oportunidade, que en Cuba, sendo practicamente descoñecida a monstruosa oferta mediática e tecnolóxica do mundo capitalista, o libro segue representando o valor fulcral da comunicación cultural e o lecer (algo así pasaba na nenez da miña quinta, con só unha canle de TV, que se vía fatal e pechaba ás doce da noite, e cocida culturalmente ao lume de Hazañas Bélicas, a editorial Bruguera, Tintín, Los cinco e por aí).
Así é a cousa, amigos: vítimas dun réxime de opulencia e consumismo insaciable, vivimos literalmente alienados polos mass media e, no canto de reconciliados coa nosa circunstancia, en perpetua, e por veces virulenta, loita contra algo: contra o xefe, contra o subalterno, contra o horario, contra inimigos reais ou imaxinarios (máis, creo, destes ca daqueles), contra o envellecemento, contra o estrés, contra o colesterol, contra a depresión, contra o pouco que nos pagan, contra a halitose e o cheiro dos pés, contra o botellón, contra o pouco que se recoñece o que facemos, contra a comunidade de propietarios, contra o caro que vai todo, contra a neurose, contra o PP, contra o PSOE, contra a ansiedade, contra os triglicéridos, contra Fenosa, contra o cónxuxe, contra o ex –cónxuxe, contra o banco, contra o secador de pelo da veciña ás sete da mañá, contra o tráfico e os embotellamentos, contra a hipoteca, contra a sanidade pública, contra a angustia e o spleen, contra Facenda, contra a Xunta, contra Quintana, contra Touriño…
Velaí dúas boas razóns (vivir a hostias coa vida e unha abafante presión tecno-meditática) polas que este blog vai perfilándose cada vez máis, non crean que non me decato, en depositario de ficcións, reflexións, folganzas, lembranzas e paparruchas varias, o máis afastadas posible da realidade circundante, que, a golpe de titulares do día, nos tiraniza. Non saben o que me aburren os xornais e a política.
Calquera día bótome ao monte.

14.5.08

Mistificación. Fusión

Nunca fun amigo de mistificacións. Unha cousa é a convivencia natural e intelixente de elementos dispares e outra a mestura artificial e interesada de magnitudes que nada teñen que ver, por moito que ao márquetin se lle poña nos miolos. Tras aquela hai síntese, lecturas claras, constatacións insospeitadas e complexidades harmónicas; tras esta patetismo e tontería. Freddie Mercury cantando con Monsterrat Caballé, por poñer un ejemplo que explicite o que quero decir, representa un estúpido paradigma de mistificación encamiñada a épater mentes obtusas. O selo ECM é un prodixio do contrario.
Supoño que o mundo de hoxe está xa en condicións de avaliar seriamente a impagable achega de ECM á música contemporánea. Dende o seu marchamo orixinariamente escandinavo, dende a ortodoxia ata as formas máis experimentais e innovadoras do jazz, ECM leva décadas promovendo non só os valores que xeograficamente lle son propios (algunhas pérolas, entre moitas: Keith Jarrett, Jan Garbarek, Palle Danielson, Jon Christensen) senón xenialidades de latitudes varias e paraxes musicais complexas na súa variedade pero de notable homoxeneidade funcional, como resultado. De Chick Corea, Gary Burton, Ralph Towner e Stanley Clarke a John Scofield, Bill Frisell, Peter Erskine e ―noutra latitude, esta quente, sabrosona e afastada de friaxes boreais― Flora Purim, Naná Vasconcelos e o gran, grandísimo guitarrista (e cantante, e pianista e moitas cousas máis) Egberto Gismonti.
De entre a ducia de moi venerados vinilos de ECM, gardo con especial devoción O sol do meio día (pronúnciese, de ser posible, á brasilera, co /d/ de día case como un ch, para percibir o que digo), que Gismonti gravou co saxo taumatúrxico de Garbarek, o diálogo coma un torrente coa outra guitarra de Towner e o berimbau, a botelha e outras percusións e ruídos de Vasconcelos e Collin Walcott. Tras unha convivencia militante cos indios Sapain e Xingu, no Amazonas, Gismonti volcou no LP the sound of the jungle; its colour and mysteries; the sun, the moon, the rain and the winds; the river and the fish; the sky and the birds; but most o all the integration of musician, music and instrument into an undivided whole.
Haberá que lembrar de novo a Borges?: a característica do clásico é a súa infinita plasticidade. Todo o disco é un prodixio musical tras outro pero en especial os números que abren cada unha das caras do disco, Palácio de Pinturas e Café, son unha mostra especial, e para min única, da máis exquisita convivencia de medidas diferentes e percepcións plurais (un sueco+dous norteamericanos+dous brasileros) acerca dun mesmo obxecto, neste caso a pulsión primitiva e fondamente étnica dunha tribo incorporada á alma, culta e sensible, dun músico urbano. Levo moitos anos (a obra é de 1977) sentindo a selva, o pó dos camiños, a calor acumulada nos ollos e o sol do medio día neste orgasmo sonoro ―perdón polo transporte de entusiasmo― e algún día tiña que falar del. Era, como tantas cousas na vida, simplemente inevitable; cuestión de tempo.

...todos (as) sacan astillas

En latín: Dum eris felix multos numerabis amicos. En paladino romance: Del árbol caído…Ao mellor se tivese saído presidente do goberno concitaba más adhesiones y el general aplauso. Digo eu. ¡Recia cosa es la política!

13.5.08

In memoriam

É certo que de costume son moito máis frecuentes os humanos exemplos da maldade, crueldade, violencia e ansia de dominio ca os da bondade desinteresada. Botar a sonda na perversidade dos homes é arriscarse a non tocarmos fondo. Dá medo poñer o telediario. Penso que de partida o ser humano é malo, e toda a actual arquitectura socio-xurídica de Occidente —froito dunha en extremo dolorosa evolución de séculos—, é dicir, o que normalmente chamamos lei, democracia e Estado de Dereito, foi levantada para acoutar e aínda acurralar esa maldade esencial. Podería argumentarse en contrario, pero acho unha proba indiscutible do que digo: se mesmo con lei, democracia e Estado de Dereito pervive tal cantidade de situacións de violencia, guerra e sadismo, qué non ocorrrería de non contarmos con eses elementos para a coerción do peor de nós mesmos?
Por fortuna, como é adoito, toda actividade humana tende á compensación, e, así, as innúmeras mostras da bestialidade vense contrapesadas por escasos, malia, por veces, sublimes, exemplos da máis emocionante bondade. Hoxe esta bitácora rende homenaxe a Irena Sendler, o anxo do ghetto de Varsovia, que onte morreu con 98 anos —supoño que sorrindo como fixo os últimos 60 anos, malia vivir confinada nunha cadeira de rodas dende que a SS e a Gestapo a torturaron nos anos 40. Salvou 2500 nenos da morte. Co efecto multiplicador destas cousas, aproximadamente 10 000 homes e mulleres hoxe viven grazas a ela, que non recibiu nada a cambio. Nada?

11.5.08

Baduar

Nun post anterior gravaba eu en lápida unha frase para a posteridade: cando un non ten nada que dicir o mellor é non dicir nada. É unha desas sentenzas, creo, que, malia (ou precisamente por) a súa descarada e insultante obviedade, deben ser lembradas en tempos nos que campan polos seus respectos indocumentados enchidos de fachenda, atrevidos ignorantes e orates e de toda laia que, sen o máis mínimo empacho, botan a lingua a pastar opinando de absolutamente todo, e, tirando de sinergias, escenarios, hojas de ruta, timings, contextualizaciones, dinámicas, recorridos, mire usté, e demais artillería terminolóxica à la mode, dan mesmo a sensación de estaren dicindo algo serio e profundo e seren competentes en terreos que, en realidade, lles son tan familiares como a colombofilia ou a capa dos porcos. Lembremos que é moito máis habitual, por doado, pensar de forma simple e falar de xeito complexo —actividade na que España é unha potencia internacional— ca pensar con complexidade e rigor e, non obstante, transmitir tal pensamento de xeito fluído e accesible, mostra inequívoca dunha boa carpintería mental. O amigo Apicultor, sempre intelixente e incisivo, terciaba o outro día, como comentario ao devandito post, apuntando que se aquí até o máis necio desbardalla sen parar (e algúns até lles pagan), por que imos ser nós menos (aínda que non cobremos)? Canta razón ten o cultivador de abellas! Aquí tododiós badúa. De traballar pouco. Pero baduar...! E algúns ata cobran! Coñecen vostedes algún país onde se celebren máis reunións ca neste? A xente adora as reunións e pensa que ter moitas é vitola de importancia. En efecto, en España os estados da materia son catro: sólido, líquido, gasoso e reunido. Preguntas por fulano: Está reunido. Dúas horas máis tarde: síntoo, segue reunido. Intentemos pola tarde: Ai, non, canto o sinto. Acáballe de entrar noutra reunión. É de supoñer que tan alto personaxe ás catro da mañán seguirá reunido… co/a cónxuxe (ou substituto/a) na cama, substanciando asuntos de menor calado. En fin. Se o papel de España no concierto de las naciones, como gustaba dicir ao Régimen, dependese do número de reunións que no seu seo se producen ao día, de certo que mirariamos para os EUA ou Alemaña por riba do ombreiro.
Para rematar por hoxe este asunto do moito que se badúa e do pouco que se concreta, quero recompensar a fidelidade dos meus amables lectores con dous pensamentos colleitados por aí e incorporados en clase preferente ao meu kit de supervivencia socio-laboral:
a) As reunións son como as putas: joden e joden e nunca paren (dito sexa con todos os meus respectos para o sufrido e imprescindible labor das dignísimas hetarias e traballadoras do amor en xeral).
b) De calquera proposta, o 90% é lixo.
Pénseno na próxima reunión á que acudan e xa me dirán se teño ou non razón. À toute à l’heure!

7.5.08

A bandeixa dos recomendados

Algúns benevolentes lectores destes galácticos fragmentos comunícanme que fían moito dos posts que adico á crítica e peneira de libros, e que mesmo, con fidelidade emocionante que por suposto agradezo, adquiren para a súa lectura os títulos que, xa implicita, xa explicitamente, recomendo. Arrenégote! Se hai un ministerio dos moitos que andan nas hijuelas do que, por ocio ou negocio, un fai que me parece espiñento e cheo de arestas e traizoeiros espellismos, tal é o de crítico literario. Acredito pouco na pretensión de elevar a disciplina sistemática —menos aínda científica— o que, en amplísima porcentaxe, alicerza en percepcións subxectivas e sensibilidades persoais. Non serei eu quen diga que tras todo crítico literario hai un escritor frustrado, pero dito queda. Lembro que, con gran candidez pero impecable incisión, un rapaz coa licenciatura do paquete, matriculado en certo posgrao de administración de empresas, contábame que tiñan un profesor que con fachendosa autoridade parolaba e atronaba contra o mal que están organizadas a maior parte das empresas do país, que aquí non hai empresarios senón mercachifles, que se fiaran do seu consello mellor e con ganancia máis pingüe lle iría a moitos deles. A dúbida dos alumnos xurdía clara como a luz do albor, malia non terse expresado nunca por pura educación: daquela por que non monta vostede unha empresa? De certo que, cos seus coñecementos, ademais de facerse millonario —e non gañar o puto soldo dun titular de universidade— a súa sería buque insignia e espello no que mirarse para as firmas do país. Cos críticos literarios «profesionais» (as aspas son miñas) creo que pasa un pouco o mesmo, pero ao mellor estoume deixando levar por unha certa mala uva...
En fin, que me dá bastante medo que se me apoña o raro mérito de ser recomendador de libros, anque non vexo moito modo de obrigar a ninguén a que, se lle peta, deixe de secundar os meus gustos. Aló cada quen.
Por outra banda, como calquera e en calquera actividade, un non conta todo. Vivir sen segredos e gustos inconfesables é restarlle moito sal á vida. Cantas cousas facemos que non podemos nin contar? Cantos libros lemos que non só non nos atrevemos a recomendar, antes ben nin falamos deles? De por parte, poñendo as cartas boca arriba, e xa que sae o tema pero sen que sirva de precedente, direi que estes días atopo moito soaz na lectura dunha vella e roñosa trioloxía inopinadamente extraída da biblioteca paterna que, editada nos comezos dos 70 por un dubidoso «Círculo de Amigos de la Historia», conságrase a Personajes malditos de la historia. De momento, estou co volume 1 adicado a Sade, El diablo e Laurenti Beria. O trío calaveras, vamos. Non me atrevo a recomendalo.

5.5.08

Don Leopoldo

Supoño que unha figura como a de Leopoldo Calvo Sotelo pode ser doadamente asignable a unha práctica política directamente herdeira da dereita hispana máis recalcitrante e carpetovetónica. Renovación Española, liderada polo seu tío José, era cerval inimiga da institución parlamentaria e estaba moi próxima ao fascismo da época. O seu asasinato foi, como ben sabido é, o detonante do cataclismo. Paradoxalmente, o herdo de tanta efervescencia —velaí unha forma de homenaxe tipicamente franquista— foi denominar Calvo Sotelo a unha infinidade de prazas e rúas do país, hoxe a maior parte venturosamente rebautizadas.
Pasados os anos, intúo que don Leopoldo, en virtude da súa orixe e extracción, fixo dende que naceu exactamente o que se agardaba que fixera: estudante modelo de Enxeñaría de Camiños, casado coa filla dun que foi ministro de Franco, tivo oito fillos (lembra nisto aos propios ministros de Franco que sempre tiñan un montón de fillos) e entrou na política —sólida formación profesional, francés correcto, tipo culto e amplamente europeo e europeizante alleo á bestialidade do «búnker»— vía a tecnocracia do tardofranquismo. Era o país que había.
O presidente discreto chamáballe onte El País. Subxectivamente creo que é un dos políticos españois máis absolutamente convencionais dos últimos trinta anos, non obstante non poder dicir que me resultase antipático. Era un deses tipos de seriedade moi española, solemne, como de enterro, de aspecto un pouco cenizo a lo Sazatornil ou Pantuflo Zapatilla, aos que resulta difícil imaxinar, non sei, en pixama ou bañador ou calquera outro aliño indumentario que non fose o pulcro e xeométrico traxe e as gafas de pasta grosa que constitúen a base da súa imaxe. Por outra banda, tiña un nome, Leopoldo, sonoro, clásico, antigo como un fonógrafo ou un pasiego de Pereda, que lle ía como anel ao dedo.
Había un chiste sobre o finado que eu lembro do tempo en que foi presidente, e que, polo gracejo prosódico engadido, imaxino xurdido do máis castizo barrio da capital. Era aquilo de en qué se parecen España e Portugal: en que o presidente portugués se chama Pinto Balsemao e o presidente español tiene pinta’embalsamao.
Sic transit gloria mundi!

2.5.08

Trancas e barrancas

Non hai moito, achegándome a un paso de peóns dinme ao demo por non ter parado o auto que debía cederme atravesalo. É máis, como é adoito, o tipo aínda acelerou máis para evitar deterse. Perante a miña queixa, tendente á xeneralización como é frecuente neste casos, do estilo Que país, carallo, así nos vai, unha amiga que me acompañaba, e a quen eu teño por persoa de moito siso, fíxome unha reflexión: Non te queixes e pensa de onde vimos. Hoxe un tipo así é a excepción; hai vinte anos era a regra. Non puiden menos que asentir, claro.
Sigo pensando, reafirmándome máis na idea canto máis pasa o tempo, que o evoluír social do país dende o rancio cuartel que era en 1975 ata os nosos días é un exemplo de aggiornamento social insólito na Europa contemporánea. Certo é que hoxe hai problemas de inconvivencia, irrespecto e mesmo de virulenta violencia, pero son doutra índole e en moitos trazos perfectamente homologables aos que pode sufrir calquera sociedade do noso entorno. É moi doado sucumbir á idea de que a nosa xeración estaba, con franquismo e todo, moito mellor educada, que había outros valores e patatín e patatán. En boa parte deste xénero de xuízos hai unha enorme erosión da realidade, pois traspóñense apresuradamente condicións e circunstancias sociais moi diferentes sobre a crenza fundamental de que todo tempo pasado foi mellor. Falando da xuventude de hoxe —o grueso dos dirixentes sociais de mañán— é certo, eu xa o teño exposto nestas páxinas, que padece en xeral dun déficit grave de conciencia do deber (fronte a unha, máis grave aínda, indixestión de dereitos). Non hai máis que contemplar os restos dun botellón para percibirmos esta descompensación. O outro día, nun xornal, un psicólogo letrado da Fiscalía de Menores do Tribunal Supremo declaraba, creo eu que con grande incisión e coñecemento de causa: Eu non diría que os mozos de hoxe son violentos. Son irrespectuosos.
É difícil, nesta perspectiva, conciliar tal irrespecto coa educación dun país libre, democrático, moderno, onde, precisamente, a convivencia baséase no respecto á opinión do outro. Como inferencia do anterior, no contexto dunha sociedade castrense, nacional-católica e brutal, castrada de toda liberade, que fedía a incenso e pis, a nosa si tiña todos os boletos para ser unha xeración de completos animais. E, sen embargo, semella térense invertido os papeis.
O que segue, pé da imaxe duna moza ataviada para a práctica do esquí, está tomado de Economía doméstica para Bachillerato, Comercio y Magisterio (1968), libro da Sección Femenina para rapazas:
No hay que tomar el deporte como pretexto para llevar trajes de deporte escandalosos. Podemos lucir nuestra habilidad deportiva, pero no que estas habilidades sirvan para que hagamos exhibiciones indecentes. Tampoco tenemos que tomar el deporte para independizarnos de la familia, ni para ninguna libertad, contraria a las buenas costumbres.
Eu tiña oito anos cando se publicou esta alhaja, perfectamente representativa da escala de valores dunha época. É simplemente acojonante termos sobrevivido a isto. Sei que é moi difícil, e ao mellor superfluo ou mesmo inútil tentar transmitilo, pero sinto, con toda xustiza, moito orgullo da miña quinta.

28.4.08

Post de san Luns

Cando argumento o duro que é, entre todos os labores e compromisos diarios, esprimir a cachola para alimentar case diariamente un blog, algún bo amigo a quen ―nobre homenaxe da amizade― o afecto probablemente lle fai esaxerar, anímame a teimar na mantenza destas páxinas dando como unha das principais razóns que está moi ben escrito, gabanza que, sequera sexa pola boa fe, eu acepto de grao. Persoalmente son da opinión que cando un non ten nada que dicir o mellor é non dicir nada, sentenza lapidaria que non se debe a Ortega, nin a Chesterton, nin a Wilde, nin a Protágoras, nin a Hesse, nin a Nicéforo Focas, nin a ningún deses proverbiais fornecedores de frases impresionantes, senón a Juan L. Blanco Valdés, que está plenamente convencido de que a tal sentenza agocha unha verdade incontestable, luz e guía a seguir por moitas bitácoras que polo proceloso océano cibernético pululan, dignas ben delas de pasaren a mellor vida.
Digo isto porque, lembro, agora si, unha declaración do noso nunca ben ponderado CJC, esgrevio escritor e discutible cidadán, quen, preguntado sobre o proceso xenético das súas novelas no que fai ao proceso da escrita en si, respostou, con aquel seu ton tallante, roufeña voz e nota escatolóxica: Mal debe andar la cosa para que me pregunte Vd. si escribo sentado, de pie o haciendo mis necesidades.
Será que en san Luns non está a cabesiña para moitas virguerías e dáselle a un, non tendo tema a man de máis vitola, por escribir sobre como escribe? Concedo. Algo haberá. Pero, indo ao caso, tamén é certo que a lisonja do meu amigo deume pé a unha reflexión. Porque, que é escribir ben? Supoño que nisto, coma en todo, hai unha boa parte de intuído, diso que, a moito que o pensemos, non damos con razóns que poidamos expresar doadamente. Por que Scarlett Johanson nos parece unha actriz sublime e Penélope Cruz un petardo? Pois, como non somos especialistas en arte dramático nin interpretación, abonda con ficarmos con tal convencemento, porque si, porque unha nos parece sublime e outra un petardo.
Persoalmente, dicíalle eu a meu bo amigo, moitos destes posts son a xeito de haikus ou arrautos, espontáneos e case automáticos na súa orixinal forma, pero moi currados con posterioridade ata a súa estrea cibernética no blog. Que é o que determina que se lean fluidamente, mesmo con certa estética? A corrección sintáctica? Unha puntuación coherente? Un léxico preciso e cohesionado? Un uso equilibrado de conectores? Teoría. De veras que non o sei. Tras varios anos impartindo, mesmo, cursos de innovación docente sobre técnicas para mellorar a expresión oral e introducións á escrita académica, aínda hoxe dubido de todo, agás o que non pode verbalizarse, iso que, normalmente, se denomina… talento (e líbrenme Deus e san Casiano de Imola mártir de atribuírme tal calidade).
Rematemos este post de luns lembrando a Somerset Maugham (e a miña teima polos pensamentos lapidarios): existen cinco normas básicas para escribir ben, pero ninguén sabe cales son.
Au revoir.

25.4.08

Despois dun susto nocturno

Xornal dos meus días, bitácora de lembranzas, depósito de angueiras e alegrías, recanto de reflexións e pareceres -e, porque, precisamente, é onde hai confianza onde non debe dar noxo-, nestas páxinas ten debutado xa o sangue do meu sangue. No post de hoxe, en relación non vertical senón paralela, Sonia a muller coa que comparto a vida e nai dos meus fillos, que deixou por escrito unha anécdota familiar da que gustei tanto, que, sen máis, vai de contado. Lembroume —sen ela o querer— o Xigante egoísta de Dickens.

Historia de un balón
Érase una vez un balón que vivía en la estantería de un centro comercial hasta el día en el que un niño lo compró.
El balón en cuestión llego a la casa del niño y fue cuidadosamente depositado en un lugar preferente de su cuarto, a la espera de que la lluvia insistente de los últimos días cesara de una vez y así poder estrenarlo en las pistas de la urbanización en la cual vivía.
Ese día llegó. Una jornada que amaneció lluviosa dió paso a una hermosa tarde primaveral y el niño, en cuanto regresó del cole, se fue directamente a probar su balón nuevo con el resto de sus amigos.
Todo iba bien hasta que la mala fortuna hizo que la pelota, en un tiro mal calculado por parte de un compañero, se colase en la casa que linda con la pista de fútbol, como había pasado ya en otras ocasiones debido a la escasa altura de la valla colindante.
A los pocos minutos el balón fue devuelto a la pista de juego, pero sorprendentemente apareció con un corte efectuado en su parte externa que produjó que la goma se saliese a modo de chichón.
El niño, desolado, vió como su balón recién estrenado había sido mutilado y por la noche lo guardó debajo de su cama, quizás para ofrecerle cierto consuelo.
Ese mismo niño se despertó a las cuatro de la madrugada y se presentó aterrado en el cuarto de sus padres después de haberse producido una estrepitosa explosión que puso en alerta a toda la familia.
Una vez explorada la casa para comprobar el origen del estruendo el niño, un poco más calmado, exclamó: ¡ Ha sido el balón, ha explotado!
En efecto, el balón brillante se había convertido en una especie de pellejo que no soportó la presión del bulto que le había producido el corte practicado la tarde anterior.
La familia no pudo volver a dormir esa noche, el balón pasó a mejor vida y el niño...

23.4.08

Libros aventureiros

Hoxe, Día do Libro, a Universidade de Santiago participou, canda unha boa parte das universidades españolas, no I Bookcrossing universitario, convocado e organizado pola Unión de Editoriales Universitarias. A idea de abandonar un libro en calquera sitio, anillándoo coma un paxaro (grazas Marisa pola fermosa metáfora) e sentenciándoo a unha existencia aventureira, azarosa e imprevisible no canto da vida rutineira e gris do andel dunha biblioteca, é abondo suxestiva e préstase ás máis variadas reflexións. Tense, polo visto, rexistrado o caso de libros que, segundo os testemuños deixados en bookcrossing.com, viaxaron por dezasete países diferentes. Cantas mans, cantos ambientes, cantos momentos, cantos ollos, cantas compañías! Polo demais, non é nada novo isto de vivirmos arrodeados de obxectos itinerantes e aventureiros. Botade man da carteira. Se sodes afortunados, atoparedes nela algún billete (algún haberá, ho!), e agora pensade no moneycrossing que leva enriba, por cantas mans terá pasado e o pouco que lle queda no voso poder. As moedas teñen, mesmo, algo parecido a un rexistro de orixe, derivado da caracterización que cada nación fai na cruz dos euros (aínda que agora é ben difícil onde está a cara e onde a cruz das moedas, en fin, nada dura eternamente).
Voltando aos libros e ao bookcrossing, a penas hoxe unha idea, que me pasou pola cabeza mirando, tras unha considerable espera, ao usuario que estreaba un dos libros abandoados . Nunha época de produción en masa; de desesperada busca de soportes alternativos ao impreso; de exhibición en certames do libro antigo de especimes con dous anos de vida; de inmisericorde reciclaxe que rebaixa á categoría de mero papel o que foi nobre continente de ideas... a individuación do libro, dun libro, como obxecto, facendo dese exemplar en concreto -entre todos os clons da súa tiraxe- protagonista persoal e intransferible dunha historia única de intercambios, viaxes e contactos contribúe, na miña opinión, a unha moi positiva diginificación do propio obxecto, en canto nobre continente de ideas e non mero papel candidato a un envellecemento prematuro. Penso nun irmán xemelgo que, entre mil irmáns xemelgos (ou entre dez, cincuenta, cen mil irmáns xemelgos), fose destacado por algo, o que fose, calquera mérito persoal. Abofé que se ía sentir ben feliz.

Día do libro



(Quesada, 1985)

21.4.08

O mundo en escala de grises














Un dos problemas máis debatidos na semántica e a lexicoloxía, con consecuencias obvias na lexicografía ―a elaboración dos dicionarios―, é o das complexas relacións entre as dúas caras do signo lingüístico. Para non aburrir ao paciente lector con argumentos de retórico, vaiamos a unha das máis espiñentas cuestións neste eido ―o da polisemia―, e resumamos formulando unha pregunta de corte divulgativo: granada ‘froita’ e granada ‘bomba de man’, son unha palabra con dous significados ou dúas palabras homófonas (é dicir que soan igual)? A cousa non é baladí pois (ademais de facultar a moitos profesores a gañaren a vida respostando cuestións de tan vital importancia…) se convimos coa primeira proposta, concedemos toda a preponderancia do signo á forma, concluíndo que unha palabra é fundamentalmente o seu significante, mentres que se optamos pola segunda vía, actuamos exactamente en contrario, cargando as tintas no valor do contido e deducindo que unha palabra e fundamentalmente o seu significado. Un camiño do medio, neste, como se ve, complexo problema é o daquelas unidades que si parecen perfectamente polisémicas, é dicir, unidades de significado moi semellante por moito que difiran os contextos nos que se usan: o que, andando por casa, chamamos acepcións. Moitas destas acepcións ―especialmente nos adxectivos― xéranse en sinestesias, un tipo de metáfora moi usual na que se atribúe a un sentido a percepción propia doutro. É o que ocorre cando dicimos un carácter agrio, unha voz tibia, unha disciplina férrea, unha chuvia doce, unha aceleración suave, unha verdade amarga, un ambiente cálido, un libro escuro.
Un libro escuro? Que cousa pode ser un libro escuro? De certo que o lector curioso ten in mente xa varios candidatos. O castelo de Kafka, O livro do desasossego de Pessoa, O gran caderno de Kristoff ―do que dabamos conta hai ben pouco―, O mestre Eckhart de Bédard… son libros inquietantes, pouco amables, escritos non para evocar a luz nin a primavera, nin a calor, nin o riso, nin a esperanza, senón a noite, o inverno, o frío, o salouco e a angustia, zonas indesexadas pero inevitables da existencia. Eu escribín un libro de poemas, intitulado Ruínas, no que, supoño, saíu o máis profundo magma, as rochas plutónicas do volcán que eu, coma todos, levo dentro (Dito sexa entre parénteses, nunca a felicidade foi motor eficiente da auténtica poesía).
24 10 06, libro de prosa poética de Anxos Sumai e fotos de Manuel Martínez (Candeia Editora: 2007) é un inventario de escuridades, pulsións de dor, medos, xermolos do pesadelo, a cara b da vida onde aniñan as angueiras e o mundo amósase en escala de grises:
sitúa no universo unha dor descoñecida. O cruzamento co meu corpo desa dor absoluta nunca antes sentida deitou tamén un pranto novo, unha das múltiples variedades do chorar que conforman o meu persoal reconto de bágoas. Sempre serei aprendiz da dor, porque se presenta de cada vez cunha liguaxe anovada
Manuel e Anxos quixeron facer un libro escuro e conseguírono con creces. É ―non obstante ou xa que logo, como se queira― é un libro poético, fondamente poético, raro mérito daqueles libros de fotografías nos que cada imaxe é un poema, pero mérito aínda exquisitamente acrecentado na elegante simbiose entre texto e imaxe, entre fondo e forma. Porque, tratándose de quen se trata, a fasquía externa do volume ―quintaesencia do minimalismo e gusto tipográfico que tanto aprecio en Manolo como deseñador (e el sábeo)― conságrase a ser digno envoltorio do contido: o uso do negro como cor que o domina todo (ata as gardas), apenas rompido pola mínima tipografía do texto en branco a unha soa liña apaisada que, a xeito dunha fírgoa, atravesa o libro e o fende; a elección dun papel semimate de extraordinario tacto e calidade de soporte para o tratamento das fotos; o concepto e formato do libro-obxecto, a xeito de e inquietante caderno persoal de notas ou libro de horas...
Poeta é quen conmove. Parabéns, Anxos, Manuel. Comigo o conseguistes.

18.4.08

Deus é bo e o demo non é malo

Algo do que calquera íncola deste sufrido recanto noroccidental pode dar boa fe é da perfecta indefinición que enchoupa a nosa alma colectiva (deixemos vivir ese substantivo alma, deostado cando entendido no seu senso relixioso, un pouco reaccionario —menos mal que, grazas a Xoán Paulo II, hoxe sabemos que as mulleres a teñen— pero fermoso e moi descritivo cando se trata dunha sorte de resposta anímica profunda aos estímulos do mundo, compartida por unha colectividade e recoñecida por esta como elemento patrimonial e aínda definitorio; o que os románticos alemáns chamaron Volksgeist, concepto ben bonito, ao que, parellamente, o nazismo fixo moito mal).
Esta indefinición, ou dobrez, ou ausencia de límites claros nos razoamentos, de xeito que estes semella ficaren abertos a máis matices potenciais pero non expresados, penso que non é exclusiva de galegos, sendo doado atopala en xentes de estirpe atlántica e países ricos de chuvia, brétemas e montes, onde a nube pode virar nun tris e o horizonte nunca está lonxe. Así, percibo sutís parentescos, curiosos vencellos, entre a flema británica e a retranca do país.
Traía eu hai pouco a este local unha cita de Swift perfectamente expresiva desta visión das cousas, en calquera caso alicerzada nun fundamental escepticismo en positivo. Así é que non fica en absoluto claro se Swift cre realmente no que di ou se agocha unha inmensa ironía crendo que o certo é todo o contrario.
Teño un par de anécdotas persoais que dan fe, con humor e sublime e fina sabedoría, da nosa proverbial Weltanschauung, en ambos os casos debidas a homes por completo iletrados.
Con ocasión de adquirir leña para a miña cheminea, virxe cheminea de adosado do paqueteergo, novato eu en tales lides―, entrei en tratos con certo traficante nese xénero, moi gabado por un amigo, que, visto o resultado do negocio, fraco favor foi o que me fixo. Por resumir, a leña estaba húmida, co cal gañaba, como é lóxico, no peso en menor cantidade. Convencido do venial calote, e non tendo aínda abonada a mercadoría, pensei: esta é a miña. Na eira da porta da súa casa, onde atopei ao larchán, e tras as formalidades do caso (non sei se non quererá chover; ímola virando, dios dea traballo, etc.) tanteeino:
-A leña parece que non arde ben.
Miroume cun medio sorriso, insondable, agardou un intre e díxome repousado:
-Pode ser.
Crin chegado o momento de botar o resto. Espeteille con convencemento:
-Eu creo que está húmida.
Mirou o meu home para a lonxanía, chiscou un ollo, suspirou, mirou para min, de arriba a abaixo e de abaixo a arriba, e máis de vagar aínda, desarmoume:
-Lojo seca.
Confeso que me debatín en mil preguntas (lojo seca: cando? porque a min que seque en maio non me serve de nada; que extensión lle atribúe este elemento ao adverbio lojo?) e dábame a satanás, pero, como digo, recoñecinme desarmado. Que fas cun tipo así? Lojo seca. Bueno.
Un bo amigo, con casa en Seceda do Courel, contoume que unha boa mañá de primavera paseaba co seu can, un schnautzer xigante, caro e ben coidado, gozando da pureza daqueles aires e do incomparable engado das paraxes montesías. Parouse a botar un párrafo cun labrador que ía á laboura e que coñecía de antigo:
-Pois, nada, aquí, sacando a pasear ao can.
O labrador calculou en segundos a situación, avaliou a realidade do encontro, o contexto e as posibles derivacións das súas propias circunstancias, das circunstancias do meu amigo e mesmo das circunstancias do can e replicou:
-Bueno, hom, está ben. ―E despois dunha breve pausa―: Aquí os cans pasean solos.
Cabe un argumento máis sabio, intelixente, aberto a todo tipo de matices e interpretacións, irónico pero respectuoso, profundamente humano?
Temos, neste país, unha xente de primeira. O malo é a xente.

16.4.08

Lingua franca

Hoxe, en grata conversa e intercambio de puntos de vista con certo blogger a quen non coñecía persoalmente (si virtualmente), xurdiu un asunto que creo de transcendencia, actual e no porvir. Trátase do efecto altamente beneficioso que a blogosfera —en canto espazo ilimitado de reflexión e encontro sereno (cando é sereno)— pode reportar a unha situación de esquizofrenia lingüística como a que vive Galicia, que, por mor da entrada en escea de mesnadas que suplantan de xeito lamentable criterio e intelixencia por prexuízos, lugares comúns e complexos, está chegando nos últimos tempos a niveis de radicalismo —en ambas as dúas bandeirías nacionalistas, española e do país— que non presaxian nada bo. Dicía o meu amigo que lle abonda con ver un cartel nos muros da súa facultade que ordene Ensino en galego! para que lle entren unhas ganas irresistibles de dar a clase en español. Todo estado de opinión, máxime cando imposto unilateralmente obviando sensibilidades e pareceres lexítimos, xera o seu contrario. Que o galego é o idioma de Galicia? Este tipo de adscricións sociolingüísticas teñen moito de lingüísticas e moi pouco de socio. Digamos que si, que o galego é o o idioma de Galicia para os que en Galicia falan galego. A ver: cal é o idioma dun fulano de Viveiro que fala castelán por herdo familiar dende N xeracións? Poñémolo a falar galego así, de boas a primeiras? Non forzemos dogmaticamente principios da lingüística histórico-comparativa a teren unha preponderancia que non lles corresponde. É o rumantsch a lingua de Suíza? Ou o galés o de Gales? Si, dende a disciplina científica. Non, ou non só, dende a perspectiva social.
En fin, coma decote, estou indo polas carrouchas. Ao que vou: eu non falo galego na miña casa, non son nacionalista nin fago parte do sistema literario galego; amóldome, como persoa educada, ao que fala o meu interlocutor; en fin, son un tipo razoable, pouco dado a radicalismos e non inoculo na lingua na que escribo neste local ningún rollo sufragáneo —ideolóxico, político, sectario—, ben en troques, enarbolo a bandeira de usar o galego dende unha posición tan traidora, e, aínda máis, creo contribuír modestamente ao enriquecemento e constitución dun rexistro culto da lingua que tanto amo, e coa que me comuniquei co meu pai en exclusividade, dende que cumprín 17 anos. Ora, acepto con resignación (como teño que aceptar outras tantas cousas) que, no contexto multifacético e global do mundo contemporáneo, o destino das linguas minoritarias sexa bastante (tirando a moi) escuro. Que se lle vai facer! Alá veremos. Do que si estou certo, sexa o que teña que ser, é de que a imposición como política é un craso erro -deixemos falar á Historia- e, máis tarde, máis cedo, remata por pasar amarga factura a quen teima nela.

15.4.08

Traballos redondos (pero anónimos)

Hai argumentos condensados en a xeito de sentenzas que teñen a virtude de se proxectaren ecumenicamente no eido concreto de que se trate. Na Lingüística contemporánea, por poñer un caso, os tradutores, editores e epónimos de Saussure, teñen ponderado reiteradamente as interminables consecuencias —como xermolo de novas e novas posicións teóricas, á súa vez, e por carambola, alicerce doutras ramificacións— do argumento basal do Curso de Lingüística Xeral: o signo lingüístico une non unha 'palabra' e unha 'cousa', senón unha imaxe acústica (significante) cunha imaxe mental (significado).
Baixando á area dos mortais, cando preparaba as miñas clases para a primeira edición do Máster en Edición —non sei, e mira que o levo pensado, como fuxir da redundancia—, e en ocasión dun xantar cun benquerido colega de certa universidade, este transmitiume unha idea que, como o aserto saussureano, tivo, e ten, para min infinitas consecuencias, interpretacións, derivacións, aplicacións e ilustracións profesionais: un libro ben editado non se nota… nin ten que notarse.
Ben se sabe que o traballo de edición é ingrato polo anónimo. Se, convencido de que por moito que llo envíes ao autor este ―por neglixencia ou pura incapacidade― non vai facer nada, reescribes un texto «impublicable» para lavarlle a cara á túa casa e convertelo un texto «malo pero pasable», ninguén vai entender nada do que en verdade pasou: o mérito para o autor se a cousa vai ben; as culpas para o editor se mal (isto, por certo, tráeme a cabeza cantas veces me teño lamentado: joder, eu debíame apelidar negro e non blanco!).
Mais a discreta elegancia, aínda o laconismo, dun libro esmeradamente editado é en ocasións inxusta de máis, pois non revela, agás para os ollos do especialista ou do bibliómano, a adicación case monacal que o editor lle consagrou en horas, esforzo, e, mesmo, agarimo. Veño de redactar unha nota de remisión do exemplar dun libro, que, en rabiosa primicia e novidade, envío á súa autora. Sorpréndome a min mesmo ao relela: Querida A.: Esta feito cun plus de agarimo. Agardo que se note. Pensándoo agora, é unha nota incorrecta na súa base, pois, con ela, estou negando o meu principio, ao reclamar atención para algo que non debera percibirse de xeito consciente. Caridad con trompeta, no me peta, lembra o proverbio. Pero por veces un lle quere tanto ao libro que edita que, como ocorre cos nosos nenos, énchenos de orgullo que nos digan: Moito che imita!

14.4.08

Ángel Casal fue un hombre muy malo

No seu Imprenta moderna, Andrés Trapiello fai unha glosa sutil, subxectiva e fermosa da actividade editorial de Nós:
Nós reproducía el barroquismo de las catedrales gallegas. Las portadas de esa revista tienen algo de ese barroco hecho de santos, peregrinos, harpías, veneras y demás temas sacados del románico. Castelao impregnó a la revista de un espíritu puramente gallego que antes no conocía. Por otra parte, Nós nunca perdió el aire de la provincia, del pequeño taller, con tipografía escasa y de batalla. El papel es basto y recio y las cubiertas, a un color, le dan un tono de grabado en madera rústico y cálido. Por dentro, con sus trabajos científicos ilustrados, todo tiene un aire serio, facultativo, unas veces científico y otras clerical. Hojear un número de Nós tiene algo siempre de brétema, de tarde orvallosa, de sombría rebotica en la capital de Orense, a medio camino entre la etnografía, los cruceiros y las meigas. «A sua biblioteca no será unha biblioteca galega, mentras non adquira as obras editadas por Nós».
O labor inxente, desinteresado, fondamente comprometido de Ánxel Casal aparece detalladamente recollido no libro Ánxel Casal un editor para un país que o Consello da Cultura Galega vén de tirar do prelo baixo a coordinación do sempre dinámico e traballador, meu bo amigo, Alfonso Mato. É obvio que o esmero, finura e gusto tipográfico cos que a obra está editada responden á necesaria simbiose entre forma e contido en libro tan especial. Pero intúo cercana, tamén, como en todo o labor editorial do Consello, a man da miña boa amiga, exalumna ―avantaxadísima alumna― do Máster en Edición, Begoña Tajes, extraordinaria editora amante do seu traballo (signo inequívoco dos bos editores). Un libro sobre libros, riquísimo de información, biblioloxía, historia editorial e gráfica dun tempo, duns seres humanos irrepetibles.
Casal constituirá un capítulo ―probablemente o máis denso, longo e complexo― da futura historia da edición en Galicia, que alguén terá que escribir algún día (tempo! que escaso ben!). Visto en perspectiva, e como paradigma de moitas ansias, proxectos, ilusións e entusiasmos tronzados por traumática, hemorragia interna nos camiños do país, Casal é un representante claro da inxenua desmesura que caracteriza a boa parte do progresismo e o pulo democrático da España da preguerra, xentes que, como o meu chorado e sempre lembrado Roberto Blanco Torres, creron xurdiamente na libre redención dun país que non tiña redención posible máis que na orxía de sangue e odio que inxenuamente, entre todos, provocaron, sen conciencia de que xogaban con lume. Fiaron sen contención nin prudencia na unidade de forzas que, en realidade, constituían un totum revolutum.
¡Pueblo compostelano, alerta! La burguesía decaída intenta, ayudada como siempre del clero, incorporarse y jamás podremos permitírselo. ¡Santiagueses! La clerigalla no ha sufrido en nuestro pueblo el debido escarmiento y no queda más remedio que dárselo.
El fascismo es el baluarte de la burguesía. Obreros, ciudadanos, hay que aplastar el germen de esa fuerza reaccionaria que quiere aplastarnos.
Desmesuradas soflamas impresas en follas voandeiras como as que anteceden, todas co pé Imp. Nós –Santiago, foron as papeletas que deron a Casal o seguro visado para o paseo.
Non se explica, senón desde esta desmesura, a vesania que se desatou no 36.
Nun libro tremendo, a lectura do cal recomendo vivamente, unha breve historia, unha tristísima historia, filla dos máis negros recantos do odio e da alma hispana, fíxome lembrar, sen que acerte a atopar un vínculo obxectivo, a figura de Casal, tirado xunto a un cruceiro con catro tiros na cabeza. Conta o autor destes recordos:
En Granja de Torre Hermosa (Badajoz) estaba tomando una cerveza en una café de la Plaza. Se acercó un niño de unos nueve años a pedirme limosna. Iba descalzo y desnudito; por todo vestido un delantal; ni pantalón, ni camisa, ni nada. Hablé con él y le pregunté por qué pedía. Me dijo: «Para llevar dinero a mi mamá, que está en casa».
Noté un no sé qué en aquel niño que se veía que no estaba acostumbrado a aquella vida. Le dije:
―Anda, guapo; siéntate y come un bocadillo.
―Yo, no señor.
Yo lo interpretaba como miedo y le insistí:
―Anda, no seas tonto, pide lo que gustes. Siéntate.
El niño seguía negándose. Ante mi insistencia, confesó:
―Es que a este café venía todos los días con mi papá y me acuerdo mucho de él.
El ángel sollozaba. Lo senté en mis rodillas, no supe qué decirle. La criaturita aclaró:
―Dicen que era muy malo, pero a mí me quería mucho.
Le di unas pesetas, dejándole marchar. El camarero, que había advertido la escena, me dijo:
―Este niño es hijo del médico que fusilaron por ser socialista. Su padre venía aquí con él todos los días.
Le pregunté cómo había llegado a aquel extremo de miseria y me contestó que, al fusilar al padre, se incautaron de todo lo que tenía y que a la madre nadie se atrevía a socorrerla por temor a ser tildado de marxista. Falange les daba un rancho una vez al día, diciéndole al niño que su padre era muy malo
.
Ánxel Casal tamén era moi malo. Por iso o mataron.

9.4.08

Dúas rotondas

Nun programa da segunda cadea (a 2, o único que se salva do lodazal que hoxe é a televisión) sobre os peores puntos negros no tráfico rodado do país —é dicir os puntos negrísimos—, faime sabedor de que en certa localidade de Levante un colectivo cidadán, presidido pola directora dun colexio público, leva anos solicitando a construción de dúas rotondas na volta do colexio, situado perigosisimamente cerca dunha estrada nacional absolutamente saturada, en especial de vehículos pesados, punto no cal se lamentan vítimas con penosa frecuencia. Da propia monumentalidade e custo astronómico do que piden —dúas rotondas— dedúcese con toda evidencia que as súas demandas non obtiveron nos últimos anos resposta concreta algunha.
Estou certo, dolorosamente certo, de que se a presidenta do colectivo fose amiga da cuñada dun curmán do concelleiro de obras do municipio terían as rotondas feitas.
En España non hai sociedade civil nin xeito de encamiñar ningunha iniciativa ao seu través. Ninguén cre no valor dunha sociedade civil e, de preferencia, escóllese antes o camiño do calote ou o trato de favor ca o do dereito. En España só hai políticos. E qué políticos.
Eu non lles teño moitas esperanzas de que isto mellore.

7.4.08

Ignatius J. Reilly, custodio

De entre o riquísimo catálogo de tipos extravagantes, atrabiliarios, inclasificables, repelentes, orates, raros, estrambóticos, inadaptados, alucinados, estrafalarios, heterodoxos, marxinados, malditos, indesexables e extraviados, co que nos brinda a literatura de todos os tempos —e hai onde elixir— sobrancea no meu imaxinario particular con lugar de honra e preferencia Ignatius J. Reilly, norteamericano de New Orleans e provisto dunha problemática válvula pilórica, nacido do maxín, torturado e suicida, de John Kennedy Toole, quen, por propia iniciativa, pasou a mellor vida sen sospeitar sequera que aquel feixe de páxinas mecanoscritas, inéditas no momento da súa morte e rexeitadas por grandes editores por non lle veren gran valor (magníficos editores, pardiez!), estaban chamadas a se converter nunha obra capital da narrativa contemporánea. Foi a teimosía da súa nai, persuadida da evidente calidade do orixinal, a que conduciu ao editor —editor, por certo, universitario— a dar ao prelo A Confederacy of Dunces (Baton Rouge, Louisiana State University, 1980) trasladada ao hispánico románce como La conjura de los necios, título derivado da cita de Swift ―xenial, dotada da brillante retranca propia de xentes atlánticas― que inicia, explica e envolve toda a obra: cando nace un verdadeiro xenio pode identificarse claramente por un sinal: todos os necios conxúranse en contra súa (pensamento que, polo demais, forma parte do meu inventario selectísimo de pensamentos que me axudan a comprender o mundo).
Reilly, adaíl de absurdas causas inevitablemente encamiñadas ao ridículo e que só cobran sentido no contexto dunha realidade perversamente percibida, é un esperpento. Permítaseme a digresión. Valle cría que unha estética sistematicamente deformada dá o esperpento, fiel (aínda que deforme) reflexo da realidade, ao estilo do espello concávo que devolve unha imaxe monstruosa pero, ao cabo, baseada nunha realidade indiscutible. Na odisea dipsómana e noctívaga do pobre, cego e sublime rapsoda Max Estrella alenta o reflexo dun país dorosamente tráxico. Pois ben, no caso de Reilly, estamos perante o espello en negativo dunha sociedade que con certeza o seu autor odiaba, ou da que, no mellor dos casos, se sentía voluntariamente marxinado. Non en van Toole contrapón a orixe irlandesa e filiación católica de Ignatius -a súa propia- coa depravación da cidade de New Orleans, sodoma e gomorra aos seus ollos medievalizantes. A obsesiva querencia de Reilly polo estoicismo de Boecio ou a simetría da existencia ascética, regulamentada e reconciliada coa ausencia de ambición, de Roswitha, representan os esperpénticos ―pero perfectamenre conscientes e calculados― antípodas da opulencia, plutocracia, frivolidade e cinismo da sociedade occidental. No espazo intermedio entre a austeridade arcádica da Idade Media e a decadencia hortera dos setenta, o caos: a historia incatalogable de Ignatius J. Reilly e do zoo humano que o arrodea, conxurados para facer virar cara abaixo a súa rota fortunae.
Como todo clásico, a obra de Toole é dunha infinita plasticidade e se prestará para a eternidade, na que sen dúbida permanecerá, a todo tipo de lecturas, intepretacións, filias e fobias, tan militantes e radicais unhas coma as outras. Pero por baixo de todo latexará por sempre unha pregunta, que, ao estilo das grandes preguntas, non ten, por suposto, resposta : quen é o necio, quen o xenio?

4.4.08

Recados e polinomios

Que a intelixencia é selectiva é unha verdade histórica, con magnífico e fiel reflexo nunha sentenza que hoxe —en ás do bo humor primaveral que estimula a bonanza climatolóxica— regalo a todos os curiosos visitantes destas páxinas: Un pode ser moi listo para os polinomios e moi tonto para os recados (e á inversa, claro).
A estas alturas da existencia, teño para min —laboralmente arrodeado, como estou, de xentes ben listas para os polinomios— que, por regra xeral, proporciona mellores resultados na vida ser máis listo para os recados, aínda que, como resulta evidente, o ideal está en equilibrar a listeza nos dous eidos.
Arrimando el ascua a mi sardina, a experiencia editorial diaria nunha universidade invoca de xeito permanente a pregunta de cómo auténticos virgueros dos polinomios poden facer tan mal os recados. E non falo de deformación profesional nin altos coñecementos técnicos. Imaxinen a un autor a quen se lle pide unha semblanza bio-bibliográfica, destas típicas para as lapelas dun libro con publicacións, liñas de investigación e tal, e envía un folio e medio, contando onde fixo o bacharelato e dando a relación completas das teses que leva dirixidas. Ou outro que envía para a súa maquetación nunha revista o artigo ¡¡en .pdf!! Non saben que mal trago que se pasa ao intentar disimular unha evidencia abochornante cando se lle comunica ao autor en cuestión a imposibilidade de manipular un formato de só lectura, e o autor retruca Ah, claro! Nunha ocasión pedín unha foto a unha autora para a primeira lapela do seu libro. Colleu unha foto de carnet, pegouna a un folio A4 e ¡escaneou todo o folio! Imaxinen a resolución da imaxe.
As cousas que un autor pode enviar cando se lle fai a suxerencia de que propoña unha imaxe para a cuberta do seu libro resultan, en ocasións, absolutamente inverosímiles, e un a duras penas mantén o tipo para disfrazar con elegantes razoamentos técnicos o que son propostas absolutamente disparatadas. A este respecto, por certo, é algo significativo do traballo en edición universitaria que, en aras non só da cortesía senón por estarmos afeitos a un rexistro lingüístico capaz para a expresión de conceptos especialmente elevados e sutís, usamos de elegantes e sofisticados circunloquios para cousas que se poden dicir de xeito, digamos, máis contundente. Un bo amigo, profesor desta casa, home directo máis avezado a probetas, bichos e microscopios ca a sutilezas de humanista, deume a medida nunha ocasión en que, nunha reunión, me refería eu ás escasas calidades de certo orixinal:
-Eu opino que, con outra redacción, o texto podería ser de lectura máis fluída, tendendo tal vez a evitar sufrimentos innecesarios ao lector. A bibliografía podería completarse con achegas recentes que non aparecen, o epigrafado, no seu estado actual, resulta confuso e, por outra parte,…
O meu home cortoume en seco:
-Ti o que queres dicir é que o orixinal é unha merda, non?
Non puiden máis ca asentir.

1.4.08

Libro ou vela?

Xa que existen latinajos para case todo (e mire vostede que son socorridos!), creo eu que, ao estilo terminolóxico desa tendencia tan notable da arte de todo tempo ―que chegou ao seu colmo no rococó― do horror vacui, deberiamos intitular horror litterae á aversión ao texto e a lectura. Ao igual ca a fobia ao baldeiro, o horror litterae está socialmente presente tamén―xa máis, xa menos― en toda época e circunstancia, e debido ás causas máis diversas mais de cotío relacionadas na historia de Occidente co altísimo perigo derivado do coñecemento. As almas posuídas polo Maligno, buscando contentar aos seus intolerantes xuíces, declamaban na Europa do XVI e o XVII contra os libros e a imprenta; ao pobre don Alonso Quijano os seus, persuadidos de residir o extravío do fidalgo nos malditos libros, requísanlle todo canto mamotreto atopan para os consagrar a unha purificadora pira; a xerarquía católica era odiada por don Jorgito el Inglés, entre outras cousas pola inveretada xenreira papista a toda especie de ilustración, na que Roma enxergaba con claridade a fin do seu dominio de tebras e medos sobre unha poboación analfabeta.
Co devir dos séculos, hoxe o horror litterae non está estimulado polo Poder, con p maiúsculo ―sexa cal sexa e inflúa onde inflúa―, pois as formas de dominio revisten formas moito máis sutiles e imperceptibles e están directamente relacionadas con soportes comunicativos moito máis globais e totalizadores ca a letra impresa.
En tempos de produción editorial en masa maniféstase o paradoxo do que, con acerto, sen ten denominado indixestión editorial e indixencia lectora. Hai días, na lectura (da que por certo estou disfrutando abondo) de El Inquisidor de Catherine Jinks, emocioneime sinceramente cun exquisito parágrafo de amore librorum (que, sen o poder evitar, contrapuxen mentalmente nun lapso fugaz á cifra, absurda e desmesurada, de 70 000 títulos editados en España en 2006):

Soy dominico. He dormido estrechando las Confesiones de san Agustín contra mi pecho. He llorado al ver desintegrarse las páginas entre mis manos, bajo la cruel condena de la polilla que roe los libros.

Concíliase mal esta sobreprodución con feitos palmarios que sobrancean en cada enquisa sobre hábitos de lectura. Por exemplo que entre os adolescentes estudantes de ESO, a lectura, de entre as actividades de lecer, aparece sistematicamente en penúltimo lugar de preferencia, superada só por non facer nada. Teño para min que o feito de ser este tramo de ensino obrigatorio provoca en moitos estudantes, que se ven obrigados a uns estudos que nada lles importan, unha identificación 'libro'-'libro de texto' que conduce a unha bibliofobia da que dan innúmeros testemuños os sufridos profesores de tal caterva, entre os cales conto non poucos amigos.
O horror litterae, como moitas enfermidades, pode ser de detección precoz. Gardo ao respecto unha ilustrativa anécdota. Os pais dunha boa amiga ―el xa falecido, Pepe, home moi apreciado por min― tiñan en certa vila, «porta da Costa da Morte», un saneado negocio de bodas, bautizos y comuniones, metonimia moi propia do país que significa, claro é, de venda de roupa para tales galas. Con ocasión de estar Pepe vendendo un traxe "de almirante" para a primeira comuñón a certo rillote dunha aldea próxima -pequecho, gordo, mouro- que coa súa nai estaba, e xa feitas as probas, cadradas as tallas e fardado o neno, Pepe interrogou a este sobre o adminículo que na ceremonia prefería, ademais do consabido cordoncillo, portar na man, dándolle a opción de libro ou vela.
O rapaz, túzaro e sen erguer a vista do chan, preguntou que se o libro tiña letras, respostando positivamente Pepe e facendo aceno de lle ensinar as páxinas do misalito que alí tiña de mostra.
O neno non o pensou e, agora si, levantando a vista con decisión espetoulle á nai:
-¡¡Vela!!